Praza do Souto

Praza do Souto

domingo, 21 de mayo de 2017

Charla Os Misterios da Turbeira de Arealonga.



Onte dìa 20 de maio tivemos o privilexo de contar coa presenza de Aurora Grandal paleontóloga da Universidade da Coruña.
Ela desvelounos os misterios da orixe da turbeira da Arealonga, así mesmo falounos dos restos animais nela atopados e incluso fai pensar sobre aposible unión deste bosque fósil coa vida no castro.
Un pracer para os oídos que nos axuda a coñecer mellor a nosa historia.
Grazas Aurora!!!
 
























A charla na prensa








































domingo, 14 de mayo de 2017

"A Sociedad Ganadera"

SINDICATO AGRÍCOLA
SOCIEDAD DE AGRICULTORES DE SAN MIGUEL DE REINANTE

“A Sociedá”
Quen do pobo non recorda a Sociedade Gandeira de San Miguel?. Foi un dos primeiros temas no que puxemos o noso interese, por unha parte pola facilidade para encontrar testemuñas e documentación escrita, e por outra porqué cremos que a obra desenrolada desde principios do século pasado merece moito a pena para recuperar o seu pasado, a sua historia.

  Unha das primeiras cousas que nos achegaron foi o seu regulamento, un libriño de reducido tamaño, con unhas corenta páxinas que reza na sua cuberta “Reglamento del Sindicato de Agricultores de San Miguel de Reinante”. Está impreso en Ribadeo,  no prelo de “Las Riberas del Eo”; na última páxina di que foi presentado en Lugo o 6 de xuño de 1911 para o efecto da Ley de Asociacións. Tamén na última páxina relaciona as persoas que compoñen a Xunta Directiva que exercerá durante o ano 1912.

  Presidente: Pedro Penabad Fernández
Viceprsidente: Francisco Teijeiro Gallo
Tesorero: Lorenzo Remior Debén
Secretario: Ramón Forján Larrea
Vicesecretario: Ramón Pérez Otero
Vogais: Faustino Rocha García, José Mosquera Rocha, Antonio Rico Gómez, José Pérez Bermúdez, Francisco Iglesias Fernández, Antonio Gómez Fernández, José Pérez Rocha e Bastasar Novo Novás.





Con esta directiva, e tal como proclama o artigo primeiro nacía “A Sociedá”  a
Sociedade Gandeira que operou ao longo do século pasado no noso pobo.

"Bajo el lema de  unión  y trabajo y con la denominación de Sociedad de Agricultores de San Miguel de Reinante, se constituye un Sindicato Agrícola al amparo de las prescripciones de la  Ley de 28 de enero de 1906 y su reglamento."

Nos seus aproximadamente 100 anos de historia tivo unha grande incidencia na vida do pobo e das súas xentes. Non foi soamente unha mutua autoxestionada para cubrir economicamente o sinistros que sufrían os socios no seu gando, non. A Sociedade estivo presente en moitas decisións que marcaron a evolución do pobo, non podía ser doutra maneira tendo en conta que ata 1980 pasaban de 100 socios, 100 familias asociadas só de San Miguel, amais doutros vinte ou trinta en San Pedro.

Podíamos falar aquí da organización para  adquirir sementes, abonos e sulfatos de forma colectiva;  da contratación dun veterinario para atención do gando e decidir sobre os sinistros; da compra -nos primeiros anos- de sulfatadoras para uso común dos socios; da compra dun motor e una máquina para mallar as colleitas dos socios durante 20 anos e toda a organización que levaba consigo; e, de outras accións de carácter  social, en tempos que as administracións non cubrían as mínimas necesidades dos cidadáns, facendo da necesidade virtude, dirixir o movemento en prol de conseguir bens e melloras para o pobo, estamos a falar do ancheamento das estradas de Pereira ou da Barranca, abrir novos camiños, carrexar pedra para as obras das escolas que pagaron os emigrados do pobo na Habana, conseguir do concello a cesión do Areal e o seu arranxo como espazo público en xaneiro do 1953, levar a festa do seu patrón durante mais de 30 anos...



A Sociedade, o  Sindicato de Agricultores de San Miguel de Reinante ten un século de historia tras de si, e nós temos un extenso relato que contar recopilado de libros de actas que nos achegaron, de papeis que durmiron ducias de anos nas casas dalgún veciño, e dalgunha conversa que tivemos. Pola sua extensión non vamos reproducila neste blog, deixámola para mellor ocasión; hoxe só vamos narrar unha faciana desa historia que non puido ser, un anhelo que non se cumpriu: Ter unha edificación propia que constituíse o seu Local Social, a Casa da Sociedade.

1928
Na acta correspondente a  Xunta Xeral Ordinaria do día 29 de xaneiro de 1928  encontramos a primeira referencia a dito propósito. Podemos ler:

... el señor José María García propuso a la junta que era necesario gestionar del Ayuntamiento la adquisición del terreno denominado el Areal para fabricar en dicho terreno una casa para la Sociedad puesto que la que hoy ocupamos es eventual, puesto que si se aprueba la escuela de niños en proyecto tendremos que dejarla, y en su vista, la junta acuerda que la directiva nombre una comisión para que haga las gestiones pertinentes...

A comisión estaba composta polo propio presidente, Pedro Penabad Fernández, José María García e Ramón Forján Larrea. Ao longo do ano as negociacións non frutificaron, aínda que non se especifica os motivos, a finais dese ano, noutra xunta xeral, infórmase  das dificultades de conseguir ese terreo para  ese fin. Esta xunta tamén acordou que si o Areal non podía acoller a casa da Sociedade, se puxesen os medios necesarios para que fose declarado de utilidade pública, asunto que tivo que esperar 14 anos mais.

O parágrafo anterior tamén nos aclara que ata 1928 era unha soa escola de nenos e outra de nenas as que funcionaban en San Miguel, é que foi ese ano cando se estableceron as catro escolas que coñecemos ata o ano 1970 aproximadamente.

Acorda tamén a mesma reunión :

...ayudar a Sociedad de Instrucción Hijos de San Miguel y Reinante con los trabajos de acarreo de materiales y demás en la obra que hagan en la finca de los colegios...

E por último o mestre D. Secundino López ofrecíalles a sua escola para as reunións, mentres  non tivesen outro local de  reunión. Durante os tres seguintes anos supoñemos que farían uso do ofrecemento do mestre para facer as xuntas en algunha das escolas pois mais adiante  tamén atopamos un agradecemento para a mestra Dª María Seijas pola cesión da súa para as xuntanzas.

 En 1931 aparece outra referencia a un local de reunións:

 “se traladan mesa y bancos de la casa de Baltasar Novo al local de José Dorado López” (Heredeiro).

Os baixos da casa do Heredeiro constituíronse en local social, como pouco ata 1944, xa que este ano e os anteriores encontramos anotacións dunha gratificación que se lle pagaba ao propietario pola sua utilización.



1947
A mediados do ano 1947 A Sociedade volve a intentar a construción dunha sede propia; esta vez o terreo comprouse  nos Campos,  o propietario tamén era  Concello e  as xestións estaban avanzadas. No verán de 1948 o presidente anuncia en Xunta Xeral que xa ten un presuposto, pero que non facilita mais detalles porque  está a espera doutros, asi mesmo fala tamén de algún problema que estaba tentando de solucionar o alcalde.
 O problema non tivo boa solución, porque en novembro deste ano volve a informar  que se rescinde o contrato de compra-venda co Concello, do terreo dos Campos para sede do local social, e, pasado mais dun ano a liorta nótase que chegou a enredarse tanto como para ter que solucionalo por medio de avogados e no xulgado.

Por testemuñas que recollemos parecer ser que o solar situábase na esquina que forman o Camiño Real dos Campos coa estrada de Pereira, e o problema xurdiu cando un veciño saíu ao retracto da operación. A compra fora feita por 500 pesetas, a Sociedade recuperou ese importe mais os impostos da operación, pero o avogado meses despois pasou unha factura polos seus servizos que ascendeu a  1.500 pesetas.

Foi despois deste segundo intento por construír unha sede social, cando, previa solicitude a Sociedade de Hijos de San Miguel y Reinante en la Habana, se acondicionou o pequeno local entre as escolas de nenos nos “Colexios Vellos”.

“Se acuerda ocupar  el local que nos brinda la Sociedad de Hijos de San Miguel de Reinante en el colegio gratuitamente, para celebrar allí nuestras reuniones.” (Acta do 5 de decembro de 1948)

Este local fíxose a propósito para uso da Sociedade, cremos que restándolle superficie a escola que rexentaba o mestre Don José Ferrero Villanueva. Era un local pequeno tendo en conta que  a Sociedade contaba neses momentos con 165 socios, pero a participación nas xuntanzas tampouco era multitudinaria, agás casos excepcionais.

1954
Pasa o tempo e a idea do local  non se borra da folla de ruta das distintas directivas. En 1954 a Sociedade  de Agricultores de San Miguel de Reinante  compra outro terreo para a sua edificación. A vendedora foi Dª Amadora Maseda, o prezo da venda 7.500 pesetas, mais 852 de escritura. Este estaba situado entre o Areal e a ponte de Entrerríos. Levábao en arrendo Rodolfo Tapia Leivas e seguiu labrándoo, como pouco ata mediados dos anos sesenta, pagando as 45 pesetas de renda a Sociedade.

1963
Non contamos coa referencia escrita do momento en que se decidiu recadar fondos extraordinarios co fin de fabricar a sede no novo solar, debeu ser nas xuntanzas xerais de finais de 1962 porque durante o ano seguinte cada socio empeza a aportar  25 pesetas  trimestrais  durante cinco anos para constituír un capital co que  poder acometer a construción do local; os socios nestes momentos rondan os 140 e, en 1967  contan con  ao redor de 70.000 pesetas. Quizais non semellasen moitos cartos para un gran edificio, pero o plan seguía sendo, como era tradicional, o participar todos nos traballos da construción do local, e decretando unha sanción económica  para o socio que non cumprira coa sua quenda.

Porqué non saíu adiante este proxecto?.  Non temos unha resposta concreta; a emigración camiño de Europa e  doutras comunidades mais industrializadas era intensa e deixaba o pobo sin os brazos mais rexos para traballar, pero o noso sindicato agrícola contaba aínda con 145 socios. Segundo algunha opinión que recollemos, inclinámonos  por pensar que  a decisión foi pospoñéndose, ben por preguiza ou por falta de participación nas xuntanzas onde había que tomar as decisións, e os anos sucesivos, metidos xa na crise económica dos setenta, os datos de inflación en España empezaron a marcar os dous díxitos rondando o 20% e incluso sobrepasándoo algún ano, o que fixo que o capital acumulado fose claramente insuficiente en pouco tempo. O solar seguiu ano tras ano baldío agás o centro de inseminación que se fixo nunha pequena parte del no ano 1966, e desa forma chegou aos anos noventa cando houbo outra proposta  de construción auspiciada pola Cooperativa do Campo. Tampouco frutificou.

Nos anos seguintes xurdiron varias ideas para utilización de devandito solar que a Sociedade comprara en 1954; propostas da  AA de VV, construción de almacén de pensos, cesión de uso para o pobo...  pero é en marzo do 2008 cando a Xunta Xeral de socios toma unha decisión e  acorda :

... se cede al Ayuntamiento para la ejecución del proyecto de “Acondicionamiento 2ª fase Plaza del Souto”, con las condiciones de que este cierre el terreno siguiendo la línea del actual parque y que instale en dicho terreno elementos de rehabilitación para gente de la tercera edad...

Desta maneira foi como o solar da Sociedá despois de 54 anos pasou a ser de uso público e formar parte do parque do Areal.












TRABALLO DE CAMPO
Faustino González Recalde

AGRADECEMENTOS ESPECIAS:
Andrés e Manolo de Teixeira polos libros de actas conservados por seu pai.
Maite Fernández  do Sancristán e Pancho do Heredeiro por toda a documentación aportada.
 E aos testimonios vivos de Manolín do Claveiro e Paco de Benino do Sancristán