Praza do Souto

Praza do Souto

viernes, 8 de octubre de 2021

Un preito sonado entre os irmáns Acevedo Pardo Taboada


PAZO DE PUMARÍN (1744-1749)

O PREITO HEREDITARIO DE GASPAR E CARLOS ACEVEDO PARDO TABOADA

 

 

            Xa temos publicado neste blog tempo atrás sobre a heráldica e a xenealoxía do Pazo de Pumarín, a coñecido “de sempre” como Casa de Moreda, mais, despois da documentación que foi manando de distintas fontes, nós non facemos máis que seguir a costume dos propios da casa e dos que antigamente se referían a eles como “a Casa do Pacio” ou  ”o dono da Casa do Pacio” polo menos ata principios do século XIX, logo foi cando por medio dun foro se constituíu como fogar da familia Moreda a cambio de pagar unha boa pensión anual en ferrados de trigo.

            Antes de entrar en materia, queremos volver a contar como empezamos a documentarnos sobre esta propiedade, primeiro por unha casualidade, logo o interese que nos espertou a posibilidade de coñecer algo da súa historia. 

Fai xa como seis anos o Arquivo do Reino de Galicia, publicou na súa páxina de Facebook (as redes sociais tamén poden aportar) un plano que dicía ser do ano 1748 que representaba unha zona cerca da praia das Catedrais e que pertencía a documentación do preito dos irmáns Gaspar e Carlos de Acevedo Pardo Taboada a morte da súa nai María Josefa Pardo Taboada. 


Logo vimos que representaba a zona de Pumarín, Pereira e Os Campos, de San Miguel de Reinante, coa casa de Moreda como elemento destacado. Pois si no Arquivo do Reino de Galicia na Coruña, había información, alí nos diriximos, e, en varias visitas, coa colaboración dos empregados do mesmo tivemos a oportunidade de embebernos na lectura dos vellos folios e de facer copias de moitas das páxinas, cumprindo o protocolo de autorización que teñen establecido para elo. A documentación é extensa, forma parte dos fondos da Real Audiencia de Galicia e ten as sinatura 3338/10 e 3339/10.  Consta de 5 “legajos” cosidos con fío de cánabo que si ben non chegamos a escudriñar ao cento por cento porque tamén contiñan información complementaria ao tema principal, si que sacamos información bastante para coñecer a xenealoxía da Casa e esta historia do século XVIII, que coincide coa dos últimos membros da familia Pardo Taboada que viviron en San Miguel.

            Polo tanto, dúas anotacións: a transcrición dos documentos orixinais está feita por nós, polo Seminario de Estudos os Espigueiros, que nos valeu de proba de fogo para mergullarnos nisto de ler manuscritos antigos, non moito, ( ainda non nos validan primeiro de paleografía), e segunda, as citas textuais, polo interese que pode ter o léxico empregado e a ortografía, responden á literalidade do orixinal, non así a grafía dado que a abundancia das abreviaturas empregadas, falta de signos de puntuación e palabras sen separación unhas das outras dificultaría a comprensión da lectura.

 

            Pois ben, si antes fixemos un relato xeral da fundación da casa por Álvaro Taboada e a súa muller Violante de Andrade no século XVI, todas as súas propiedades e as vicisitudes polas que atravesaron os sucesores que as desfrutaron (entre as que non escasearon as xudiciais), hoxe imos ir máis ao detalle, fisgando na casa, nas relacións deses veciños fidalgos e xa de paso “coñecer” algúns veciños máis; para elo non imos traelos a eles, imos intentar ser nós os que visitemos unha época concreta en San Miguel e ser os espectadores dunha liorta xudicial entre dous irmáns orixinada ¡como non! por diferenzas hereditarias, enredo no que eles son os protagonistas, pero hai máis personaxes, algúns obrigados pola súa profesión coma o funcionario xudicial Ignacio de Añón Riobóo desprazado para esta función desde a Coruña a Barreiros, ou os avogados. Outros involuntarios, xente do pobo, labradores que se ven no compromiso de reter, por orde xudicial, as rendas que debían pagar aos herdeiros da Casa, ou coa ingrata labor de testificar na causa dun dos dous irmáns, sendo como eran estes os donos das terras que labraban en arrendo. Non foi cousa de meses, durou anos, o redor de cinco. Daquela os temas de xulgados tamén levaban o seu tempo, escribían a man e movíanse andando ou a cabalo.

 

            Situámonos no ano 1744 e atopamos protagonistas. 

•       María Josefa Pardo de Zela Ulloa e Taboada, a petrucia da casa, estaba viúva e acaba de falecer recentemente, ten sete descendentes:

•       Gaspar de Acevedo Pardo e Taboada, o fillo maior, por cuxo motivo é o herdeiro do vínculo e morgado fundado polos antecesores 150 anos atrás. Era un fidalgo, casado con Isabel Abello Prelo Castrillón, de Castropol, teñen un fillo (cremos que único). É o herdeiro da “casa dos escudos” de Pumarín e ferrados de terra, bastantes, e polo tanto perceptor de rendas pagadas en medeiros de trigo e cebada, ou en ferrados de gran polo mes de setembro.

•       Carlos Miguel de Acevedo Pardo e Taboada, o fillo mellorado nos testamentos tanto polo pai como pola nai. Presentase como Capitan de Granaderos del Regimiento de infantería de milicias de Oviedo, ademais doutras Delegaciones Reales. Era Delegado Real da confección do Catastro de Ensenada no partido xudicial de Ribadeo e Delegado Real do “alfonil” do sal en Ribadeo. O que se di unha persoa “situada” e con influencias.

•        Antonia de Acevedo Pardo e Taboada, difunta. Estivo casada con Manuel González Balcarze Cuellar Bustillo y España veciño de Campo, administración da Vila de Ponferrada.

•       Cathalina de Acevedo Pardo e Taboada.

•       Francisca de Acevedo Pardo e Taboada.

•       María de Acevedo Pardo e Taboada.

