Non era a primeira vez que os veciños de San Miguel pensaron no reparto dos montes comúns. A Sociedad de Agricultores xa abordou este tema nunha Xunta Xeral extraordinaria o día 13 de maio de 1928. A directiva convocara socios e veciños de San Miguel para falar da decisión a tomar sobre os montes veciñais de man común do pobo. Con un alto grao de concorrencia os reunidos acordaron facer unha medición dos mesmos e tomaron a decisión de encargar esa tarefa a persoa que se consideraba mais capacitada para ese fin: Don José Alvarez Prieto (O Maestrillo).
José Álvarez Prieto |
Nomeuse tamén unha comisión de apoio formada por Lorenzo Remior Devén, Don Luis Iravedra (Luis da Cachela, seu colega noutras andanzas artísticas) e Don Daniel Blanco Rodríguez. Serían os que lle indicarían os montes e, sobre de todo, os lindes coas parroquias veciñas. Acordouse tamén un xornal diario para cada un de 6 pesetas.
Non sabemos porqué, quizabes o traballo necesitaba mais técnica e coñecementos do que aparentaba. Seis meses despois a Xunta Xeral de xaneiro do 1929 tomou o acordo de deixar os montes veciñais como hasta o momento estaban e que cada un aproveitase deles segundo a súa necesidade.
Pasaron 25 anos para retomar o tema e facer o reparto de ditos montes con igualdade de dereitos entre todos os veciños e veciñas que habitaban a parroquia, incluíndo mestres e gardas que neste momento vivían no pobo. En total 260 parcelas.
Principiouse por formar unha comisión de veciños que se encargará de facer o censo de participantes, designar ao perito que fará as medicións, formarán parcelas e establecerán turnos para os traballos auxiliares do perito e da comisión (paredado de parcelas, recadación de cotas e protocolización do caderno de participación , citacións e solución de pequenas incidencias).
Cada unha das fincas sería apedreirada por unha serie de veciños voluntarios que irían poñendo os respectivos marcos con número de finca .
Estaba formada esta comisión por oito veciños, que se consideraron os máis preparados e estudados para esta misión sendo o presidente Tomás Villamil Seijas como presidente, veciño do pobo (fillo do mestre Manuel Villamil e a mestra María Seijas) que acaba de rematar os seus estudos de dereito, José Baamonde Novo como secretario (estudante de maxisterio) , e Enrique Díaz Moreda como tesoureiro.
Exercerían como vocais Enrique Penabad Larrea, Antonio Álvarez Navia, José Novo Falcón, José María García Díaz, Pedro Penabad Lanza, Manuel Teijeira Perez e Francisco González Pérez “ para que con los asesoramientos oportunos procediesen a la división y parcelación de los montes propiedad de la parroquia”.
Enrique Penabad Larrea |
Días despois foi designado como perito José María Coladas Guzmán colexiado e veciño de Ribadeo que deslinda, mide e levanta plano de cada unha das fraccións a dividir con un total de noventa hectáreas e sesenta e nove áreas. Para un reparto equitativo clasificou o terreo o señor Coladas en 5 categorías, dependendo da fertilidade, pendente, irregularidades e comunicación que tiveran, valorando cada peza segundo estas características e a superficie que tiña. O valor total sumou 32.500 pesetas, que repartidas entre as 260 parcelas, saíu un valor por parcela de 125 pesetas en calquera das zonas que estivera situada.
Estaba formada esta masa común por:
1. Rego de Vieiteiro monte de dúas hectáreas que lindaba polo norte e sur con particulares, este co rego do mesmo nome , valado e fincas de propiedade privada e polo oeste cos montes de San Pedro de Benquerencia nunha lonxitude de douscentos cincuenta e oito metros.
2. Cerrado Grande, monte de trinta e oito áreas, alargado no sentido de abaixo arriba e cruzado polo camiño de servizo aos montes deste lugar. Linda polo norte con particular, sur con Monte da Veiga pequena (que tamén vai repartirse) este co camiño e valado de montes particulares.
3. Veiga Pequena, monte dunha hectárea oito áreas alargado en sentido de abaixo arriba ben ao monte e que forma un recodo. Linda polo norte co Cerrado Grande e un valado de cerca montes particulares .
4. Granda Longa e Arqueira. Monte de dúas hectáreas e cincuenta áreas configurado de abaixo a arriba que linda polo norte con parede e valado particular, sur cos montes de Cabarcos, este co Rego da Granda Longa e a confluencia co rego do Forcón a partires de onde toma o nome de Rego da Fraga e oeste cun particular
5. Veneiras, monde dunha hectárea que é de forma moi irregular que linda polo norte con valados e montes particulares, polo sur cun talude e penas, este con valados e cerres de montes particulares e oeste igual
6. Fontardín. Monte de cincuenta e seis áreas de forma alargada e que linda polo norte coa parede e valado que cerran montes particulares, sur co rego de Fontardín , e polo este cos camiños que suben ao monte.
7. Painzás. Monte de doce hectáreas corenta e tres áreas irregular e cruzado polo rego de Painzás. Linda polo norte con particulares, polo sur con montes, valados e o camiño que vai a Pedregás. Polo este co mesmo camiño e polo oeste en parte con comino e montes cerrados de particulares.
8. Pedregás. Monte dunha hectárea trinta áreas que linda polo norte co rego de Carrizás, sur con parede que cerra montes particulares, este con parede e camiño, e polo oeste coa servidume de montes e cerrados de particular
9. Respaldo de Comado. Que é un monte de seis hectáreas sesenta áreas que linda polo con parede de cerre de montes particulares, sur parede e valados, este coa Pena da Bota que intermedia o monte de Penalonga e os montes de Reinante, e oeste co calexón que cerra montes particulares e camiño que sube ao monte.
10. Penalonga, monte de sesenta e dúas hectáreas e oitenta e e catro áreas que linda polo norte con parede e valado que cerra os montes dos Pegos , Carrizás e o Respaldo de Comado que en liña sinuosa sube dende a Mouta ata a Pena da Bota. Este cos Montes de Reinante, dende a pena da Bota ata o Marco de Comado que limita cos termos de San Miguel de Reinante , Santiago de Reinante, A Devesa e Arante. Polo Sur cos montes de Remourelle, os cerados do Zoco e de Loureiro que os separa o camiño e o rego da Candaosa, Oeste fondo e con parede e valado do cerrado de Lodeiro e particulares
A descrición dos lindes é mais extensa, cos nomes e apelidos dos donos lindantes, pero a súa lectura pode resultar aburridda, sin embargo citamos os referidos a toponimia da zona para a súa recuperación e recordo.
O 25 de abril o notario de Ribadeo don Francisco Vigil de Quiñones y Villalva, do colexio da Coruña, en base documentación confeccionada polo perito e mais a comisión, fai un documento matriz coa distribución das leiras e a relación de novos donos, e o oito de maio entrega unha hijuela individual a cada un.
Parcelación na Mouta |
Imaxe do SIGPAC da parcelación dos antigos montes comunais en Comado |
O doce de maio dese mesmo ano, elévase a escritura pública intervindo todos os veciños e veciñas do pobo polo seu dereito, e ademais tres veciños que interviñan para conceder a licenza marital(1) ás súas esposas e outro que interviña no nome e representación dos seus fillos menores.
Advirte o notario a dúas veciñas antes de proceder á lectura, da necesidade de obter a licenza marital dos seus esposos para poder participar desta escritura de partición.
Actuan de testigos Don José Ferrero Villanueva (mestre naquel momento) e don Domingo García López. O citado en primeiro lugar, firma no seu propio nome e en nome de 33 persoas das 260 adxudicatarias, que declararon non saber facelo.
Nas declaracións finais das escrituras, establecíase e ratificabase cada un dos camiños que debían respectarse.
- Camiño polo fondal do pedazo de rego do Vieiteiro.
- Camiño da Veiga pequena próximo a outro que sube por montes particulares.
- Camiño de Painzás que bordea montes particulares e que remata no camiño de San Miguel aos montes de Pedregás
- Camiño que vai dende o chamado Cerrado de Docobo e que ascende unido ao Cerrado de tres particulares mais, tamén até o camiño de Pedragás.
- Camiño intermedio das parcelas de Mariano Fraga Acevo e todas as parcelas que limitan ao norte.
- Camiño que vai dende o Cerrado de Francisco Ríos ao de Francisco Iglesias
- Camiño de Pedregás de novo trazado que intermedia o fondal de cinco particulares.
- Camiño no Respaldo de Comado que sube dende o Cerrado de Luís Dorado ata a chamada pena da Bota.
- Camiño ascendente de Penalonga que sube unido a o valado do monte dos Pegos e dos Carrizás dende a Mouta ata a Pena da Bota.
- Camiño entre a Mouta e o chamado Campo Redondo.
Establécese a servidume de paso a pé ou con gando xunguido a carro por todas as estremas das leiras onde non haxa camiño, para que todas queden comunicadas.
1. Autorización que precisaban as mulleres dos maridos para actos xurídicos e patrimoniais segundo o código civil do 1889 que se mantivo vixente ata o 1975.
No seu artigo 60 e seguintes
“el marido es el representante de su mujer. Ésta no puede sin su licencia comparecer en juicio por sí o por medio de procurador.” “tampoco puede la mujer sin licencia o poder de su marido adquirir por título oneroso ni lucrativo enajenar sus bienes, ni obligar sino en los casos y con las limitaciones establecidas por ley.