Praza do Souto

Praza do Souto

viernes, 13 de noviembre de 2020

AS ESFOLLAS

 

É tempo de esfolla, de recoller o froito sementado na terra  tralo San Isidro, que daría mellor froito, empregando aquel  arado de pao ,nos anos trinta, xunguido por unha vaca ( o burriño reservábase para outros menesteres naqueles tempos) Anos máis tarde( cincuenta sesenta) xa se empregaría o arado de ferro e a sementadora

Sementaban  o mellor gran da colleita anterior previamente refregado quitando a punta da espiga e o final ( onde o gran era máis pequeno).

Desa colleita dependería o sustento durante o inverno. Parte do maíz sería destinado a  comida para o gando nos días mais duros, outra parte do gran, levaríase a moer aos pequenos muíños do pobo e coa súa fariña farían o pan de maíz que hoxe en día tanto detestan os maiores.

“ Maruxiña do Forneiro

De coceres faime un bolo

Se mo fas faimo de trigo

Que eu de millo non cho como”

Naquel tempo (anos do 30 aos 60) a maioría dos labregos do pobo comían o pan de maíz pese a sementaren trigo tamén, pero este destinábase en gran parte a pagar as rendas das terras que levaban.

“ éranche tempos no que a renta das terras que se levaban se cobraban en trigo “

En épocas de seca os gallos (planta)  cortábanse  dende a espiga cara riba (esporretar) antes do tempo  para darlle de comer ao gado. Nesta parte da planta o maíz é máis verde e a espiga seguiría medrando ata o momento de recollela.

 Chegado o mes de outubro novembro comezaba a recollida do maíz . Normalmente cortábase todo polo pe dispoñéndoo en mollos  e escanábase xa na casa (quitar a espiga do maíz) Algunhas veces xa se facía na  terra o escanado e íase cargando o carro para levar ao cabanón ou palleira no que se esfollaría posteriormente nas noites frías de novembro cando o montón de espigas fora notable. Cando se cortaba xa polo pe facíanse mollos  co maíz e empregábanse para cubrir cabanas e alpendres.

 

Nalgunhas destas esfollas xuntábanse moitos veciños,  famosas eran as esfollas na casa de Pouparín xa que so os da casa sumaban 16 ou as da casa do Sancristán, Dourado...

Naqueles tempos a recollida era colectiva, non só colaboraba a familia se non que moitos veciños aportaban o seu traballo. Sinalar que non había moitas saídas e ata os anos sesenta non chegaron ao pobo os primeiros televisores polo que ir a unha esfolla era como ir a unha festa.

Naquelas noites de esfolla despois de cear... xurdían cantigas con algo de retranca e miles de contos que quedan na memoria de moitos/as.

 

Para entreter aos pequenos, xa que o millo do país era moi difícil de esfollar pola súa dureza, animábanos a esfollar a ver a quen lle tocaba o rei ( espiga de maíz granate). Armando gran algarabía cando saía a primeira espiga granate.

Na última esfolla acostumábase asar unhas castañas ou facíanse uns rosarios de zamelos (colares de castañas cocidas ) que se regaban cunha copiña de raspa ou anís para tornar o frío . O que podería interpretarse coma un pequeno magosto veciñal.

 A mellor pubela (folla da espiga seca) sería coidadosamente recollida e con ela farían xergóns sobre os que repousarían os corpos cansados dos múltiples traballos do inverno. Xergóns que se aproveitaban de ano en ano enchéndose nesta época e que as costureiras coserían con primor e coidado. Xergóns con catro buratiños que permitían meter as mans e remover a pubela para que este máis blandiño.

A pubela desbotada servía para que os máis cativos da esfolla se tiraran e xogaran facendo con ela múltiples bonequiños de cabelos loiros e peliroxo co peliño das espigas( que mais que probable serían os xoguetes do ano)

As espigas meteríanse en cestas que se subirían a secar ao hórreo. Que naqueles días cumprían unha función primordial xa que protexían o sustento para o ano!.  Cos seus pináculos, os seus trisqueis e rosas dos ventos protexían a colleita de meigas e mala sorte, a parte dos ratos...

Qué mágoa que hoxe os nosos hórreos, esas construcións tan primordiais que de tanta fame sacaron aos veciños permanezan case que esquecidas, non debéramos esquecer que

“ cando un hórreo cae unha casa pecha” Manuel Rivero 2019  .

 

DENDE OS ESPIGUEIROS CONVIDÁMOSVOS A COMPARTIR CON NÓS ALGUNHA EXPERIENCIA NUNHA ESFOLLA ASÍ COMA AS VOSAS FOTOS DOS HÓRREOS