Praza do Souto

Praza do Souto

domingo, 26 de enero de 2020

Parladoiro sobre Barriga Verde con Comba Campoi.

Onte tivemos o inmenso pracer de coñecer en profundidade a un personaxe que permanece na mente de moita xente como foi Barriga Verde, da man da nosa veciña Comba Campoi.
Coñecemos como naceu BARRIGA Verde a partir dos monicreques da tradición popular galega e portuguesa( os Cristovos e os Robertos), e como chegou ao familia Silvent a terras galegas estendéndose a familia por todo o territorio galego. Moitas grazas.










jueves, 23 de enero de 2020

SINDICATO AGRÍCOLA SOCIEDAD DE AGRICULTORES SAN MIGUEL DE REINANTE (continuación)



En decembro de 1942, a acta da asemblea xeral para renovación de cargos reflicte una Sociedade que pasa por momentos de desgana, de indiferenza pola marcha da organización, nótase falta de interese e pouca  implicación dos socios. Son tempos de posguerra, de dificultades en tódolos ordes, de adaptarse a novas normas e quizais tamén de distintas maneiras de ver a sociedade... a sociedade na que se vive!. Non aparenta ser un traballo agradecido, o da Xunta Directiva. O certo é que non se presenta ningún candidato aos cargos directivos, nin sequera para o de secretario que era cargo con gratificación económica como xa dixemos, polo tanto procédese á votación, cada socio unha papeleta e elíxense tódolos cargos incluído o de secretario, posto para o que resulta elixido o mesmo que está exercendo, Ramón Pérez Martínez. O regulamento permítelle renunciar a un segundo exercicio consecutivo si así o desexa, e renuncia, pasando o cargo ao seguinte mais votado que non está presente. Tampouco están presentes o tesoureiro elixido nin algún dos vocais
Despois da votación o presidente saínte, Manuel Teijeira, ofrece un discurso aos presentes que nos da idea da situación. Con tal motivo escribe o secretario no libro de actas:

[…] el Sr. presidente con acierto y elocuencia propios del caso, hace resaltar el abandono y poco estímulo que demuestran la mayoría de los socios. Es de lamentar -dice- que el primer día que debía tener lugar la junta que hoy se celebra (con bastante poca afluencia aun) no se presentasen mas que tres socios de la (junta) General, demostrando con esto el poco agradecimiento a esta Directiva, consagrada todo el año a la defensa y buena administración de los intereses sociales, defendidos con mas celo que si fuesen propios, por considerarlos aun más sagrados que estos, perdiendo muchas horas y días, con riesgo de adquirir enemistades personales, por el ambiente materialista y egoísta en que vivimos, quedándonos tan sólo la satisfacción del deber cumplido; aunque heridos moralmente por la frialdad de la  General, que puede considerarse como desprecio por su poca comprensión y menos agradecimiento, haciendo votos porque la nueva Directiva proclamada hoy tenga mayor acierto y mejor suerte.

Á nova Directiva custoulle traballo principiar a andadura. Quince días despois convocase nova xuntanza. O tesoreiro elixido Ramón Penabad García presenta un escrito alegando  motivos de saúde e necesidade de descanso que lle impiden desempeñar o cargo; a renuncia é aceptada. O novo secretario, Julio Novo Falcón tamén presenta escrito de renuncia irrevogábel por diferenzas na gratificación co anterior...

  O Sindicato Agrícola Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante sigue a sua andadura nos difíciles anos corenta tratando de ser fiel aos seus fundamentos. Séguese coas eleccións de directivas e celadores, coa taxación trimestral do gando, co servizo de veterinario, coa compensación mutua dos sinistros, coas compras colectivas de sementes e fertilizantes, organizando o arranxo dos camiños e, por pouco tempo mais, co servizo de mallar coa máquina do propio sindicato. Todo isto desde a situación de alegalidade normativa en que se encontraban estas sociedades como queda dito






Dous parágrafos en dúas actas de  Xuntas Xerais extraordinaria do mes de  marzo de 1950 danos idea da situación en que se encontraba:

[…] Se propone y discute la manera de ir a Lugo a ver si se puede hablar con el Gobernador y ponerse dentro de la Ley. Siendo acordado y aprobado nombrar una comisión para entrevistarse con el señor Cura Párroco (naqueles días, Don Benjamín Prieto) del pueblo con objeto de que si no ponía impedimento fuera él a Lugo como miembro de la comisión a tal fin. Designando a los Sres. Socios D. Manuel Teijeira Pérez, D. José Mª García y el Sr. Presidente. (Domingo Dorado).

As xestións non deberon atopar moitas trabas xa que nove días mais tarde se convocaba outra xunta para informar da viaxe a Lugo:

El socio D. José Mª García Díaz miembro de la comisión que fue a Lugo, da a conocer que el resultado fue satisfactorio, que aun cuando no está legalmente constituida (a Sociedade) es tolerada y que podíamos seguir como hasta la fecha y que cuando alguna cosa pasase seríamos avisados.

   

Queremos traer aquí unhos fragmentos dun traballo achado na Rede sobre esta materia, de autoría de dous profesores da Universidade de Santiago de Compostela que nos ilustran o sucedido  coas sociedades de agricultores, os sindicatos agricolas e as mutuas ganaderas despois do ano 1936.

...A pesar de la exhaustividad de la represión desencadenada en el caso gallego donde,como hemos señalado, las autoridades golpistas disolvieron y confiscaron los bienes de la mayoría de las sociedades agrarias que no fuesen de signo católico o mutuas ganaderas,...

...Las sociedades que continuaron su labor lo hicieron, como ha expuesto L. Fernández Prieto (1993), bajo un control administrativo inexorable y en un clima de suspicacias que explica su refugio en actividades de bajo perfil. Todo ello con directivas sometidas al más estricto de los escrutinios, a pesar de que los elementos más abiertamente izquierdistas ya habían sido depurados al inicio del conflicto.

...Al descabezamiento del movimiento, como habíamos señalado, le siguió la desarticulación de sus estructuras. Resulta difícil calcular qué proporción de sociedades agrarias existentes en 1936 fueron clausuradas o simplemente dejaron de funcionar... 

 ...Los datos que, para la provincia de Lugo, contiene el AGA (Archivo General de la Administración) son igualmente incompletos pues unicamente confirman la clausura y confiscación de bienes de séis sociedades y de la Federación de Fonsagrada, cifra evidentemente inexacta porque no figuran, incluso organizaciones de izquierda que se significaron en la resistencia armada contra las fuerzas militares. 

  ...Frente a la tercera vía de asociación, las mutuas ganaderas, la Administración no va a mostrar la misma intolerancia que frente a las sociedades agrarias, especialmente, por su menor carga política y por el carácter más concreto de sus funciones. En Lugo, sin mencionar las que existían de manera alegal, sin registrarse debidamente en el Gobierno Civil como acuerdos entre vecinos cuyo número evidentemente desconocemos, perviven 21 de las mutuas fundadas antes de 1936, la mayoría concentradas en la zona norte de la provincia.
 (XI CONGRESO DE HISTORIA AGRARIA; Ana Cabana Iglesia, Manuel Cabo Villaverde Facultade de Xeografía e Historia, Universidade de Santiago de Compostela)


O AREAL
Como xa vimos, O Areal aparece na acta da Xunta Xeral Ordinaria do día 29 de xaneiro de 1928, concretamente trátase dunha proposta do señor José María García para xestionar co Concello a adquisición do terreo  para edificar unha casa destinada a sede da Sociedade,

  Xa a piques de rematar o ano, o  9 de decembro, a comisión encargada, dá conta a  Xunta Xeral  das dificultades que hai para  adquirir ese solar para construír unha casa para a Sociedade, pero de todas formas o acordo da reunión foi, que se proseguira xestionando, si era adecuado para o Sindicato, e procurando por tódolos medios que si non conviña a Sociedade fose declarado de utilidade pública.

Aparentemente a Sociedade non volve a tratar do Areal ata o ano 1952. En agosto deste ano volve a tratarse da necesidade de solicitar dito terreo ao Concello, esta vez para facer feiras e outros usos. Ao longo do ano proseguiron as xestións encomendadas aos membros da  Xunta Directiva e chegado o mes de decembro informan que están  á espera de contestación do Sr. Alcalde, resposta que lles transmitirá por medio do Sr. Baamonde Novo.

O 4 de xaneiro do ano seguinte, convocados os socios en Xunta Xeral extraordinaria son informados polo  presidente que o Concello acepta a solicitude presentada sobre O Areal, con permiso para explanar, poñer arbores e facer todo o que se considere necesario e axeitado para campo da feira. O seguinte punto desta xunta extraordinaria foi unha proposta de gratificación de 100 pesetas a José Baamonde Novo pola sua colaboración neste tema en beneficio da Sociedade, gratificación que a  asemblea xeral aprobou por ser merecente dela,

(…) no solo por los trabajos realizados, sino también por la solicitud y atención con que nos atendió siempre que fuimos a molestarlo.

A mediados de mes elíxese unha comisión que organice os traballos precisos e coménzase o acondicionamento do solar. Todo a conta de prestación persoal e material. Esta comisión está composta por Narciso Dorado López, Eduardo Cora Rocha,  Amancio Teijeira Pérez e o mestro albanel Julio Rocha Iglesias.

Era necesario levantar un muro de contención ao largo do rio, e para eso necesítase pedra axeitada en cantidade, por tal razón acordase abrir unha canteira en Moledo (cerquiña de Aguas Santas, hoxe As Catedrais). Organízase o traballo por barrios, tal e como estaba organizada a estrutura da Sociedade, establécense quendas  para ir traballar na canteira, carrexar o material nos  carros dos propios socios e traballar no Areal. O primeiro día, por sorteo, tócalles arrancar a pedra aos grupos de Nogueiredo e Barranca, o segundo a Salxende e Pumarín, o terceiro aos Campos e Pumarrubín e o cuarto ao Souto e Casaldeite. O resto dos grupos traballarían no Areal, e os albaneis que o fixeran fabricando o muro, quedarían dispensados de realizar calquera outra faena.

Estamos a primeiros de febreiro de 1953 e seguen as quendas de traballo de tres ou catro días a semana. A primeiros de marzo chámase a tódolos grupos cos seus capataces para ir un día concluír os traballos que quedaran sin rematar, e acordase tamén que tódolos veciños que non colaboraran con “axuda material” por non ser labregos presten unha “axuda monetaria” voluntaria. A tal efecto noméase unha comisión entre os directivos formada por José Antonio Góas Vizoso,  Narciso Dorado López, Antonio Penabad García e o secretario Jesús Pérez para visitar os domicilios dos afectados.

Polas datas detalladas sacamos en conclusión que os traballos de arranxo do Areal para facer as feiras “y otros usos”, incluíndo o muro ao longo do rio duraron aproximadamente mes e medio.

E por último despois de tódolos desvelos, conversas, xestións, peticións ao Concello, tódolos traballos detallados e a mobilización do pobo ao completo, acaeceu un pequeno percance

(…) una vez que el camión que recogió el ganado del Sr. Ventoso, en el campo de la feria hundió las tapas de la artajea de la misma fue acordado nombrar una comisión para requerirle y hacerle presente, hiciera el favor de repararla. Siendo compuesta ésta por los Srs. Presidente, Secretario y el vocal D. Amando Rodríguez Rico.

Supoñemos que o Sr. Ventoso, ou, no seu defecto o seguro do camión que levou o gando, cumpriu coa sua obriga e deixou de novo a “artajea” en perfecto estado.


O SAN ISIDRO
Foi tamén na primeira Xunta Xeral deste ano de 1953 cando o  Presidente Manuel Teijeira fai unha proposta á asemblea: Que, dado que a Sociedade estaba formada por labradores, e que o seu patrón é San Isidro, encargarse no seu día, o 15 de maio, facerlle a festa. Proposta que foi apoiada por Manuel Flores Maseda e Daniel Blanco Rodríguez e aprobada por tódolos presentes, quedando comprometidos a pedir polas casas e facer as xestións necesarias a directiva actual, e nos anos vindeiros as directivas que estiveran exercendo. En outubro desde ano deciden comprar unha participación de lotería de Nadal de 2.000 pesetas “la cúal será repartida primeramente entre los asociados y, en caso de quedar sobrante, entre los demás vecinos, poniéndole una prima del 25% que quedará a beneficio de la fiesta de nuestro patrono San Isidro Labrador.” Costume que perdurou ata finais do século pasado.


AS MALLAS E OS MALLADORES
Si non segas no mes da sega ven o diaño e cha leva (popular)

A Sociedade contaba, dende xullo de 1924, con unha máquina e un motor de mallar comprada na Veiga a Victor Díaz por 4.500 pesetas,  a metade das cales se pagaron no acto e a outra metade en decembro dese mesmo ano. A malla era un servizo mais que a Sociedade de Agricultores de San Miguel aos socios de forma autoxestionado.

O dia 3 de xullo de 1927 a xunta directiva trata da vindeira tempada das mallas. Acórdase pedir a Veiga dúas latas de aceite para o motor e dous quilos de graxa consistente. Tamén se pensa en pedir a gasolina a D. Eulogio Fernández da mesma vila, a 50 céntimos litro;  pero antes de facer o pedido os alí reunidos falan de negociala con D. Gregorio Fuentes, comerciante de San Miguel, que tamén ten posibilidades de subministrala, e ese mesmo día despois de falar con el, comprométese a poñérllela en San Miguel a 55 céntimos litro. Dado que ésta considérana de mellor calidade, e a de Eulogio Fernández cumpría ir buscala a Veiga, apalabran o subministro con  Gregorio Fuentes.

O seguinte punto é designar os malladores, e di a acta do día:

Entre varias de las solicitudes presentadas para mallar y administrar el motor, para este objeto solo se presentaba la de José López Gómez  con el jornal diario de cuatro pesetas y cincuenta céntimos, y malladores Benigno Fernández a tres pesetas cada un día y Manuel Leiro a dos pesetas setenta y cinco céntimos igualmente cada día, advirtiéndoles que los domingos y festivos no se trabaja mas que en la limpieza de la máquina y motor, ni permitir que nadie malle más que los encargados.


Deste punto de advertencias, non deberon percatarse os interesados pois o 9 de agosto foron convocados a unha reunión porqué á directiva chegaron comentarios de que as incumpriran indo a mallar un domingo a San Pedro, asunto que lles valeu unha reprimenda oral e apercibimento para que non repetiran o feito.

O encargado do motor era quen levaba as contas dos gastos ocasionados e do abastecemento, ademais do tempo empregado en cada aira, para eso levaba unha relación co nome da casa, hora de chegada, hora de remate, e horas e minutos de tarefa. Logo rematada a tempada calculaban o gasto por hora e pasaban a conta a cada socio. Este ano a hora de malla saiu a catro pesetas.




Esto era en xeral a organización das mallas durante uns cantos anos, con elección dos malladores entre os socios que o desexasen por medio de presentación de plicas coas súas propostas.

(…) Se acordó poner un anuncio en la Iglesia para que llegue a conocimiento de todos, en el cual se invitara a todos aquellos que se consideraran aptos y con suficiente competencia para administrar el motor de la Sociedad y mallar, que lo soliciten por medio de instancia al Sr. Presidente.

E para escoller os mais aptos dicía ademais que a Directiva se reservaba o dereito de elixir o que consideraban mais acorde coa encomenda, pois deixaba ver que  eran cargos para demostrar responsabilidade e seriedade. Os responsables das máquinas encargábanse de levar o orde das casas segundo estaba establecido, dicir en voz alta a hora de comenzo e remate dunha malla, empezar a mallar polo menos as seis da mañá (hai que aclarar que nestes anos non había cambios de hora), traballar ata a noite e evitar toda liorta entre eles ou coa xente da casa. Nun principio só se mallaba aos socios, logo mais adiante tamén se mallaba aos non socios con un costo por hora lixeiramente mais alto.

Exerceron de malladores ao longo dos anos,  Benigno Fernández, Manuel Leiro, Bernardo Rey, Eduardo Cora, Benito Rodríguez, Antonio Dorado, José Ramón Rancaño, Eladio Novo...

En 1930 José López (Pincel) transmítelles o desexo de arrendarlles a maquinaria e explotala el. O Contrato faise por catro anos por un prezo de cero pesetas o primeiro ano e 125 pesetas cada un dos outros tres, con tódolos gastos a conta do Sr. López e a entrega ao remate do contrato en estado de funcionamento. En 1933 unha comisión formada polo presidente e dous socios volve a recibir o motor a máquina e todas as ferramentas incluídas. No 1934 volve a mallar a Sociedade poñendo de encargado a José Ramón Rancaño e malladores Bernardo Rey Puente e Benito Rodriguez, “llevando buena administración, que no se quejen los socios y no alterar el orden en ninguna era”. Fixéronse 70 horas de malla e cobrouse a 6 pesetas a hora “para cubrir gastos”.

E así se sigue durante os anos da guerra, cos mesmos malladores e subindo o costo da operación,  no ano 1940 xa saía a 10 pesetas cada hora de malla. Pero eses non eran tódolos problemas, posteriormente á guerra, recibiron senllos oficios do Concello e de Facenda reclamándolles un imposto polo consumo do combustible e para a tempada seguinte precisaron ir a Lugo xestionar o abastecemento para usos agrícolas na “Junta de Carburantes Líquidos de Lugo” a onde se desprazou o presidente Ramón Pérez Martínez. Estamos nos anos do racionamento, e no que se refire a gasolina non só en España, o mundo está inmerso nunha guerra e tódolos países teñen que tomar medidas de aforro de combustible  para subministrar os exércitos.

O presidente volve de Lugo cunha couta escasa de gasolina que deciden repartir a partes iguais entre os socios que mallen, trae tamén un Libro de Rexistro de Máquinas Desgranadoras, facilitado pola Junta de Carburantes Líquidos de Lugo no cal, o socio que faga o labor co motor da Sociedade (hai outras máquinas particulares mallando) terá que anotar, as horas, gasolina consumida, medas e ferrados de gran que posúe, e logo firmar no libro. Pero o problema non está resolto, a gasolina outorgada non abonda e deciden aceptar a proposición do socio

D. José López Gómez como dueño de varios motores y máquinas destinadas a la trilla, que dice que se compromete a hacer la labor a los socios que no puedan hacerlo con el motor de la Sociedad por no alcarzar la gasolina asignada a este Sindicato.

 Nomease unha comisión formada polo tesorero, Amancio Teijeira, Manuel Rico e Daniel Blanco para poñerse de acordo co Sr. López e que empece en Sarxende e a Sociedade na Barranca, obrigándose a cobrar aos socios a 17 pesetas a hora, para o que, o Sr. López esixe que tódolos socios que non mallen coa Sociedade teñen que facelo coa sua máquina ao prezo indicado. A Xunta Xeral toma a decisión de expulsar a todo socio que non faga a tarefa con unha destas dúas máquinas (nótase que había máis competencia). Con todo a Sociedade tivo que solicitar unha segunda cota de gasolina para rematar as mallas do ano 1941.

Ao ano seguinte os problemas non son menos. Na Sociedade os fondos escasean e necesitan 1.000 pesetas para pagar a Contribución Industrial que lles esixe Facenda pola actividade de mallar, e outros gastos. Contando conque a gasolina que lles asignarán este ano non sexa mais ca do ano anterior tómase a decisión de alugar a maquinaria a Elisardo Sánchez Vila  coas seguintes condicións: 150 pesetas pola campaña, que o Sr. Sánchez Vila se faga cargo de tódalas avarías excepto rotura de cigüeñal, pistón ou bloque do motor, sempre que non sexa por mal uso ou incompetencia, que observe a quenda que corresponde levar, empezando en Sarxende e ata Barranca e que o cobro da faena sexa proporcional para evitar diferenzas de trato.

Este contrato foi para o ano 1943, e en xuño de 1944 volve a ser José López   o pretendente do motor e a máquina de mallar, pero non se comprometía a mallar á totalidade dos socios e non se lle arrendou a maquinaria. Pensamos que estes puideron ser os últimos anos das mallas usando a organización e máquina de mallar da Sociedade, porqué non volve a tratarse este tema nas reunións de anos posteriores e por outra parte xa había particulares que efectuaban esa actividade.

Por conversas que tivemos, a maquina e motor  mercounos José López Gómez, e entrementres foi almacenada na casa de  Daniel Dorado, o home que exerceu de presidente durante moitos dos primeiros anos da Sociedade, dono da Casa do Merlo de Salxende.


A FEDERACIÓN DE SOCIEDADES AGRARIAS DO PARTIDO XUDICIAL DE RIBADEO.

Logo de naceren as Sociedades Gandeiras, progresivamente foron aparecendo as federacións agrarias no ámbito das comarcas e dos partidos xudiciais, co fin de canalizar a defensa dos intereses en común da xente do agro. A que nos corresponde neste  traballo foi a creada en Ribadeo. En agosto de 1928 o sindicato agrario de San Miguel toma o acordo de asistir a discusión do Regulamento da nacente Federación con sede en Ribadeo. Asisten como comisionados José María García Díaz, Lorenzo Remior Devén e Ramón Forján Larrea. En febreiro do ano seguinte A Sociedade de San Miguel, despois de discutir o único punto da orde do día, que era a entrada ou non na antedita federación, efectuouse unha votación resultando 44 votos a favor de entrar e 2 en contra. O formar parte dela implicaba o pago doutra cota de 0,25 pesetas de entrada, e 0,50 pesetas cada socio por semestre, e ademais, a obriga de vender os animais para matadoiro, e para subministrar as prazas de maior consumo (Madrid e Barcelona) por medio da organización de Ribadeo. O socio que non obrase desta maneira sería expulsado da Sociedade Gandeira. En agosto era expulsado por este motivo José Lorenzo Lanza de San Cosme,  e  Manuel Flores e José Pena de San Miguel piden a baixa voluntaria. En xuño eran expulsados Francisco Edrosa e José Dorrego Vázquez por vender un xato cada un aos tratantes, faltando así ao cumprimento do seu deber segundo o Regulamento da Federación. Non foron os últimos expulsados.

Non parecía que a obriga de ter que despachar os animais para carne por medio da Federación Agraría de Ribadeo aledase aos asociados de San Miguel, a pesares dos persoeiros que defendían o asociacionismo e a unión como eran D. Juan Rof Codina que nunha conferencia pronunciada en La Granja en Villaframil en xuño do 1928 propoñía -entre outros temas- deixar atrás o individualismo vender organizados como facían xa outras federación.

... Encareció la unión de todos los agricultores del partido para llevar a cabo la obra de cooperación a que aspiran, aconsejando la mayor disciplina y la firma por un año del compromiso de vender todas las reses por medio de la Federación u organismo que se constituya con el citado fin. (Las Riberas del Eo 16 de xuño de 1928)

Propoñía tamén que os mercados mais adecuados serían os de Xixón, Santander, Bilbao e San Sebastián pra servir por mar, e que, si se enviaban a Barcelona se levaran até o ferrocarril en camión para evitar baixas.

En 1932 figuraba como  Presidente Honorario da Federación D. Gregorio Sanz García

Outros motivos de descontento parece ser que estaban no 2 por cento de cota sobre as vendas que demandaba a Federación, e na perda de peso ou mala presenza dos animais en destino (Madrid ou Barcelona) do cal non se responsabilizaba ninguén.

Las Riberas de Eo en maio de 1933 publicaba o texto dun telegrama que a directiva desta federación remitiu aos deputados galegos e cataláns en Madrid co seguinte contido:

Repetidas bajas terneros arruinan labradores gallegos que vestimos telas catalanas. Por bien ámbas regiones ruégoles intercedan. - José Díaz Villaamil. Presidente.

As razóns expostas crearon un fondo debate dentro do seo da Sociedade de San Miguel sobre os beneficios de manter a unión e permanecer asociados, con entusiastas defensores desta alternativa, e socios que rexeitaban en xunta xeral algunhas das medidas que dictaban dende Ribadeo, e poñían condicións para permanecer asociados. Fora como fose, o certo é que a a comenzos do ano 1934 aboliuse o castigo de expulsión, e os socios do Sindicato Agrícola de San Miguel tiñan liberdade para vender os seus animais ao tratante ou na feira que quixeran.


OS CAMIÑOS

Camiños indispensables para o carreo dos froitos da terra e dos aparellos da labranza, Camiños de carro, de carros cantareiros moitas veces, como nos versos Manuel María:

As cousas vanse aledando
 por onde o meu carro pasa,
¡carrétame herba pro gando!
¡tráeme a colleita para casa!

Pero os camiños precisaban de mantemento para que os carros do país,  puideran cantar e puideran levar a colleita pra  casa, e sobre todo despois do inverno, despois de que a auga da chuvia caída durante o outono e o inverno correra por eles, moitas veces, como si de regatos se tratara, ou fixera fochancas que duraban ata entrados os meses de secura. Por outra parte tampouco se podía esperar polos recursos da administración que eran escasos ou inexistentes e os labores non esperaban, ou sexa que si había necesidade... tocaba organizarse e arranxar!. E aí estaba tamén a Sociedade Gandeira, os directivos recollían as propostas e dispoñía as quendas e as cuadrillas que se formaban por barrios para actuar alí onde era necesario.

Sabemos por escoitalo aos maiores, as persoas que o viviron, que a colaboración era obrigatoria, tanto co traballo persoal como coa prestación de utensilios e animais; a falta á este deber significaba sancións pecuniarias crecentes e incluso a expulsión da Sociedade. Inda que non sempre debeu ser así porqué no ano 1927 encontramos que a directiva pídelle ó Alcalde que lles dea medios para poder obrigar a participación, asunto que no concello tomaron en consideración.

No 1948 a multa era 25 pesetas a primeira falta, 50 pesetas a segunda, e a terceira vez a expulsión da Sociedade sin perdoar as multas impostas. Tamén se cumpría co deber si se faltaba unha vez, indo dúas persoas a seguinte, permitíase  que fosen as mulleres e fillos maiores de 14 anos.

En 1929 a Deputación Provincial convoca concurso para abrir camiños de utilidade pública e en San Miguel están propostos:

Primero. uno que empieza en el kilómetro 13, de la carretera del estado de Rivadeo a Vivero y baja por los Campos, Pereira, Pedregal y termina en la playa de la Arealonga.
Segundo. Que tambien empieza en el mencionado kilómetro y carretera, y sube por  los barrios de Martices, Ferrería y Barranca y termina en los limites de este distrito, cuyos caminos, entre otros de este pueblo, fueron declarados de utilidad pública.


Do que  se trataba era de darlles mais ancho, porqué os camiños xa existían, e era preciso falar cos veciños das fincas para que cedesen o terreo necesario, pero consideramos que nin unha nin a outra foron ancheadas ese ano, porqué no 1949 inda se falaba de rematar a estrada da Barranca e traspasala a Deputación. No 1952 este organismo contesta que non se pode facer cargo desa vía por culpa do hórreo de Manuel Leiro Salgado. Recordemos que o camiño pasaba polo oco entre os dous pes e por debaixo do hórreo; era a medida que un carro de molido tiña para baixar do Forcón ou de herba seca ou de trigo para subir para a Barranca. O tema non tivo solución ata os anos setenta que se botou a estrada por  fora do hórreo tal como a coñecemos hoxe. Pola sua parte a de Pereira non se abriu nos Campos hasta o ano 1954-55 por non chegar a acordo coas familias Torviso,  Ricardo Rocha e José R. Rocha Penabad para ceder o terreo necesario. Hai que dicir que o camiño pasaba pegado as portas destes últimos, e quen tiña que dar todo o terreo eran os Torviso, que non se sentían compensados satisfactoriamente. Deste xeito botou a carretera de Pereira mais de cinco anos co tapón dos Campos sin abrir e o resto do traxecto ancheado despois de grandes traballos de explanación no ano 1951 e de carreo inxente de pedra -aportada polos veciños, os seus carros e os seus gandos- que foi necesaria para facer o firme durante o ano 1952.

En 1951 Miguel Dorado propón abrir os camiños que van de Rechivadoiro ao Carballo e desde Salgueiros a este punto. A proposta foi aprobada e no momento foi designada unha comisión para solicitar a cesión dos terreos necesarios.

O “COSTERO”
Outros camiños, tan necesarios onte, como esquecidos hoxe a maior parte deles, son os camiños dos montes;  quizais porque agora dispoñemos de potentes medios mecánicos para o aproveitamento forestal, deseñados para poder moverse e abrirse paso por eses terreos costentos e  difíciles.  Pero nada que ver co servizo que prestaban os montes e a achega que representaban para a economía doméstica ata o século pasado. Os montes tiñan vida propia dende pola mañá cedo á tardiña, e tiñan o seu propio son; era o son dos xílgaros dos melros ou das pegas, pero tamén era o son do cravuñar nun rozón, do afiar nunha gadaña ou o latexo dun fouciño segando nas brañas; era o petar dunha brosa ou o resgar dun tronzador, era un eixo sin graxa, o bruar dun boi,  un canto.. un berro... un xuramento...

Estes camiños, as costas do monte, era preciso conservalas no mellor estado posible. O mulime ou mulido era tan imprescindible nunha aira como era unha morea de leña para queimar de inverno na lareira, ou na cociña bilbaína despois, e tampouco faltaban as pinas para acendela; as carocas que representaron o medio de vida dalgunhos dos nosos veciños: os espigueiros. Todo eso, amais da madeira, o producía o monte, todo se aproveitaba e todo era apreciado e valorado.  Os camiños do monte, as costas, non eran fáciles de transitar cun carro de vacas, sobor todo baixando, onde o único freo que aguantaba o carro e a sua carga, eran os animais que ían diante e un rastro feito cunhas pólas de pino,  cargadas con dous ou tres terróns grandes, enganchado a parte detrás do carro. Pendentes imposibles e esmendrelladas polo raer da ferraxe das rodas e polas augas de choiva que baixaban buscando o leito mais doado. Costas que precisaban mantemento para que o sacrificio dos animais e das persoas que os dirixían fora mais livián.
 
E aí estaba A Sociedade. En outubro de 1950, acordou  ir o xoves e luns seguinte amañar as costas do monte,  Ribón, Corredoira, Pozo Negro, Os pegos, O Lodeiro, Rastreiro, Pena do Gato... para entregarllas en bo estado a unha persoa que se encargara de conservalas, a un “costero”. Quen primeiro se propuxo para ese traballo foi Herminio González García que estableceu como pago  “una cuarta de maíz por carro”

D. Herminio González comprometíase a ter as costas en bo estado e cobraría en millo. Unha cuarta por carro (por cada veciño quer tivese carro). Pero saíulle competencia, e na xunta celebrada o día 1 de xaneiro de 1951, (comenzaban o ano novo con decisións transcendentes) encontramos que

“se dio lectura a tres pliegos cerrados presentados por los socios D. Herminio González, D. Valentín Goas y D. Tomás Gutiérrez, deseando ser admitidos como costeros expresando las condiciones y el precio con que querían ser retribuidos. Aceptando el presentado por Tomás Gutiérrez por ser el que resultó mas económico”.

Unha mostra mais de democracia interna, só falta de saber a discrecionalidade  que tiña a directiva para poder elixir a un ou a outro.

O FERROCARRIL DA COSTA

No ano 1928 se nomea un perito que valore as terras que colle o ferrocarril. En Agosto do 1929 formase unha comisión para entrevistarse co encargado do ferrocarril e interesarse polo mantemento dos camiños que cruza. En abril de 1934 lese unha carta da Sociedade Cantábrica da Devesa solicitando axuda para ver si se podía contactar cos deputados e pedir que se pagaran as terras que ocupaba o ferrocarril. No 1951 inda se forma outra comisión incluíndo o cura para ir a falar co alcalde sobre as pontes da vía férrea.

SERICICULTURA
En octubro do 1927  o sindicado recibe  un manifesto e unha carta solicitando a sua lectura ós socios, procedía do Comisario Rexio de la Seda. A demanda foi tomada en consideración e na xunta xeral seguinte, no segundo punto do orde do día procedeuse a ler a carta

… en la cual aconseja que los labradores se dediquen a la industria siderúrgica (sic) por ser esta  en otros tiempos, uno de los factores más importantes de la prosperidad de España.

Parece ser que entraba dentro dunha campaña para difundir a sericicultura en todo o pais e neste caso en Galicia; segundo unha noticia que encontramos na prensa da época en de agosto de 1927 o dito funcionario viaxou a Galicia entrevistarse cos Gobernadores Civiles para promover a campaña a nivel local. Tendo en conta as moreiras que hai en San Miguel non parece que os agricultores tomaran en consideración a petición do Comisario Rexio.

MONTES VECIÑAIS
En maio de 1928 a directiva convoca  unha reunión de socios e veciños de San Miguel para falar da decisión a tomar sobre os montes veciñais de man común do pobo. Con un alto grao de concorrencia os reunidos acordaron facer unha medición dos mesmos e tomaron a decisión de encargar esa tarefa a persoa que se consideraba mais capacitada para ese fin: Don José Alvarez Prieto (O Maestrillo).  Axudarialle unha comisión formada por Lorenzo Remior Devén, Don Luis Iravedra (Luis da Cachela, seu colega en outras andanzas) e Don Daniel Blanco Rodríguez, sobor de todo para indicarlle os lindes coas parroquias veciñas. Acordouse tamén un xornal diario para cada un de 6 pesetas.
Non sabemos porqué, quizabes o traballo necesitaba mais técnica e coñecementos do que aparentaba. Seis meses despois a xunta xeral tomou o acordo de deixar os montes veciñais como hasta o momento estaban e que cada un aproveitase deles segundo a súas necesidades.
A maioría da xente do pobo con certa idade sabe que os montes de REGO DE VIETEIRO, CERRADO GRANDE, VEIGA PEQUEÑA, GRANDA LONGA y ARQUEIRA, VENEIRAS, FONTARDÍN, PAINZÁS, PEDRAGÁS, RESPALDO DE COMADO e PENALONGA se partiron en 1952 despois de contar cos servizos dun perito (J. M. Coladas) e facendo 260 parcelas, unha para cada un dos veciños que vivían en San Miguel naquel momento, mais neste caso non vemos ningunha referencia a Sociedade como promotora deste reparto.

  Foron Presidentes do Sindicato Agrario Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante dende o 1914 aos anos sesenta do século pasado:
Marcelino González, Ramón Cid, Daniel Dorado, Pedro Penabad Fernández, José María García, Gerardo Docobo, Ramón Pérez Martínez, Manuel Teijeira, José María García Díaz, Pedro Penabad Fernández, José Longarela, Domingo Dorado...

Escribimos esta historia do  “Sindicato Agrícola, Sociedad de Agricultores de San Miguel de Reinante” tratando de ser fieis ao que encontramos nos libros de actas e contas que chegaron a nós, e facendo un pouquiño de memoria dos últimos anos que recordamos da súa existencia. Quizais haxa outras historias... a pesar das 35 páxinas que nos ocupa tivemos que obviar algunha cousas que nos parecían de menor importancia, pero que tamén falan de traballo, xestión, organización, cooperación, humanidade... pero tampouco aseguramos que esta sexa a última versión do noso relato.