•       Juana de Acevedo Pardo e Taboada.

 

             As irmás neste caso non dan moito que dicir, máis que nada porque, segundo din os documentos, venderan a súa lexitima, coa venia de súa nai, a seu irmán Carlos por 3.000 ducados cada unha, ademais de habelas defendido “en el prolijo y costoso pleito” que tiveran con seu irmán Gaspar cando morreu o pai facía anos. As diferencias hereditarias dos irmáns xa viñan de atrás. Por ese motivo elas teñen pouco papel no desenvolvemento da historia. As diferenzas estaban pois entre os dous irmáns. Gaspar como herdeiro dos bens que estaban vinculados a Casa de Pumarín en San Miguel, San Pedro de Benquerencia, Santiago de Reinante e o lugar de Noceda desde facía século e medio, e Carlos como herdeiro de practicamente todo o demais. ¿E que era o demais?, todo o que nese tempo adquiriran con compras ou outras herdanzas os antepasados, si era o caso, e aí estaba o “quiz” da cuestión, dilucidar cales eran uns e cales outros, cousa complicada cando hai moitas propiedades e pouca vontade para entenderse. Inda que tiñan unha referencia na solución (acordada sen tribunais) doutra lea hereditaria similar, entre súa bisavoa Catalina Pardo Taboada e a cuñada desta Catalina de Vivero Navia e Villaamil en 1661, a  cousa non resultou doada.


            Os escenarios dos feitos son varios, sitúanse en San Miguel de Reinante, Ribadeo e Castropol e na Coruña. En San Miguel porque é onde esta está a Casa patrucial e a maioría das terras das que se benefician os irmáns Acevedo; en Ribadeo onde vive Carlos Acevedo na que hoxe é coñecida como a Aduana Vella, preto do peirao de Porcillán; en Castropol, onde por razóns de casamento vivía a nai María Josefa e algunha das fillas. María Josefa Pardo de Zela Ulloa e Taboada con súa irmá Antonia, foron as dúas únicas fillas de Juan Pardo Taboada posuidor da Casa de Pumarín a finais do século XVII. As dúas casaron en Asturias. María Josefa con  Gregorio Antonio de Acevedo Pardo Villamil e Montenegro, como dixemos en Castropol, e  Antonia con Diego Fafián del Busto, de Tapia. Por último, na Coruña, onde está a sede do tribunal, onde actúan os avogados e se dirime o litixio.

            Nada máis morrer a nai en 1744 foi Carlos de Acevedo o que, o 20 de xullo, puxo demanda vendo como seu irmán recollía todas as colleitas e se facía con todos os bens da casa, mobles e gandos, sendo como era el o herdeiro universal de case todo o que non pertencera ao vínculo. Deu poder ao procurador Antonio de Miramontes para que o representara na Real Audiencia e presentaron un memorial con 183 propiedades e dereitos que el pretendía que lle deran,“a lo menos pro indiviso”. No que concirne a seu irmán Gaspar que “se ha aprovechado sin cuenta ni razón de los muebles y semovientes de dicha herencia que excede a lo que della le puede pertenezer y pretende intrusarse en los bienes raíces, sus frutos y rrentas...”, dado que xa se están recollendo as colleitas, pídelle ao tribunal que se embarguen e que as rendas queden en poder dos colonos ata que se faga a partición e se determine a quen deben pagalas, para cuxa partición “las partes nombren sus hombres buenos tasadores, contadores y tercero en caso de discordia”.

            O memorial presentado por Carlos non só recolle fincas e rendas, os dous herdeiros da Casa tamén piden “el juro con su principal que cobraba y percibía dicha Doña María (a nai) en la Villa de Madrid situado sobre las alcabalas de esta provincia y más bienes que expresa el real privilegio de su imposición”. Outra disputa era sobre o privilexio de ostentar o padroado da Capela Maior da igrexa de San Miguel, polo cal o herdeiro dispuña de tarima, cadeira e sepultura en dita capela; esta era unha cuestión de status social que xa seu avó Juan Pardo Taboada tivo que defender fronte ao bispo Miguel Quijada cando este, por medio do cura, esixiu os títulos que demostraban tal dereito. Por último nesta pequena escolma tamén queremos destacar a renda que pagaba o lugar de Noceda á casa de Pumarín. Na partida 182 di que pola casa terrera que habita Antonio del Rio  “de dicho lugar de Noceda y otros bienes porqué pagan cincuenta ferrados de trigo, díez cuartas y seis mantencas, un carnero y un cabrito cada año los vecinos de dicho lugar”.

            Pola súa parte Gaspar da poder ao procurador Diego Antonio de Ponte y Andrade, e rebate a seu irmán facendo valer a súa posición de primoxénito e polo tanto herdeiro de todos os bens vinculados á casa. Di que o memorial das 183 partidas non é real, que todos os bens son do vínculo e que Carlos o que fixo foi facer de cada propiedade, catro ou cinco, que non existen bens libres a non ser as posibles adquisicións que fixera o avó común Juan Pardo Taboada, que de ser así constarían no preito que este litigou con seus irmáns Luis e Isabel Pardo á morte da nai Catalina Pardo Taboada. Outra diferenza entre os antecesores que tamén acabou nos tribunais.

            Non temos moitos datos dos dous primeiros anos do litixio, sabemos que tamén se pelexou en Mondoñedo onde estaba a primeira estancia xudicial, polas queixas de Carlos Acevedo, “me quejo y agravio del llamado Alcalde Mayor de la ciudad de Mondoñedo sus escribanos y ministros” e que no 1746 xa se discutía sobre un Real Auto do tribunal da Coruña que adxudicaba a Carlos de Acevedo a maioría das 183 propiedades que pedía, menos 72 que aparecían recoñecidas como do Vinculo na escritura de concordia que firmara a bisavoa con súa Cuñada oitenta anos antes. Pero lonxe de resolver a partilla, os contendentes seguirán pelexando alegando diferenza na  identificación, a situación ou a superficie de cada unha das terras, aumentando o custo en salarios de peritos, asesores e funcionarios xudiciais. E neste punto entra en escena outro personaxe: Don Ignacio de Añón Riobóo.

            Riobóo (como asina el moitas veces) era un funcionario Audiencia da Coruña que se desprazou a San Miguel, para entender no asunto dos irmáns litigantes, en principio por un prazo de 181 días. Era un “Receptor”, non entramos a documentarnos sobre as súas competencias polo miúdo pero digamos que era unha especie de escribán-notario comisionado para practicar dilixencias e tomar probas cando os feitos se desenvolvían a máis de cinco leguas da sede da Real Audiencia. Este home saíu da Coruña o día 8 de novembro de 1746, “partí a cosa de las dos de la tarde”, e fixo unha media xornada ata a freguesía de San Estevo de Culleredo onde durmiu. Sabémolo porque cada día (supoñemos que era a súa obrigación) anotaba en papel oficial timbrado unha dilixencia especificando o traballo que facía e a cargo de quen ía ese día, e era moi cumpridor. Posto en camiño, non sabemos si andando ou, polo seu status lle pertencía cabalgadura, facía corenta ou cincuenta quilómetros diarios, así é que a seguinte noite faina en... (a caligrafía é complicada), pero lemos San Lorenzo e cremos que será San Lorenzo de Irixoa. Di que fai constar por dilixencia “haver llegado a donde por ser ya noche me quedo asta mañana y en la jornada de oy desde la feligresía de San Estevan de Culleredo me ocupé todo el día sin entender en otro negocio ni devengado más salario de que doy fe”. (asinado Riobóo). Na seguinte xornada, a do día 10, non logramos saber onde chega (parece que pon claramente Gri Sande, pero hoxe non aparece ningunha parroquia con ese nome pola zona de Vilalba ou Abadín), porque ao seguinte xa di que  chega a “Vila Martín (tampouco pon si é o pequeno ou o grande... ou todo era un) a once días del mes de noviembre yo Receptor  pongo por diligencia haver llegado a el ya de noche caminando todo el día”. De Vilamartín a Ribadeo levoulle a mañá do día 12 e, sin perder o tempo, di que chegou a eso das doce para visitar a Carlos de Acevedo, dándose a casualidade que non estaba na casa, que segundo lle respondeu a muller pasara o día en Castropol e non sabía si volvería. Ao día seguinte xa ten ocasión de falar con el e entrar en faena. Non imos entrar nós nas minucias técnicas, só dicir que a Carlos tivo que facerlle outras tres visitas para que lle presentase o primeiro documento e poder citar as outras partes, agora ben, como dixemos, deixaba moi claro na súa anotación diaria a costa de quen ía a xornada de traballo.

            O 22 de novembro o “receptor” Riobóo anda por Castropol, na casa de Cathalina unha das irmás, ali deixa o recado de que está instalado na casa de Manuel Moreda de Vilar (San Cosme de Barreiros), onde estableceu o despacho que el chama “auditorio” e ali pretende atender as partes implicadas e testemuñas. O mesmo día desprazase ao lugar de Brul, na parroquia de San Salvador de Tol (concello de Castropol), onde parece ser que ten unha casa o outro protagonista principal, Gaspar de Acevedo. Esta casa de Brul aparece en bastantes ocasións como a vivenda da familia, onde vive despois de deixar o casal de Pumarín en mans de colonos ou criados. Non nos aclara o orixe desta casa, puidera proceder pai que como dixemos era de Castropol, ou incluso ser a da muller que tamén era da parte astur.

            Poís ben, “haviendo llegado y allado ante mi a Dn Gaspar de Acevedo Pardo y Tavoada vezino que dijo ser de la Villa de Castropol le hice saver mi Real Comisión”; sigue nun linguaxe con termos xudiciais, que si os actuais son complicados de entender sin interprete, neste caso hai que engadirlle a obsolescencia dos mesmos. Ven a dicirlle que seu irmán presentou a petición e o memorial de propiedades que pretende, ou sexa que busque os asesores que necesite e que lle fai a citación necesaria para recibilo no auditorio que ten establecido en Vilar, en San Cosme de Barreiros. Da resposta do interpelado destacamos tres cuestións: que os bens que leva son os que lle corresponden por escritura que presentará no seu momento, envía un “recado” a seu irmán sacando a relucir os “mas de quinientos ducados que tiene pagado por los funerales de la dicha su madre como uno de sus cumplidores sin que la parte que pide, pagase cosa alguna”; e por último, co debido respecto dille que o auditorio en Vilar cáelle algo a contramán, que si non lle importa o instale en San Miguel que é onde el ten a casa e a maioría das propiedades. Remata o día o funcionario Riobóo escribindo a dilixencia do acontecido en Ribadeo, “a donde regresé atravesando la mar”.

            O día seguinte, 23 de novembro sigue por Castropol e Ribadeo, e remata visitando nesta vila a Carlos Acevedo para comunicarlle o progreso das dilixencias ao que o Capitán de Granaderos respóndelle que o auditorio está ben onde está e que non acepte a petición de seu irmán de cambialo, que non ten fundamento.

            Esta cuestión do auditorio non parece ser un tema secundario para Gaspar que di que foi elixido “a contemplación de su hermano”, e que ademais de incomodo está nas inmediacións da casa da muller de Carlos Acevedo, e os que a habitan son rendeiros da mesma; así que vendo que o receptor facía caso omiso á súa petición, move o seu avogado en Coruña, Manuel de Santa Maríña, para recorrer a decisión e lograr, meses despois, un pronunciamento favorable que ocupa varias páxinas de “literatura” das cales a primeira, con cuidada caligrafía, vai destinada a presentación da autoridade asinante:

 

Don Leopoldo Adriano Joseph de Riffart, Conde de ytre, Varón del Sacro Romano Ymperio, de Tongres y San Martín, Señor de San, de Sar, de Ttivermontte, de Lequen, de Gorghen, de Marche y Fontenel, Teniente General de los exercittos de Su Majestad, Governador  y Capittan General en este Reino de Galizia e nós los del Consejo de Su Majestad, oidores de su Real Audiencia y alcaldes maiores en este dicho Reino, bos Ignacio Rodríguez Añón, recepttor...” segue expoñendo a reclamación de Gaspar e remata ordenando ao receptor remover o auditorio “visto por nós en Sala, dimos el Real Auto siguiente: el executor ponga el auditorio en parte cómoda a unas y otras partes y en donde se allen sitos los vienes como está mandado pena de cincuenta ducados”. A Coruña 27 de maio de 1747.

 

            Neste mes de maio Ignacio de Añón tamén se encontraba na Coruña traballando no mesmo asunto, cos avogados dos irmáns Aceedo; xa levaba un tempo logo de rematados os primeiros 181 días que durou a misión encargada na Mariña. Con data do día 24 a Sala do tribunal que entende este asunto concédelle outros 100 días máis á petición do procurador de Carlos de Acevedo, e volve para Barreiros.

 

 

1947 xuño, EMBARGO DE RENDAS

            O mes de xuño Ignacio de Añón Riobóo sigue instalado no auditorio de Vilar. O trece, catorce, quince de xuño de 1747 fai constar varias visitas a Casa de Pumarín para que Gaspar Acevedo lle devolva “los autos” (xudiciais, se entende), atopando só a súa muller Isabel Avello que lle di que foi a Castropol, que quizás vaia na cidade de Oviedo e que non sabe cando volverá.

            Con todo, o que Gaspar de Acevedo estea ausente e non se poida proseguir co traballo quizais non sexa o maior problema para o funcionario da Real Audiencia, corren os días e con eles os salarios, e Gaspar tampouco paga. Riobóo parece botar contas e desde o día oito de novembro do ano anterior que saíu da Coruña di que a maior parte do tempo vai a cargo de Gaspar, e todo isto “sin que hubiese satisfecho por razón de salario más de tan solamente ciento cincuenta reales". Na visita do día 15 comunícalle a Isabel Avello que vai a proceder a embargar os froitos (as colleitas) e poñelas a venda. Segue esperando no auditorio para que Gaspar Acevedo apareza pero a espera resulta baldía, por cuxo motivo o día 20 volve a coller o camiño que vai de Vilar a Pumarín resultando tamén infrutuoso, e, imaxinamos que canso xa da espera e de ver que os seus salarios corren risco de pasar ao estado de morosidade, advirte a dona da casa que pasaría a “envargarle sus frutos y pasar a la venta dellos y acerme pago de mis salarios respecto a que los está ocasionando en su persona”.

            Van pasando os días sin que Gaspar Acevedo apareza, pero manda recado desde Castropol dicindo que está doente de Sagita a muchos días sin que pueda moverme (si non é unha desculpa debía ter algún problema de columna o noso home) e que necesita “más tiempo aunque sea a mi costa, suplico a Vm. (Vuestra Merced) me mande dar mas tiempo que luego que me ponga bueno presentaré los autos en el auditorio a donde Vm. fuese servido”.  

            No seguinte acto quen comparece en escena é Carlos de Acevedo con un escrito para dicir que, como estaba previsto, ten nomeado perito para recoñecemento dos predios en litixio, pero observa que seu irmán non só non ten perito, senón que como xa sabe que de nada lle vai a servir, o único que intenta facer de forma premeditada é dilatar a situación ausentándose ao Principado de Asturias, onde o funcionario Riobóo non ten xurisdición, e finxir sufrir unha enfermidade que lle impide asistir a presencia do receptor co fin de atrasar a posesión dos bens que lle corresponden, ocasionándolle perdas e gastos por ter os negocios e os empregos abandonados, non sendo xusto que a Gaspar se lle permitan semellantes malicias dilatorias, que obra así porque o pouco que lle tocou de lexítima xa o ten gastado e al non ter bens libres inda encima presume de que os bens do vínculo non se lle poden embargar nin vender, e nada ten que arriscar, que todos os danos son na súa persoa (na de Carlos) e que solicita “la brevedad con que deve prozederse en semexantes causas maiormente quando intervienen como io lo soy empleados por Su Mag. Remata sinalando que todo isto mira a prolongar os tempos ata recoller a próxima colleita das terras polo cal lle solicita dite o correspondente auto de embargo dos froitos, pois doutra maneira “seguramente su caviloso genio y borazidad no tendrá curso la dependenzia ni menos tendré de que cobrar; por ser todo ello de xusticia que pido con costas”.

            Despois de 19 días sin poder encarrilar a Gaspar, o receptor pasa a acción. O 25 de xuño escribe un auto onde di que

 

“pasa al envargo de todos los vienes que allare ser suios así muebles como semovientes, frutos pendientes, depositándolos en personas legas, llanas y avonadas y de ellos vender los necesarios asta en cantidad de mil y quinientos reales a quenta de mis salarios que contra el tengo devengados”.

 

            O mesmo día visita a Miguel de Soto e Gabriel do Rego para comunicarlles o auto que ditou, dilles que deben reter as rendas que pagaban aos da casa do Pacio ata que outra cousa sexa ordenado; vai falar con eles para saber cales son e as terras que levan e as rendas que pagan, pero tamén dispón do memorial de propiedades que presentara Carlos Acevedo para reclamar a herdanza, e por el vai comprobando as terras, os levadores e as rendas, dándose o caso que retén  rendas pertencentes tanto a Gaspar como a Carlos Acevedo, que chegado o momento tamén veremos que ten pendente pagos de salarios. Segue co seu traballo e leva o mesmo mandato a Francisco Pasarón, e nos seguintes días a Román de Valoria, Vicente García, Simón Domínguez, María de Moreda su suegra, Josefa de Moreda su hermana, Juan Díaz, Antonio Piñeiro, Pedro de Outeiro... O día 28 estando na casa deste último observa pola fiestra como pasa Garpar Acevedo polo camiño real, levaba 22 días esperando por el e por fin teno localizado, pero a actitude do fidalgo non lle aclarou en nada a situación, máis ben ao contrario

 

“...visto no se acercava más, desde ella le he saludado y que fuese bien parecido y quando bolvía los autos, a que rrespondió correspondiendo con la cortesanía devida que aora estava bueno repitiéndolo varias veces luego (...) siguió el camino junto a la Casa de Dn Balthasar Menéndez (Pazo de Outeiro) y visto que no daba más razón de dichos autos salí de dicha casa y a toda priesa le fui siguiendo y estando de el a corta distancia le llamé varias veces sin querer ablar ni bolver cara atrás sino siguiendo el camino en derechura hacia su casa con vastante azelerazión, sin que se le reconociese en su modo de caminar yndisposición alguna y me dejó sin dar una rrespuesta alguna”.

 

            Pasados uns días, a primeiros de xullo, Ignacio de Añón Riobóo cumpre co mandato que o  Tribunal da Coruña tomou o 27 de maio pasado

 

En cumplimiento del Real despacho antecedente de que me doi por notificado y ovedezco como devo (...) se manda renovar el auditorio de este negocio a donde se allan los vienes (...) y ay, en la rreferida de San Miguel se aya la maior parte de ellos, en la que tiene Don Gaspar de Acevedo su casa de avitazión, renuevo desde aora el auditorio a dicha feligresía de San Miguel y casa que llaman da Cerdeira  que bive Pedro de Outeiro”.

 

            Gaspar gaña unha pequena batalla, trouxo a Riobóo para San Miguel e pasa a designar un apoderado para que o represente “respecto no puede hacerlo personalmente a causa de los achaques de mal de gota y otros havituales que cada día se le aumentan”. Este apoderado é  Antonio Acevedo, veciño de San Miguel. Vemos que levan o mesmo apelido, pero no nos consta parentesco. O primeiro que fai este home é presentar un escrito de Gaspar con varias alegacións aos embargos, entre elas, que o auto ditado é nulo porque semellante dilixencia non está comprendida na misión en virtude da que obra Riobóo, e, por outra parte, porque se a medida é para asegurarse os seus salarios, o noso fidalgo afirma “soy abonado como es notorio”. É dicir, segundo a primeira acepción da RAE, afirma que é persoa de fiar polo seu capital e creto, como é evidente.

            O funcionario xudicial despois de comunicar ás partes o novo auditorio pasa dous días á espera de que comparezan, ao fin dos cales volve presentarse o apoderado de Gaspar con Xavier Durán Pardo, un escribán de Mondoñedo ao que presenta como membro do “equipo”, e, sin ser nós coñecedores da dialéctica usada na época, danos a impresión que o apoderado nomeado por Gaspar é home arroutado, dos que saen ao ataque. Presentan un escrito no que, logo da introdución de rigor, en nome de Gaspar din

 

“ante Vmd.  como mejor aya lugar en derecho (...) le tengo, sin ánimo de injuria, de odioso y sospechoso, y para lo mismo (recibir información sobre a petición de desembargo das rendas), le recuso con el juramento necesario en nombre de mi parte, y presento con esta petición a su escribano acompañado Xavier Durán Pardo (...) y mediante para el tiempo actual de cosecha de frutos, y respectos que los más de los vecinos desta feligresía tienen a dicho Don Carlos, no puedo hallar testigos que voluntariamente quieran concurrir al auditorio señalado a hazer sus deposiziones.

 

            Nota: aínda que profanos no uso do vocabulario xurídico actual, case nos inclinamos a pensar que os termos “deponer” e “deposiciones”, tratándose de sede xudicial, non sexa moi utilizado hoxe en día, malia que o punto 3 da primeira acepción da RAE diga: Declaración hecha verbalmente ante un juez o tribunal.

            É a quenda de Carlos de Acevedo, por suposto en oposición ás demandas de seu irmán, que quere levar testemuñas para cada terra en disputa. Advirte ao funcionario xudicial que o plan de ir informando partida a partida con testemuñas e de forma individual

 

es con el fin de yrlos, dicho Don Gaspar, ynstruyendo poco a poco y atraerlos a sus quiméricas produciones con esta liossa falta de realidad lo que será mui fácil por la mucha mano y poder que es público tiene enesta feligresía y ser persona temida de todos por la aspereza de su tratto fieros, y amenazas de que usa en general y especialmente con sus caseros, colonos y paniaguados, de cuia clase serán los testigos de que se valdrá, como lo acredita la experiencia que asta aquí lo observa de que se sigue, vendrá el testigo ensaiado por la noche de lo que a de decir por la mañana y a mediodía renovadas las especies de lo que a de decir por la tarde, dándolo a entender muy vien”

 

Segue dicindo que non é xusto que a moita man e poder do seu irmán atropele a xustiza, que, se presenta as testemuñas a deshora da tarde, que os reteña no auditorio ata que rematen as declaracións, que despois de presentados non lles permita que traten ou comuniquen con ningunha das partes nin directa nin indirectamente para que cesen as sospeitas, en caso contrario avisa que recorrerá onde lle conveña.

            Seguidamente un breve auto de Riobóo fai saber as testemuñas de Gaspar que mentres duren as súas declaracións non traten nin comuniquen con el nin con outros no seu nome.

            A seguinte escena correspóndelle ao representante de Gaspar. Se non acusa ao receptor Riobóo de imparcial, polo menos insinúao. Segue protestando polo embargo de todos os froitos, di que o receptor ordenouno para compracer ao contrario, de quen vai da man. Vai andando o mes de xullo e parece que empeza sega. Un novo motivo para a discrepancia das partes enfrontadas (se é que necesitaban motivos). Existían no século XVIII algunhas rendas que se pagaban en quiñóns ou  “al manojo”,  xeralmente “al quinto” , que significaba que coa colleita na terra o día que se ataba o cereal en mollos o dono da terra pasaba a recoller os que lle correspondían, si era “ao quinto”, pois un de cada cinco. E este era o caso, pois protesta o apoderado de Gaspar a decisión do receptor para escoller a aira para depositalos, por parecerlle sospeitosa, e pídelle que a cambie. Máis que sospeitosa, para Gaspar parece ser ben coñecida, pois é a dun veciño do barrio de Pumarín “notorio capital enemigo”

 

“y poner dicho fruto en otra distinta hera de la parroquia que no sea en la de un llamado Bernardo do Couto por ser notorio capital enemigo de mi parte como a Vmr consta (...) que precissamente será de quenta del Vmr toda la vaja que uviere de ciento veinte fanegas de trigo y cebada en que estimo y tengo la de este presente año”.

 

            Don Ignacio de Añón Riobóo, ante estas acusacións, defendese; escribe que todo é incerto, como tamén o é o cálculo das cento vinte fanegas de gran que esperan recoller, que Gaspar tira moito polo alto e  que no seu momento xa dirá el cantas son; que non vai cambiar a meda do trigo embargado para outro lado polo desperdicio que significaría e porque está moi segura onde está.

 

            Chegados aquí pensamos que todos temos unha idea feita da situación, incluso cada un de nós pode imaxinarse, e mesmo escribir, diferentes escenas co resto da veciñanza que non aparece aquí, é dicir cos veciños que simplemente eran espectadores... ou peor, cos caseiros, cos que eran susceptibles de ser chamados a testemuñar, as conversas nos muíños, á saída da misa ou na taberna (que segundo o Catastro de Ensenada había unha taberneira), con todo, sin levantar moito a voz, non fora ser o demo.

            Para rematar esta primeira parte do relato imos reproducir só un par de fragmentos dos moitos folios que empregaron os litigantes para defender cada un a súa posición que nos sirvan para seguir coñecendo os personaxes e as relacións fraternais.           

 

            Carlos de Acevedo sobre o apoderado de seu irmán, Antonio de Acevedo:

            ...ha nombrado por su apoderado a un llamado Antonio  de Azevedo, mozo libre, sin arraigo, vezindad ni domizilio (...) por inquieto, reboltoso, y amigo de pendencias, expresé a Vmr berbalmente no dever admitirsele semexante apoderado (...) dicho Antonio trató a Vm con desprecio y altanería publicamente y a vista de más personas con menoscavo de la autoridad que representa (...) dicho Antonio faltando al decoro y respecto que devia tributar al sitio y conservar a personas de mis notorias circunstancias; se ha propasado a hablarme con toda altanería y desacato tirando a provocarme en lo que continuara (...) a no haverselo impedido, la prudenzia de Vm y el presente adjunto que reprehendiendo su imprudenzia lo apartaron del quarto; y para evitar semexantes altercaziones y desafueros que pudieran produzir maiores perniciosas consecuencias...

 

            A esto, anota Riobóo

            ...y el poderaviente de Don Gaspar de Acevedo use del poder que el le tiene dado con toda modestia y quietud sin dar motivo a quimeras y disenziones como ya se lo tengo prevenido varias veces (...) que de ejecutar lo contrario procederé contra el en cuanto aya lugar.

           

            Un escrito de Carlos Acevedo fálanos de preitos anteriones, cando morreu o pai:

            En similares casos (...) es mui conforme a derecho, práctica y estilo de todos los tribunales, el que asta averse emologado la quenta y partición, se pongan en sequestro los vienes partibles (como lo esperimentó dicho mi hermano en la que se yzo por muerte de nuestro padre de mandato de los señores de la Real Chancillaría de Valladolid, a donde apeló el susodicho de un auto dado por el Real Tribunal de Asturias...). (...) lo otro porque es público y notorio que Gaspar con sus temeridades y poco horden a consumido y aniquilado el floreciente caudal que a quedado por muerte de Dn Gregorio Acevedo nuestro padre.

 

(Continuará)

 

miércoles, 24 de febrero de 2021

A Cova da Veneira

 


A busca do ouro galaico foi un dos moitos motivos que atraeron aos romanos ao territorio galego, feito que propiciou que a partires desta busca se detectaran importantes xacementos de ferro na zona noroeste da provincia de Lugo, xa que a presenza de arseniopirita que se atopa nos xacementos de ferro a veces vai moi parella á presenza de ouro.

As minas de ferro polo xeral eran explotacións a ceo aberto nas que se traballaba onde mellor resultado se obtivera.  A veces había tamén pequenas galerías pouco profundas que ían seguindo a vena mineral.

No século XVI a metalurxia galega viuse sometida a un certo proceso de modernización, motivado pola chegada de expertos ferreiros procedentes do País Vasco que vían no ferro galego grandes posibilidades.

É de sobra coñecido que hai unha cova que foi unha antiga mina de ferro explotada a principios do século XIX. E a medida que investigamos encontrámonos con outras tentativas de explotación mineira nos montes de San Miguel

 

Aínda que se poden atopar diversas pequenas minas de ferro (covas) , a máis coñecida por todos é a Cova da Veneira ou “Furado de Ron” como a coñecía moita xente do pobo, Lugar de numerosas historias de pequenos exploradores que se introducían nas cavidades abertas no 1796 na busca de aventuras e que acolleu a algún que outro escapado durante a guerra civil.

Desta cova situada no lugar da Barranca, extraeuse gran cantidade de material para a emerxente fábrica de armas que Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, posuía no lugar do mesmo nome.

 Unha fábrica emerxente que por aquel entón satisfacía a contrata de munición de guerra.  Sortíase  de diferentes lugares da Mariña, entre eles, tres situados en  Barreiros: San Miguel, San Pedro de Benquerencia e Celeiro de Mariñaos. Un ferro pardo de excelente calidade tal e como  queda reflexado no Boletín da Cámara Oficial Minera de Galicia en maio do 1927.

A Cova da Veneira na actualidade.


No ano 1796 varios veciños de San Miguel firman un contrato con Raimundo Ibañez, Marques de Sargadelos para abastecer a súa industria con mineral da Veneira. O contrato recólleo Francisco Lanza no seu “Ribadeo Antiguo”

O contrato para a explotación,  firmouse ante o notario de Ribadeo D. José Alvaro de Vila Vaamonde,  e firmouse entre Don Antonio Raimundo Ibáñez, fundador das fábricas de Sargadelos e varios veciños de San Miguel e que foi refrexada por don Francisco Lanza no seu libro “Ribadeo Antigo”

Firmábase este contrato na vila de Ribadeo o día 22 do mes de outubro do 1796 entre Antonio de Verganza, Francisco Larrea (naturais de  Somo Rostro pero actuais veciños do pobo de San Miguel), Ramón Larrea e Ramon Gil, naturais e residentes en San Miguel de Reinante e don Antonio Raimundo Ibáñez dono das fábricas de Munición de Sargadelos. Contrato no que se establecía  que durante o prazo de seis meses  se traballaría no terreo dos asinantes no arranque de vena de minerais  de ferro poñendo estes o correspondente número de peóns para extraer unha porción abundante deste mineral.

Fixábanse seis condicións para tal explotación:

Primeiro, que a mina ou vetas de ferro deben verificarse metodicamente, continuaranse segundo se atopan abertas no dia deixando as correspondentes columnas do mesmo mineral e non ensanchando máis do que conveña na cova a fin de que se manteñan e non caian as bóvedas.

Segundo, que se se contradicían estas condicións quedaba por conta dos contratantes os prexuízos causados e deberían deixar limpas as covas

Terceiro, que nas escavacións que están feitas non se debía arrancar ningunha vena das columnas que quedan para sostelas, e continuar as venas abertas segundo queda dito. Aqui tamén nos afirma que cando están firmando xa hai escavacións e columnas. Tamén pode ser que estiveran abertas de seis meses ou un ano por outros contratistas, pero non o sabemos. Sencillamente sabemos que están firmando un contrato para sacar mineral para Sargadelos

Imaxe do tipo de columnas ás que se refire, esta está na mina de Castrillón (A Insua) 


Cuarto, debe correr da súa conta extraer e levar fora da mina  non so o mineral que se arranque se non tamén a terra, pedra e escombro que con este motivo saia das escavacións.

Quinto, que a vena que se arranque nos seis meses pesarase toda xunta ao final,  debendo entregala os contratantes limpa de pedra, terra e outros materiais estraños, que Don Antonio     Ibáñez considerará como inadmisibles; se faltaran ao cumprimento desta condición. A admitida e pesada pagaráselles  por cada quintal macho de cento cincuenta e cinco libras castelás que entreguen xunto  á mina un real de vellón sen máis. Correrá a cargo dos contratantes ferramentas, luz, peóns cestas e canto se poida precisar na escavación.

Sexto,  que para manter e pagar os peóns e outros gastos, faráselles conta cada mes de mil reais de  Vellón, a menos que polo traballo se recoñeza que non merecen esta cantidade.  Polo contrario daráselles maior partida se Don Antonio Ibañez recoñecese que a partida de mineral que arrancara o permitira. Entregaránselle  por reconto as ferramentas que actualmente ten na expresada vena, as cales deben pesarse para devolvelas ao cavo dos seis meses  e no mesmo estado que as reciben.

Na parte final do contrato afirman que se someten con poder bastante á xustiza real militar do real corpo de artillería a que están suxeitos, dado que o material é para a fabrica de municións de guerra.

.

 

A actividade mineira  da Veneira, deixou unha importante pegada canto menos na toponimia do pobo. Así  temos o lugar da Barranca un topónimo que significa “ corte profundo”. Nesta zona sospeitase que se tamizaba o material  para separar a maior parte da terra e con esta ían reenchendo os desniveis do terreo da Barranca.

Outro topónimo é A Ferrería que podía ser o lugar  onde se faría unha primeira cocedura deste ferro. Sacábase a ganga da veta e xa nun proceso posterior se sacaría a mena aproveitable.

 

O ferro transportábase nun primeiro momento en carros tirados por bois ata o mar, tal e como enuncia Francisco Lanza no seu libro, ata o lugar de Porto Vello onde se depositaba en pequenas lanchas que transportaban o mineral nun inicio aos pataches ancorados en lugar de maior calado e que se dirixirían a San Cibrao. 

Existe un lugar na praia de Arealonga abaixo do Feal da Paula denominado así, mais en ningún momento se pode confirmar a existencia de porto alí.

Sobre os minerais de San Miguel e a súa calidade, igual que das outras minas de parroquias veciñas (Benquerencia ou Celeiro de Mariñaos) encontramos un artigo no Boletín Oficial de la Camara de la Minería de Galicia de maio de 1927 en onde o seu autor R. Martínez, membro da dita Camara, e coñecedor desta zona polo que declara conta unha anécdota que lle sucedeu estando traballando por esta zona a principios do século pasado. Di que un capataz del (Mateo Echevarría) estando facendo unha exploración no barrio da Ínsua a comezo de século,foi alertado polos traballadores que tiña, sobre que na praia de San Miguel aparecían moitas pedra de mineral moi brillante e  que pensaban si habería unha veta escondida. Cando o autor do artigo viu o mineral e soubo onde se encontrara tivo que explicarlles que aquelas pedras caerían dos carros do país ao tempo de embarcalo nas lanchas para transportalas a Sargadelos.


Minerais  de ferro na Arealonga



Fala tamén da gran calidade dos minerais pardos desta zona que desde antigo se utilizaba para mixturar cos procedentes do Pais Vasco.

Chegado ao porto de San Cibrao o Marques de Sargadelos tiña construída unha estrada privada para o servizo da fábrica, pola cal daba entrada as materias primas e daba saída á produción. Estrada que cando os veciños que os veciños podían usar, pero previo pago dunha tasa.

 

Durante canto tempo durou a explotación da mina da Veneira non o sabemos con exactitude, pero non debeu ser moito, porque as referencias que atopamos non falan ben dos contratistas que as traballaron nesta época. Por un lado o autor deste mesmo artigo di que lle informaron de que os pozos e galerías abertas polo persoal de Sargadelos se anegaron e que naide se propuso ou se atreveu a desaloxalos.

 

Por outra parte atopamos unha tese doutoral realizada por Teresa Esteban Gómez na cal analiza a Evolución e o cambio das formas cerámicas en Sargadelos: orixes e características da empresa cerámica sargadeliana, na que recolle un escrito do 1859 no que don Ramón Cayetano Ramos director siderurxia sargadelense afirma saber que as minas de San Miguel e Mondigo  estaba arruinada e inundada en su mayor parte al caer en manos codiciosas e inhábiles destajistas”

 

 

Non sabemos de actividade mineira no pobo ata o ano 1847, ano no cal aparecen no BOP  unha relación das minas rexistradas e outras abandonadas  na provincia de Lugo en agosto daquel ano. Algunhas das posibles minas rexistradas sí se chegaron a abrir e ter actividade, outras parece ser que se rexistraron en vistas de poder abrilas de ser necesario.

No lugar se San Miguel aparece a relación de varios rexistros a mágoa é que non atopamos situación no mapa de moitas delas o cal nos axudaría enormemente para ubicalas e sobre todo saber se chegaron a ser explotacions ou so proxectos.

Carmen I situada na Fraga Vella en San Pedro de Benquerencia e Carmen II situada no Camiño Branco en San Miguel  e que foi rexistrada por José Ibáñez.

Rosita situada en Penalonga e que sí tivo actividade do 1846 ao 1847 rexistrada por Santiago de Vivero

Teresa rexistrada no ano 1847 situada na veneria do Monte do Lodeiro rexistrada por Don José Núñez CastañO (aparece que traballou tan so ese ano)

Demetria rexistrada por Ramón de la Riva.

Carrileña rexistrada por Francisco Piñeiro

Santiaguesa rexistrada por Don Andrés Fariña Martínez e que funcionou do 1887 ao 1888.

Gachona rexistrada por Santiago de la Riva

Compostelana rexistrada por Don Luís de La Riva

Ramoneta rexistrada por Don Salvador Buhigas

Luisa que si  traballou do 1901 ao 1903

Dos de Mayo situada no Camiño Branco e rexistrada por Santiagao de La Riva

Envidiada rexistrada por Don Salvador Buhigas

Ramonita que funcionou do 1847 so 1848 rexistrada por Don José María Muñíz

E aparece tamén denunciada a mina enunciada como Pepico rexistrada por Don José Ibáñez pero que tivo actividade posterior a esta data do 1847 ao 1851.

A principios de século, quizais ao calor do negocio do ferro que espertaba a recente explotación da Pontenova e o tren mineiro a Ribadeo,  volvemos ver rexistros de superficies nos montes de San Miguel

O trece de febreiro de 1901  no Boletín Oficial da Provincia Bernardino Alonso Rodríguez renuncia aos dereitos que tiña no rexistro mineiro do ferro que tiña solicitado co nome de Los cuatro amigos así como outro rexistro Carlos.

Curiosamente despois destas dúas renuncias, o 23 de febreiro do mesmo ano volve aparecer o nome deste home rexistrando no Boletín Oficial da provincia de Lugo a 30 pertenzas mineral Elisa e o mineral Carlos.

O mineral  Elisa está situado no terreo de Don Carlos de Casas e de Don José en San Miguel no lugar denominado Ribón, que testa ao norte e Este cos montes de Don Fancisco Dorado, Oeste con Manuel Fernández e ao sur coas penas do Ribón. Figura que esta mina sí funcionou do 1901 ao 1903

Adquire a José Lamas (posible familiar dos Lamas do Pazo do Outerio ) a propiedade situada no lugar da Roda para  compra o dereito a extraer sobre unha superficie de 32 pertenencias)  os metais denominados Carlos.  Parte a  deste mineral no camiño que baixa das Pallaregas e dos montes de Comado no lugar que fai cruce o camiño que vai ao lugar de Piñeiro e o que vai dende a Barrosa. Funcionou do 1900 ao 1901 , polos topónimos que enuncia posiblemente estivera en Reinante e non en San Miguel.

O Correo de Lugo pola súa parte faise eco  da admisión  de varios rexistros mineiros por parte do Goberno Civil na parroquia de San Miguel de Reinante.

Don Joaquín Bao Bermúdez de Barreiros  aspira a posuír doce pertenzas de mineral de ferro co nome de Tauro situado en San miguel de Reinante  que aparece nun expediente de explotacións mineiras da provincia de Lugo con actividade dende o 1900 ao 1903

 

Sabemos que nos anos corenta atopouse mineral xa elaborado na zona da Barranca Vella  que levaba tempo no monte abandonado de anos pasados(poidera ser de cando iniciaron algún deses rexistros, non compensaría e abandoouse mais non hai constancia de ningunha actividade mineira.

Como podedes observar parte do  subsolo dos nosos montes está en parte  minado, a gran maioría destas son pequenas covas de non moita profundidade, algunhas delas tapiadas con sedimentos  (descoñecemos se por derrubes ou por acción humana) das cales na actualidade temos localizadas catro máis á dereita da Veneira mirando cara ó monte, baixando cara ó rio. A estas na Barranca coñécenas como as minas de Severiano, poidera  ser esta persoa Severiano Lizarraga xestor da mina da Pontenova e socio da Julio Lazurtegui, este membro da directiva da Sociedade Mineira de Vilaodriz? . 

                     Covas de Don Severiano


Respecto  á Cova da Veneira, a explotación  do Marqués de Sargadelos, foi tapiada pola Xunta de Galicia ante o perigo de que algún curioso quedara atrapado nela.

 

 

 



Sellado da Cova da Veneira