Praza do Souto

Praza do Souto

domingo, 15 de septiembre de 2019

O Pazo de Pumarín

CASAS BRASONADAS DE SAN MIGUEL DE REINANTE

Traballo de investigación de:Francisco José Campos Dorado e Faustino González Recalde

Fotografía... Andrés Bourio


HERÁLDICA
Antes de poñernos a dicir de quen son os Escudos de Armas das casonas dos fidalgos -que tamén atopamos nalgunhas capelas de igrexas-, creo que é preciso facer unha breve introdución sobre o que é a Heráldica e que é o brasón. Pois ben, a heráldica e o arte de explicar e describir os brasóns dos escudos de armas, así como a súa relación e distribución no campo do escudo.
O brasón e todo signo, figura ou emblema, enmarcado adecuadamente nun escudo de armas, co que se distinguen uns reinos doutros, as nacións, provincias, cidades, vilas, pobos, familias e individuos.
O brasón nace a partires do século X. Os cabaleiros vestían pesadas armaduras para entrar nas “xustas”, que eran torneos a cabalo con escudo e lanza, e ao vestirse con cascos e coirazas, eran irrecoñecibles para aqueles que asistían aos combates, por isto, a partires de comezos do século XII os cabaleiros fixeron debuxar nos seus escudos emblemas de distinción que foron chamados “brasóns”. O étimo brasón, provén do verbo alemán blasen: “tocar a trompeta”, ou do inglés blast: “trompetazo”; pero ambos os dous débense confundir nun só.  Isto é debido a que á saída de cada cabaleiro o campo da xusta, anunciábase o público que asistía ao torneo tocando unha trompeta ou un clarín, e un pregoeiro describía as características da armería, así a xente sabía do cabaleiro que se trataba segundo a divisa que levaba debuxada no seu escudo. De aí que o toque de clarín ou trompeta, significaba que saía un “brasón” (unha armería) o campo da competición.
Na súa orixe as figuras dos brasóns eran tan arbitrarias que había serias rivalidades entre os cabaleiros por querer usar os mesmos símbolos para representarse. Así naceu o que se coñece como “armas” ou símbolo heráldico, por ser os “heraldos” os encargados de regular e ordenar o uso dos emblemas. No século XIII, aquelas “armas” persoais de cada cabaleiro, pasaron a ser hereditarias ou de “liñaxe”. Polo que a partires do século XIV, os brasóns dos escudos, pasan de cumprir o cometido de identificar aos cabaleiros, a ser un símbolo histórico de alianzas familiares entre liñaxes, recordo de feitos heroicos ou de empresas acontecidas no pasado, e comezan a representarse en pedra e a servir de decoración nos pazos e casas daqueles señores.
Esta tendencia a adornar os pazos cos escudos de armas, levou a crear unha diferenciación entre brasóns e labras. En Heráldica o “brasón”, como xa dixemos, son as armas dun cabaleiro ou dunha familia, recollidas nun memorial ou pergamiño, e é único para unha liñaxe, pois son armas herdadas dos seus antepasados. En cambio a “labra” é a reprodución heráldica nunha pedra, acaroada ou fincada na parede dunha casa, ou gravada na lápida dunha sepultura e sole agrupar no mesmo contexto artístico varios brasóns diferentes. Isto converte á labra nas Armas dunha Casa, que son unha sucesión de liñaxes unidos por lazos de consanguinidade e afinidade que ao largo de xeracións moraron en determinada vivenda
Por outra banda, os escudos de armas labrados en pedra están feitos un pouco, ou un bastante, a criterio dos artistas canteiros que os cicelaron e as veces realizados cun tecnicismo esaxerado e mercantilista que se sae arbitrariamente da pureza das leis ou normas da heráldica.
Pero en tódolos países de Europa acontece o mesmo cos estilos e tendencias diversas que influíron nos artistas. De calquera maneira, os escudos e brasóns non deixan de ser unha marca indeleble na historia, dos liñaxes das familias que habitaron nun lugar.
O cabaleiro era a persoa que montaba a cabalo, e na heráldica é unha persoa de orixe nobre, que ten conducta exemplar, xenerosidade e honorabilidade, compostura e temperanza; unha persoa servizal, atenta cos débiles e sumamente leal ao señor a quen sirve.
Era unha profesión que se aprendía pasando por doncel e escudeiro para demostrar as calidades físicas necesarias para o servicio das armas, e as virtudes cristiáns, o seu valor e sabedoría, siso, lealdade, misericordia, castidade, humildade. Non é pois a calidade do cabaleiro o que se puidera herdar, senón o título gañado polo cabaleiro, aínda que para ser cabaleiro era preciso ter nobreza de sangue, agás casos excepcionais. Para ser armado cabaleiro, este tiña que confesar e comulgar e pasar o día anterior en “Xaxún”: abstinencia de todas ou dalgunhas das comidas durante ese período de tempo e facer abstinencia sexual.
Deixemos os hábitos daqueles cabaleiros tan sumamente disciplinados, asumindo que aqueles xa non existen, e vexamos os brasóns que deixaron para as súas liñaxes, para as súas familias e quen son recordo da súa honra.


