Os tempos de antes, aínda que duros polas
múltiples carencias e os moitos sacrificios polos que pasaron os nosos
antepasados, foron tempos sans nos que o mesmo traballo era fonte de alegrías. Eran
os tempos da esfolla, as mallas, momentos
para a reunión, as cantigas, os cantos e as bromas, pero, pese aos múltiples
traballos, gardaban un tempo para o lecer, para o baile do domingo e dos días festivos.
TIRABEQUE
Non
temos a data exacta de cando foi inaugurado o primeiro baile no pobo. Si estamos
en poder asegurar que o baile máis antigo do pobo foi o celebrado no Salón de Tirabeque, que tamén
tiña aparte sala de billar. Algún tempo despois, Antoña de Marcelino abriu unha
sala de baile no centro do pobo.
Consultando
o periódico “El eco de San Miguel” do ano 1918, aparecen anuncios destes dous
locais, anuncios que se presentaban tremendamente atractivos:
“Casa
Tirabeque, acreditada fonda y tienda de comestibles y ultramarinos. Billar.
Esta casa tiene la particularidad de servir el mejor café. Hay salón de Teatro
y Baile.”
“Para evitar la gripe.
Tomad café y licores en Casa Tirabeque y
así no tendréis nada que temer. El que apenas se registren casos de la misma
obedece a que la gente del pueblo toma café y bebidas en esta casa”,
rezaba un anuncio en “El Eco de San Miguel” en setembro dese ano. Ao parecer,
en outubro xa non o puideron repetilo por mor da epidemia de gripe que arrasou
un mundo con 40 millóns de mortos, e incluso tiveron que pechar a escola ese
mes debido aos numerosos casos de gripe.
“El que desee pasar la
tarde de los domingos y días festivos algo divertida… tendrá que visitar el
Salón de Marcelino. Allí podrá disfrutar de la amena conversación de las más
simpáticas jóvenes de San Miguel. Así que no hay nada que esperar… “
(“El Eco de San Miguel”, xuño do 1918).
Como xa dixemos anteriormente, Francisco Moreda
(Tirabeque) foi o primeiro en organizar bailes no pobo. Concretamente o seu
local estaba no que posteriormente sería
o Baile de Don Julián.
En
agosto de 1918, “El Eco de San Miguel” anunciaba que o Tirabeque, que
permanecera cerrado por un período curto de tempo, volvería abrir as súas
portas en setembro tras un cambio de local, concretamente a onde está na
actualidade.
“El
acreditado industrial de este pueblo, don Francisco Moreda, tiene el gusto de
participar a su numerosa clientela y al
público en general que en el próximo mes de setiembre inaugurará su nuevo
establecimiento de café y billares. El salón también estará dotado de material nuevo
y tendrá también nuevas dos mesas de billar”.
Concretamente
neste salón, o 5 de xuño do 1932 os rapaces do pobo organizaron unha velada
teatral na que representaban dúas pezas: unha feita por Inocencio González
(mestre, colaborador en varios periódicos do pobo e avó dos Mesos) e despois
interpretaron outra peza chamada “La Niña de la Bola”.
Cando
pechou como salón de baile, permaneceu durante moitos anos traballando como bar.
Casa Tirabeque |
SALÓN DE
MARCELINO
O
Salón Marcelino, máis coñecido como “as Marcelinas”, é o segundo salón de baile
máis antigo. Pertencía ás chamadas
Marcelinas, e coñecíanse por ese nome porque seu pai chamábase precisamente Marcelino
e as descendentes todas foron mulleres.
Antoña
abriu este local como salón de baile e
rexentábao con man dura, non dubidaba en poñer no seu lugar a calquera home que
pretendera facer algo ilícito no local.
Aparte
de baile, o local tiña unha pequena taberna e un local para xogar ás cartas.
OS BENITOS
O
29 de xuño de 1933 o local pasa a ser levado polos “Benitos”: Benito Rodríguez
e Benito Martínez (Benito de Marcelo e Benito das Marianas) que tras o seu
periplo por América decidiron probar sorte no pobo.
Así era anunciada esta inauguración no
“Riberas del Eo”:
”El día 29 se ha
inaugurado en este pueblo, y en el Salón Nuevo, un nuevo piano a manubrio,
construido en los talleres Linares de Barcelona dotado de un afinado Jaz-ban y
con un variado repertorio de los bailables más modernos”.
Este
local, aparte de celebrar os bailes dos domingos e os festivos tamén, ofrecía
periodicamente obras teatrais. O 6 de
xuño do 1934 os rapaces do pobo organizaron unha velada teatral na que
interpretaron dúas obras: “Doña Claridades” e a obra de Curros Enríquez “El
padre Feijoo”, así coma un par de diálogos e uns monólogos. Deste xeito
deducimos que os bailes contribuían non só ao lecer dos nosos avós, senón
que tamén contribuían a espallar
a cultura no pobo.
