Praza do Souto

Praza do Souto

domingo, 18 de diciembre de 2016

Os Espigueiros

OS ESPIGUEIROS
Hoxe non falarei de grandes voces no ámbito musical como foi Valerianito ou Tito González, nin de importantes filántropos que deixaron un gran legado para o pobo, nin de familias nobres ou heroes anónimos que partiron cara África
Nestes días próximos ao Nadal posiblemente a gran maioría das casas teñen o seu pino engalanado como a data o indica, antigamente ese pino íase buscar ao monte, recordo que meu avó sempre collía un que estivera moi cerca doutro para que polo menos un dos dous se lograra, curiosamente sempre acertaba en traer dos xemelgos o máis retorto e máis feo … pero  tamén despois falaríamos ao longo de todas as festas da árbore fea que trouxera Benino… pero hoxe non falarei  de nada diso, creo que a época do ano a merece  e falo desa xente humilde que no tempo da fame se botou aos montes recoller pinas para despois vender no mercado.
Foi nesta época cando se comezou a nomear aos de Foz chicharreiros, en Ribadeo os señoritos e en San Miguel... Os Espigueiros!.
Resulta estraño o termo Espigueiro xa que no pobo non se denominan espigas ás pinas, nin sequera é un termo que se empregara nos lugares nos que recollían pinas habitualmente os nosos homes e mulleres... a razón  puidera ser porque antes desta práctica a xente de escasos recursos recollía as espigas de trigo no denominado momento do rebusco...
Foron moitas as familias espigueiras unha delas foi a de  Camilo López e Rogelia Rocha que tiveron unha estensa familia de catorce fillos dos que tan só a maior deles Marina seguíu o oficio xunto co seu marido Eladio Pacios de todos coñecido como o cachelo. Os do Corello Florencio e Narciso Lende ( Nene), os de Pelaio Pedro, Plim,Malei, Gerardo de Amelia Tatá e Amelia .. os de Eloi, Domingo Soto ( o Caseto), Jesús Leiro García e a súa familia os do Pereiro ou Ramón Piñeiro Sandalio, moi coñecido tamén pola labor de limpador de traxes, e xa na última década os fillos de Demetrio, os Mesos aínda que a eles recordámolos máis por ir ao mar que ao monte.
Pedro de Pelaio

Os nosos Espigueiros nos inicios apañaban as pinas en montes de Cabarcos, Insua, San Xusto… nos que xente de boa fe lles deixaba incluso  tamén se trasladaban ata Budián, San Acisclo, Santa Cecilia...
 A carga nos primeiros tempos era transportada en burriños e incluso con algún saco ao lomboe a pe, aqueles que tiñan carro  eran afortunados incluso aproveitaban para traer unha carga de leña ou de palla. Xa nos últimos tempos cargaban as pinas nun camión que ía para Lugo e tan só lles cobraba o porte.
Cando apañaban por San Acisclo, Budian... parte do cargamento xa se ía vendendo polo camiño.Unha parte quedaba  no restaurante de Palmira en Vilaronte, e outra  descargábase na Espiñeira. O resto apearíase na casa de Don Vicente ( hoxe a casa de Tastás) e nas galerías do Souto esperando o día de mercado en Ribadeo, que daquela a parte de celebrarse en mércores como ata agora ( con Feira porcina), tamén se celebraba os domingos.

No día de mercado saían a lombo do seu burro ou a pe ben cedo ( as seis da madrugada) nun tempo sen ningún tipo de alumeado podemos imaxinar o que podía ser, sobre todo para as mulleres espigueiras (e non espigueiras )que saían solas buscar o sustento e que relatan o moito medo que pasaban ...
Unha vez que chegaban á vila vendían o seu produto ao mellor prezo.
 A veces valíanse dalgunha pequena trampa como colocar as pinas máis grandes e abertas polos lugares do saco visibles, ou humedecíanas para que pesaran un chisco máis e sacar algo máis. Trala venta repartían as encargas polas casas da vila cos sacos ao lombo.
Nos anos sesenta sacar un peso por un saco de pinas daba para moito para ir ao baile, tomar uns viños e incluso pagar un coche entre varios para ir a Mondoñedo para o cine poucas veces chegaba nos contaba Valentín  López, o noso Valente, un dos últimos espigueiros.

Como xa dixen foron moitos os Espigueiros do pobo. Un deles foi Eladio Pacios, Eladio do Cachelo, xunto coa súa dona Marina, del curiosamente gardamos bos recordos grazas á memoria dos veciños que o coñeceron.
Contan que nun día de moita choiva o bo de Eladio foi a Ribadeo coa súa carga de pinas, o mercado moi bo non fora e as  súas madreñas durante a  viaxe a pe  acabaran de desgastarlle os calcaños dos chapos de la, polo que as zocas lle caían. Buscando remedio, decidiu tirar pola punta do chapo, que lle quedaba grande, ata darlle a volta ata o calcaño de forma que se lle axustara e a zoca non caera.
Eladio Pacios xungo á súa dona Marin e a súa filla Carmelina
O remedio resultou ata que tocou ir repartir un encargo.  Alá foi coincidindo na porta cunha veciña que ía levar froita. A señora da casa dende arriba da escaleira berrou- ai Eladio é mellor que saques as zocas que teño a escaleira  fregada e sube polo lado... Eladio por suposto quitou as zocas e subiu por un lado e baixou polo outro lado  cos chapos encharcados de tanto que chovera. Cando chegou ao fondo da escaleira co reparto feito, a veciña que vira os feitos dixolle- Pero Eladio, subiche por un lado e baixache polo outro manchachelle toda a escaleira. Ao que Eladio respondeu- Deso nada,subín polo meu lado dereito e baixei polo meu lado dereito. Non sabemos qué opinaría a señora dende que viu o resultado, sí sabemos que Eladio foi moi ben mandado.
Contado así moitos pensarán que era tarefa  sinxela apañar as pinas o que poucos pensariades é que puidera algún perder a vida neste empeño xa que non só recollían as pinas tiradas se non que tamén  trepaban ata o máis alto dos pinos recoller o prezado tesouro, incluso se algún pino estaba próximo a outro saltaban dun pino a outro.
 Foi precisamente nunha destas manobras cando o noso xa coñecido  Eladio caeu dun pino nun monte cerca de Cabarcos, os compañeiros trasladárono tendido nunha escaleira ata o pobo. Despois Elisardo de Castañolas,que era dos poucos que tiña coche en San Miguel, trasladouno  ata Lugo. Alí permaneceu durante varios meses inmobilizado. Disque que durante o seu ingreso prometeu que se saía do paso  levaría as festas do corpus, e así o fixo tan pronto recuperou. Levando posteriormente esas mesmas festas  durante moitos anos.
A maioría dos lectores non recordamos esta época relatada unha época na que o día a día era unha continua loita por sobrevivir e ter algo que comer. Nestes días ao carón do pino engalanado recordemos aos nosos Espigueiros xente humilde, forte e ante todo loitadora.



PROXECTO RIO


















Onte tivemos a primeira charla informativa de cara á posta en práctica do noso proxecto de recuperación do rego da Barranca.
Suso Latas expliounos pormenorizadamente o que sí podemos facer e o que non así coma todos os por qués. Dende os Espigueiroa agradecer o interese que se está poñendo no proxecto.








Fotografía Andrés Bourio, cartel Carlos Baamonde Bermúdez