O Souto, dende tempo inmemorial centro do pobo, cheo
de vida, cheo de xente bulindo dun lado a outro, e hoxe… vese triste, encerrado
en si mesmo, como esperando a que alguén lle recorde quen foi, que foi, como
tantos e tantos lugares do pobo...
Semella que o
Souto se esqueceu de que no seu recinto celebrábanse as mellores feiras tódolos
primeiros domingos de mes agás a feira do San Rosendo, que se celebraba o 1 de
marzo fora o día que fora. Esqueceu que na súa pista transcorrían un dos máis recoñecidos
mercados da contorna, que os nenos
xogaban bulideiros, que os comercios, traballaban a pleno rendemento!… Que foi
daquel Souto?
O nome de Souto, máis que referirse a un lugar poboado
de castiñeiros, tal e como enuncia a R.A.G, refírese máis ben a un lugar de
encontro, unha encrucillada de camiños .
Non sabemos moi ben cando comezou a chamarse así xa
que na Idade Media, aló polo 1300, era coñecido por Casal de Vilar, (casal:
casa solariega cercada de muros con pequenas casas ao redor) xa que o dono deste
Casal era Fernán de Vilar. Os arquivos da Catedral de Mondoñedo así certifican
esta existencia cando no ano de 1389 se realiza un inventario da chamada
Administración de San Miguel. O cabildo resultou ter gran cantidade de propiedades
no pobo, concretamente seis casais de herdades mansas (terreos traballados) en
“Jalsende”, Pumarinno, Pumarrubiño, Pousada, Outeiro e a metade do Casal de
Vilar.
Sabemos que polo 1872 foi necesaria unha ampliación do
Souto, xa que se quedaba moi pequeno para celebrar o mercado e a feira. Temos confirmación
deste feito por informes realizados por parte dunha comisión de veciños, así
como do concello. Os afectados alegaban que posuían casetas neste lugar e que o
concello, pola súa parte, procedera a demoler cuadras e casetas que eran da súa
posesión. O concello alegaba que estas casetas non estaban habitadas e que
foran usurpadas a terreos municipais… Certo ou non, no 1872 o Souto ampliouse
para enfado dalgúns e beneficio doutros.
Os propietarios afectados alegaban…
que eran dueños de una casa cuadra y cercado unidos a ellos incluendo
entre una era de majar, pajares, leñero y huerto sitas en el Souto de San Miguel
de Reinante así como lo habían sido su causante Don Narciso Rodríguez hasta el
año de 1858 en que falleció padre y abuelo respetivamente de los denunciantes
poseyendo de dichas fincas pacíficamente por medio de inquilinos y del mismo
modo una caseta unida a la casa referida desde dicho año hasta la fecha .
Resultando que según el escrito indicado los demandantes se han visto
desposeídos de la cuadra y cercado reseñados en el día treinta de este- por haber procedido a su demolición de mano
de varios convecinos pro orden de don Juan Gomez revertido de la autoridad de
Alcalde de Barrerios y bajo la responsabilidad de este arrasando aquellas
localidades bajo el pretesto de conservación y mejora de caminos y plazas,
dañando la casa principal con el derribo de una viga que apoyaba en una de sus
paredes y la cuadra terminando por ofrecer información de unos y otros actos y
fianza suficiente a responder de perjuicios para que probados todos los
estrag,,, de la demanda de la restituya en la posesión de las fincas demolidads
en su primitivo estado.
Pola contra, o concello…
el ayuntamiento en sesión extraordinaria de veintidós de septiembre de
mil ochocientos setenta y dos los escritos presentados por Don Ramón Rodríguez
y Antonio do Rego vecinos de San Miguel de Reinante opusieron a restituir al
local de la feria de dichas parroquias los terrenos que detectan pertenecientes
al mismo “Considerando que es obligación de los ayuntamiento que no solo
conservar las fincas del común si no recuperar aquellas cuya usurpación se
compraba? Frecuentemente?
Considerando que las declaraciones de los testigos no han sido
impugnadas por las alegaciones indicadas a pesar de resultar de ellos que los
terrenos de que se trata pertenecieron al citado local de la feria y
considerando que según el articulo 67 de la ley municipal vigentes es de la
exclusiva competencia de los ayuntamientos la apertura y aliviación de calles y
plazas y todo clase de ias de comunicación.
