Praza do Souto

Praza do Souto

sábado, 28 de septiembre de 2019

O Pazo de Pumarín: dos Pardo Taboada aos Pérez de Moreda

Pazo de Pumarín vs. Casa de Moreda

No pasado artigo desde blog, do dia 15 de setembro, deixamos a posesión do Pazo de Pumarín, despois de morto Don Gaspar Acevedo Pardo Taboada entre 1753 e 1764, en mans da sua viúva Isabel Abello y Castrillón que, en 1764 actuaba de apoderada do fillo primoxénito Juan José Acevedo Pardo Taboada.

 Dª Isabel Abello, viuda noble y honesta, que fincó de Don Gaspar Acevedo Pardo y Taboada, apoderada de Don Juan Acevedo Pardo y Taboada, mi hijo primogénito y que me quedó de mi difunto marido, vecinos que somos y fué de la Villa y concejo de Castropol, en el Principado de Asturias [...] digo que el citado mi hijo como tal primogénito se halla dueño señor y poseedor de las casas del Pacio sitas en la feligresía de San Miguel de Reinante de esta jurisdición vínculos y mayorazgos a ella anejos... 

 
Da vida de Juan de Acevedo Pardo Taboada, non coñecemos gran cousa, os documentos referidos de onde sacamos esta historia rematan polos anos mil setecentos setenta e tantos, e consideramos que debía ser unha persoa xove e con residencia en Tol (Castropol). Volvemos a saber del nun acto relevante para a Casa de Pumarín, por unha das antigas escrituras da familia Moreda.

Estamos nos comenzos do século XIX, e aquí é onde encontramos a resposta a pregunta de como a Casa do Pacio, dos Pardo Taboada, pasou a ser coñecida por tódolos veciños dende varias xeracións como Casa Moreda, a pesares que nos seus escudos non loce as armas desde apelido. Da forma mais sinxela e normal para aqueles tempos: por un foro. Desde a idade media os grandes posuidores da terra eran a Igrexa e a fidalguía, pero eles non traballaban a terra, en algúns casos tiñan criados, e xeralmente aforaban as propiedades a cambio dunha renda ou pensión dunha parte considerábel dos froitos recollidos. Este era o instrumento usado para arrendamentos a largo prazo, por varias xeracións e incluso perpetuo, e esta foi a forma que usou Juan José de Acevedo Pardo Taboada para arrendarlle as súas propiedades a Domingo Pérez de Moreda.

As actuais propietarias da casa, con  tódalas atencións e sin  reparo algún, (cousa que agradecemos) facilitáronos o acceso ás escrituras e documentos que garda a familia desde fai mais de douscentos anos; entre todas elas encontramos dúas escrituras do 1801 e 1808. Na escritura  de 1801 ante o escribán de Ribadeo Bentura Agustín López Gayol e varias testemuñas, na vila de Ribadeo

...Don Juan José Acevedo y Pardo, vecino de la casa principal de Brul, parroquia de San Salvador de Tol en el concejo se Castropol, Principado de Asturias, donde reside, siendo dueño y poseedor de dicha casa y la que llaman del Pazo inclusa en la de San Miguel de Reinante, jurisdición de San Cosme de Barreiros en este Reino de Galicia,[...] dijo que para que subsistan y se mantengan con permanencia, evitando los gastos que en sus reedificios se ocasionan, deseando su utilidad a beneficio del otorgante [...] por el tenor de la presente escritura y como mejor en derecho lugar haya, aforará y dá en foro perpetuo desde ahora para siempre a Domingo Pérez de Moreda, vecino de dicha parroquia de San Miguel de Reinante que está presente y aceptante, para él, su mujer y herederos...

 Sigue a relación das oito herdades, (só terreos, non entra a casa) situadas no lugar de Meigode, Pradolongo, A Pasada, Os Buguidos, O Carballo e Pereira,  que facían 23 ferrados e medio,

...se los afora en renta, canon y pensión anual de dieciséis ferrados de trigo limpio y fresco de dar y tomar, cinco ferrados de cebada colmados y dos de maíz, [...] puesto y pago en mano de poder del otorgante y mas que le sucedan, y la primera paga la ha de hacer [...] para el dia ocho de septiembre que primero viene de mil ochocientos y dos, esto en cuanto al trigo, y cebada y el maíz para el día ocho de diciembre del mismo, y las demás por el mismo orden y a los propios plazos en la casa principal de la referida parroquia de San Miguel de Reinante,...

Non queremos xulgar a renda acordada por falta de referencias para comparar, inda que non se nos antolla pequena precisamente, transformados a quilos os 23 ferrados de grao pasan dos 300 quilos anuais, polo cal estimamos  que a declaración motivo do arrendamento, ao comenzo da escritura  “para que subsistan y se mantengan con permanencia, evitando los gastos que en sus reedificios se ocasionan, deseando su utilidad a beneficio del otorgante” cúmprese perfectamente, máxime tendo en conta outras condicións acordada como que os ditos bens tiñan que estar ben estercados, reparados e cerrados para que sempre vaian en aumento e non en diminución, que inda que en eles suceda algo, “que Díos no lo permita”, pedra, néboa, enxurrada ou calquera accidente por raro que sexa, non por elo deixarán de pagar a renda sin desconto nin rebaixa ningunha, que os bens non serán partidos nin divididos entre herdeiros, mais ben ficará nunha soa cabeza “de quíen lisa y llanamente se pueda cobrar la citada renta”. O outorgante e os seus herdeiros reservábanse os dereitos de recuperar algunha finca coa correspondente rebaixa do canon, e tamén de poñelas ao tercio, cuarto ou quinto dos froitos que produzan, sin que por este motivo deixe o aceptante de ser levador das terras, rebaixando a porción da renda correspondente, pero coa obriga de que o tal Moreda faga o carrexo, con carro de bois desde San Miguel ata a vila de Castropol.
Aceptan a escritura e firman por unha parte Juan José de Acevedo e pola outra, por non saber facelo Domingo Pérez de Moreda, firma Don Pedro Fernández Gayol, veciño de Ribadeo que actuaba de testemuña, ao igual que Don Francisco de Castro, e o veciño de San Miguel de Reinante Don Antonio Díaz de la Rocha.

Case sete anos despois en xullo de 1808, recen proclamado rey de España José Bonaparte, repítese a mesma escenografía, ante o mesmo escribán e cos mesmos actores. Desta vez o obxecto do acordo era a propia casa, na que xa vive Domingo de Moreda, a sua cortiña e outras terras

...la casa al que el otorgante tiene en dicha parroquia de San Miguel y llaman do Pacio en que vive el aceptante de mucho tiempo a esta parte, que se compone de alto y bajo, salas, cocinas, cuartos, bodega, caballerías y otras oficinas, con una pieza de heredad, cortiña reducida a labradío, prado y bouza unida a aquella, sembradura el todo de ella, dieciséis ferrados poco mas o menos, cerrado de sobresí de muro y ballado...(sic.) 

Entra tamén no trato unha terra en  Moreiras de sete ferrados e outra na Pasada de un ferrado, é dicir a casa e 24 ferrados de terra.

 ...los dá en este foro al citado Domingo Pérez de Moreda, con todas sus entradas y salidas, derechos y pertenencias, en renta y canon anual de treinta y dos ferrados de trigo limpio y fresco, de dar y tomar, medido por la que actualmente se usa en dicha xurisdición de San Cosme de Barreiros, pagos en la misma casa aquí comprendida los días ocho de septiembre...

Quedaría obrigado Domingo Moreda a manter as terras cerradas e cultivadas, a casa limpa e coidada e os arranxos maiores da mesma correrían a cargo de Juan Acevedo; este, e os seus descendentes conservarían o dereito de poder recuperala no caso de habitala persoalmente, e o dereito de acceso as súas dependencias nas ocasións que considerasen conveniente pasar por San Miguel, ben para cobrar rendas nesas parroquias, ou por calquera outro motivo que se lles ofreza

...y esto mismo deberá ejecutar con la persona o personas de la familia del otorgante que con aquel objeto destinase a la propia parroquia, dándoles además la paja que necesitasen para mantener sus caballerías...

Domingo Pérez Moreda e a sua dona Francisca Rodríguez xa tiñan mais de tres hectáreas de terra para traballar, e a obriga de pagarlle ao vinculeiro do Pazo de Pumarín, veciño do Concello de Castropol, 48 ferrados de trigo, 5 de cebada e 2 de millo de pensión anual, que con medidas utilizadas no século XX pasarían dos 750 quilos de gran. Facían falta brazos para traballar. Tiveron polo menos seis fillos, catro varóns e dúas femias.

Non temos o dato exacto de cando e como a Familia Moreda pasou a exercer o directo dominio das propiedades aforadas, (tampouco renunciamos aínda a encontralo), puidera ser polo último terzo do século XIX ou xa ben entrada a primeira metade de XX, período en que a loita pola redención de foros era unha constante na vida política e social de Galicia.

Expoñemos a continuación a xenealoxía que coñecemos desta familia. Tratamos de simplificala no posible, omitindo datos de fontes e de membros que no nos leven a persoas ou familias coñecidas no pobo na segunda metade do século pasado; so poñemos anos de nacemento e falecemento, e lugar de residencia si o coñecemos. Aínda así pode resultar enredoso a relación de tanto nome. Expoñémolo por xeracións, de tal forma que asignamos a I xeración a Domingo e Francisca, na II xeración estarán os matrimonios dos seus fillos e os netos, na III os matrimonios dos netos e os bisnetos e na IV xeración os matrimonios dos bisnetos e os tataranetos correspondentes.

I xeración
Domingo Perez de Moreda + Francisca Rodríguez  (?-1839). Tiveron por fillos a:
Juan,  José,  Rosa,  Carlos,  Fernando e Antonia. (desta xeración só vamos seguir a liña dun dos fillos, a de Juan, que tivo 12 fillos)

 II xeración
Juan Pérez de Moreda (1780-1863) + Francisca Rodríguez (1786-1872). Filla de Ramón Rodríguez de Dorado e Manuela Rodríguez, do Coto de Villacesar (San Pedro de Benquerencia). Fillos:
1. Ramón Manuel  (1811-1856)  +  Vicenta Fernández Pouparín, filla de Pedro Fernández Pouparín e Teresa Fernández (de Nogueiredo)
2. Juan Francisco José   (1812-?)
3. Josefa. (1813-?)  +  Manuel Fernández Remior.
4. Carlos (1814-1864) + Rosenda Gómez. Vive na patrucial de Pumarín en 1963. Fillos: Josefa, Francisca, José, Ramona e Rosenda
5. Josefa Francisca Dominga (1814-?)
6. Francisco Antonio María (1917-?) + Ramona Polido
7.  Antonio Ramón (1821-?)  + Antonia Otero. Fillos: Ramona, Juliana, Dolores, Francisca e
 José
8. María Dolores  (1830-?)  + Manuel Polido. Fillos: José María e Toribio
9.  Ramona   (1833-1855)
10. José  +  Juana Pérez,  (en Triana). Fillos: Ramón (1847-?) e Rosenda (1852-?)
11. Benito. Vivindo na patrucial solteiro en 1863 cando morre seu pai.
12. Vicenta  (1825-1908)  + Pedro López Polido (1811-1890). Fillos:  Domingo,  María,  Antonio, Ramona e  Dolores .

III xeración
Ramón Manuel Pérez de Moreda + Vicenta Fernández Pouparín tiveron por fillos:
1. José Pérez-Moreda (1833-1863) Solteiro
2. Josefa Pérez-Moreda Fernández (1834-?)  + José Falcón (de Sta. Marta de Meilán. Riotorto). Fillas: Ramona (Solteira) e Francisca Falcón Pérez-Moreda.
3. Francisca Pérez-Moreda Fernández (1838-1925) + Antonio Rodríguez Forján.  Fillos: Josefa e José Rodríguez Pérez-Moreda.
4. Rita Pérez-Moreda (1840-1925)  Solteira
5. Carlos Pérez-Moreda (1849-1870)  Solteiro
6. María Antonia Pérez-Moreda (1853-1936)  +  Antonio Pérez Castrillón (1871-?)(Marchante). Fillos: Francisca, Ramona e José Pérez Pérez-Moreda.

Francisco Antonio María Pérez-Moreda +  Pilar Rocha. (no Souto) 
1. Faustino Pérez-Moreda Rocha (1901-?)
2. Francisco Pérez-Moreda Rocha

Vicenta Pérez-Moreda  + Pedro López Polido. 
1. Domingo López Polido Pérez-Moreda (1851-1910) + Rita Dorado Gómez (1857-1936)
2. María López Polido Pérez-Moreda + Isidoro Cuadrado Díaz de Lourenzá
3. Antonio López Polido Pérez-Moreda (1857-?)
4. Ramona López Polido Pérez-Moreda (1860-1894) + Ramón Pérez Otero (1858-?) (casa de Castañolas ou A Dulcería)
5. Dolores López Polido Pérez-Moreda (1862-1937) + Ramón Dorado Gómez (1855-1931) (Casa do Páxaro. Aspera)

IV  xeración
Francisca Falcón Pérez-Moreda (1873-?) + Baltasar Novo  (Pouparín. Nogueiredo). Fillos: Fé, Eliseo, Julia, José, Carlos e Julio.Novo Falcón

Francisca Pérez Pérez-Moreda (1887-?) + Eliseo González González. (Villaframil). Fillos: Eliseo e Antonio González Pérez.
Ramona Pérez Pérez-Moreda  (1891-1977) +  Ramón González Teijeiro (A Granda). Fillos Francisco e Antonio González Pérez.

Josefa Rodríguez Pérez-Moreda (?-1938) + Felipe Fernández (Sacristán. Martices) . Fillos: Francisco, Antonio, Ramón, María, Heliodoro, Josefa e Benigno Fernández Rodríguez.

Francisco Moreda Rocha + Vicenta Varela  (Tirabeque. Souto). Fillos: Ramón, Pancho, José, Ida,Vicenta e Isabel Moreda Varela.

Dolores López Polido Pérez-Moreda + Ramón Dorado Gómez (Heredeiros. Nogueiredo). Fillos: José Ramón Dorado López (O Heredeiro) e catorce mais.

Si a día de hoxe non abunda mais no pobo o apelido moreda é  porqué desde finais do século XIX, que se lexislou sobre a obrigatoriedade de rexistrar os fillos co primeiro apelido do pai e o primeiro da nai, íanse perdendo pola vía materna (vemos que na III xeración os membros da familia Moreda que mais descendencia tiveron, foron precisamente tres mulleres), e por outra banda al ser apelido composto “Pérez de Moreda” en moitos casos no bautizo ou no rexistro foron inscritos co Pérez soamente, prescindindo do Moreda, ou ó revés. Si nosoutros utilizamos nesta xenealoxía o apelido composto en moitos casos, é para deixar claro quen era o membro que descendía da Casa de Pumarín, non porque os que o levaban o usaran desta maneira.


No hay comentarios:

Publicar un comentario