Nota importante: cando lemos a descrición dun escudo de armas temos que ter en conta, que no relato heráldico, cando se di “destra” e “sinistra” refírese á do escudo e a do cabaleiro que o empuña, que é o lado contrario o da persoa que o está mirando.

CASA TORRE DE PUMARÍN (Casa dos Pérez Moreda)

Sobre a gran portada rematada en arco de medio punto peraltado formado por dovelas en cuña, labradas en cantería, existen dous escudos de armas, magnificamente cicelados en baixo relevo.
A obra da portada esta resaltada por un sinxelo bateaugas cuadrangular (serie de molduras de cantería que protexen o arco da portada e os escudos da auga de choiva que escorre pola parede) cuxos extremos están terminados en pedestais de catro corpos, mesmamente de igual forma que o marco dos escudos -como veremos-, o que fai un conxunto de gran harmonía artística.







Situación na fachada dos escudos e do lintel sobre a fiestra coa laude ou inscrición de construción.

 

O que significa: “ESTA CASA (LA) HIZO ALVARO TABOADA Y VIOLANTE DE ANDRADE SU MUJER. COMENZOSE EN EL AÑO DE 1559 Y ACABOSE EN EL DE 1561”.
Esta laude evidencia de forma expresa a notable antigüidade desta casa solar de mediados do século XVI, digna dun estudio heráldico rigoroso, pois presenta dous escudos de armas de grandes liñaxes do Reino de Galicia que están moi ignorados na historia da provincia de Mondoñedo e na da provincia de Lugo, polo que é preciso proclamalos, fundamentalmente para que vindeiros estudos sexan máis completos na Xenealoxía de tan antigas familias asentadas en San Miguel de Reinante.
Cando nos referimos a importancia dos estudos xenealóxicos dunha poboación, é debido a que a xenealoxía é tan antiga como a familia. Mostra tan eminente deste aserto é a Biblia, que presenta unha completa cronoloxía baseada na ciencia xenealóxica, pois a familia e o seu liñaxe sempre foron motivo de preocupación no pobo hebreo, pois o Mesías anunciado por Patriarcas e Profetas ía nacer dunha persoa do pobo, e todas as familias querían ter ao día a súa historia xenealóxica (Tratado de Genealogía, Heráldica y Derecho Nobiliario, Instituto Luís de Salazar y Castro; Curso de Licencia, 1961, páx.12).









ESCUDO ESQUERDO (segundo se mira cara á fachada)

   
(foto) (debuxado por riba)

En Heráldica a súa forma trátase como un escudo “español carlista” ou escudo de “forma de casulla” (Heráldica Española, El Diseño Heráldico, Luis F. Messia de la Cerda y Pita, 1990, Páx.29). O apelativo “carlista” refírese a Carlos I de España e V de Alemaña (1500-1558)
O escudo de armas, está rodeado dun marco cadrado formado en ambos lados dun adorno a modo de delgadas columnas salomónicas soportadas por pedestais de catro corpos. Pola parte alta cérranse as esquinas con cantoneiras e cun cordón horizontal retorcido. A parte baixa, carece de cerre externo, polo que os pedestais das columnas son a liña base de construción.
O espazo intermedio, está recheo cun adorno exterior o campo do escudo (“o campo do escudo” é a superficie interior delimitada polo contorno ou bordura do propio escudo de armas). Este adorno intermedio, consta de figuras e formas de gran riqueza, propias do sentido cultural e artístico do Renacemento. Está formado por unha gran grilanda que cerra enriba como unha coroa de loureiro á que se van engadindo, simetricamente a ámbolos dous lados, floróns, cálices e figuras propias do Paraíso Terreal. Así, a media altura, aparece a mazá e a serpe, seguido dun ramo de flores que remata a parte alta da casula. Nas esquinas altas dous anxeliños coas ás abertas, parecen estar vixiando ou ollando o que “por alí abaixo acontece”. As esquinas baixas están rematadas por dous floróns de rododendro moi ben repenicados.
O campo do escudo está cuarteado en cruz (dividido en catro cuarteis).
Primeiro cuartel ou cuartel destro (alto esquerdo segundo o miramos, ver nota de enriba). Consta de tres táboas dentro dun escusón en punta, rematado cunha “T” ou Cruz Tao o de Tau de San Antonio Abade, e en orla oito caldeiras, as dúas superiores, máis grandes. Fai referencia ás Armas dos TABOADA (si tivera esmaltes serían: en campo de goles (fondo vermello) tres táboas de ouro en pau (verticais), bordura de prata con oito caldeiras de sable (da cor negro).
Este brasón parece ser dun descendente de D. LOPO PERES DE TABOADA (en campo de goles, tres táboas de ouro en pau) e da súa muller D.ª MAYOR MENDEZ (cinco caldeiras de sable en aspa) cuxos escudos acolados se atopan na sepultura do ano 1422, no mosteiro de Pallares no municipio de Guntín, Lugo. Neste caso hai dúas caldeiras altas demáis e ó facelas de maior tamaño cas restantes, quizais sexa un detalle que fai referencia a un emparentamento desta Casa de TABOADA coas Armas dos RIBADENEIRA.
O escusón (escudiño pequeno) ten similitude na forma, co escudo do século XVI de D.ª Leonor de Aragón na súa sepultura da Capela dos Reis de Toledo (Heráldica Española, El diseño heráldico, Luis F. Messia de la Cerda y Pita, 1990, Páx.37)
As armas dos TABOADA na Casa da Torre de Arcos en Chantada ten catro barras en pau, rodeadas de seis caldeiras e na Casa Torre de Mera, en San Lorenzo de Vilamaior de Negral en Guntín, no escudo xaquelado (con cuadrícula) e partido dos ULLOA E TABOADA, ten oito caldeiras iguais en tamaño.
Segundo cuartel ou sinistro (alto dereito segundo o miramos). Unha aguia mirando a destra, co voo baixado ou de ás caídas mostrando o peito. Son armas dos AGUIAR.
Terceiro cuartel (baixo esquerdo segundo o miramos). Consta dunha banda engulida de dous dragantes (banda cuxos extremos están entre fauces de animais, neste caso de dous dragóns). Son armas dos ANDRADE sen lema. Si tivera esmaltes serían: en sinople -en campo da cor verde- unha banda de ouro engulida en dúas cabezas de dragóns do mesmo metal véndoselles a lingua. Para estar totalmente correcto debería levar unha bordura de prata co lema: Ave Maria Gratia Plena. O lema, neste caso, quizais non fora gravado polo escaso espazo que hai no cuartel.
Cuarto cuartel (baixo dereito segundo o miramos)***. Consta de dúas serpes ñudadas (anudadas) pola cola, facendo unha “S” // tamén puideran interpretarse como dúas serpes cargadas pola cola con dúas lousas. Non podemos interpretar o brasón con exactitude, pero o máis probable e que sexan Armas dos LOSADA, quizais da liñaxe familiar de D.ª TERESA DE LOSADA casada con D. RUI VAZQUEZ DE QUIROGA, comendador de Benquerencia e mestre da Orde de Alcántara (Blasones y Linajes de Galicia, D. José S. Crespo del Pozo, Volumen III, páx.223).
Hai un matrimonio celebrado en xuño de 1700, na Igrexa parroquial de San Miguel de Reinante, que parece confirmarnos nalgunha medida, que este cuarto brasón é de LOSADA polos apelidos da noiva:
D. Domingo del BUSTO Y VILLAMIL + D.ª María de SIERRA Y OSORIO
1. DIEGO DEL BUSTO Y VILLAAMILL + D.ª MARIA PARDO DE ULLOA Y LOSADA (ela é filla do Capitán D. Juan Pardo de Cela y Taboada + D.ª Antonia Ulloa Losada y Valledor. Testigos D. Gaspar de Lamas, cura de S.Julian de Cabarcos, Bernardo Rodríguez de S.Pedro de Benquerencia e D. García Valledor, de Presno, Asturias. Matrimonio celebrado o 3 de Xuño de 1700) (Libro Matrimonios Nº1(1670-1738) Folio 175-V, e Defuncións Nº2 (1715-1737) San Miguel de Reinante)

Observacións:
Na heráldica española a serpe simboliza a prudencia, astucia e cautela // Na heráldica inglesa: a serpe é símbolo de sabedoría e de desafío, de fertilidade e de renovación // A serpe veu có apelido Jáucenes de Valencia, que emparentaron cos Gil Taboada do Norte da Galicia.

***Na obra: Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia (Tomo LVI, páx.98), preséntase este cuartel como das Armas dos LOSADA: dúas serpes cargadas pola cola con dúas lousas. En cambio, frei José Santiago Crespo del Pozo na súa extraordinaria obra “Blasones y Linajes de Galicia” relata que son “lagartos” nun paragrafo do Volume V, páx.217: “moi unidos aos QUIROGA, foron os LOSADA, chegando a constituír unha soa familia... Refire a lenda cuns cabaleiros chamados Sisiberto, Astolfo, Sifaldo e Ubisaldo, mataron en terras de Quiroga uns “grandes lagartos” que tiñan aterrados aos poboadores daquela comarca e que desde entón eles e os seus descendentes usaron como brasón uns lagartos de sinople (cor verde) baixo unha lousa, todo en campo de sangre (de goles -cor vermella). Por outra banda (ibidem, páx.217) Vilar e Pascual di que os cabaleiros que extinguiron a “praga de réptiles” chamábanse Xoán e Diego. Como se ve os bichos baixo a lousa son ou ben, lagartos ou serpes. De aí a dubida das Armas deste cuarto cuartel.















ESCUDO DEREITO (segundo se mira cara á fachada)

   
(foto) (debuxado por riba)

A súa forma trátase en heráldica como: escudo “español carlista” ou de “forma de casulla” (igual que o antedito escudo esquerdo).
O adorno exterior o campo do escudo, moi erosionado, asemella o do escudo esquerdo, pero con motivos ornamentais distintos. Aquí vemos que a coroa está feita de follaxe, froitas e cálices de flores distintas, e as figuras das serpes e das mazás, foron substituídas por “panelas” (follas de álamo), iguales cas da parte alta. En cambio, as esquinas altas rematan con anxeliños de ás abertas, como no escudo anterior, e as esquinas baixas en outro tipo de floróns moi deteriorados pola erosión da intemperie.
O campo do escudo está dividido en catro pola que parece ser unha cruz ortodoxa que asemella a das Armas dos PARDO.
Primeiro cuartel ou cuartel destro: desdebuxadas pero recoñecibles, aparecen medias rodas e rodas de pedra das Armas dos CAMBA. Este apelido, segundo unha antiguísima tradición proben de Lucio Cambelo (ou Cambero) Romano, pretor ou virrei de Gallaecia, proxenitor de moitos señoríos dos CAMBA e dos TABOADA (Fortalezas de Lugo y su Provincia, D. Manuel Vázquez Seijas, Tomo I, páx.6) (Nota: os Taboada entroncan moitas veces cos Camba. Son parentes de D. Gonzalo Taboada y Ulloa, cuxas armas dos Taboada aparecen no 2º cuartel e as dos Camba no 3º cuartel do seu sepulcro na igrexa de Sta. María de Noceda -Lalín // na Casa de Caldaloba o escudo está dividido en doce cuarteis coas armas dos: Camba, Ribadeneira, Aguiar, Andrade, Taboada, Montenegro, Ron, Valcarce, Luaces, Zúñiga/Bermúdez, Bolaño, Rois e Yebra)
Segundo cuartel ou sinistro: moi desdebuxado e difícil de interpretar. Parece un cuartel tronchado e encaixado ou encravado, formado por un axadrezado baixo, de armas dos TRABA; dos ULLOA ou das armas dos ALVAREZ SALGADO, e na parte alta figuras indescifrables polo desgaste. A xenealoxía deste cuartel tronchado puidera referirse á de D.ª MAYOR FERNÁNDEZ DE TRABA TRASTÁMARA -terceira filla da condesa D.ª SANCHA FERNÁNDEZ e do rei D. FERNANDO de León-, quen casa con D. LOPE SÁNCHEZ DE ULLOA (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Santiago Crespo del Pozo, Primeira Edición do Mosteiro de Poio, Volume V, páx.165).
Terceiro cuartel: axadrezado en escusón das armas dos ULLOA, e postas en orla dúas serpes afrontadas coas colas entrelazadas das armas dos PRADA.
Cuarto cuartel: moi desdebuxado o que pode darse a outras interpretacións. Parece un cabaleiro montado a cabalo mirando a destra, con lanza en banda empuñada polo lado destro do cabaleiro. Parecen ser armas dos GUNTÍN, GUNDIN ou GONDIN cuxa casa solar provén de Gundín, do Concello de Monterroso, fundada no ano 1555 por Gómez de Gundín. En 1589 levanta o Pazo de Laxe nese concello, D. Francisco Salgado Guntín. Na xenealoxía atópanse emparentados con ilustres familias galegas como os Ulloa, Salgado, Gil Taboada, Montenegro, etc. (Blasones y Linajes de Galicia, J.S. Crespo Pozo, Volume III, páx.105)






XENEALOXÍA DE D. ÁLVARO DE TABOADA (Y AGUIAR) + D.ª VIOLANTE DE ANDRADE (fixeron a Casa Torre ou Pazo de Pumarín no barrio do mesmo nome en San Miguel de Reinante entre os anos 1559 e 1561 segundo reza na laude do lintel da fiestra da fachada // D.ª VIOLANTE DE ANDRADE é irmá de don FERNÁN SANJURJO MONTENEGRO, veciños do Padornelo, parroquia de Santiago de Sancobad, inmediato a Vilalba . (Arquivo de Reino de Galicia (foto 095014): “en el año de mil quinientos y ochenta D. Alvaro Tavoada, quinto abuelo de mi parte hizo mejora vinculada de tercio y remanente de quinto a Don Pedro Pardo su hijo”
1. D. PEDRO PARDO DE AGUIAR (Capitán)(falece 1596) (foto 113258) + D.ª MENCÍA VALDÉS
(tiveron dous fillos) (foto 095014) : “en el de mil quinientos noventa y seis la hizo también de los suyos a favor de Don Juan Pardo su hijo quien en el de seiscientos y uno D.ª Violante de Andrade abuela de este y mujer de dicho Don Alvaro la hizo igualmente con la misma cualidad a favor del predicho Don Juan su nieto agregándola a la hecha por el referido Don Pedro Pardo”.
1. Dª MARIA PARDO (monxa no Convento de Sta. Clara de Ribadeo) (foto 095028): “al mismo tiempo se le hizo juntamente de su legítima y de la de Doña Maria Pardo, su hermana monja en el Convento de Santa Clara de Ribadeo que se le había cedido)
2. D. JUAN PARDO (DE CELA ULLOA Y TABOADA) DE AGUIAR (Capitán) (foro de 1602) (Datos: Arquivo do Reino de Galicia -Fondo da Real Audiencia de Galicia- Signatura 3339/10 foto 102837): A herdanza de D.ª Violante déixalla ao seu neto D. Juan Pardo, e vai ser última posuidora Dª María Josefa Pardo de Cela Ulloa y Taboada, por cuxos beneficios preitearán os seus fillos, no ano 1738, D.Carlos Miguel e D. Gaspar Juan Acevedo Pardo y Taboada). D. JUAN PARDO tivo tres fillos:
1. Dª ANTONIA PARDO
2. D.PEDRO PARDO TABOADA DE AGUIAR +Dª CATALINA DE VIVERO NAVIA Y VILLAAMIL (aforan en Meygode o 18-Xullo-1659 a Juan do Couto). D. PEDRO morre sen fillos nin herdeiros e deixa a súa muller Dª Catalina de herdeira universal, pero o vínculo fundado por Dª VIOLANTE DE ANDRADE pasa a súa segunda filla Dª CATALINA)
3. Dª. CATALINA PARDO TABOADA (herdeira do vínculo, preiteou coa súa cuñada pola herdanza ata firmar Escritura de Concordia en 1661) + D. ALVARO RODRÍGUEZ DE LABRADA Y NOYS (do lugar de San Juan de Verea, en Nois, hoxe Brea). (Foto 131529) “Dª Isabel Pardo de Zela y Taboada contra Don Juan Pardo Taboada y Zela para hacer la partija de los bienes que fincaron a la muerte de Don Alvaro Rodríguez de Labrada y Noys y Dª Cathalina Pardo Taboada padres de entrambas partes”...“el dicho Don Álvaro se falleció habrá cuarenta años poco más o menos, quedando al tiempo mi parte menor de diez años y la dicha Cathalina, su madre, se falleció habrá diez años”. San Juan de Nois 1703). Tiveron varios fillos, entre eles, constan:
1. D. LUIS PARDO TABOADA
2. Dª ISABEL PARDO DE CELA Y ULLOA TABOADA + D. PEDRO DEL BUSTO Y FLOREZ (1645-1698)(herdeiro do Palacio de Sante, Señor de Herbellais e Rexidor perpetuo da Vila de Viveiro (Lugo) (matrimonio en 1678, en parroquia do Señor Santiago, Viveiro) (Xenealoxía do Arquivo privado de D. FERNANDO LAMAS BADÍA, descendente dos BUSTO e dos LAMAS DE QUINTALONGA)
3. D. JUAN PARDO TABOADA. Este tivo dúas fillas:
  1. Dª ANTONIA PARDO Y TABOADA + D. DIEGO FABIÁN DEL BUSTO de Tapia (Foto 111813)Arquivo da Casa LEBREDO LANZA Documentos transcritos por Dª María Concepción Álvarez Lebredo. Memorial ajustado a pleito que siguieron Dª ANTONIA MARÍA PARDO viuda de D. DIEGO FABIAN DEL BUSTO como herencia de su hijo D.José y D. Sebastián Cernuda marido de Dª Micaela del Busto, y de resultas de dicho pleito se liquidó el vínculo de Tapìa... http://es.slideshare.net/Lafragatadepapel/escrituras-de-la-casa-de tapia-en la-parroquia-de-san-esteban
  2. Dª MARIA JOSEFA PARDO DE CELA ULLOA Y TABOADA (viviu na “Casa Torre de Pumarín” de San Miguel de Reinante) (fixo testamento de 8-Mayo-1738) + D. GREGORIO ANTONIO DE ACEVEDO PARDO VILLAMIL Y MONTENEGRO (aeñor da casa de Acevedo da vila de Castropol, fillo de D. Juan de Acevedo Pardo + Dª Catalina Villamil y Bolaño) (Foto 101048) “Don Gregorio Antonio de Azevedo ha mucho tiempo se ha muerto y la referida Doña María Josepha Pardo de Cela Ulloa y Taboada ahora el próximo Junio 1744)
1. D. GASPAR JUAN ACEVEDO PARDO Y TABOADA
2. D. CARLOS MIGUEL ACEVEDO PARDO Y TABOADA (herdeiro universal, veciño de Ribadeo, Capitán de Granadeiros do Rexemento de Infantería de milicias de Oviedo) + Dª MARIA DEL CARMEN LLANO Y CIGORÁN
3. Dª ANTONIA ACEVEDO PARDO Y TABOADA (difunta en 1738) (coñecida en 1688 en San Miguel de Reinante como Dª ANTONIA DE ULLOA) + D. MANUEL GONZÁLEZ BALCARCE CUELLAR BUSTILLO Y ESPAÑA (veciño de Campo, xurisdición da vila de Ponferrada Provincia do Bierzo)
4. D. GREGORIO ANTONIO DE ACEVEDO (morreu moi novo ??) 5. Dª FRANCISCA ACEVEDO PARDO Y TABOADA (en Castropol en 1738)
6. Dª MARIA ACEVEDO PARDO Y TABOADA (coñecida en 1684 en San Miguel de Reinante como Dª María Pardo de Ulloa) (cásase para Castropol antes de 1656 en que está viúva, cando litiga con D. Pedro García de Presno. En 1738 sigue en Castropol o igual que seus irmáns + D, PEDRO FERNÁNDEZ DE VALLEDOR (de Castropol)
7. Dª JUANA ACEVEDO PARDO Y TABOADA (veciña de Castropol en 1738)
8. Dª CATHALINA ACEVEDO PARDO Y TABOADA (en Castropol en 1738) (preitea dúas veces polos bens forais vinculados ó Convento de Sta. Clara de Ribadeo con D. Salvador Menéndez en 1679 e en 1683)(preitea as partixas da herdanza de seus pais con Carlos de Acevedo Pardo y Taboada, seu irmán de Ribadeo, entre 1743 / 1759)




































No hay comentarios:

Publicar un comentario