Praza do Souto

Praza do Souto

martes, 1 de agosto de 2017

O Arco da Vella por Enrique Penabad

                                                                              I

Os  acontecementos,  relevantes ou  non tanto,  da  humanidade, teñen sempre uns antecedentes lonxanos e outros, máis preto e que funcionan como detonante ou chispa para prender a mecha da historia. Algo así debeu de acontecer coa aparición da agrupación folclórica que se formou en San Miguel de Reinante aló polos principios de 1980.

No instituto de “enseñanzas medias “ de Ribadeo, tiñan como actividade extraescolar, as clases da “tuna”. Pero que ninguén pense que se entoaban os “clavelitos” ou “pasa la  tuna en Santiago”, non; baixo a denominación de tuna, a finais do 60 e comezos dos 70, dábanse clases de gaita e baile “gallego” (como xa se lle chamaba daquela). Pois ben, por esa tuna pasáramos algúns  rapaces e rapazas  de S Miguel que facíamos o bachiller (non había “bacherelato” de aquela) elemental nas aulas do instituto (incluso gañáramos un primeiro premio en Viveiro dun concurso organizado pola Sección Feminina), facendo o esforzo, de ir os sábados no coche de liña da empresa Ribadeo, e regresando no tren, á hora de comer (claro que desde a estación de Reinante, case chegába á casa, á hora da merenda).

Por outra banda, dentro das importantísimas funcións que desempeñou o antigo Plantel e Teleclub de S. Miguel,  era a organización de “semanas culturais”. Na derradeira,  no ano 1979,  viñera actuar un grupo de baile folclórico, formado tan só por  rapazas e utilizando o que hoxe se denominaría música enlatada, ou sexa, que as muiñeiras e as jotas viñan dentro dun radiocasete. Ao remate daquela actuación, un simple comentario á saida do cine Rimar:
       -E mellor ca esas facíamolo nós, e tocando una gaita de verdade!!.

Ao día seguinte, derradeiro día da semana cultural, no escenario  do Rimar,  4 parellas (Marisol, Paca García, Pepita e Mª José Campos,  con Paco, Ramón Angel, Sito e Justino) José María Ares (tocando uns bongós) e eu a gaita (que lle tocara a “Paco do Cuplé” nunha tómbola), fixemos dous bailes, ensaiados con todo o cariño toda esa tarde e usando como uniforme, pantalón vaquero e unha daquelas fórmulas azuis.

O  aplauso final foi  apoteósico, de xeito que ao día seguinte, xa estábamos empezando a poñer as bases do que sería a primeira actuación  coa vestimenta tradicional do día 5 de xaneiro de 1980 na cabalgata de Reis (gracias a axuda de D.Jesús, o cura da Devesa que naquel ano tamén levaba a nosa parroquia e sabía  que no colexio das monxas de Ferreira do Valadouro había algo que nos podían prestar),  de convocar unha reunión o día 10 de febreiro dese mesmo ano,  para constituirnos como agrupación folclórica e cultural, e de pasar toda unha tarde dun sábado buscando un nome  para denominar aquel  proxecto no que se estaban embarcando dezasete  mozos e mozas sanmigueleños.

 Lembro que logo de múltiples votacións por eliminación, o nome elexido foi sacado do libro de poemas de Manuel María, “Os Soños na gaiola”, e que ainda que naquel momento era nada reflexara os nosos obxectivos iniciais, hoxe, ´decir O Arco da Vella, é sinónimo de música e baile deste pobo  así como de referencia dentro dos grupos folclóricos da comarca.


                                                                              II

Recordo que ese inverno foi crudo, pero en realidade non importaba moito, xa que os fins de semana que seguiron a esa data, a actividade na cociña da miña casa foi constante:

-Maruxa, miña tía, que moitos non recordaredes que tiña unha tenda na esquina do Souto, foi a encargada de pedir (e fiarnos case que durante un ano) o fieltro  para facer faldas, mantelas e dengues.
  Blanca, miña nai, foi a encargada da confección (facer patróns e cortar), e  o resto das/os “compoñentes” que están nesa primeira foto histórica de O Arco da Vella, sentadas polo chan da cociña da nosa casa, daban algunha puntada, colocaban lentejuelas e canutillos según lles iban decindo, para conseguir uns boitos traxes; todo  eso claro,  ademáis de empezar a ensaiar bailes e pezas de gaita (coas catro primeiras que mercamos en Chantada entre Paco e máis eu e que casi que era imposible afinalas) con regularidade no salón de Tirabeque.
Patróns para adornar os primeiros dengues e mantelas.
programa das festas daquel ano no que se anunciaba a primeira actuación da Asociación.

Ante  a espectación de que había un grupo “folclórico”, a comisión de festas do S.Isidro púxose en contacto con nós para que fixéramos a nosa estrea, debut ou como lle queirades chamar, o día do patrón dos labradores, o 15 de maio de 1980, e así o anunciaron na publicidade da festa.
Ainda faltaban  uns pequenos detalles, para ser  un grupo que se precie:
a) A bandeira!!. Entón, Guillermo do Capataz, coa idea que lle presentamos (“as letras tiñan que levar as sete cores do arco da vella”), pintou nun lenzo as letras que compoñen o nome da agrupación,  preparou e barnizou  o “pau da bandeira”  ademáis de   tornear uns capuchóns,  e que logo a costureira xa se encargou de  engadir as travesas e coser as letras que figuran, para orgullo de todos, nesa primeira bandeira que aparece na foto oficial que sacaríamos s nas escaleiras dos Colexios Vellos (que mellor sitio!!) .
b) Os intrumentos de percusión. Os ensaios de tamboril  con Juanjo (de Tirabeque), facíanse nun tambor … de deterxente, e de bombo…as mans.  Así que cunha xestión rápida coa Deputación e o seu presidente Cordeiro, o víspera da festa, no “correo”-así se lle chamaba- da empresa Ribadeo que chegaba ás sete da tarde,   aparecera unha caixa na que viña dentro un bombo  e un tamboril “auténticos”, casualmente, blancos e azuis.
 Cando chegou o día 15, logo de darse composto (pois pouco habían vestido esas roupas con anterioridade) o primeiro que se fixo, foi  acercarse as escaleiras das vivendas dos Colexio Vellos –que mellor sitio-, e como non, sacar esas fotos, que xa levan facendo trinta e sete  anos de historia.
                                                 

Logo chegou o  primeiro pasarúas oficial dende alí ata o Cuplé, para rematalo na  pista do Souto, ateigada de xente, supoño que espectantes por saber que poderían ver e escoitar desa  primeira actuación da Agrupación Folclórica O ARCO DA VELLA
A verdade que non recordo as felicitiacións en concreto do momento, pero si o entusiasmo e a ilusión da xente que nos estaba mirando e a  comisión ,  animándonos a volver para a festa do seguinte S Isidro .  Pero si lembro moi ben, polo estrano que me sonou, as palabras escritas en La Voz de Galicia uns días despois, donde se decía:
-Hizo su presentación en la parroquia de S Miguel de Reinante,la agrupación O Arco da Vella, formada por  jóvenes de esta localidad , que hicieron una exhibición de bailes regionales acompañados por el grupo de gaitas y tambores…!! !


así foron os comezos desta asociación que nos acompaña dende hai  37 anos e que se converteu en sinal de identidade dun pobo. Larga vida a " O Arco da Vella"
                                    "  O arco da vella
                                        no ceo subido
                                        co seu colorín
                                         co seu colorido"
CONTINUARÁ...

No hay comentarios:

Publicar un comentario