Os
Benitos rexentaron este local ata o ano 1941 cando é traspasado a Antonio
Mosquera Otero, pasando a ser ata o fin
dos seus días “Casa Mosquera”, ou dito por calquera sanmiguelense de pro, “Cas
Mosquera”.
Antonio
Mosquera Otero nacera na casa de Rosgaina, sendo o menor de seis fillos. Como
moitos outros mozos do pobo, marchou para Cuba
e foi membro da Sociedade Hijos de San Miguel y Reinante.
Este
novo negocio, en realidade eran catro, posto que era ultramarinos,
ferraxería, taberna e salón. A tenda de ultramarinos e a ferraxería estaban ao
fondo, e a taberna á man dereita segundo se entraba.
O
primeiro que fixo Antonio cando colleu o negocio foi cambiar o mostrador que
había por outro de madeira de mármore que imitaba a adega cubana na que el
traballara.
Entre
o mostrador do ultramarinos e a taberna había un paso que levaba á trastenda
onde nun tempo se xogaba ás cartas.
O
ultramarinos e a taberna estaban separados do salón de baile por un tabique de
madeira que tiña no medio unha porta que
daba paso ao salón.
Cando
se entraba no salón, á man dereita atopabamos cun moble para o tocadiscos e os
discos e, encima da porta, había unha
plataforma na que estaba o órgano ou o chamado piano jazz-band, empregado nesta
época para amenizar as veladas. Ao fondo, á dereita, estaba o palco para as
orquestras e nesa mesma parede, máis ao
centro, un gran espello invitaba ás
raparigas a retocarse. Dende este lugar
anunciaban as orquestras que tocarían nos días seguintes.
Rodeaban o salón, pegados ás paredes, bancos corridos
nos que as mulleres máis maiores se
acomodaban vixiando aos danzantes.
Arriba destes bancos, uns ganchos de madeira e metal ofrecían servizo
para pendurar os abrigos.
Nos
tempos de Mosquera, os domingos e festivos bailábase ao son do xiradiscos e, se
se ía a luz, algo moi habitual, o organillo amenizaba a velada. O organillo
tiña un tambor claveteado con dez pezas e cando remataban, volvían repetirse as
cancións.
Nos
días de feira ou durante as festas do San Rosendo, trocaban o xiradiscos por
orquestras dos arredores: “Radio Jazz”, “Os Petos” co seu cantante Manolo Gil,
“Os Mindonienses”, ”Monterrey”, “Os Ismaeles”…
Entre
os últimos bailes que tiveron lugar nesta sala, chegados xa tempos mais
modernos, actuou no Salón Mosquera un conxunto de corte moderno, tres
guitarras, batería e órgano, que rompía coa tradición orquestral e musical do
local. O grupo cun nome moi á moda anglófona da época, chamábase “The
Breaker's” e estaba composto por cinco rapaces de Ribadeo. Entre eles, tocando
a batería, viña o noso conveciño Luis Vieites.
Antonio Mosquera no seu bar. Foto cedida polos seus familiares. |
Na
porta, Antoño ou José de Rosgaina cobraban aos mozos. As rapazas e os nenos non
pagaban. Benito de Marcelo botáballe unha man no organillo e Benito das
Marianas ou de Martín, axudaba a servir.
Os
rapaces ían primeiro aos bailes que
había nos pobos limítrofes e remataban a noite de festa no Mosquera.
Chegaban
os máis acaudalados en bicicleta; os que non tiñan bicicleta, a veces traían a
pinza colgada no pantalón simulando un descuido. As rapazas, vestidas de festa,antes
de chegar ao Souto escondían as zocas ou zapatillas e cambiábanas polos
zapatos. Algo bastante normal por mor do estado dos camiños naqueles tempos sen
luz, sen asfalto e, moitas veces, enlamados.
As rapazas bailaban entre elas ata que
chegaban os mozos a separalas solicitándolles un baile… ou dous.
Remataba
o baile á media noite avisando á xente cun apagado e acendido da luz. Os
encargados da porta procuraban facer que este corte de luz fora algo prolongado
para que os mozos, na escuridade, se puideran despedir fóra de miradas indiscretas.
Como
anécdota, destacar que unha noite, cando
Antonio e a súa dona se ían deitar tras rematar o baile, chegou Salvador
(pai do Trini) para que lle abriran o local xa que o seu fillo non chegara e
estaban moi preocupados a ver se o rapaz quedara alí. Efectivamente, cando abriron
a porta o Trini durmía placidamente debaixo do palco.
O
salón de Mosquera, pechou as portas no ano 1969. Aínda que deixou de facer baile, seguiu mantendo o seu carácter social facéndose aquí os cursos do PPO, clases,
lugar de xogos…
A
taberna e o ultramarinos seguiron funcionando ata o 31 de decembro do 1999 cando Mercedes
Mosquera, Merceditas para todos os que a coñecemos, se xubilou.
Información aportada por Mercedes Agulleiro Mosquera
O BILLAR
En
xuño do ano 1918 aparece un novo salón de Baile que convivirá co salón
Marcelino e o Tirabeque durante un tempo. Será o Billar de Julián Díaz Moreda.
“En breve se darán por terminadas las obras
que viene realizando el propietario Don Julián Díaz Moreda, ínitmo amigo
nuestro en las casas donde se hallaba antes instalado el Salón do Billar de
Tirabeque, barbería y almacén de Abraido”. (“El Eco de San Miguel”, xuño de
1918).
Don
Julián Díaz foi outro dos moitos emigrantes do pobo. Emigrou a comezos de
século xunto con seus irmáns José Ramón e Antonio rumbo á illa caribeña.
Alí
en Cuba fixo algo de fortuna traballando na Berbena, a típica tenda de
ultramarinos. Don Julián, como foi coñecido por todos, contribuíu enormemente
ao fomento da cultura no pobo xa que xunto a seus irmáns, foi un dos socios fundadores
da “Fundación Hijos de San Miguel y Reinante”, fundación á que tanto se lle
debe neste pobo.
Cando
volveu a Galicia decidiu montar un negocio xunto a seu irmán José. Entre os
dous compráronlle a Francisco Moreda, o local no que el comezara a facer os
bailes con anterioridade a Casa Tirabeque..
Tiña dúas mesas de billar francés, de carambola. A
base destas mesas era de pizarra pulida cuberta por un pano verde. Non se
deixaba xogar aos nenos, e aos principiantes dábaselles a mesa máis gastada e os
tacos máis deteriorados.
Había
tamén unha máquina para arranxar os tacos dos paus que viñan dotados cunha
zapata plana de coiro nunha punta. Este coiro adoitaba despegarse polo que
requiría que o meteran nesta máquina para axustar a zapata.
O Billar, foto aportada por Antonio Díaz, neto de Don Julián. |
No
ano 1933 pecha as súas portas durante un curto período de tempo para reformar
as instalacións, reabrindo o 13 de xaneiro do ano 1934 como Salón Casino
Funcionaba
o billar como bar a diario, sendo moi coñecido polo seu café. Xente de Mondoñedo,
A Veiga, Ribadeo… achegábase ao pobo para disfrutar do baile e do café, aínda
que tamén servían viños “Cesa”, “Savín” ou “Coes” e mais cervexas “Sinalco”,
das que o representante era Eliseo, o “Dula”, que foi promotor posterior da
cooperativa Castillo San Damián.
Non
sabemos cando cerrou as súas portas como baile. As hemerotecas do momento non o
recollen. O salón de billar funcionou ata o ano 1954 e o bar ata o ano 1974, xa
en mans do seu fillo Virgilio.
O Billar dende fora. |
O LICEO
O
máis “recente dos bailes” foi o Liceo. Que foi fundado por Ramón Abraído xunto coa súa primeira dona, Amadora.
Anunciaba a súa apertura no periódico “Las Riberas del Eo” na súa edición do 17 de xuño do 1933:
Anunciaba a súa apertura no periódico “Las Riberas del Eo” na súa edición do 17 de xuño do 1933:
“El pasado día 13 se ha inaugurado un nuevo
salón de baile que lleva por nombre Liceo. Una numerosa concurrencia premió con
sus aplausos a su propietario el comerciante de este pueblo don Ramón Abraído
al que deseamos muchos éxitos en su nueva empresa.”
O Liceo, ademais de baile, era sala
de cine. Primeiro facían o baile e logo despois poñían a película. O Liceo era
un baile de renome e prestixio, incluso
algúns afirman que ao Liceo ía a xente con máis poder adquisitivo daquela época.
Ramón Abraído e a súa dona Estrella Rocha. |
“Continúan en este
moderno salón las proyecciones cinematográficas, todos los domingos, con mucha
animación.
Por tal motivo,
felicitamos sinceramente al empresario señor Abraído, que sin regatear
esfuerzos ni mirar sacrificos está poniendo a San Miguel a la altura de muchas
poblaciones.” (“Las Riberas del Eo”, 13 de
xaneiro de 1934).
Albergou
grandes eventos da época como a famosa actuación do tenor Valeriano G. Abraído,
sobriño do propietario, ou actuacións de corais, como Cantigas da Mariña, e
algunha que outra peza musical.
“El
concierto del domingo. Como habíamos anunciado en nuestra reseña anterior , el
pasado domingo, y en el Salón Liceo ha tenido lugar un concierto de canto y
música primero a cargo del tenor Abraído, y la segunda a cargo de la señorita
Blanca Maseda, de D. Antonio Pérez. El selecto público que asistió al acto, ha
sabido premiar con sus aplausos la labor de los artistas que con gran acierto,
han sabido ejecutar el selecto programa de obras nacionales y extranjeras.”
Imaxes do Liceo cedidas por Dori Abraído, neta de Ramón Abraído. |
Imaxes de Ramón Abraído (fillo) e a súa dona (abaixo) no ambigú do Liceo.
OS ANOS DE GUERRA E J.BARIL
Durante
os anos da guerra os bailes suspendéronse. Sen embargo, no barrio dos Campos, e
de forma non organizada, celebrábanse pequenas veladas. Algunhas mozas tocaban
a pandeireta ata que chegaba Jota Baril co seu violín e a súa compañeira Visita
que o acompañaba co bombo: “Dúas no bombo e unha no aro, e agora dúas no aro e
unha no bombo.”
Manuel
Martínez Chao, máis coñecido como Jota Baril, foi un artista do pobo que, aínda
que moi descoñecido para os máis novos, os veciños que o coñeceron recórdano con moito cariño.
El compoñía pequenas pezas musicais que posteriormente vendía nas distintas
feiras e festas á que acudía. Moitas pezas eran cantares de cego que relataban
sucesos acaecidos polos arredores, polo que, á hora da súa interpretación,
moitas veces pechaba un ollo a modo de cego. Deixábase ver polo pobo máis ben
chegado o inverno, xa que no verán ía de festa en festa.
A
xente bailaba ao son das súas pezas e solicitaba unha e outra vez a
interpretación dalgunha “jota” aclamando: “Toca outra jota, Baril”. Deste xeito
chegou a nós como Jota Baril. A historia deste home resulta tremendamente interesante,
polo que máis adiante dedicarémoslle un artigo.
JOANGO
Xa
no ano 1969, o un de marzo, abre a sala de festas “Joango”, rexentado por José Andrade González, que
poucos anos despois fecharía as súas portas vítima do progreso e a modernidade
que levaba á xente nova ás salas de festas como o Bahía de Foz ou Rosa Lar de
Ribadeo. A xuventude ía sacando carné de
conducir e adquirindo coche o que
permitía desprazarse máis facilmente ata chegar a Burela, onde había
grandes bailes nos anos 70 con dúas salas de festas funcionando, e ata Viveiro,
onde había outras dúas que competían en presentar cantantes famosos do momento
como Víctor Manuel, Los Tres Sudamericanos ou o mesmo Julio Iglesias.
Joango, como
as outras salas de festa do contorno nos anos setenta, sempre ofrecía música en directo con orquestras ou cos
típicos grupos musicais dos setenta. Entre os que actuaban nesta sala estaban
“Los Valles” e “Los Mejoranos” do Valadouro,
entre os que se encontraba o tristemente desaparecido músico Arcadio Mon,
ou “Corazones Jóvenes”, de Ribadeo.
Nesta sala tamén se celebrou durante varios anos a
gala de elección de mises en San Miguel,organizada polo empresario lucense
Garalva.
mozos na Sala Joango, foto cedida por Faustino González Recalde. |
PUB POPEYE
O 2 de xullo do 1977, no antigo taller de costura
de Baamonde, Jose Antonio Fernán dez González (Popeye para todos) e Delfina
González Martínez (Fina) abriron un bar ultramarinos. O dìa da inauguración,
fora un éxito total tan so se lles esqueceu aos xoves propietarios ter en conta
onde botar os cartos. Solucionaron o problema cunha caixa de zapatos que serviu
como rexistradora nos primeiros meses... No 1984 abriron ao público a horta da
casa reconvertida en terraza . Foi a orixe do Pub Popeye local de lecer da
maioría da rapazada do pobo nas noites de verán, coa súa pereira presidindo a
horta, o seu futbolin...
Á esquerda antigo taller Bahamonde, lugar onde despois se abriu o bar ultramarinos Popeye e posteriormente o pub. Imaxe cedida por José Fernández. |
O Popeye
pechou as súas portas no 2015 pero bueno... aínda queda a esperanza de que
volva abrir non?
Tardaría
algúns anos en abrir o Cinema no antigo cine Rimar, pasando a chamarse
posteriormente Metro, Sala Boss e, na actualidade, Sala O Que Che Dixen II, xa
moi lonxe estas salas do son do organillo de manivela propio dos bailes de
comezo de século.
Hemeroteca: Faustino González, Francisco Teijeira e Xoan Manuel Díaz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario