E pasou o San
Rosendo sen a maxia que tiña para min naquel ano 82 que fun co avó Benino.
Recordo ver cabalos engalanados atados nas árbores do Areal e eu da man do avó, vexo a estampa co paso dos
anos en cor sepia. Quen puidera volver atrás!
Voltar a aquel
pasado no que a vida no pobo ía a outro ritmo e no que ao saír á rúa atopabas
un fervor de xente.
Hoxe o Souto nos días
de inverno é silencioso, non se escoitan
as voces dos nenos correndo e gritando na pista, non se escoita o boureo da
xente regateando ou ofrecendo a súa mercadoría. Os comercios fican pechados un
a un foron cerrando, tan so nos quedan os bares, a farmacia e o super.
Hoxe farei un
repaso por aqueles locais comerciais que contribuían a dar vida ao pobo.
Naqueles tempos estes locais eran un pequeno
complemento á economía familiar, xa que
quen máis quen menos sacaba algún “ cartiño” máis con outra actividade. Dalgúns locais non temos moitos datos, xa que as
fontes de información son escasas e a memoria, nalgúns casos non chega.
Esperamos non ternos esquecido de ningún deles, sirva dicir q ese despiste será inintencionado
xa que son moitos e nalgúns casos ningún de nós o chegou a recordar.
Na actualidade están
en funcionamento catro bares pero houbo un tempo no que había moitos máis que
compartían a actividade de taberna coa venda doutros artigos.
Os bares actuais
pese ao seu aspecto actual gardan moita historia.
A Dulcería era a antiga confeitaría do pobo,
onde os mellores doces facían as delicias dos padais xa antes do ano 1930.
Lisardo e a súa dona Amadora puxeron o seu negocio no local que súas tías tiñan
no Souto compartindo local ( aínda que dividido ) tralos anos da guerra, cunha pequena mercería
que Rosalía Otero rexentaba.
Tiñan o obradoiro
debaixo do actual bar e funcionaba a parte como cafetería.
Lisardo a parte de
rexentar a confitería coa súa dona tamén era taxista na zona de Vilanova.
Como xa dixen compartían local ata que se
fixeron reformas nos anos cincuenta, que incluían a
ampliación da cafetería xa en mans de Lisardo (fillo), polo que Rosalía traslada o seu negocio á súa casa de Entrerríos.
Cando A Dulcería deixou de vender doces, continuaron co bar Molina( Antonio Rubio) e Pepita, neste tempo aínda que se chamaba café bar Anabel, poucas veces foi nomeado como tal xa que os veciños o continuaron a chamar A Dulcería e así continua sendo hoxe en día, aínda que rexentado por Amadora Rubio e Jesús Otero (Dori e Valea).
Con respecto á
mercería de Rosalía direi que Rosalía Otero
voltou ao pobo no ano 1933 xunto co seu home Antonio López e os seus fillos de Cuba.
Viñan co propósito de xa xubilarse pero o
destino, xogoulles unha mala pasada e ao pouco tras un incendio no seu fogar,
Antonio falece e Rosalía vese na obriga de buscar un sustento para ela e os
fillos, xa que estábamos sufrindo no
pobo as consecuencias dunha dura guerra.
Aconsellada por súa
irmá ( María Otero ou María da Patarela para todos) monta esta pequena mercería.
Co paso dos anos,
xa en Entrerrìos, cambia o negocio de especialidade para pasar a ser
ultramarinos ata o cerre de actividade aínda que combinaba a actividade coa
venda no mercado.
Café bar “ El ultimo Cuplé” abriu as súas portas o 15 de maio de 1958 (día da festa
do San Isidro) coincidindo precisamente co estreo da película de Luis de Orduña
co mesmo nome que lanzou á fama a unha xove Sara Montiel.
Rexentado
por Francisco Teijeira e a súa dona Emilia López, Milia de Barreira para todos.
Nel celebráronse numerosas vodas, convites e incluso comuñóns. A súa merluza con salpicón aínda se mantén no
recordo. Cando Paco e dona se xubilaron (1989), comezou a súa andaina Angélica Rocha
(Angélica do Carillo). Tras Angélica o local estivo uns anos pechado e reabriría
a mans de José Luis Edrosa.
O Cuple trala súa inauguración |
Nunha voda |
Día de San Miguel |
A Bodeguilla leva dende o 1994
funcionando como bar con diferentes persoas ao seu frente: Costas, Julio,
Richi, Margarita, Blanquita, José Luis e, xa por último, Alan.
Foi antes que bar polos
anos cincuenta, establecemento de Radio
e Televisión Ríos y Rodríguez no que un xove Germán Rodríguez xunto a Antonio Rios ( nun principio) comezaba
na profesión que exerceu toda a vida(venda e reparación de electrodomésticos) primeiro
no Souto e despois na súa casa no Outeiro, ata o 2005 no que se xubilou.
O Café Café que hoxe coñecemos como bar, era a entrada ao fermoso
cine Rimar, chamado así polas
iniciais de Ríos e Martínez apelidos dos propietarios Antonio Ríos e Mabel
Martínez,que abriu as súas portas no mes de marzo do ano l961.
Un cine cunha
capacidade de 310 persoas repartidas en tres bloques de butacas de cinco dez e
cinco que revolucionou a vida do pobo.
Neste cine proxectáronse
as mellores películas do momento, ata o seu cerre no ano 1980 coa proxección da película "Eternamente tuya"
A entrada deste
cine desligouse do resto da sala ( o local que hoxe vemos) antes de ser o Café
Café, foi videoclube e despois Maruja Recalde transformouno en bar: “O Outeiro”, no ano 1997.
Tras unha gran reforma no 2009, reabriu coa actual propietaria, Nuria como O Café Café II
Tras unha gran reforma no 2009, reabriu coa actual propietaria, Nuria como O Café Café II
O resto do antigo
local de cine, a sala, tardaría algúns anos en abrir como pub Cinema no ano 1988 de mans de Feliciano. No 1999 retomaría o seu
nome orixinal Rimar de novo a mans de Oscar Mosqueira. Cambiaría de nome do 2004
ao 2006 sendo a Sala Metro tendo
como xerente a Pablo Sánchez voltando nestes anos a vir á sala diferentes orquestras. Luis
Villamil collería o traspaso do pub do 2006 ao 2010. Sería Sala Boss da man de Sergio e Alvaro Pico, e por ultimo Antonio Novo Rivas co nome de Sala O Que Che Dixen II no 2016, xa moi lonxe estas salas do son do
organillo de manivela propio dos bailes de comezo de século.
O cine Rimar |
Co auxe do turismo
abriron dous novos bares ou mesóns á beira do mar sobre o ano 1970 o Agarimo e o Café Bar Sorpresa.
O Agarimo, rexentado por Emilio García e Isabel Río (Milio e Belita)abriuse en xullo do 1970. Neste ano compraron o solar por 30000 pesetas. A parte tralo cerre da ferretería do Rubio no ano 82 comezaron a levar este negocio na casa familiar ata o ano 2013, . Moitos mozos e mozas pasaron polas cociñas e polo restaurante ao longo dos anos. Permaneceron “Milio e Belita” ao fronte ata o ano 1995 cando xa decidiron deixalo en aluguer pasando a rexentalo Mercedes Dorrego
O Agarimo, rexentado por Emilio García e Isabel Río (Milio e Belita)abriuse en xullo do 1970. Neste ano compraron o solar por 30000 pesetas. A parte tralo cerre da ferretería do Rubio no ano 82 comezaron a levar este negocio na casa familiar ata o ano 2013, . Moitos mozos e mozas pasaron polas cociñas e polo restaurante ao longo dos anos. Permaneceron “Milio e Belita” ao fronte ata o ano 1995 cando xa decidiron deixalo en aluguer pasando a rexentalo Mercedes Dorrego
Hoxe en día xa non é o Agarimo, senón que nel
atopamos a pulpería Mario.
Milio diante da ferraxería |
Outro dos bares da
praia foi o Café bar Sorpresa, máis
coñecido coma O Carillo, que o abriu no
ano setenta Antonio Rocha Iglesias, pero
que pasou por diferentes rexedores ao longo do tempo. Hoxe é o Mesón O Que Che DixenI que ate ben pouco o
levou Adrian Juiz.
Pero houbo un tempo
no que había moitas máis tabernas algunhas facían baile a parte de combinar a súa función coa actividade de
ultramarinos.
LOCAIS CON BAILE
TIRABEQUE
Non
temos a data exacta de cando foi inaugurado o primeiro baile no pobo. Si
estamos en poder asegurar que o baile máis antigo do pobo foi o celebrado
no Salón de Tirabeque, que tamén tiña aparte sala de billar.
Consultando
o periódico “El eco de San Miguel” do ano 1918, aparecen anuncios deste local,
anuncios que se presentaban cando menos atractivos:
“Casa Tirabeque, acreditada fonda y tienda de
comestibles y ultramarinos. Billar. Esta casa tiene la particularidad de servir
el mejor café. Hay salón de Teatro y Baile.”
“Para evitar la gripe. Tomad café y licores
en Casa Tirabeque y así no tendréis nada que temer. El que apenas se
registren casos de la misma obedece a que la gente del pueblo toma café y
bebidas en esta casa”, rezaba un anuncio en “El Eco de San Miguel”
en setembro dese ano.
Francisco
Moreda (Tirabeque) foi o primeiro en organizar bailes no pobo. Concretamente o
seu local estaba no que posteriormente sería o Baile de Don Julián ou
Billar.
En
agosto de 1918, “El Eco de San Miguel” anunciaba que o Tirabeque, que
permanecera cerrado por un período curto de tempo, volvería abrir as súas
portas en setembro tras un cambio de local, concretamente o local que funcionou
como bar ata os noventa.
SALÓN DE MARCELINO, Os Benitos e Mosquera.
Salón
Marcelino, máis coñecido como “as Marcelinas”, foi o segundo salón de baile
máis antigo. Pertencía ás chamadas Marcelinas, (coñecidas por ese nome xa que seu pai se chamaba Marcelino e as descendentes todas
foron mulleres).
Antoña
abriu este local como salón de baile e rexentábao con man dura, non
dubidaba en poñer no seu lugar a calquera home que pretendera facer algo
ilícito no local.
Aparte de baile, o local tiña unha pequena taberna e un
local para xogar ás cartas.
Antoña de Marcelino |
OS BENITOS
No ano
1933 comezaron a súa andaina no local os
BENITOS, Benito Rodríguez e Benito Martínez (Benito de Marcelo e Benito das
Marianas) que tras o seu periplo por América decidiron probar sorte no pobo.
Os
Benitos rexentaron este local ata o ano 1941 cando é traspasado a Antonio
Mosquera Otero, pasando a ser ata o fin dos seus días “Casa Mosquera”, rexentado por Antonio Mosquera Otero que, tras
a súa andaina por Cuba, dispúxose a levar este local.
Este
novo negocio, en realidade eran catro, posto que era ultramarinos,
ferraxería, taberna e salón. O primeiro que fixo Antonio cando colleu o negocio
foi cambiar o mostrador que había por outro de madeira de mármore que imitaba a
adega cubana na que el traballara. Entre o mostrador do ultramarinos e a taberna
había un paso que levaba á trastenda onde nun tempo se xogaba ás cartas. O ultramarinos
e a taberna estaban separados do salón de baile por un tabique de madeira que
tiña no medio unha porta que daba paso ao salón. Cando se entraba no
salón, á man dereita atopabamos cun moble para o tocadiscos e os discos
e, encima da porta, había unha plataforma na que estaba o órgano ou o chamado
piano jazz-band, empregado nesta época para amenizar as veladas. Ao fondo, á
dereita, estaba o palco para as orquestras e nesa mesma parede, máis ao
centro, un gran espello invitaba ás raparigas a retocarse. Dende
este lugar anunciaban as orquestras que tocarían nos días seguintes.
Rodeaban
o salón, pegados ás paredes, bancos corridos nos que as mulleres máis
maiores se acomodaban vixiando aos danzantes. Arriba destes bancos,
uns ganchos de madeira e metal ofrecían servizo para pendurar os abrigos.
Antonio Mosquera Otero |
Na
porta, Antoño ou José de Rosgaina cobraban aos mozos. As rapazas e os nenos non
pagaban. Benito de Marcelo botáballe unha man no organillo e Benito das
Marianas ou de Martín, axudaba a servir.
Remataba
o baile á media noite avisando á xente cun apagado e acendido da luz.
O salón
de Mosquera, pechou as portas no ano 1969, pero a taberna e o ultramarinos seguiron
funcionando ata o 31 de decembro do 1999 cando Mercedes Mosquera,
Merceditas para todos os que a coñecemos, se xubilou.
Hoxe no
lugar de casa Mosquera temos a farmacia de Laura Martínez, un dos poucos
negocios que se mantén en pé no pobo…
O BILLAR
En xuño
do ano 1918 aparece un novo salón de Baile que convivirá co salón Marcelino e o
Tirabeque durante un tempo. Será o Billar de Julián Díaz Moreda.
“En breve se darán por terminadas las obras que viene realizando el propietario
Don Julián Díaz Moreda, ínitmo amigo nuestro en las casas donde se hallaba
antes instalado el Salón do Billar de Tirabeque, barbería y almacén de
Abraido”. (“El Eco de San Miguel”, xuño de 1918)
Don Julián Díaz foi outro dos moitos emigrantes do pobo. Emigrou a
comezos de século xunto con seus irmáns. Cando volveu a Galicia decidiu
montar un negocio xunto a seu irmán José. Entre os dous compráronlle a
Francisco Moreda o local no que el comezara a facer os bailes con anterioridade
a Casa Tirabeque.
|
No ano
1933 pecha as súas portas durante un curto período de tempo para reformar as
instalacións, reabrindo o 13 de xaneiro do ano 1934 como Salón Casino
Funcionaba
o billar como bar a diario, sendo moi coñecido polo seu café. Xente de
Mondoñedo, A Veiga, Ribadeo… achegábase ao pobo para desfrutar do baile e do
café, aínda que tamén servían viños “Cesa”, “Savín” ou “Coes” e mais cervexas
“Sinalco”, das que o representante era Eliseo, o “Dula”, que foi promotor
posterior da cooperativa Castillo San Damián.
Non
sabemos cando cerrou as súas portas como baile. As hemerotecas do momento non o
recollen. O salón de billar funcionou ata o ano 1954 e o bar ata o ano 1974, xa
en mans do seu fillo Virgilio.
Despois do seu periplo como café bar, o Billar unha parte
foi a oficina de correos en tempos
de Virgilio nun comezo e despois da súa filla Mari Carme, oficina hoxe pechada
e outra parte foille alugada a José García e Encarna Piñeiroa local no que
instalaron a súa carnicería nun
primeiro momento despois duns anos pasárona á praza do Souto.
O LICEO
Foi
fundado por Ramón Abraído xunto coa súa primeira dona, Amadora.
Anunciaba
a súa apertura no periódico “Las Riberas del Eo” na súa edición do 17 de
xuño do 1933:
“El pasado día 13 se ha
inaugurado un nuevo salón de baile que lleva por nombre Liceo. Una numerosa
concurrencia premió con sus aplausos a su propietario el comerciante de este
pueblo don Ramón Abraído al que deseamos muchos éxitos en su nueva empresa.”
O Liceo,
ademais de baile, era sala de cine. Primeiro facían o baile e logo despois poñían
a película. O Liceo era un baile de renome e prestixio, incluso algúns
afirman que ao Liceo ía a xente con máis poder adquisitivo daquela época.
“Continúan en este moderno salón las proyecciones cinematográficas, todos los domingos, con mucha animación. |
Por tal motivo, felicitamos
sinceramente al empresario señor Abraído, que sin regatear esfuerzos ni mirar
sacrificos está poniendo a San Miguel a la altura de muchas poblaciones.” (“Las Riberas del Eo”, 13 de
xaneiro de 1934).
Albergou
grandes eventos da época, como a famosa actuación do tenor Valeriano G.
Abraído, sobriño do propietario, ou actuacións de corais, como Cantigas da
Mariña, e algunha que outra peza musical.
Tralo
peche como sala de cine, reabriu o Liceo a mans de Yolanda Rivas como Cadena
100 sobre o ano 1999.
JOANGO
Xa no
ano 1969, o un de marzo, abre a sala de festas “Joango”, rexentado por
José Andrade González, que poucos anos despois fecharía as súas portas vítima
do progreso e a modernidade que levaba á xente nova ás salas de festas como o
Bahía de Foz ou Rosa Lar de Ribadeo. A xuventude ía sacando carné de
conducir e adquirindo coche o que permitía desprazarse máis facilmente
ata chegar a Burela, onde había grandes bailes nos anos 70 con dúas salas de
festas funcionando, e ata Viveiro, onde había outras dúas que competían en
presentar cantantes famosos do momento como Víctor Manuel, Los Tres
Sudamericanos ou o mesmo Julio Iglesias.
Joango,
como as outras salas de festa do contorno nos anos setenta, sempre
ofrecía música en directo con orquestras ou cos típicos grupos
musicais dos setenta. Entre os que actuaban nesta sala estaban “Los Valles” e
“Los Mejoranos” do Valadouro, entre os que se encontraba o tristemente
desaparecido músico Arcadio Mon, ou “Corazones Jóvenes”, de Ribadeo.
Nesta
sala tamén se celebrou durante varios anos a gala de elección de mises en San
Miguel, organizada polo empresario lucense Garalva.
Tras o
seu periplo como sala de festas, José reconverteu esta sala en supermercado que
funcionou ata el xubilarse, pasando a rexentalo posteriormente Yolanda Rivas
Pavón ata o 2006 e, posteriormente , por Flora que hoxe en día o segue
rexentando.
Tabernas e
ultramarinos.
CASA MARAGATO
O mercado que se celebraba todos os venres no Souto, chegou a ser un dos mellores da comarca e atraía todas as
semanas a centos de persoas a comezos do século XX. Así, debido a un prometedor
futuro no pobo de San Miguel, chegou Gregorio
Fuente Álvarez. Procedente de León, chegou nun principio a San Cosme de
Barreiros, onde puxo a típica tenda de ultramarinos no que hoxe coñecemos como
o estanco de Nicanor, pero pronto cambiou a ubicación da súa tenda para San
Miguel, xa que tiña un gran movemento de mercadorías debido ao mercado.
Primeiro asentouse detrás da casa de
Abraído, pero no 1909 comprou a casa que hoxe todos coñecemos como a Casa do
Maragato, aínda que o aspecto actual non se corresponde coa casa orixinal, xa
que pouco a pouco foron facéndolle engadidos e comprando máis terreo.
Na casa do Maragato ofrecían aceites
que viñan en bidóns, picante, arenques e viños do Bierzo, concretamente da zona
de Cacabelos (os “Vinos Guerra”), que chegaban en odres no tren a Rábade onde
eran recollidos por Gregorio e carretados ata o pobo.
Non só funcionaba como a típica
tenda de ultramarinos, senón que tamén era estanco no que se vendían “Ideales”,
“Celtas” ou “Cuarteróns”.
No ano 1947, José Fuente, fillo de Gregorio, casou con Gabriela e á
morte do pai seguiron co negocio ata o ano 1979, ano no que a casa Maragato pechou as súas
portas.
Casa Maragato |
José Dorrego “ o Mariquito”.
José Dorrego Vázquez era de
Vilanova, emigrou moi novo a Cuba onde casou con Elvira que era do pobo. Á súa
volta da aventura americana polo ano 1918 construíu unha casiña na que instalou
a típica tenda de ultramarinos na que vendía produtos de primeira necesidade e
un produto que lle deu o apodo que aínda hoxe perdura, as “ mariquitas”
(pequenos arenques salgados). Don José sempre chufaba no seu produto
- Tengo unas mariquitas buenísimas.
Tanto as chufou que todo o mundo o
empezou a chamar “ o mariquito”.
José faleceu moi xove no ano 1926.
José Dorrego " o Mariquito" |
Francisco Salgado
Ou O Catalán, xa a comezos de século rexentaba o seu
ultramarinos, así o atestigua un anuncio do 1918, sendo tenda de comestibles e servindo algún viño.
Remedios do Heredeiro
Remedios e o seu marido en 1924
abriron unha tenda de ultramarinos e casa de comidas onde está a coñecida casa
do Heredeiro. Pecharon no ano 1935, pois había certos problemas e non estaba pola labor de "aturar" a
ninguén.
Sómente se ocupou o local despois
para dispensar o güano para a Sociedade Gandeira.
Mais recentes, xa a mediados de século.
MANOLO
DO MERLO
Manuel Dorado Bermúdez, máis coñecido por Manolo do Merlo,
foi capitán durante a guerra, pero trala afronta bélica voltou para o pobo e
montou o seu bar ultramarinos en plena praza do Souto ata a súa xubilación.
Aínda que tiña conservas e algún que outro produto o que
máis vendía era viño.
de esquerda a dereita Manolo do Merlo, Cora, ?; Silverio, Cachán e ? |
XAN VILA
Bautista
Vila, chegou a San Miguel
trala guerra procedente de Ourense nun tempo no que o estraperlo salvaba da
fame á gran maioría da xente do pobo.
Comezou vendendo os seus viños do Ribeiro por casas e
tabernas co seu carro. Cando o negocio foi a máis xa puido comprar un camión, chegando
á Veiga coa súa mercadoría.
Co paso dos anos xa puxeron taberna no pobo ofrecendo un
exquisito polbo que a súa dona Pina preparaba con esmero en día de feira todos
os últimos domingos de mes.
Xa nos anos 50, en mans dos seus fillos o negocio, tamén
se dedicaron á venda de patacas, chegando a funcionar como almacén.
Mozos diante de Xan Vila |
SERA
OU MANOLO DA VALEGA
Outra tenda de ultramarinos que todos coñecemos foi a
tenda de Sera, aínda que se anunciaba como Bar
Manolo. Manuel Fraga Acebo era o marido de Sera e era ebanista, traballaba
no seu taller xusto ao lado da tenda, que conviviu moitos anos co zapateiro Torviso, que estaba na entrada da mesma casa, pero á man esquerda.
Torviso |
MARIANO
DA VALEGA Irmán de Manolo de Sera, tamén rexentou unha
pequena taberna nos Campos ata mediados dos anos oitenta na casa chamada Casa de Antón.
Nun principio
vivían na Barranca onde Antoña Leiro, a súa dona, tiña unha pequena tenda
con produtos de primeira necesidade, aínda que tamén ía co seu burriño polas casas
vendendo artigos.
HORTENSIA ROCHA IGLESIAS tiña o seu pequeno
ultramarinos no Souto xusto en fronte ao Areal e traballou nel ata entrados os 90
que pechou as súas portas por xubilación.
MARÍA DE LA PAZ VAZQUEZ FORJAN
Mais
coñecida como Pachola, bordaba xunto coas súas irmáns Esther e María a máquina exercendo
como costureiras na casa familiar.
A esta profesión se
dedicou ata os anos sesenta nos que se veu case que forzada a cambiar de oficio,
xa que súa irmá María casou marchando do fogar familiar, e Esther emigrou a
Londres.
Nun comezo montou unha froitería no 1967. Despois foi aumentando
o negocio ata convertelo e ultramarinos.
Aconsellada por
seus irmáns maiores que traballaban en Lugo nos coñecidos “ Conxelados Troulo”,
introduciu os conxelados na súa oferta de artigos entre outros ...
Chegou a ter carne de balea na súa tenda o que
lle esixiu ter cámara e exercía como
carniceiro Manuel Posada“o Xurelo” .
O negocio de
Pachola marchaba ben ata que por desgraza unha enfermidade truncou a súa
actividade pechando as portas do seu negocio para sempre no ano 1993.
CASA POPEYE
o 2 de xullo do 1977 José Antonio Fernández González (Popeye para
todos) e Delfina González Martínez (Fina), abren o antigo taller de Baamonde
como bar ultramarinos, nacía Casa Popeye.
O día da inauguración fora un éxito total, tan só se lles esqueceu aos xoves
propietarios ter en conta onde botar os cartos. Solucionaron o problema cunha
caixa de zapatos que serviu como rexistradora nos primeiros meses.
No 1984 abriron ao público a horta da casa
reconvertida en terraza . Foi a orixe do Pub
Popeye, local de lecer da maioría da rapazada do pobo nas noites de verán,
coa súa pereira presidindo a horta, o seu futbolín...
Popeye
pechou as súas portas no 2015, pero bueno... aínda queda a esperanza de que algún
día volva abrir, non?
Antes
de ser Casa Popeye este local foi o TALLER
DE COSTURA DE BAAMONDE
José
María Baamonde Gutiérrez e a súa muller Xulia tiveron o seu taller de costura
en pleno Souto. Foron os xastres máis coñecidos cosendo tanto para home como
para muller.
Polo seu taller pasaron durante os anos da posguerra moitas mulleres
e homes para aprender o oficio de confección de traxes, pantalóns ou camisas.
Entre elas/es: Nilo, Angelita de Modesto, Rosa de Alicia, Beatriz de Marchante, Angélica do Pego (Rentero), Paca
do Valego (Ramiro), José do Primero (Reinante), Urcesino do Majo, Presenta,
Francisco de Marchante ou Eliseo, irmán de Xulia que foi o sucesor no oficio
aínda que na súa propia xastrería.
Aparte de facer traxes para home e muller, tamén vendían mel e cera xa que
na horta de detrás da casa, onde anos despois estivo o pub Popeye, tiñan as súas colmeas. Máis tarde tiveron a
centraliña de teléfonos, Nilo atendía esta levando polas casas os telegramas
recibidos.
Mozos e mozas traballando no taller de Baamonde |
O CHURRASCO Nos anos oitenta funcionou un bar
con parrilla en pleno barrio de Pumarrubín. Rosa e Adolfo, tras vivir un tempo
en Salamanca, terra de Adolfo, probaron sorte no pobo para delicia de moitos.
No Nadal fixemos múltiples compras, para as cales a gran
maioría tivemos que coller o coche e trasladarnos a outro concello para poder realizalas…
e pensar que houbo un tempo no que tiñamos unha morea de comercios e que
podíamos facer estas no propio pobo… Así
o demostran os anuncios que atopamos entre o 1918 e o 1954.
Os comercios máis antigos dos que temos constancia son os de Leandro Vidueiras e o de Manuel Roibas, xa que a súa publicidade era anunciada en el Eco de San Miguel (ano 1918).
No primeiro deles vendíase quincalla, telas e paquetería,
ademais de realizarse confeccións.
Manuel
Roibas, ou O Platieiro, tiña o seu negocio en
Nogueiredo, xusto en fronte ao actual Cuple. Vendía tecidos e artigos de
mercería anunciándoos como artigos de luxo e sport.
De Manuel Roibas
hai que engadir que traballara previamente na prata xunto cos seus irmáns en Ribadeo a
comezos de século. Coñecíanse por o nome de “ Los cuatro Hermanos” e iniciaron
múltiples negocios.
Neste mesmo local posteriormente houbo varios negocios.
Xusto facendo esquina, puxo a súa barbería Amando da Ferrería, cando a barbería de
toda a vida, de Segundo Leitón pechou as súas portas por xubilación no 1960 aínda
que Amando combinaba esta actividade coa venda de madreñas rsta barbería estivo
aberta ata o ano 1963 que emigrou a Francia xunto coa súa dona Baselisa.nos
Tras Amando, Manolo de Pinsapo colleu a barbería.
Na barbeiría |
Pero este local tras Manolo permaneceu uns anos pechado ata
que na década dos noventa Gloria Rodríguez
e Antonio Rocha puxeron a súa peixería despois duns anos dedicados á venda
de peixe polas casas.
No local continuo a este, o Rubio no 1962 instalou a súa
ferraxería que funcionou ata o ano 1982 vende
Permanecería
pechado o local ata o 95 cando Mari Rivas montou unha pequena mercería. Tras
Mari, habería uns anos de peche ata que Anabel Gasalla (perruqueira) volvería
abrir.
Imaxínome que
habería algún comercio máis a comezos de século, pero ao descoñecer a data na
que moitos destes iniciaron a súa
andaina pero carecemos de fontes de información fiables polo que preferinos reservarnos
toda referencia.
As
MERCERÍAS
A mediados de século funcionaban varias mercerías a parte
da de Rosalía Otero ( da que xa
falei) a de María da Patarela, Pilar
Dorado Martínez, A Cabicha e a de Maruxa do Quincalleiro ou casa Eliseo.
MARIA OTERO DORREGO, máis coñecida por María da Patarela, tiña o seu negocio
en pleno Souto ao lado da Taberna de Manolo do Merlo negocio que herdou de súa
tía Generosa, polo que deduzo que a comezo de século xa estaría en
funcionamento esta mercería.
Vendía tecidos e artigos relacionados co corte,
a confección e paquetería.
Todo o mundo
recorda a María como unha muller menudiña de corpo que adoitaba vestir de
negro.
PILAR DORADO MARTÍNEZ era unha das
irmás coñecidas coma do Curioso. Hoxe ningún dos irmáns reside no pobo e a casa
familiar de Nogueiredo (ao lado do Correo Vello) vendeuse.
Pilar,
coa axuda das irmás, vendía artigos de mercería, lás e fíos e ademais tiñan
unha máquina para coller os puntos das medias, algo moi necesario naqueles
tempos nos que un par de medias de cristal eran escasas e custosas.
Como Pilar, INÉS
ROCA DE NOVO, esposa dun garda desprazado
no pobo, tamén se adicaba á reparación de medias.
Delas non podo precisar a data de apertura mais sí
confirmo que estaban abertas xa no ano 1954.
Casa Xonxa ou Eliseo
Eliseo
aprendeu o oficio de xastre no taller de costura de súa irma Julia e cuñado José (o taller de Baamonde).
Anos despois abriu a súa xastrería nun local que pertenceu nun tempo ao antigo
Billar. Alí, xunto á súa muller, exerceu como xastre e vendeu artigos de
mercería ata o ano 84/ 85.
CASA
DA CABICHA
Nun principio Daniel
Fernández Rodríguez a comezos de
século, máis tarde María, a súa filla, e o seu esposo José Ríos (tralo seu retorno
da illa caribeña de Cuba) rexentaron un comercio de tecidos, xénero de punto e
novidades que na memoria de moitos permanece, era a Cabicha. A parte de todo o
relacionado coa costura e a confección, Tamén nos ofrecían catiuscas, zapatillas,
chanclos e incluso prensa. Por todos é
recordada pola súa máquina de bolas de chicle e o seu escaparate abarrotado de
artigos.
María e Jose |
LA
ESQUINA
María
Obarrio Penabad abrìa o seu
comercio “ La Esquina” no ano 1955, aínda
que era máis coñecida como a Casa do Quincalleiro ou de Maruxa. Como a Cabicha,
funcionaba como mercería, venta de telas e todo o necesario para a confección,
así coma calzado: catiuscas, zapatillas…
e como novidade ofrecía zocos recen traídos de Ourense.
Suministraban ambos comercios o material escolar así coma
múltiples artigos de agasallo.
Os reis Magos de Oriente, sempre botaban un ollo nestas
tendas para agasallar aos nenos e nenas. Precisamente nestes comercios dende os
primeiros días do Nadal expoñíanse as monecas máis fermosas, e pistolas prateadas
como as dos vaqueiros das películas.
Ademais durante os días previos a reis, colocaban un
buzón de madeira ao lado da porta da tenda para recoller as cartas dos nenos
dirixidas ás Maxestades de Oriente
Maruxa coa súa filla na mercería |
Antes da tenda de Maruxa, Vicente Devén Rico trala súa aventura cubana, tivo a súa zapatería no mesmo local.
Conviviron estas tendas un tempo con Paquín, a librería papelería.
AS TRES BBB
José Miranda Paraje e Antonia Martínez, nos
anos trinta, tiñan unha tenda de telas chamada “Las tres bbb” nunha casa hoxe
derrubada onde se esta construíndo un
hostal actualmente.
José era coñecido como "José das tres
BBB" ou" Wertheim" porque vendía máquinas de coser desa marca.
Tralo estalido da guerra pecharon a tenda e
marcharon do pobo xa que José foi
perseguido polas súas ideas políticas.
OS
ZAPATEIROS
O calzado naqueles
tempos reparábase múltiples veces. Deso encargábanse os zapateiros coma Narciso Torviso, que como xa dixen
traballaba no seu taller ao carón do ultramarinos de Sera.
Dedicábase a este
mesmo oficio Narciso do Puño que tivo o seu
local na casa familiar dos Martices. Alí igual amañaba uns zapatos que parcheaba
un balón ante os ollos suplicantes dalgún neno...
Nemesio, foi outro dos zapateiros, tiña
o seu taller en pleno Souto nas galerías. Ás veces ofrecía pequenos boliños de
pan que traía Josefa Fraga (a súa dona) da panadería de seu irmán “ La
Espiga de Oro” situada nos Campos.
Panadería que seu
irmán Esteban Fraga, montou na casa patrocial tralo seu periplo por terras
cubanas.
Un negocio familiar que permaneceu aberto ata o 2000 xa
en mans de seu sobriño Suso ( máis coñecido por todos como Tabletas) e a súa
dona Lola.
Traballadores da panadería Fraga e da Fábrica de chocolate |
Panadería tamén tiñamos en Nogueiredo era a PANADERÍA DOURADO.
No ano 1945 constrúese a casa na que Victoria e Antonio
Dorado García montarían a súa panadería.Victoria nun principio traía o pan todos os venres ao
mercado de San Miguel da panadería de seus pais en Vilanova. Unha vez casados
viron un negocio interesante e instalaron esta panadería.
Dous anos despois Antonio morreu atropelado polo autobùs
de Casanova case diante da casao. Ante tal perda Jesús Dorado irmán de Antonio
deixa o seu posto de garda civil en Guadix e volve a San Miguel, collendo o 19
de marzo do 1947 o traspaso da panadería á súa cuñada. Victoria e a súa nena
volverían a Vilanova á casa dela e continuaría traballando na panadería familiar.
0 19 de agosto 1948 Jesús casaría coa nosa querida Ofelia rexentando esta panadería
ata o ano oitenta e oito. Semella que
aínda teño impregnado aquel olor a pan forneado no forno de leña e aquel calor
tan agradable nos días de inverno e a Ofelia recibíndome con todo o cariño
cando ía buscar o bolo de pan co avó...
Na panadería con Jesús no centro |
Mais a primeira panadería coñecida no pobo foi
“
LA ESTRELLA CUBANA”
Amadora
Rocha Iglesias, emigrou a Cuba
e alí coñeceu ao que sería o seu compañeiro, Modesto, que era de Monterroso.
Cando volveron do seu periplo por Cuba, instaláronse no
pobo e alugaron unha casa en Entrerríos.
Foi alí onde polos
anos vinte montou a que sería a primeira panadería do pobo chamada “ La
Estrella Cubana”
Como non podía facer
reformas na casa, fixeron un pequeno caseto
onde instalaron o forno da futura panadería.
Modesto a parte de
axudar á súa muller era chófer
CARNICERÍA
SAN MIGUEL
En Nogueiredo tivo
a súa carnicería Emilio Rodríguez Dorado.
Emilio, tralo
seu periplo por Cuba voltou a San Miguel e seguiu o oficio de seu pai;
tratante de gando.
Naquel momento seu
irmán Domingo tiña unha carnicería nunha
pequena casa na que hoxe se está a construír
un futuro hostal. Cando o irmán deixou o negocio por cambio de actividade, xa que se dedicou aos servizos funerarios fundando a prestixiosa funeraria Rodríguez Dorado, Emilio colleu esta carnicería xunto coa súa dona Otilia Penabad García no 1940.
Pronto cambiarían a
situación desta trasladándoa á que foi a súa casa e na que o negocio seguiu ata
o peche xusto na beirarrúa de enfronte. Os fillos de Emilio dende moi curta idade estiveron implicados no negocio familiar
Mantiveron este
negocio os fillos e nora Moncho en
Ribadeo, Milio e
Carmiña ata o 2004 cando se xubilaron.
Máis tarde pasou a
ser perruquería “Salima”, rexentada por Mariola Gutierrez, ata voltar a ser
carnicería no 2008 ( hoxe de novo pechada).
CARNICERÍA
REIGADA
En plena praza do Souto, no portalón que hoxe vemos ao
lado da Bodeguilla, tivo a súa carnicería Reigada. Procedente de Foz, instalouse
no pobo na casa de Rosita (hoxe coñecido vomo o Hotelito). Alí Reigada despachaba a súa
carne. O matadoiro tíñao nun pequeno caseto cerca da casa de Andrade.
A FÁBRICA DE CHOCOLATE
No ano 1900 Antonio
Gómez volveu á súa terra unha vez
finalizada a guerra en Cuba, onde el foi comandante. Así foi como comezou a construción do que
hoxe coñecemos como a casa do Comandante.
Nun comezo, a dona
de Don Antonio, Baltasara, atendía unha tenda de ultramarinos na que se vendían
diferentes artigos, entre eles o chocolate.
Foi anos despois,
no 1942, cando a filla destes, Nicolasa, xunto co seu marido e fillos, abriu as
portas do que sería a primeira fábrica de chocolate coñecida en San Miguel. O
marido de Nicolasa xa tiña dúas fábricas
de chocolate: unha na Veiga (de onde el
era orixinario) e outra en Ferreira. Foi cando pechou esta ultima cando abriu
en San Miguel.
O cacao traíano de
Cuba e África, pero todo el estaba sometido a un duro control trala guerra
civil.
Atendían por unha
fiestra aos nenos que viñan da escola, aos que sempre lles tiñan uns puros de
chocolate para endozar os días.
Pero esta non foi a
única fábrica de chocolate que houbo no pobo... quen non recorda a fábrica de Chocolates Bambú que Camilo Pérez tivo na
Obra Pía nos noventa aínda que a quen víamos traballando alí normalmente era a
Avelino.
A BARBERÍA DE RAMÓN DO CHAPARRO.
Ramón
Penabad García iniciou a súa andadura na barbería sobre o 1950 herdando o seu
oficio o seu fillo Pepe, que continuou o negocio ata o ano 1990. Foron moitos
os cabaleiros que nas súas mans se retocaron.
PERRUQUERÍA OLIVA
Oliva
Soto iniciou a súa andaina na perruquería que todos coñecemos en decembro do 1974 ata os nosos días aínda
que a súa actividade iniciouna en Nogueiredo no coñecido Correo Vello.
Toda unha institución no pobo, aínda que agora
o dirixe María Eugenia Soto, sobriña de Oliva.
LEGÍA PANCHITA
Jose Antonio Rocha, facía lixivia na horta de Lagazpe a chamada Lexía Panchita. Coa sosa que lle quedaba pintábanse as raias
do campo da Grila.
EUGENIO LEITON E SEGUNDO.
Foi Eugenio Leitón persoeiro con múltiples
oficios xa que a comezos de século foi barbeiro, operario de eléctrica del
Masma ( primeira compañía que deu luz pola zona dende Lourenzá á costa e que
foi fundada por Damián López) e o corresponsal de “el pueblo Gallego” un
periódico de Vigo, que foi dirixido por Portela Valladares ( chegou a ser Presidente do goberno polo trinta e pico).
Como anécdota sinalar que Portela Valladares chegou a visitar e parou a saudar dunha que pasaba polo pobo ao
seu corresponsal.
Así o recolle a nova o mesmo
periódico en novembro do 1933 en plena campaña electoral nas que se facía a
segunda volta das eleccións xerais da Segunda República nas que as mulleres
votaron por primeira vez.
O oficio do pai herdouno Segundo o
cal compaxinou os tres oficios con mestría tras un corto periplo polas Américas,
como outros moitos Segundo foi emigrantes e colaborou coa Sociedade de
Instrución Hijos de San Miguel y Reinante.
Tras Segundo Julia a súa filla tivo unha mercería no seu local ata o ano oitenta e nove.
Tras Segundo Julia a súa filla tivo unha mercería no seu local ata o ano oitenta e nove.
CONFEITARÍA JOSÉ MARTÍNEZ E AMADORA ROCHA.
Poucos recordarán a confeitaría que José Martínez, o crego, e a súa dona a comezos
do 1936 tiveron na Granda. A súa andaina foi moi curta debida ao estalido da
guerra.
Este foi un pequeno recordo a aqueles comercios cercanos e familiares que pouco a pouco presos da modernidade por un lado e da falta de relevo foron pechando.
Esperamos non ternos esquecidos de ningún e de ser asi tentaremos reparar o dano.
Fotografía: Arquivo seminario de Estudos Os Espigueiros.
Agradecememtos a todos os colaboradores.
Este foi un pequeno recordo a aqueles comercios cercanos e familiares que pouco a pouco presos da modernidade por un lado e da falta de relevo foron pechando.
Esperamos non ternos esquecidos de ningún e de ser asi tentaremos reparar o dano.
Fotografía: Arquivo seminario de Estudos Os Espigueiros.
Agradecememtos a todos os colaboradores.
Moi bo traballo, coma sempre!! Falando dos zapateiros e de Oliva, Manolo de Maria Eugenia exerxeu de zapateiro tamén durante algún tempo... E outro sector que non se menciona son as funerarias e o servizo de ambulancias. Dorado sigue vixente pero nalgún tempo tamén se adicaron a ese negocio varios taxistas a modo de cooperativa iu sociedade...
ResponderEliminarDebeuseme pasar Xoel. Domingo tuvo a carnicería de Emilio antes de montar a funeraria... tantas voltas lle din q acabei por non poñelo pero reparo agora. Grazas
EliminarOutro aporte Noela.... E máis ou menos recente, o Pincel querexentou Mari Justa como tenda de manualidades...
ResponderEliminarE outro máis... O taller mecánico Armesto
Buen trabajo ! Reconocimos a Manolo (con pelo) :)
ResponderEliminar