Praza do Souto

Praza do Souto

domingo, 29 de diciembre de 2019

SINDICATO AGRÍCOLA SOCIEDAD DE AGRICULTORES DE SAN MIGUEL DE REINANTE


Chegou recentemente este recorte ás nosas mans o que nos fixo pensar que aínda non falaramos da Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante.




A historia da Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante non podía faltar nun relato da historia de San Miguel, e atreveríame a dicir que nun relato da historia da Mariña Oriental si se fala do asociacionismo agrario. Empezamos cando chegou as nosas mans un libriño de reducido tamaño, con unhas corenta páxinas que reza na sua cuberta “Reglamento del Sindicato de Agricultores de San Miguel de Reinante”. Está impreso en Ribadeo  no prelo de “Las Riberas del Eo” e na última páxina di que foi presentado en Lugo o 6 de xuño de 1911 para o efecto da Ley de Asociacións. Tamén na última páxina relaciona as persoas que compoñen a Xunta Directiva que exercerá durante o ano 1912.


Nacía desta forma ao abeiro da lei de Sindicatos Agrícolas promulgada o 28 de xaneiro de 1906  e da anterior ley de Asociación de 1887 a Sociedade Gandeira que operou no noso pobo ao longo do século pasado. O primeiro artigo deste regulamento así o proclama:

Bajo el lema de  unión  y trabajo y con la denominación de Sociedad de Agricultores de San Miguel de Reinante, se constituye un Sindicato Agrícola al amparo de las prescripciones de la  Ley de 28 de enero de 1906 y su reglamento.

No artigo segundo do noso regulamento di que se establece  o domicilio social da Sociedade na parroquia de San Miguel de Reinante, Concello de Barreiros. Artigos seguintes precisan que persoas poden formar parte da sociedade: labradores, xornaleiros, industriais e demais persoas de ocupación similar que sexan veciños do concello de Barreiros, sempre e cando, si formaron parte dunha sociedade análoga, xustifiquen a sua boa conduta nela.

Só podía haber un socio en cada casa e non era preciso ser  labrador ou gandeiro basicamente, tan só ser veciño do Concello, compartir os fins da organización e que a Xunta Directiva aprobase a alta; mais si que define a orde de prelación para darse de alta:

1º Los varones mayores de edad; 2º las mujeres cabezas de familia, en cuya casa no haya ningún varón mayor de edad; 3º Las mujeres casadas, cuyos maridos lleven más de seis meses ausentes en el Ayuntamiento.

  Podemos dicir que formaban parte dela a totalidade dos gandeiros e labradores de San Miguel, agás algunha excepción que podía ser temporal. Posuímos  listaxes nominativos, de mediados dos anos vinte, que acadan os 150 socios, incluído uns 25 ou 30 de San Pedro de Benquerencia, polo tanto compre tamén dicir que as necesidades e inquedanzas que afectaban aos seus membros coincidían, en gran medida, coas  necesidades e inquedanzas destes pobos   e sobre as cales os órganos de goberno da Sociedade Gandeira tomaban posición e actuaban si era o caso, sempre tratando de ter en conta o ben xeral.

O  que se nos ven a cabeza ao recordar a Sociedade Gandeira é, no primeiro termo, o seguro mutuo que autoxestionaba para resarcir aos socios que sufrían a perda dun animal por accidente ou por enfermidade do mesmo. Pero os fins da organización eran mais amplos, o artigo seis do Regulamento define mais obxectivos:

Se inspira en el deseo de fomentar la concordia y armonía entre los asociados buscando la solución amistosa de los problemas y proporcionar a los mismos las ventajas de la acción colectiva. Procurar la defensa y perfeccionamiento de la riqueza agrícola en el desarrollo de la cría de ganado, mejorando las razas, la venta colectiva de los productos y de los animales, el seguro del ganado, la adquisición de abonos químicos y toda clase de semillas, la rebaja de los tributos y en general conseguir los mayores beneficios morales y materiales para el agricultor. 

La Sociedad rechaza terminantemente toda idea o partido político, quedando prohibido que en su seno se promueban cuestiones de esta índole y menos de carácter religioso. La Sociedad, si  sus fondos lo permiten podrá organizar recreos y entretenimientos lícitos, suscribirse a periódicos, revistas y obras científicas o literarias con destino a su biblioteca.

Como o ámbito territorial era o concello, nos seus inicios formaban parte da Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante veciños de San Pedro de Benquerencia, San Cosme de Barreiros, e Celeiro de Mariñaos. Todos eran socios de número, e dentro destes, formando outro subgrupo, estarían os que nomeaban socios gandeiros, estes eran os que se daban de alta no seguro mutuo para sinistros do gando vacún,  único asegurable, ben foran reses menores, (hasta un ano) ou maiores. O socio gandeiro tiña que ter tódalas cabezas de gando vacún dadas de alta e sinaladas cada unha con un número. Estaban obrigados a dar bo trato aos animais, e a denunciar ante a Xunta Directiva calquera abuso ou falta de atención que observen nos consocios; a prestarlles asistencia veterinaria, ou no seu defecto dunha “persona inteligente” da sua elección, inmediatamente que observen enfermidade, e comunicarlle a diagnose á Xunta Directiva no prazo de vinte catro horas;  igualmente informarían dos nacementos de crías, vendas, adquisicións ou cambio dalgunha res.

No capítulo das obrigas os socios debían gardar durante a permanencia no local da Sociedade, a maior orde e compostura, absténdose de discusións de asuntos relixiosos e políticos ou de proferir palabras malsoantes e impropias de persoas ben educadas; debían obedecer o Regulamento, a Xunta Directiva,  desempeñar os cargos para os que foran nomeados,  acudir as xuntas xerais salvo enfermidade, cooperar ao sostemento e progreso da Sociedade e a participar no arranxo dos camiños e outros traballos de interese común, con prestación persoal e dos seus utensilios e animais.

A sua organización se deben as obras de construción do Areal, ancheamento dos camiños da Barranca, de Pereira, das Escolas Vellas, o arranxo dos camiños que era habitual tódolos anos, a instalación dunha báscula para pesar o gando, “levar” a festa do patrón ou mesmo promover accións de axuda en caso de desgracias persoais.

O GOBERNO DA SOCIEDADE
A suprema autoridade era a Xunta Xeral de socios, que se convocaban tres ordinarias ao ano, unha o primeiro domingo de xaneiro, outra o terceiro do mesmo mes e outra  o primeiro domingo de decembro. Na primeira, a directiva presentaba a memoria e as contas do ano anterior, e nomeábase unha comisión de tres socios para examinalas e que fixese un informe sobre delas, que se estudaría e se aprobaría na segunda Xunta Xeral. Na xunta de decembro elixíase a directiva para o ano seguinte.  Logo convocábanse xuntas xerais extraordinarias, para tratar algún asunto de especial importancia,  tantas como crese necesario a Directiva ou o solicitasen quince socios por escrito.

LIBROS DE ACTAS
A maiores do Regulamento anterior, produto da recollida que fixemos no pobo,  tamén nos achegaron  varios libros das actas, onde se relata o discorrer de cada unha das reunións da  Directiva ou da Xunta Xeral de Socios que dan fe do cumprimento das normas que regulaban a organización. Tódolos anos se elixían novos cargos, tódolos anos se nomeaba unha “Comisión de glosa o censura” que examinaba as contas e emitía un informe. Os cargos podían reelexirse para outro mandato ben no mesmo posto ou en outro distinto, pero sempre ratificados pola Xunta Xeral de Socios. Formaban a Directiva un presidente, vicepresidente, tesoreiro, secretario, vicesecretario e oito vocais, cargos  todos eles obrigatorios e de prestación gratuíta. Só o secretario podía recibir unha gratificación polo seu traballo, si asi o aprobaba a Xunta Xeral, e realmente eso era o que acontecía, que tódolos anos se asignaba unha cantidade para gratificar o traballo do secretario.

Despois de elixida a nova Xunta Directiva, esta nomeaban para os diferentes barrios os celadores de sección e de grupo, tamén obrigatorios, que eran o nexo entre os socios e a Directiva. Eran quen visitaban aos seus socios veciños,  ora para comunicarlles a data unha Xunta Xeral, ora para informalos dunha decisión tomada, para cobrarlles as cotas ordinarias ou o escote que lles tocaba pagar nun sinistro.

Nos libros de actas dos que falamos vemos que nos anos cincuenta nomeábanse tres celadores de sección e tres suplentes,  (a terceira sección eran os socios de San Pedro de Benquerencia que pertencían a esta asociación) e nove celadores de grupo e nove suplentes, correspondentes aos barrios de Casaldeite, Souto, Nogueiredo, Barranca, Campos, Pumarrubín, Pumarín, Salxende e como antes dixemos, San Pedro (en Nogueiredo entraban Valgas e Granda, en Souto a Áspera, en Campos As Pasadas...).  En estes anos xa non aparecen socios de San Cosme nin de Celeiro de Mariñaos; no caso destes últimos a través das actas de finais dos anos vinte asomaban algunhos desacordos, sospeitas se engano, sanción a algún socio... e a mediados dos 1930 houbo unha baixa, sinón unánime, si masiva, dos socios desa parroquia.

A Xunta Directiva tamén funcionaba como xurado para dirimir discordias cando o soliciten socios que teñan diferencias relacionadas con servidumes, aproveitamento de augas, contratos de gando etc. Constituíase en sesión publica, escoitábase ós interesados, ás testemuñas, indagaba e ditaba unha resolución que tiña eficacia de convenio legalmente establecido.


FONDOS
Os fondos da Sociedade constituíanse coas achegas dos socios, as multas por incumprimento do Regulamento e as subvencións ou doazóns. Cada socio pagaba unha cota de entrada e unha cota anual por trimestres adiantados.

Estes fondos non tiñan  que ver cos que se usaban para pagar os sinistros do gando que eran recadados expresamente cada vez que ocorría a desgraza entre os socios gandeiros en proporción ao seu capital asegurado. A venda dun xato tamén obrigaba ao socio a abonar o un por cento da venda para fondos da Sociedade, para sinistros de gando menor.

A Sociedade tiña asignado un veterinario encargado de asistir as reses aseguradas por cuxo servizo lle aboaba unha cantidade acordada. Expedía unha papeleta do tratamento ou diagnose, papeleta que había que facer chegar a Directiva para o seu coñecemento e toma de decisións. No canto do veterinario tamén era aceptada a opinión de “persona inteligente” , de confianza da Directiva,  termo co que se refería a aqueles socios que sin ser veterinarios, contaban con suficiente experiencia e eran especialmente coñecedoras do gando e do estado dun animal despois de observalo e ver os seus síntomas.

Un último capítulo do regulamento que comentamos recolle as sancións con correspondentes a gravidade da falta cometida, que podería chegar a expulsión,  ou no seu caso sanción monetaria, que non excederá de 100 pesetas segundo este regulamento impreso, como xa dixemos no ano 1911. Sería expulsado tamén o socio que cobrara unha cantidade indebida ou inxustificada amais de esixirlle responsabilidade civil e criminal denunciándoo nos tribunais. Tamén podía ser expulsada  a comisión taxadora dunha res, que mancomunadamente e solidariamente, ocasionase prexuízo a Sociedade con neglixencia ou malicia.

Mais dun exemplo encontramos da aplicación de medidas correctoras, cando os órganos de goberno consideraban necesario escoitaban testemuñas e facían acareos para clarexar unha situación que puidera causar perda para a Sociedade.    Expulsión por ter o gando mal alimentado e abandonado, facer un desconto no abono dun sinistro porque a vaca accidentada estaba soa, por enterrar unha vaca sinistrada sin autorización e non haber aproveitado a pel,  sanción por non deixar taxar o gando e expulsión por reincidencia, non aboar o sinistro dunha vaca por traballar con ela quebrada... (queremos recordar que falamos de casos aparecidos en actas dos anos 40 e  do pasado século)

Foron elixidos nesta primeira andaina para dirixir o rumbo do Sindicato Agrícola Sociedad de Agricultores de San Miguel de Reinante no ano 1912, os socios seguintes:


Presidente Pedro Penabad Fernández
Vicepresidente Francisco Teijeiro Gallo
Tesorero Lorenzo Remior Devén
Secretario Ramón Forján Larrea
Vicesecretario Ramón Pérez Otero
Vogais Faustino Rocha García, José Mosquera Rocha, Antonio Rico Gómez, José Pérez Bermúdez, Francisco Iglesias Fernández, Antonio Gómez Fernández, José Pérez Rocha e Bastasar Novo Novás.

  Esta xunta tiña como primeira misión xestionar a aprobación gobernativa do presente Regulamento.

A creación de sociedades ou mutuas gandeiras  era común  desde os últimos anos do século XIX, e, a partir de 1906 coa citada lei de sindicación agrícola, outras asociación desde tipo  se fundaron noutros pobos e vilas de Galicia. Cita Benigno Fernández Salgado nun traballo feito para conmemorar o centenario da revista El El Agricultor, de Riotorto, que  Miguel Cabo Villaverde cuantificaba en 187 sociedades Agrarias e 51 Mutuas es existentes en Galicia no ano 1907, e o mesmo autor apunta que no ano 1909 nacía en Meira a Federación Agropecuaria del Norte Galaico, creada en principio polas asociacións de  A Pastoriza e Meira, as que posteriormente se uniron O Corgo, Pol, Outeiro de Rei e mais tarde O Páramo, Láncara e Castroverde. Como veremos mais adiante a maioría tivo unha curta vida, non sobreviviron ó levantamento franquista.

LOCAL SOCIAL
Despois de darlle unha lectura aos libros de actas anteditos, e que gardan  o día a día da vida da Sociedade Gandeira, o lector pode facer unha imaxe fiel do seu funcionamento e da sua integración nos aconteceres do pobo. E nelas vemos a sua determinación de construír un edificio social para uso e desfrute dos asociados; obra que non chegou a materializarse como xa sabemos. Este propósito debateuse varias veces, déronse os primeiros pasos e por distintos motivos non chegaron a frutificar.

Na acta correspondente a  Xunta Xeral Ordinaria do día 29 de xaneiro de 1928  encontramos a primeira referencia a dito propósito. Podemos ler:

... el señor José María García propuso a la junta que era necesario gestionar del Ayuntamiento la adquisición del terreno denominado el Areal para fabricar en dicho terreno una casa para la Sociedad puesto que la que hoy ocupamos es eventual, puesto que si se aprueba la escuela de niños en proyecto tendremos que dejarla, y en su vista, la junta acuerda que la directiva nombre una comisión para que haga las gestiones pertinentes...

A comisión estaba composta polo propio presidente, Pedro Penabad Fernández, José María García e Ramón Forján Larrea. Ao longo do ano as negociacións non frutificaron, aínda que non se especifica os motivos, a finais dese ano, noutra xunta xeral, infórmase  das dificultades de conseguir ese terreo para  ese fin. Esta xunta tamén acordou que si o Areal non podía acoller a casa da Sociedade, se puxesen os medios necesarios para que fose declarado de utilidade pública, asunto que tivo que esperar 14 anos mais.

O parágrafo anterior tamén nos aclara que ata 1928 era unha soa escola de nenos e outra de nenas as que funcionaban en San Miguel, é que foi ese ano cando se proxectaba establecer as catro escolas que coñecemos ata o ano 1970 aproximadamente.

Acorda tamén a mesma reunión :

...ayudar a Sociedad de Instrucción Hijos de San Miguel y Reinante con los trabajos de acarreo de materiales y demás en la obra que hagan en la finca de los colegios...

  En 1931 aparece outra referencia a un local de reunións:

 “se traladan mesa y bancos de la casa de Baltasar Novo al local de José Dorado López” (Heredeiro).

Os baixos da casa do Heredeiro constituíronse en local social, como pouco ata 1944, xa que este ano e os anteriores encontramos anotacións dunha gratificación que se lle pagaba ao propietario pola sua utilización.

A mediados do ano 1947 A Sociedade volve a intentar a construción dunha sede propia; esta vez o terreo comprouse  nos Campos,  o propietario tamén era  Concello e  as xestións estaban avanzadas. No verán de 1948 o presidente anuncia en Xunta Xeral que xa ten un presuposto, pero que non facilita mais detalles porque  está a espera doutros, asi mesmo fala tamén de algún problema que estaba tentando de solucionar o alcalde.
 O problema non tivo boa solución, porque en novembro deste ano volve a informar  que se rescinde o contrato de compra-venda co Concello, do terreo dos Campos para sede do local social, e, pasado mais dun ano a liorta nótase que chegou a enredarse tanto como para ter que solucionalo por medio de avogados e no xulgado.

Por testemuñas que recollemos parecer ser que o solar situábase na esquina que forman o Camiño Real dos Campos coa estrada de Pereira, e o problema xurdiu cando un veciño saíu ao retracto da operación. A compra fora feita por 500 pesetas, a Sociedade recuperou ese importe mais os impostos da operación, pero o avogado meses despois pasou unha factura polos seus servizos que ascendeu a  1.500 pesetas.

Foi despois deste segundo intento por construír unha sede social, cando, previa solicitude a Sociedade de Hijos de San Miguel y Reinante en la Habana, se acondicionou o pequeno local entre as escolas de nenos nos “Colexios Vellos”.

“Se acuerda ocupar  el local que nos brinda la Sociedad de Hijos de San Miguel de Reinante en el colegio gratuitamente, para celebrar allí nuestras reuniones.” (Acta do 5 de decembro de 1948)

Este local fíxose a propósito para uso da Sociedade, cremos que restándolle superficie a escola que rexentaba o mestre Don José Ferrero Villanueva. Era un local pequeno tendo en conta que  a Sociedade contaba neses momentos con 165 socios.


OS SINISTROS
Examinando de forma global as baixas do gando durante os anos vinte e trinta do século pasado, dedúcese que eran numerosas, entre 12 e 20 ao ano de gando maior e menor. As baixas non todas eran por morte do animal. As vacas na maioría das casas tiñan que valer para traballar, para xunguilas a un carro ou arado, sin prexuízo do bo trato que ordenaba o regulamento; si por enfermidade ou accidente isto non era posible o veterinario podía decretar o sinistro. Pero sempre se trataba de sacarlle o máximo proveito ao animal para que a achega que tiñan que facer os socios fose menor. Si non había reparos en aproveitalo para carne as alternativas eran varias:  venda  nunha feira, a un tratante ou mesmo o despeze e venda directa no pobo, e, si todo isto non era posible acostumaban a aproveitar a pel e  venderlla a un curtidor en A Veiga;  produto cuxo valor, no prazo de 10 anos multiplicóuse por 10. De mediados dos anos trinta que a vendían en 35/40 pesetas cada unha a mediados dos corenta que lle sacaban 360/400 pesetas dependendo do seu peso. Por medio os anos da guerra.

O tema da venda en feiras ou a tratante era un labor que tiña a picaresca propia deste tipo de operacións e mercadeos, como non podía ser doutro xeito. Si a vaca era sinistro na Sociedade podemos pensar que non era prato apetecible para ningún comprador, pero nos anos da posguerra e mediados de século pasado, eran cuestións que dependían de varios factores:  do motivo da baixa, da información que manexes e basicamente do prezo!, a cabalo regalado...  Un animal cunha perna rota non valía para traballar pero valía para carne, si o motivo da baixa era mais grave e menos evidente, pois habería que levar o tema con discreción, e así, nunha reunión da directiva do ano 1930 acórdase que cando o veterinario dea unha baixa, se autorice ao presidente e ao secretario para

que dispongan de la res de la forma mas útlil con el objeto de darle la menor publicidad para que no se enteren los tratantes de dicha baja.


Uns cantos anos mais tarde esta maña xa valía de pouco cando o “adversario” o tes dentro da casa. En 1941 era socio José Buide, tratante, e como tal, ofreceuse a comprar

 todas las reses que sean siniestro dentro de los precios que no sean de perjuicio para la Sociedad. Se concede el privilegio a las pretenciones (sic.) de dicho socio en igualdad de condiciones.

Pero non era o único;  por aqueles tempos tamén traballaba por San Miguel e a comarca da Mariña

el chalán Sr. Ventoso que trata en compras y ventas, especialmente de caballos y otras bestias, que tiene para ello maña y persuasión

en 1943 tamén aparece como comprador de dous animais dados por sinistro, el chalán  Emilio Rodríguez Dorado.

Os sinistros tamén se aproveitaban para venda directa de carne aos veciños de San Miguel, como indican os exemplos que atopamos de despece de reses dadas de baixa polo veterinario da Sociedade sen reparo para consumo humano. Tres exemplos:

En 1927, nunha xuntanza da Directiva presidida por Pedro Penabad, estúdase que facer cunha res de Ramón Lende. O veterinario informa que a carne servía para o consumo e que

[…] se ofertase a los carniceiros si la pagaban un regular, sinó sacrificarla por cuenta de la Sociedad y venderla al detalle a los siguientes precios: pierna a peseta libra gallega, lomo, brazo y todo lo demás que se crea, á setenta y cinco céntimos, y caso de no poder vender a los precios indicados se faculte al que la detalle para poder vender al precio que se pueda procurando sacar el mejor partido, comisionando para esto a Perfecto Longarela.






Outro exemplo témolo en novembro de 1941 a consecuencia do parto dunha vaca de Josefa García. Neste caso, procedeuse a matar o animal e despachalo entre os socios con autorización e certificado do veterinario:

acordando gratificar al encargado de este trabajo con 30 pesetas, socio Carlos Posada, siendo el aprovechamiento total después de la gratificación de 649,50 pesetas.

E por último, en maio de 1942 reúnese a directiva presidida por Manuel Teijeira Pérez de forma extraordinaria para estudar un único punto no orde do día:

[…] en vista de la desgracia ocurrida a D. Lorenzo Penabad Fernández, vecino de San Miguel, apastando del ganado a orillas del mar y habiéndosele caido la res mayor nº 5 por un despeñadero próximo al sitio denominado Carreiro Novo de la mencionada parroquia, se proceda a su venta, estableciendo los precios siguientes: Carne sin hueso a 7 pts. Kilo, pierna con hueso a 6, brazo a 5, costillar, falda y lomo a 4. Nombrándose en comisión para ello a los señores D. Daniel Blanco Rodríguez, Domingo Rodríguez Dorado y el que suscribe, quedando autorizada esta comisión a variar los precios si así conviene a los intereses sociales.

A  ACCIÓN EN COLETIVIDADE
Como vimos no artigo do Regulamento que enumeraba os fins do Sindicato Agrícola, Sociedad de Agricultores de San Miguel de Reinante, entre outros, estaba o de aproveitar as vantaxes da acción colectiva  como podía ser a compra dunha máquina para mallar, a venda dos xatos ou a adquisición e subministro de sementes, fertilizantes e sulfatos. Tódolos anos se encargaban partidas de guano e se repartía para fertilizar as terras de labranza. Pedíanse e estudábanse ofertas de dous ou tres subministradores e sempre eran comúns dúas marcas: Medem e La Manjoya que acostumaban a comprar case sempre en Ribadeo, a Vda. de Casas e a Casa Gayol, inda que algún ano se estudou xestionar o transporte directamente dos portos de Coruña, Xixón ou Santarder e se tentou a compra directamente nestas cidades. Nunha das anotacións en febreiro de 1928 constan recibidos  1.000 sacos de guano descargados por Antonio Rodríguez Alonso, traballo polo que cobrou 25 pesetas a razón de dos y medio céntimos por saco.


Non vemos os mesmos exemplos de mancomunarse para a venda dos xatos que producían os socios, mais ben o contrario, creemos que foi un dos motivo de desacordo coa Federación Agraria de Ribadeo, da que A Sociedade entrou a formar parte en 1929. Pero isto verémolo mais adiante.

ANOS DA GUERRA CIVIL E POSTGUERRA
Non encontramos ningunha alusión directa nin indirecta referente ao levantamento militar nin a guerra civil na lectura das actas da Sociedade gandeira de San Miguel, pero non por eso pasa inadvertida ao lector por mor de  moitos detalles e cambios que se observan no decorrer deses anos e seguintes. En setembro de 1936 ao parágrafo habitual con que principiaba o secretario a escritura da acta da reunión, engadíaslle unha nova frase, que non aparecia hasta o momento.
...reunidos, con lectura de auténtico permiso de la Autoridad Municipal...

Fanse evidentes tamén as restricións de produtos que antes eran ofertados por varias casas subministradoras, e tampouco os prezos eran semellantes. Si o quilo de guano  en 1935 custaba a 0,15 céntimos/quilo, en 1939 os provedores  non contaban con existencias nin seguridade de conseguilo e non daban prezo anticipado, e en 1941 custaba a 0,36 céntimos/quilo. Igual acontece co sulfato e o caldo bordelés, si en 1935 Casa Gayol ofrecía mellorar calquera prezo, en 1939 sirve só parte do pedido, e a partir de 1941 precisábase xestionar o abastecemento na Sección Agronómica da Delegación do Ministerio de Agricultura en Lugo, e repartir ós socios en razón dos ferrados de patacas labrados, chegándose ao caso que se nomea unha comisión de tres socios para visitar a Josefa Devén e comprobar si efectivamente ten labrados seis ferrados de patacas, cantidade para a que solicitaba o sulfato.

Con todo, o maior problema de abastecemento é o da gasolina para o motor de mallar, pero diso falaremos logo ao falar desta faena executada durante moitos años de forma comunitaria e autoxestionada con motor máquina e aparellos propios da Sociedade.


E xa para concluír este apartado, transcribimos un punto da acta do día 15 de agosto de 1939, xa rematada a Guerra Civil, que quizais nos fala tamén de escaseza, de necesidade, de fame como moitas veces temos escoitado aos nosos maiores, e visto en infinidade de imaxes. A redacción tamén nos fai recordar aos grupos de civís paramilitares que se formaron por algunhas zonas do pais neses anos, inda que neste caso non fala de ningunha arma.  Dí así:

Habíendo obtenido este Sindicato la aprobación de las Fuerzas Armadas de Guardía Civil y Carabineros de esta zona se nombró una comisión permanente compuesta por miembros de esta Junta, (Directiva) cuya comisión tendrá como misión especial dirigir las patrullas que se formarán por vecinos de esta parroquia con el objeto y fin de practicar vigilancia en defensa de las cosechas e intereses de todos los vecinos de San Miguel.

Non volve a haber referencias a esta vixilancia.

Xa coa guerra rematada, a lei de 2 de setembro de 1941 derogaba as de 1887 de asociacións e a  de 1906 baixo a cal se crearan os sindicatos agrarios e outras asociacións de cooperativismo agrario, polo tanto quedaban fora da legalidade; a maioría  foron disoltas, saqueadas, requisadas e confiscadas as súas sedes,  depurados ou perseguidos os seus directivos. Só algúns sindicatos agrarios de signo católico e algunhas  mutuas agrarias seguiron funcionando despois de 1936 coa tolerancia do réxime franquista, como sucedeu en San Miguel, basicamente porqué o seu funcionamento considerouse polas autoridades gobernativas neutro politicamente falando e, inda así, controladas logo do ano  1944 polas Hermandades Sindicales Agrarias e Cámaras Agrarias creadas polo novo réxime. Con todo e con eso, imaxinamos que unha organización que funcionaba elixindo os seus cargos en xuntas xerais, onde tódolos socios que o desexasen tiñan dereito a asistir, a presentar propostas, a debater e a votar, estarían celosamente vixiadas de cerca polo ollo da “autoridade competente”, o mesmo que o resto da poboación, tan de cerca como que en San Miguel había un cuartel da Garda Civil e os seus membros convivían co resto dos veciños.





lunes, 16 de diciembre de 2019

Os Colexios Novos de San Miguel


Agora, a piques de rematar o ano, pode ser un dos mellores momentos para falar da creación dun  centro escolar como son os colexios novos de San Miguel que o pasado curso celebraron o seu 50 aniversario.

Xa falamos das escolas da Obra Pia de Felipe de Soto, ou dos colexios Vellos promovidos polos Fillos de San Miguel y Reinante en Cuba e hoxe falaremos da construción do CEIP San Miguel , vista  esta tamén como una construción froito do traballo e da unión do pobo.

Para poder  situarnos, farei un pequeno resumo do momento histórico que estábamos a vivir a nivel estatal no referente ao terreo educativo.

Corren os anos cincuenta, aínda que estamos en plena ditadura comezan a existir certos movementos de apertura.  Comeza a verse a educación como unha inversión, (ata ese momento considerábana coma un gasto que atentaba contra o sistema) .

Promulgaranse nestes anos tres leis educativas: a lei de ordenación do Ensino Medio (1953), moi parella á Lei de Construcións escolares dese mesmo ano , e a Lei de  ensinanzas técnicas do 1957.

A primeira destas leis supuxo un primeiro paso de cara á universalización da educación ata os 14 anos .

A lei de construcións,  promovía un convenio entre Estado, concellos e deputacións  de cara a construción de escolas. Esta lei foi reformada posteriormente no ano 1964, xa que a medida era insuficiente. O número de escolas  construídas era escaso ante un gran crecemento demográfico, e a que  un novo plan pedagóxico ía enfocado a concentrar os centros escolares, o que  provocaba que o tamaño das  escolas unitarias do momento era moi reducido para albergar tanto alumnado, facíase preciso construír novos centros escolares.

Así pois esta lei no seu artigo primeiro di: “Las Escuelas públicas nacionales habrán de ser instaladas en edificios que se ajusten a las necesidades escolares, bien construídos de nueva planta o en los ya construidos en que se realicen las convenientes obras de adaptación. Tanto éstas como las nuevas construcciones serán realizadas, en lo posible, mediante la colaboración de las Corporaciones locales y el Estado.”

Corre o ano 1964, chega ao San Miguel o rumor de que a Xunta provincial de Construcións Escolares vai dar unha importante subvención para a construción dun edificio escolar aquí en Barreiros, dando resposta así ao novo plan pedagóxico prantexado no 1957. Esto  requería a construción dun edificio de maior tamaño que  os edificios existentes ata o momento, xa que albergaría alumnos de todo o concello

Os concello como tal debía aportar terreo cunhas determinadas dimensións para poder optar a esta subvención e facerse cargo dos custes a maiores que puidera haber sobre a subvención aportada pola Xunta Provincial de Construcións Escolares.

O concello neste momento non tiña na súa propiedade ningún terreo coas medidas precisas nin forma de facer fronte á compra dun terreo coas características requiridas.

Será Guillermo Vázquez Forjan (máis coñecido coma o “capataz”)  o que colla a batuta e en colaboración con  Francisco Pérez Deben, Pedro Penabad Lanza, Virgilio Díaz Gómez e Antonio Blanco Maseda os que axilizarán os trámites para adquirir un terreo destinado á construción deste novo edificio(algúns destes eran directivos da Sociedade Ganadera que funcionaba naqueles anos tan ben e que aportaba tanto traballo comunal á vida de San Miguel.

O concello mentres faría os trámites precisos para conseguir a subvención precisa para tal construción.

Barallaranse dúas posibilidades  á hora de comprar terreo : un terreo en Casaldeite propiedade de Antoña de Marcelino( aínda que semella que non ten os metros precisos) e outra finca situada na Áspera propiedade de Antonio Maseda Rodríguez, Antoño  de Narciso .

Finalmente será esta última finca a que convenza a esta comisión polas suas dimensións e porque  o prezo que pedía o propietario era moi asequible, unhas 100000 mil pesetas do momento,  un prezo xusto para un fin tan importante.

Así o 21 de outubro de 1964 reúnense Francisco Pérez Deben, Pedro Penabad, Virgilio Díaz e Antonio Blanco  e  firman ante Antonio Maseda Rodríguez  un préstamo de 10000 pesetas pola compra deste terreo.  É dicir, non so lles vende o terreo se non que tamén lles ofrece a financiación de 10000 pesetas para comezar coa construción.




Reuniranse o doce de xullo de 1965 na casa do concello con Casiano Moreno Sierra (alcalde do momento).

Maniféstanlle a este, que teñen coñecemento de que a Xunta Provincial de construcións escolares ten previsto construír un edificio destinado a escolas concentradas na parroquia de San Miguel . Construción provista  de seis aulas, seis vivendas de Mestre , zona de direción e comedor.  Estaría subvencionado este edificio con 1800000ptsas debendo completar o concello coa cantidade precisa ata o remate.

Cónstalles a imposibilidade do concello  de aportar ningunha cantidade para o fin e ante o risco de que se perda tal subvención e non se faga obra de tal calibre comprométense en nome propio e no dos seus conveciños a facer as obras de referencia na cantidade dun millón oitocentas mil pesetas con arregro ao proxecto técnico que servía de base para as mesmas correndo a cargo de dita cantidade os descontos legais propios desta clase de obras e para elo van facer uso da  prestación persoal e de transporte, aceptando materiais e calquera tipo de donativos que poidan recollerse de particulares ou de entidades tanto públicas como privadas incluída a subvención de 30000 ptas que ten solicitada o concello por construción de vivenda da Delegación Provincial do Ministerio de Vivenda, e calquera outra que puidera conseguirse con destino a esta obra.

Tres  días despois reúnense Francisco Pérez  Deben,Narciso Blanco Maseda, Virgilio Díaz Gómez, Antonio Blanco Maseda e Guillermo Vázquez Forjan con Ernesto García Fernández contratista e veciño de Vegadeo para firmaren un contrato privado no que Ernesto García comprometíase á construción do edificio escolar así coma pozo de auga potable en acordo aos proxectos oficiais aprobados para o efecto na cantidade de 1.800.000 máis 180.000 destinadas á construcción de seis vivendas  que vai subvencionar o Ministerio de Vivenda ascendendo o presuposto total a 1980000 pesetas.

A cantidade irán abonándoa  segundo  as certificacións que lle vaian expedindo os servizos técnicos.

Pola súa parte a comisión administrativa comprometíase a aportar materiais e persoal aparte de:

1-      Abrir o pozo de auga

2-      Abrir zanxas para os cimentos e fosa séptica

3-      Colocar a pe de obrar a pedra precisa para cimentar e hormigonar

4-      Facilitarlle obreiros con prestación persoal que precise para os traballos de hormigonado

5-      Os suministros que se especifican serán feitos a tempo para que non se interrompa a marcha normal

6-      Por cada día de traballo que o contratista perdera por falta de mateiral ou persoal indemnizaráselle con 3000 ptas

7-      a obra tiña que estar rematada  nun prazo máximo de dous anos e medio.


Feito este contrato póñense mans á obra, cómo conseguirán facer fronte a todos os gastos e a afrontar tal cantidade de traballo?Apelando á unidade!.

Tras unha reunión cos conveciños, acordan que cada casa do pobo debía aportar unha cantidade mínima de 275 pesetas para abonar o terreo comprado a Don Antonio Maseda Rodríguez así coma reunir a cantidade precisa para que o centro esté rematado.

Para conseguir esta aportación económica dividirán o pobo en 8 zonas e a cada zona irán casa a  casa recollendo a aportación económica estipulada

·         Barrio da Barranca ( Barranca, Ferrería, Martices

·         Barrio dos Campos (Campos e Pasadas)

·         Barrio de Casaldeite ( casaldeite, Outeiro e Curro)

·         Barrio de Nogueiredo (Valgas, Granda, Entrerríos e Nogueiredo)

·         Barrio de Pumarín

·         Barrio de Salxende

·         Barrio do Souto (áspera e Obra Pía)

·         Barrio de Pumarrubín




Tras unha primeira aportación recadáronse 61665 pesetas, cantidade que se facía insuficiente para afrontar  o custo do terreo , acordaron facer unha nova aportación de 100 pesetas por casa recaudando nesta segunda recadación 14300. 

Nesta prestación económica, cobraron vital importancia as aportacións dos emigrados a Suiza, Francia, Brasil… que novamente xiraron grandes cantidades de diñeiro para facer realidade esta construción tan primordial. Curiosamente, algúns destes emigrados xa aportaran cartos para a construción  do edificio promovido pola Asociación Cívico Recreativa Hijos de San Miguel y Reinante.

Un ano despois, o 14 de outubro do 1965 Antonio Maseda Rodríguez asina un documento no que corrobora o pago da débeda contraída con el pola compra do terreo 100.000 ptas.

Como nota meramente anecdótica sinalar que a aqueles que aportaron unha maior cota económica do  que lles correspondía foron agasallados cunha participación de lotaría naquel ano 65.



Como ben lestes, no contrato firmado co contratista, facían referencia á prestación persoal dos veciños para a construción do pozo de auga, da cimentación, da zanxa para a fosa séptica…

Coordinou esta actividade o alcalde pedáneo do pobo Francisco Pérez Debén (membro da comisión).

 Cada zona estipulada,  tiña un alcalde de barrio que dirixiría as tarefas. Cada zona ou barrio   tiña un día á semana estipulado para o traballo no edificio. Aqueles que non acudían o día que lles correspondía tiñan unha sanción de xeito que así todo o pobo aportaría o traballo tan preciso para tal fin.



Así foi que no curso 1968-1969 se inaugurou o edificio escolar do que este curso pasado se celebraron os seus actos conmemorativos. Aquí a pequena aportación  Espigueira a tan importante logro do pobo, lugar  polo que tantos pasamos e do que tan orgullosos nos sentimos. Esperamos as aportacións que puideran achegarnos aqueles primeiros alumnos.



Grazas a María Isabel Vázquez, Antonio Díaz e a Dolores Blanco pola súa axuda. Con isto damos respota a unha petición de hai meses, para que os nosos colaboradores, socios e ante todo amigos vexan que non esquecemos nada do que nos dicides.

miércoles, 27 de noviembre de 2019

O Pazo de Outeiro por Francisco José Campos Dorado

ESCUDO DA CASA DO OUTEIRO


         



O Escudo de Armas da Casa do Outeiro (Foto 1 e remarcado) sen data de construción, ten a forma clásica do Escudo Heráldico español e está timbrado cunha cruz Cristiá que apoia na bordura sen rompela e onde se le o lema “ABANTE CON LA CRUZ ABANTE” similar o das armas dos VILLAAMIL: “VILLAAMIL AVANTE CON ESTA CRUZ DELANTE” e ás armas dos MENENDEZ NAVIA: “MENENDEZ AVANTE CON LA CRUZ ADELANTE”. A cruz é característica, neste caso, dun familiar do Santo Oficio do Tribunal da Inquisición do Reino de Galicia, e a súa forma é a propia dun cabaleiro laico. O adorno exterior semella un fermoso pergamiño que se envolve sobre a bordura facendo de soportes en ambos flancos e de sostén da punta.
Un Escudo de Armas de Celeiro de Mariñaos (Foto 2) gravado na cartela co ano 1700, presenta as mesmas Armas nos catro cuarteis, en cambio a súa forma ovalada é propia das Armas dun eclesiástico, e os lambrequíns están formados por un rico ornamento de follas de acanto con volutas moi ciceladas.
A casa do Outeiro, parece ser que foi a residencia de D. SANCHO MANUEL MENENDEZ NAVIA Y VILLAAMIL que era veciño de San Miguel de Reinante, segundo un foro do 13 de novembro de 1717, e estaba casado con D.ª Mª JOSEFA FUERTES SIERRA PRELO CASTRILLÓN, ou ben, pertenceu ao seu fillo D. BALTASAR MENENDEZ NAVIA VILLAMIL (Y FUERTES SIERRA), pois tamén consta apuntado como confrade fundador no Libro da Cofradía de San Antonio de Padua (1751-1803) da Igrexa de Parroquial de San Miguel de Reinante. E posible que tamén puidese ser primeiro dun e logo do outro.
D. BALTASAR MENÉNDEZ NAVIA E VILLAAMIL estaba casado con D.ª. MARÍA LUISA DE CARMEN TRELLES PRELO CASTRILLÓN e tal como expresa o testamento de 1668 de D. BALTASAR MENÉNDEZ NAVIA Y SIERRA, era “Familiar do Sto. Oficio da Inquisición de este Reino de Galiza”.
D.ª CATHALINA DE VIVERO, fai testamento en 1663 ante o escribán D. Alonso Rodríguez Villares, quen o publica o 14-Xuño-1664, no que se di que D.ª CATHALINA otorga e fai venta “Real y Verdadera” a D. BALTHASAR MENDEZ NAVIA Y SIERRA de Ribadeo, e a súa muller D.ª ANTONIA HESTRADA RIO E MANRIQUE de casas e posesións diversas.
Para engadir un dato máis, tamén sabemos que na documentación privada da Casa do Curioso de Sarxende, nas partexas de 1843 fanse pagos por terras das herdades a “capela dos Villaamil” de Ribadeo.
As armas destes escudos do Outeiro e de Celeiro son practicamente as mesmas que as que presenta o Escudo de Armas da Casa do Patín de Ribadeo e as do Escudo de Armas da Casa da Praza do Campo (casa do antigo Comercio de Maseda de Ribadeo).
Primeiro cuartel: unha banda engulida de dous dragantes e un home armado con alabarda en posición vixiante, sostido no que parece a cuberta dun barco. No caso do escudo de Celeiro, o vixiante está sobre un escudo faixado. Son armas dos NAVIA e dos BUSTO, estes últimos poderosos comerciantes marítimos. A simboloxía que representa este cuartel é similar a dos 1º e 3º do escudo dos BUSTO, situado na fachada Norte da Casa de Dª María Lamas e de D. José Navarro Reverter da súa casa da Rúa Viejo Pancho de Ribadeo. Esto débese a que os BUSTO emparentaron cos LAMAS DE QUINTALONGA (véxase abaixo a Árbore Xenealóxica). Son igualmente Armas dos MENENDEZ NAVIA emparentados cos VILLAAMIL, segundo se pode ver no escudo da Casa do Patín de Ribadeo que data tamén do ano 1700.
Segundo cuartel: unha aguia coroada mirando a destra, co voo baixado ou de ás caídas, das Armas dos AGUIAR e a cada lado da cabeza e a mesma altura dúas coroas laterais das Armas dos VILLAAMIL (en campo de azur unha aguia coroada de ás baixas de prata, con dúas coroas laterais do mesmo metal á mesma altura da cabeza)
Terceiro cuartel: unha aguia coroada mirando a sinistra, co voo baixado ou de ás caídas, das armas dos PARDO (de ANDRADE) (en campo de sinople unha aguia de prata coas ás baixas, coroada co mesmo metal) (Nota: a aguia é similar a do 4º cuartel da capela da Virxe de Lurdes da igrexa de Sta. María do Campo de Ribadeo)
Cuarto cuartel: castelo sobre ondas de auga das armas dos VILLAAMIL.



Lintel de fiestra na CASA DO OUTEIRO
Sen descifrar o seu simbolismo de forma fidedigna, podemos arriscar algunha hipóteses:
Figura central alta: parece un chevronado medieval cun pal central en cruz rodeado de símbolos sen descifrar. Esta figura está feita nunha pedra labrada de moi antigo, e non parece da mesma época cas laterais.
Figuras laterais altas: puideran ser alegorías o lema dos Reis Católicos: “Tanto monta, monta tanto”, pois parece unha coroa centrada sobre o brazo en equilibrio dunha balanza e os círculos representan os “pratiños de pesar” // tamén parecen dúas bandexas con pé, a modo de froiteiros, que conteñen unha coroa // parecen dúas carrozas vistas de lado (dúas rodas de tres radios unidas por unha plataforma que soporta un eixe central, que a súa vez aguanta un teito curvado en dúas augas rematadas por unha lona enrolada. Sobre o teito, o haber unha coroa, sería a carruaxe dun nobre, que debido o conxunto simbólico de toda a casa, pertence a un eclesiástico.
Cruz central: parécese a cruz con veneras dos Ribadeneira, aínda que esta é máis alargada e asemella unha cruz cristiá pometeada.



Pedras labradas baixo a cornixa lateral destra da CASA DO OUTEIRO, de simbolismo enigmático.
A pedra esquerda parece labrada coa forma das ramas dunha árbore (?)
A pedra destra ten forma clara dunha frecha que apunta cara arriba, sobre un símbolo en forma de roda de catro radios, de maneira similar aos círculos de tres radios da pedra antedita.

ÁRBORE XENEALÓXICA dos Señores da Casa do Outeiro
1. Salvador Menéndez Navia Villamil (canónico e tesoureiro da catedral de Mondoñedo en 1719. É o que reconstrúe a capela de San Roque de Ribadeo)
2. Sancho Manuel Menéndez Navia Villamil + Mª Josefa Fuertes Sierra Prelo Castrillón
   1. Baltasar Menéndez de Navia y Villamil (Señor da Casa de Navia de los Limones da vila de Navia e Señor desta Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante) + Mª Luisa de Carmen Trelles Prelo Castrillón
   1.Juan Antonio Menéndez Navia Villamil y Trelles (1752-1815) + Melchora Mª Valledor y    Lamas (f.1829)
1. Mª Luisa Menéndez Navia y Valledor (1771-1852)+ Vicente Francisco José Lamas de la Torre (1765-1817)(Señor do Pazo de Quintalonga de Vilaosende)
   1. Ramón Lamas Menéndez Navia (n.18-Abr-1795)foi elixido representante de Galicia    nas Cortes durante o trienio Liberal 1820-23 ata 1835. Debido a unha incapacidade    quen seguiu a sucesión de Quintalonga foi seu irmán D. Vicente)
2. Vicente Lamas Menéndez Navia (n.1796)(señor de Quintalonga) + María Teresa Navia Osorio y Álvarez Viart (filla do VIII Marqués de Santa Cruz de Marcenado (1814)
   Teñen cinco fillos: José María, Álvaro (1846); Manuel (1847); Ramón (1851)    e Rafael Lamas Navia Osorio. Quen sigue a sucesión familiar de Quintalonga    é o cuarto dos fillos, D. Ramón (1851).
1. Ramón Lamas Navia Osorio (1851-1926)+ Anunciación Amalia Sanjurjo
   1. María Teresa Lamas Sanjurjo (1886-1970)+ José Navarro Reverter    y Gomis (matrimonio celebrado en Madrid en 1910 // D. José falece    o 27-Marzo-1942, pero antes vende esta Casa do Outeiro, que era    herdanza da súa muller)
























domingo, 27 de octubre de 2019

Parladoiro os simbolos dos hórreos da Mariña

Onte contamos coa presenza de Manuel Rivero: antropólogo, psicólogo e coach que nos falou da simboloxía dos hórreos da Mariña.
A importancia que estas edificacións q tiñan para os nosos ancestros quedaba patente nos seus símbolos tallados coidadosamente na súa pedra, símbolos protectores que semellan dicirnos aínda hoxe en día"protexe a nosa colleita e sustento para o inverno."
Pouco a pouco a súa importancia foi en declive case que coma o noso rural, e foron case q olvidados por todos.
Contadores de historias e protectores do fogar cando un hórreo cae a casa pecha... Coidemos do noso patrimonio para que os nosos pobos non esmorezan, xa que quen esquece as súas raíces perde a súa identidade.






miércoles, 16 de octubre de 2019

O PLANTEL DE EXTENSIÓN AGRARIA EN SAN MIGUEL DE REINANTE



Situamos o orixe do plantel xuvenil de Extensión Agraria polo ano 1969 cando os integrantes da oficina de Ribadeo se poñen contacto coa xuventude de San Miguel e lle plantexa a formación dun Plantel no pobo. A relación puido aparecer polo traballo que realizaban os funcionarios de Extensión Agraria sobre o terreo, relacionándose cos agricultores e coas sociedades agrarias, ou polos primeiros pasos para levar a cabo a Concentración Parcelaria, que, en San Miguel, non foi posible.

Os planteles xuveniles de Estensión Agraria estaban formados por mozos de ambos sexos maiores de catorce anos, cos que se traballaba en diversas actividades co fin de elevar os seus coñecementos en materia agraria e cultural e, en base a eso, elevar o nivel de vida do futuro agricultor.

A oficina de Ribadeo estaba dirixida por Antonio Oca Fernández, acompañábano na sua relación coa xuventude de San Miguel, María del Carmen Carballeda Pérez e mais tarde uniríase ó grupo Ramón Lanza, monitor e capataz agrícola, e outro membro chamado Emilio Francisco Rodríguez Calvo. Inda que non formaban parte da plantilla de Extensión Agraria, tamén se desplazaban como colaboradores Eduardo Gutiérrez e posteriormente o cura Xosé Yáñez.

Os locais de reunión e desenrolo de actividades eran os das Escolas Vellas recentemente pechadas polo traslado da ensinanza ó novo grupo escolar que empezou a funcionar no curso 1968-69.

O grupo de xente moza que formaba parte do citado plantel, empezou a facer as primeiras reformas nos locais, coa súa implicación persoal e en réxime de autoxestión. As reunións e o traballo facíanse despois de rematada a xornada laboral e as obrigas familiares, é dicir á tardiña/noite e os fins de semana incluídos domingos pola mañá si era necesario. Empezaron coa pintura das paredes interiores, para o que se valían da fórmula e os materiais, que había que mesturar e remexer nunha máquina a manivela, e que lles subministraba un profesional do ramo, Luis Cortiñas, veciño de Mondoñedo, pero achegado a San Miguel por razóns de casamento. Cos traballos de pintado tamén se restaurou o mapa de Galicia cruzado con unha franxa azul que, desde facía moitos anos, lucía nunha das paredes da escola de nenos núm.1 e que se atribuía a D. Manuel Villaamil, mestre até 1950.





Outra das reformas foi facer un local mais grande no que foran as dúas escolas de nenas, para o cal se desprazou o tabique que as separaba, de 24 m2, enteiro, posto sobre rolos despois de cortalo por tódolos lados.


Pasado o tempo aplanouse o terreo das hortas das escolas que está ó sur do edificio para facer unha pista de deportes. A pista deportiva era para aquel grupo, unha das grandes carencias do pobo segundo poñían de manifesto repetidamente no periódico XUNTANZA editado polo colectivo e do cal falaremos mais adiante. O mais parecido a unha pista polideportiva que viran era a pista do Souto, con porterías entre dous dos árbores que rodeaban a praza. Xa era hora de ter unha cancha en condicións, e tamén se puxeron mans a obra, inda que con pouco éxito. A escaseza de medios fixo que se cubrira con grava, con grave perigo para os xeonllos dos rapaces e rapazas, e por outra banda enseguida se empezaron a utilizar as magnificas instalacións do Complexo de Caixa Galicia na praia de Coto, en Benquerencia.

O financiamento para os materiais que eran necesarios proviña do Servizo de Extensión Agraria. A xuventude tiña nas vellas escolas un obxectivo común, o de arranxar aqueles locais e facelo de forma autónoma. O reto de levar ese traballo adiante xa significou un lazo de unión entre todos os compoñentes da agrupación, logo estaba a ilusión de contar con un lugar para as actividades do plantel, para poder desenrolar ali un montón de proxectos, para relacionarse e compartir ideas e gustos, dado que tampouco tiñan moitas alternativas para o seu tempo de ocio.


Eso era o que significaba o Plantel para a xuventude do fin da década dos 60. ¿Pero o Servizo de Extensión Agraria de Ribadeo que encontrou naquel grupo de xente nova, moitos deles e delas estudando o bacharelato, con 18 anos ou menos?. Non era de agricultura e gandería do que mais se falaba. Si que se fixo un invernadoiro na casa do Sacristán, creemos que o primeiro do pobo, para experimentar o cultivo e poder ver e tocar os resultados, organizouse algunha viaxes a Escola de Capacitación Agrícola de Guísamo, a explotacións agrarias e a outros lugares... pero nas reunións nas escolas con Antonio Oca, Maricarmen Carballeda, Eduardo Gutierrez ou con Xosé Yáñez, mais que de agricultura falábase de cultura; o idioma galego, as letras galegas, os seus personaxes e a cultura galega en xeral eran temas reiterativos, e a rapazada tiña gaNas de saber; de saber máis que o que se ensinaba nos libros de texto ao seu alcance. Contábanos un daqueles mozos que con Xosé Yañez (ao que lle custou traballo identificar como cura) descubriu a segunda parte do himno galego, a que dí: 
Os bos e xenerosos /a nosa voz entenden /e con arroubo atenden /o noso ronco son, /mais sóo os iñorantes /e féridos e duros, /imbéciles e escuros /non nos entenden, non... 
Non!!!, isto antes non se podía cantar!!!!


A xuventude que formaban o Plantel era a xeración post-68, que quería librarse de antigas ataduras, cuestionaban a autoridade tal e como estaba establecida nos distintos niveis, querían poder decidir sobre a súa persoa e defendían a igualdade de dereitos entre home e muller e outras liberdades individuais, con contradicións quizais, con puntos de vista que hoxe non serían os mais progresistas, pero era o principio do camiño. Ese foi o ambiente que se encontraron os membros de Extensión Agraria en San Miguel... ou quizais o que se precipitou coa sua chegada, quen sabe!

Non quere dicir isto que houbera unha forma de pensar uniforme entre os membros daquela asociación, claro que non!. Xuntábaos o proxecto da asociación, e cada un/unha establecía os seus límites. O que fixo o Plantel foi crear un ambiente de certa liberdade, para que en “petit comité” se chegaran a intercambiaran libros como “El Capital” de Karl Marx ou “Cuadernos de Educación Popular” de Marta Harnecker completamente prohibidos ou as revistas satíricas La Codorniz e Hermano Lobo, legais, pero con un largo historial de censuras e prohibicións.

Con Eduardo Gutiérrez de asesor cultural, mais tarde alcalde nacionalista de Ribadeo, púxose a andar un grupo de teatro e un xornal, e organizouse algunha charla; todas as persoas do colectivo recordan unha en concreto, a que unha noite, posiblemente de inverno, veu dar desde Lugo o profesor e escritor Xesús Alonso Montero. Todos e todas a recordan, porque inda que non estaba prohibida tampouco estaba autorizada, e o ambiente era de semiclandestinidade, de noite, nun local apartado, xente moza e Alonso Montero falando de Rosalía de Castro, o profesor que varias veces fora multado e represaliado pola sua pertenza ao partido comunista de España e que posteriormente, no ano 1975, foi desterrado a un instituto dun pobo de Córdoba.

As reunións nas Escolas Vellas, case a diario por conta dos membros do colectivo que podían ir, e os venres con asistencia dos monitores de Ribadeo non pasaron desapercibidas para ninguén. Nin para os proxenitores, adictos ou temerosos do réxime franquista, nin para as autoridades do mesmo. Nas casas facían preguntas e avisaban a aquela xuventude inexperta politicamente, e no concello se preguntaban si aquel “pasatempo” rozaría os limites da legalidade, e non dubidaron en facelo directamente cando tiveron ocasión, como lle pasou a unha rapaza nunha reunión allea ao plantel que observou como o alcalde Casiano Moreno facía por sentarse ó seu lado para logo preguntarlle si no Plantel lles falaban de política ou falaban de política entre eles. Tampouco era casual que en algunha tarde/noite a parella da Garda Civil fixese unha visita polo exterior da vellas escolas coa xente reunida dentro. Aquela actividade deu que falar no pobo. Os rapaces non tiñan moi complicado o asistir as escolas, podían ser criticados por traballar de balde e sin proveito aparente, pero non pasaba o mesmo coas rapazas, que en moitos casos tiñan mais difícil o permiso, polo que significaba de escaparse ó control paterno, e, despois de concedido o Teleclub para o local, non faltou no pobo quen o bautizara como “o Puticlub”, non para demostrar o seu talento creativo precisamente, si non para, tratar de minar a reputación do grupo e do proxecto.


A solicitude do teleclub de que falamos foi xestionado tamén polo grupo. Dous dos membros, José María García Docobo e Antonio Díaz Novo, sabedores que Luis Cordeiro Rodríguez (naquel momento asesor da Rede de Teleclubs de Galicia e mais tarde primeiro presidente da democracia na Deputación de Lugo), tiña un acto en Ribadeo non dubidaron en ir falar con el, e despois de escoitalos, non puxo ningún atranco a concesión, que foi un feito no mes de agosto de 1971. Co teleclub, amais do televisor de 24 polgadas, chegáronlles tamén un magnetófono, un proxector de super8, outro de diapositivas e un cheque de 28.500 pesetas que entre outra cousas serviu para poñer os primeiros libros da biblioteca que tamén estaba nos proxectos da asociación. Non deixa de ser un paradoxo que un instrumento que fora creado polo franquismo como medio de propaganda, de feito era obra do Ministerio de Información e Turismo, resultara un agasallo para aquel grupo tan pouco achegado ó réxime.

Integrados na rede de Teleclubs da provincia, en 1972, organizouse un “Ciclo Cultural” con conferencias como a do médico Manuel Porteiro sobre “Primeros Auxilios”; a do Sr. Quiroga sobre “La Seguridad Social Agraria” ou a do Delegado Provincial de Agricultura de Lugo sobre “Los Problemas de la Ganadería Lucense”. Tamén desfrutou a veciñanza da representación da obra de teatro “Barriga Verde” posta en escena polo grupo de teatro do Teleclub de Villaronte e da actuación do Orfeón da Sociedade de Obreiros Católicos de Mondoñedo. (Datos recollidos do XUNTANZA de maio de 1972).

O TEATRO E XUNTANZA


Na primeira metade do ano 1971 puxéronse en marcha dúas iniciativas, o grupo de teatro e XUNTANZA.

O grupo de teatro no pobo era una novidade, dende os anos 40-50 non se recorda a facer veladas no pobo polos propios veciños, e co que respecta a obra escollida non podía ser mais emblemática: “Os Vellos non deben Namorarse”, escrita por Alfonso R. Castelao no exilio, representada por primeira vez en 1941 en Bós Aires, e 20 anos despois en Galicia, o día 25 de xullo de 1961, na praza da Quintana, en Santiago, con miles de espectadores que ateigaban dita praza.

O 27 de agosto de 1971 foi a estrea en San Miguel. Como director, por suposto, Eduardo Gutiérrez, e na elaboración do evento participou toda a xuventude que aglomeraba o Plantel, ou ben ensaiando para estar encima do escenario, ou ben na tremoia. Local adecuado para representacións teatrais non había (podemos dicir que inda non hai hoxe en todo o concello) pero contaban coa boa disposición da familia propietaria do Cine Rimar. Construíuse un gran escenario, todo de madeira de serra, no espazo entre a primeira fila de butacas e a pantalla de proxeccións, pintáronse os decorados de cada lance en grandes lenzos estendidos no chan da Sala de Fiestas Joango. Día tras día nesta labor chegou a estrea. O plan era facer dúas funcións unha as 5.30 para a xente miúda do pobo e planteles invitados que quixesen asistir, e outra as 10 da noite para público en xeral, pero as 300 butacas do Cine Rimar non chegaron para cubrir a demanda de entradas da xente que se amoreaba diante do local, polo cal tívose que manobrar sobre a marcha para facer unha terceira representación o día seguinte, sábado, día que o propietario do cine tiña no seu programa a proxección dunha película que non tivo reparos en suspender. A xente que non puido entrar marchou para a casa sabendo que o día seguinte tería outra función. Compre dicir que esta estrea tivo un presentador de luxo: o actor, autor e dramaturgo Manuel Lourenzo, naquel tempo director do Teatro Circo de A Coruña.

O grupo desprazouse en datas posteriores representar a obra a Ribadeo, Foz, Burela, Vilaronte e Mondoñedo.








Despois do éxito de “Os Vellos...” segue mais teatro galego, comenzouse a preparar “A Fiestra Valdeira de Rafael Dieste que se estreou en xaneiro de 1973. Con esta obra o grupo de teatro do Plantel participou no primeiro certame de teatro galego de Ribadavia organizado pola Asociación Cultural Abrente no que sería o xerme da gran Mostra Internacional de Teatro que cada ano acontece naquela Vila.




Detrás da “Fiestra...”, no mesmo ano 1973, pensouse en representar “O Tio Miseria” de Enrique Labarta Pose, pero esta proposta foi a chispa que acendeu as alarmas nos despachos das autoridades gobernantes, a representación desta obra non foi autorizada, e a partires de aquí o que era Plantel de Extensión Agraria en San Miguel de Reinante foi perdendo tal carácter e perdendo a asistencia do persoal da Oficina do S.E.A. de Ribadeo. Non coñecemos os motivos exactos deste cese; ¿Antonio Oca e os seus compañeiros consideraban os obxectivos cumpridos?, ¿algún apercibimento de sanción? ¿renunciaban a seguir si non podían facelo baixo o seu ideario?... Algo de todo quizais.

De todas formas a xuventude xa estaba instalada nas Escolas Vellas, estas seguían sendo o seu centro social e o teatro xa fixera asento naquela asociación. Dirixidos por Enrique Penabad púxose en escena a obra O Ferreiro de Santán de Daniel Varela Buxán.






Fíxose outro experimento teatral: o gravar a obra de teatro de Blanco Amor “A Tia Lambida” aproveitando o feito de ter un magnetófono no local.

E por último, xa en 1975, dirixida por Benito Pérez Soto representaron a obra “Os apuros dun Zapateiro”; un sainete escrito polo cura, nado en Santiago de Reinante, Xosé Molejón Rañón que amais de representarse en San Miguel tamén saíu a Vilaronte, Celeiro de Mariñaos e Burela.

O xornal XUNTANZA foi o medio de comunicarse co resto do pobo, no nome que se elixiu ía implícito o sentir das persoas que o facían, unha declaración de principios, xuntanza, unidade, encontro... , e o obxectivo era o de

mejorar y solucionar los problemas que a nuestra sociedad actual afectan de modo directo, y por tanto en ellos todos interesados”. (Editorial do núm.1)

Recollía nas súas follas todo tipo de temas e, como xa dixemos, o idioma ocupou varias páxinas, porque aquela xuventude, estudando o bacharelato, encontráronse con que, inda que falaban o galego nas súas casas e na vida diaria, tiñan moitas dubidas e dificultades para escribilo,

Lamentamos non poder escribir todo en galego de forma mais académica

XUNTANZA. Núm. 3

Seguimos lamentándonos de que non poidamos redactar todo en galego e nun galego máis académico, pro os nosos pequexos conocementos fan nos sintamos avergonzaos

(XUNTANZA. Segunda quincena setembro de 1971)
 



En xeral podemos dicir, sin medo a equivocarnos, que era o primeiro intento daqueles mozos e mozas de expresarse en galego escrito, cando por unha parte a normativa unificadora tardaría moitos anos e, por outra a lectura en galego significaba unha tarefa difícil, pola escaseza de medios, pola escaseza de obras editadas a disposición daqueles rapaces e pola persecución e menosprezo do réxime franquista ao idioma e a quen o usaba; con escritores que sufrían a censura e a prohibición (Méndez Ferrín, Carlos Casares, María Xosé Queizán...)

A revista confeccionábase con unha multicopista. Primeiro mecanografábase o artigo ou debuxábase con un punzón nun cliché e logo colocábase este na máquina, o redor do rodillo entintado para que a tinta pasase ó folio pola marca que deixaba a máquina de escribir na cera do cliché. A base de dar manivela, a máquina arrastraba un folio emparellábao ao cliché e saia impreso polo outro lado. Toda unha marabilla, de pequeno tamaño e portátil, na época das impresións clandestinas de propaganda política!.

O primeiro número saíu a primeira semana de marzo de 1971, os tres primeiros foron semanais, logo pasou a ser quincenal e con algunha interrupción chegou a maio de 1972 con dezaseis números.

O contido da publicación era moi variado: artigos en clave local reivindicando a cancha deportiva, unha biblioteca, a limpeza do cemiterio cara o día de defuntos, a indecencia da Pista do Souto en vésperas da festa do Patrón ocasionada polas obras de acometida da augas que se realizaba naquel ano. 



Non faltaba a páxina de humor, de produción propia ou reproducido doutro medio, pero xeralmente con mensaxe e en contexto galego. A poesía e a literatura tamén tiña sitio, o primeiro número reproducía as poesías “Canción de cuna para Rosalía de Castro muerta” de Federico García Lorca e o “Monólogo do Vello Traballador” de Celso Emilio Ferreiro. Outros números levaban poemas propios e pequenas historias.

Tamén se ofreceu un espazo para calquera veciño que quixera aportar a sua colaboración xornalística, con boa resposta, pois desta maneira coñecimos varias coplas e cinzarradas de Luis da Cachela, e mais a aventura que este correu co seu compañeiro o Maestrillo cando foron facer uha velada en Castropol.

Para confeccionar este artigo tivemos varias conversas con membros daquela agrupación, e para rematalo, a modo de epílogo, recollemos as palabras que nos transmitiu un dos entrevistados tratando de resumir aquela experiencia:

O plantel cambiou a forma de relacionarse entre rapaces e rapazas de San Miguel, mentres que antes as pandillas, a hora de desfrutar do tempo de lecer, se organizaban por sexos, a partir desa convivencia empezaron a ser mixtas, a organizarse segundo gustos e afinidades sin distinción de sexos.

Tamén é verdade que eran anos de cambios na sociedade... ¡e os que virían detrás!.