Na documentación que temos non chegamos a sacar
conclusións de como solucionaron este preito entre veciños e concello.
Os días de mercado
O mercado era os venres pola mañá e, dende primeira
hora, a pista estaba chea de cestas ciscadas con froitas e produtos da terra
(cebolas, patacas… todo segundo a época), galiñas, polos e coellos ben atados
polas patas ou metidos en gaiolas con barrotes de madeira.
O mercado era aberto a toda persoa que tivera algo que
ofrecer. Se nunha casa nacía unha camada de coellos, e non se ían comer todos,
levábanse ao Souto o venres.
Venres tras venres dábanse cita vendedores e
compradores ocasionais, ou non tan ocasionais
que facían do mercadeo unha forma de gañar a vida.
O mercado dos venres servíalle a moitos naquel tempo
para abastecerse de mercadoría que levarían despois aos mercados da Veiga, Ferreira
ou o domingo a Lourenzá, lugar ao que moita xente de San Miguel se acercaba
vender, sobre todo, a neviña (a semente do toxo).
Ao Souto viñan Pepa de López, de Foz, Encarnación de Casanova, que vendía as súas
cazolas de barro e un sinfin de tarros
para as plantas.
Tamén se daban
cita vendedores de zocas, como Casanova, Cadramón, o Bagullo (que tamén traía
velas) ou Pepe do Camín, que gardaba a súa mercadoría nos baixos das galerías
que todos coñecemos.
Estes non
facían as zocas, senón que primeiro comprábanas e logo revendíanas polos mercados. Nalgunhas ocasións incluso as decoraban
O zoqueiro por
excelencia foi Gumersindo, aínda que Luís da Cachela, a parte de coplista, tamén
facía as bases dos zocos. Amando na Ferrería, traía as madreñas feitas por el
mesmo xa que traballara na Devesa na fábrica de madreñas. Valeriano vendía as
súas coidadas cestas e rocas de fiar e Rosita traía o pan de Vilanova, despois montaría a panadería que rexentaron Ofelia e Xesús de Dourado.
Rosa irmá de Palalola vendía: froita, avea, fabas ao
igual que María de Cartiñas nun primeiro momento e Nélida do Cesteiro despois
que ofrecía incluso fíos.
Aínda que moita froita chegaba de Vilanova ou de
Ferreira.
Veciños de Cabarcos e da Insua tamén se acercaban a vender o millo e o trigo sobrante das súas colleitas.
Veciños de Cabarcos e da Insua tamén se acercaban a vender o millo e o trigo sobrante das súas colleitas.
O pescado viña de Foz normalmente. As peixeiras de Foz,
cruzaban a ría con marea baixa e viñan andando ata aquí polo camiño dos focegos, cambiando a súa
mercadoría, cando ían polas casas, por ovos e patacas. Unha destas peixeiras
era Piedad, que anunciaba a súa chegada tocando o corno. Disque mentres que
Piedad tiña peixe... as compañeiras pouco vendían, tamén procedía de Foz Lola
que a parte de vender o peixe, dábache unha receita para cociñalo... todo un
detalle!!! . Tamén chegaban peixeiras de Rinlo nos seus burriños. Como anécdota
podemos dicir que tras un partido de fútbol entre o Iberia CF e o Rinlo no que
houbera unha desastrosa arbitraxe, fixérase un boicot ao peixe de Rinlo, ao que
o mestre de Benquerencia , xogador naqueles tempos do Iberia, César Margolles,
se viu obrigado a intervir para rebaixar as tensións xa que o deporte debía
unir pobos e non separalos… gracias á súa intervención levantaron o “bloqueo”.
A Periquita de Rinlo tamén traía fíos e bobinas, tan
necesarios para remendar a roupa unha e outra vez...
Esperanza , Antoña de Maio e Francisca de Couso
vendían os seus queixos, que normalmente compraban en Ferreira ou Vilanova. Estas
mulleres tamén vendían manteiga deixando probala no tarro aos posibles
compradores. A cata, facíana somerxendo o dedo na manteiga ( creo que daquela
non había inspectores de sanidade...) Alicia sempre traía pitos e Palalola,
debaixo sempre do escaparate de Maruxa, traía as súas verduras directas da
horta.
En toda casa de labranza cando se facía matanza non so
se mataba un porco, se non que mataban dous ou tres, segundo o número de
membros na familia. Os xamóns supoñían un ingreso extra para a familia xa que os
podían vender ben sen curar ou curados. Xurdiu así a figura dos xamoneiros
tales coma Gerardo da Ferrería ou Serafín de Reinante que compraban os xamóns
polas casas e despois vendíanos no mercado. Tamén compartía esta actividade
Gregorio Fuente, O Maragato, aínda que este non ía polas casas se non que llelo
levaban directamente ao comercio situado na mesma pista do Souto.
Trala guerra civil había unha gran carencia de
produtos alimenticios de primeira necesidade
por moitos era a coñecida
cartilla de racionamento que funcionou entre 1939-1952 e que tivo como
consecuencia o florecemento do estraperlo con produtos coma o aceite, o café, o
azucre, a fariña, as patacas da crepa, ou mesmo o xabón.
Casos hai de mercadeiras que viaxaban a Lugo no
autobús de Canceleiro para comprar no mercado negro algúns destes produtos que
traían agochados debaixo das saias en “alforxas” feitas para o caso ou no fondo
da cesta da froita. Estas mercadorías e outras legais portábanse, ben ao lombo,
ben nos burros, andando polo monte ata os mercados de Ribadeo ou da Veiga para
onde había que saír o día anterior e co perigo engadido de toparse coa Garda
Civil que vixiaba esta actividade, o cal significaba o decomiso da mercadoría e unha posible malleira.
Para o transporte de vendedores e mercadorías a tales
eventos valíanse de burriños tirados por carros.
Máis tarde, xa nos anos corenta contaban co servizo dos autobuses de Xosé de Inés, de Reinante, Canceleiro, de Cabarcos, Autos Casanova de Florencio González e Autos Dorado de Manuel Dorado Dorado, “O Páxaro”, de Benquerencia, que tempo despois tamén se encargaría de levar aos rapaces e rapazas a Ribadeo a estudar o Bacharelato, e aínda hoxe en día o segue facendo. Estes coches levaban escrito no frontal, derriba da cabina, as tres palabras que eran toda unha declaración dos seus fins: “FIESTAS, FERIAS Y MERCADOS”.
Máis tarde, xa nos anos corenta contaban co servizo dos autobuses de Xosé de Inés, de Reinante, Canceleiro, de Cabarcos, Autos Casanova de Florencio González e Autos Dorado de Manuel Dorado Dorado, “O Páxaro”, de Benquerencia, que tempo despois tamén se encargaría de levar aos rapaces e rapazas a Ribadeo a estudar o Bacharelato, e aínda hoxe en día o segue facendo. Estes coches levaban escrito no frontal, derriba da cabina, as tres palabras que eran toda unha declaración dos seus fins: “FIESTAS, FERIAS Y MERCADOS”.
A mercadoría viaxaba na baca metida en gaiolas e en
cestas cubertas cunha arpilleira amarrada ao redor cunha corda.
O pago polo servizo de transpote facíase ao dono do coche e este era sempre outro momento para o regateo, xa que este pedía a ollo polos vultos que portaba o/a viaxeiro/a e este/a, sempre buscaba a maior rebaixa.
O pago polo servizo de transpote facíase ao dono do coche e este era sempre outro momento para o regateo, xa que este pedía a ollo polos vultos que portaba o/a viaxeiro/a e este/a, sempre buscaba a maior rebaixa.
Naquel tempo o Souto era lugar de encontro, de xogo,
de ruido e algarabía.
Hoxe, non loce esplendoroso como no 1947 cando a Sociedad Ganadera de
San Miguel estreou unha reformada pista presidida pola Micaela. Coa súa
balaustrada e aquelas árbores esplendorosas. Ese brillo comezou a desaparecer no
73 canda a Micaela, disque en pro do “progreso “ como tantas outras cousas...
pero cómpre rememorarlle a este Souto
quen foi. ..
Continuará cos comercios...
Seguramente me faltou moita xente de mencionar, pido desculpas xa que resulta moi complicado falar de algo que non coñecin e do que falo por boca de moitos tras varias entrevistas. Pero ben... este é un relato aberto que se pode completar. Moitas grazas.
Seguramente me faltou moita xente de mencionar, pido desculpas xa que resulta moi complicado falar de algo que non coñecin e do que falo por boca de moitos tras varias entrevistas. Pero ben... este é un relato aberto que se pode completar. Moitas grazas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario