Praza do Souto

Praza do Souto

jueves, 30 de noviembre de 2017

O Souto en días de feira e mercado.




O Souto, dende tempo inmemorial centro do pobo, cheo de vida, cheo de xente bulindo dun lado a outro, e hoxe… vese triste, encerrado en si mesmo, como esperando a que alguén lle recorde quen foi, que foi, como tantos e tantos lugares do pobo...
 Semella que o Souto se esqueceu de que no seu recinto celebrábanse as mellores feiras tódolos primeiros domingos de mes agás a feira do San Rosendo, que se celebraba o 1 de marzo fora o día que fora. Esqueceu que na súa pista transcorrían un dos máis recoñecidos   mercados da contorna, que os nenos xogaban bulideiros, que os comercios, traballaban a pleno rendemento!… Que foi daquel Souto?
O nome de Souto, máis que referirse a un lugar poboado de castiñeiros, tal e como enuncia a R.A.G, refírese máis ben a un lugar de encontro, unha encrucillada de camiños .
Non sabemos moi ben cando comezou a chamarse así xa que na Idade Media, aló polo 1300, era coñecido por Casal de Vilar, (casal: casa solariega cercada de muros con pequenas casas ao redor) xa que o dono deste Casal era Fernán de Vilar. Os arquivos da Catedral de Mondoñedo así certifican esta existencia cando no ano de 1389 se realiza un inventario da chamada Administración de San Miguel. O cabildo resultou ter gran cantidade de propiedades no pobo, concretamente seis casais de herdades mansas (terreos traballados) en “Jalsende”, Pumarinno, Pumarrubiño, Pousada, Outeiro e a metade do Casal de Vilar.
Sabemos que polo 1872 foi necesaria unha ampliación do Souto, xa que se quedaba moi pequeno para celebrar o mercado e a feira. Temos confirmación deste feito por informes realizados por parte dunha comisión de veciños, así como do concello. Os afectados alegaban que posuían casetas neste lugar e que o concello, pola súa parte, procedera a demoler cuadras e casetas que eran da súa posesión. O concello alegaba que estas casetas non estaban habitadas e que foran usurpadas a terreos municipais… Certo ou non, no 1872 o Souto ampliouse para enfado dalgúns e beneficio doutros.
Os propietarios afectados alegaban…     
que eran dueños de una casa cuadra y cercado unidos a ellos incluendo entre una era de majar, pajares, leñero y huerto sitas en el Souto de San Miguel de Reinante así como lo habían sido su causante Don Narciso Rodríguez hasta el año de 1858 en que falleció padre y abuelo respetivamente de los denunciantes poseyendo de dichas fincas pacíficamente por medio de inquilinos y del mismo modo una caseta unida a la casa referida desde dicho año hasta la fecha .
Resultando que según el escrito indicado los demandantes se han visto desposeídos de la cuadra y cercado reseñados en el día treinta de este-  por haber procedido a su demolición de mano de varios convecinos pro orden de don Juan Gomez revertido de la autoridad de Alcalde de Barrerios y bajo la responsabilidad de este arrasando aquellas localidades bajo el pretesto de conservación y mejora de caminos y plazas, dañando la casa principal con el derribo de una viga que apoyaba en una de sus paredes y la cuadra terminando por ofrecer información de unos y otros actos y fianza suficiente a responder de perjuicios para que probados todos los estrag,,, de la demanda de la restituya en la posesión de las fincas demolidads en su primitivo estado.

Pola contra, o concello…
el ayuntamiento en sesión extraordinaria de veintidós de septiembre de mil ochocientos setenta y dos los escritos presentados por Don Ramón Rodríguez y Antonio do Rego vecinos de San Miguel de Reinante opusieron a restituir al local de la feria de dichas parroquias los terrenos que detectan pertenecientes al mismo “Considerando que es obligación de los ayuntamiento que no solo conservar las fincas del común si no recuperar aquellas cuya usurpación se compraba? Frecuentemente?
Considerando que las declaraciones de los testigos no han sido impugnadas por las alegaciones indicadas a pesar de resultar de ellos que los terrenos de que se trata pertenecieron al citado local de la feria y considerando que según el articulo 67 de la ley municipal vigentes es de la exclusiva competencia de los ayuntamientos la apertura y aliviación de calles y plazas y todo clase de ias de comunicación.
Na documentación que temos non chegamos a sacar conclusións de como solucionaron este preito entre veciños e concello.


Os días de mercado

O mercado era os venres pola mañá e, dende primeira hora, a pista estaba chea de cestas ciscadas con froitas e produtos da terra (cebolas, patacas… todo segundo a época), galiñas, polos e coellos ben atados polas patas ou metidos en gaiolas con barrotes  de madeira.
O mercado era aberto a toda persoa que tivera algo que ofrecer. Se nunha casa nacía unha camada de coellos, e non se ían comer todos, levábanse ao Souto o venres.
Venres tras venres dábanse cita vendedores e compradores ocasionais, ou non tan ocasionais  que facían do mercadeo unha forma de gañar a vida.
O mercado dos venres servíalle a moitos naquel tempo para abastecerse de mercadoría que levarían despois aos mercados da Veiga, Ferreira ou o domingo a Lourenzá, lugar ao que moita xente de San Miguel se acercaba vender, sobre todo, a neviña (a semente do toxo).
Ao Souto viñan  Pepa de López, de Foz,  Encarnación de Casanova, que vendía as súas cazolas de barro e  un sinfin de tarros para as plantas.
 Tamén se daban cita vendedores de zocas, como Casanova, Cadramón, o Bagullo (que tamén traía velas) ou Pepe do Camín, que gardaba a súa mercadoría nos baixos das galerías que todos coñecemos.
 Estes non facían as zocas, senón que primeiro comprábanas e logo revendíanas polos  mercados. Nalgunhas ocasións incluso as decoraban
 O zoqueiro por excelencia foi Gumersindo, aínda que Luís da Cachela, a parte de coplista, tamén facía as bases dos zocos. Amando na Ferrería, traía as madreñas feitas por el mesmo xa que traballara na Devesa na fábrica de madreñas. Valeriano vendía as súas coidadas cestas e rocas de fiar e Rosita traía o pan de Vilanova, despois montaría a panadería que rexentaron Ofelia e Xesús de Dourado.
Rosa irmá de Palalola vendía: froita, avea, fabas ao igual que María de Cartiñas nun primeiro momento e Nélida do Cesteiro despois que ofrecía incluso fíos.

 Aínda que  moita froita chegaba de Vilanova ou de Ferreira. 
Veciños de Cabarcos e da Insua tamén se acercaban a vender o millo  e o trigo sobrante das súas colleitas.

O pescado viña de Foz normalmente. As peixeiras de Foz, cruzaban a ría con marea baixa e viñan andando ata aquí polo camiño dos focegos, cambiando a súa mercadoría, cando ían polas casas, por ovos e patacas. Unha destas peixeiras era Piedad, que anunciaba a súa chegada tocando o corno. Disque mentres que Piedad tiña peixe... as compañeiras pouco vendían, tamén procedía de Foz Lola que a parte de vender o peixe, dábache unha receita para cociñalo... todo un detalle!!! . Tamén chegaban peixeiras de Rinlo nos seus burriños. Como anécdota podemos dicir que tras un partido de fútbol entre o Iberia CF e o Rinlo no que houbera unha desastrosa arbitraxe, fixérase un boicot ao peixe de Rinlo, ao que o mestre de Benquerencia , xogador naqueles tempos do Iberia, César Margolles, se viu obrigado a intervir para rebaixar as tensións xa que o deporte debía unir pobos e non separalos… gracias á súa intervención levantaron  o “bloqueo”.

A Periquita de Rinlo tamén traía fíos e bobinas, tan necesarios para remendar a roupa unha e outra vez...
Esperanza , Antoña de Maio e Francisca de Couso vendían os seus queixos, que normalmente compraban en Ferreira ou Vilanova. Estas mulleres tamén vendían manteiga deixando probala no tarro aos posibles compradores. A cata, facíana somerxendo o dedo na manteiga ( creo que daquela non había inspectores de sanidade...) Alicia sempre traía pitos e Palalola, debaixo sempre do escaparate de Maruxa, traía as súas verduras directas da horta.
En toda casa de labranza cando se facía matanza non so se mataba un porco, se non que mataban dous ou tres, segundo o número de membros na familia. Os xamóns supoñían un ingreso extra para a familia xa que os podían vender ben sen curar ou curados. Xurdiu así a figura dos xamoneiros tales coma Gerardo da Ferrería ou Serafín de Reinante que compraban os xamóns polas casas e despois vendíanos no mercado. Tamén compartía esta actividade Gregorio Fuente, O Maragato, aínda que este non ía polas casas se non que llelo levaban directamente ao comercio situado na mesma pista do Souto.

Trala guerra civil había unha gran carencia de produtos alimenticios de primeira necesidade   por moitos era a coñecida cartilla de racionamento que funcionou entre 1939-1952 e que tivo como consecuencia o florecemento do estraperlo con produtos coma o aceite, o café, o azucre, a fariña, as patacas da crepa, ou mesmo o xabón.
Casos hai de mercadeiras que viaxaban a Lugo no autobús de Canceleiro para comprar no mercado negro algúns destes produtos que traían agochados debaixo das saias en “alforxas” feitas para o caso ou no fondo da cesta da froita. Estas mercadorías e outras legais portábanse, ben ao lombo, ben nos burros, andando polo monte ata os mercados de Ribadeo ou da Veiga para onde había que saír o día anterior e co perigo engadido de toparse coa Garda Civil que vixiaba esta actividade, o cal significaba o decomiso da mercadoría e unha posible malleira.

Para o transporte de vendedores e mercadorías a tales eventos valíanse de burriños tirados por carros. 
Máis tarde, xa nos anos corenta contaban co servizo dos autobuses de Xosé de Inés, de Reinante, Canceleiro, de Cabarcos, Autos Casanova de Florencio González e Autos Dorado de Manuel Dorado Dorado, “O Páxaro”, de Benquerencia, que tempo despois tamén se encargaría de levar aos rapaces e rapazas a Ribadeo a estudar o Bacharelato, e aínda hoxe en día o segue facendo. Estes coches levaban escrito no frontal, derriba da cabina, as tres palabras que eran toda unha declaración dos seus fins: “FIESTAS, FERIAS Y MERCADOS”.

A mercadoría viaxaba na baca metida en gaiolas e en cestas cubertas cunha arpilleira amarrada ao redor cunha corda. 
O pago polo  servizo de transpote facíase  ao dono do coche e este era sempre outro momento para o regateo, xa que este pedía a ollo polos vultos que portaba o/a viaxeiro/a e este/a, sempre buscaba a maior rebaixa.



Naquel tempo o Souto era lugar de encontro, de xogo, de ruido e algarabía.
    Hoxe, non loce esplendoroso como no 1947 cando a Sociedad Ganadera de San Miguel estreou unha reformada pista presidida pola Micaela. Coa súa balaustrada e aquelas árbores esplendorosas. Ese brillo comezou a desaparecer no 73 canda a Micaela, disque en pro do “progreso “ como tantas outras cousas... pero cómpre rememorarlle a  este Souto quen foi. ..



Continuará cos comercios...

Seguramente me faltou moita xente de mencionar, pido desculpas xa que resulta moi complicado falar de algo que non coñecin e do que falo por boca de moitos tras varias entrevistas. Pero ben... este é un relato aberto que se pode completar. Moitas grazas.