Praza do Souto

Praza do Souto

miércoles, 16 de octubre de 2019

O PLANTEL DE EXTENSIÓN AGRARIA EN SAN MIGUEL DE REINANTE



Situamos o orixe do plantel xuvenil de Extensión Agraria polo ano 1969 cando os integrantes da oficina de Ribadeo se poñen contacto coa xuventude de San Miguel e lle plantexa a formación dun Plantel no pobo. A relación puido aparecer polo traballo que realizaban os funcionarios de Extensión Agraria sobre o terreo, relacionándose cos agricultores e coas sociedades agrarias, ou polos primeiros pasos para levar a cabo a Concentración Parcelaria, que, en San Miguel, non foi posible.

Os planteles xuveniles de Estensión Agraria estaban formados por mozos de ambos sexos maiores de catorce anos, cos que se traballaba en diversas actividades co fin de elevar os seus coñecementos en materia agraria e cultural e, en base a eso, elevar o nivel de vida do futuro agricultor.

A oficina de Ribadeo estaba dirixida por Antonio Oca Fernández, acompañábano na sua relación coa xuventude de San Miguel, María del Carmen Carballeda Pérez e mais tarde uniríase ó grupo Ramón Lanza, monitor e capataz agrícola, e outro membro chamado Emilio Francisco Rodríguez Calvo. Inda que non formaban parte da plantilla de Extensión Agraria, tamén se desplazaban como colaboradores Eduardo Gutiérrez e posteriormente o cura Xosé Yáñez.

Os locais de reunión e desenrolo de actividades eran os das Escolas Vellas recentemente pechadas polo traslado da ensinanza ó novo grupo escolar que empezou a funcionar no curso 1968-69.

O grupo de xente moza que formaba parte do citado plantel, empezou a facer as primeiras reformas nos locais, coa súa implicación persoal e en réxime de autoxestión. As reunións e o traballo facíanse despois de rematada a xornada laboral e as obrigas familiares, é dicir á tardiña/noite e os fins de semana incluídos domingos pola mañá si era necesario. Empezaron coa pintura das paredes interiores, para o que se valían da fórmula e os materiais, que había que mesturar e remexer nunha máquina a manivela, e que lles subministraba un profesional do ramo, Luis Cortiñas, veciño de Mondoñedo, pero achegado a San Miguel por razóns de casamento. Cos traballos de pintado tamén se restaurou o mapa de Galicia cruzado con unha franxa azul que, desde facía moitos anos, lucía nunha das paredes da escola de nenos núm.1 e que se atribuía a D. Manuel Villaamil, mestre até 1950.





Outra das reformas foi facer un local mais grande no que foran as dúas escolas de nenas, para o cal se desprazou o tabique que as separaba, de 24 m2, enteiro, posto sobre rolos despois de cortalo por tódolos lados.


Pasado o tempo aplanouse o terreo das hortas das escolas que está ó sur do edificio para facer unha pista de deportes. A pista deportiva era para aquel grupo, unha das grandes carencias do pobo segundo poñían de manifesto repetidamente no periódico XUNTANZA editado polo colectivo e do cal falaremos mais adiante. O mais parecido a unha pista polideportiva que viran era a pista do Souto, con porterías entre dous dos árbores que rodeaban a praza. Xa era hora de ter unha cancha en condicións, e tamén se puxeron mans a obra, inda que con pouco éxito. A escaseza de medios fixo que se cubrira con grava, con grave perigo para os xeonllos dos rapaces e rapazas, e por outra banda enseguida se empezaron a utilizar as magnificas instalacións do Complexo de Caixa Galicia na praia de Coto, en Benquerencia.

O financiamento para os materiais que eran necesarios proviña do Servizo de Extensión Agraria. A xuventude tiña nas vellas escolas un obxectivo común, o de arranxar aqueles locais e facelo de forma autónoma. O reto de levar ese traballo adiante xa significou un lazo de unión entre todos os compoñentes da agrupación, logo estaba a ilusión de contar con un lugar para as actividades do plantel, para poder desenrolar ali un montón de proxectos, para relacionarse e compartir ideas e gustos, dado que tampouco tiñan moitas alternativas para o seu tempo de ocio.


Eso era o que significaba o Plantel para a xuventude do fin da década dos 60. ¿Pero o Servizo de Extensión Agraria de Ribadeo que encontrou naquel grupo de xente nova, moitos deles e delas estudando o bacharelato, con 18 anos ou menos?. Non era de agricultura e gandería do que mais se falaba. Si que se fixo un invernadoiro na casa do Sacristán, creemos que o primeiro do pobo, para experimentar o cultivo e poder ver e tocar os resultados, organizouse algunha viaxes a Escola de Capacitación Agrícola de Guísamo, a explotacións agrarias e a outros lugares... pero nas reunións nas escolas con Antonio Oca, Maricarmen Carballeda, Eduardo Gutierrez ou con Xosé Yáñez, mais que de agricultura falábase de cultura; o idioma galego, as letras galegas, os seus personaxes e a cultura galega en xeral eran temas reiterativos, e a rapazada tiña gaNas de saber; de saber máis que o que se ensinaba nos libros de texto ao seu alcance. Contábanos un daqueles mozos que con Xosé Yañez (ao que lle custou traballo identificar como cura) descubriu a segunda parte do himno galego, a que dí: 
Os bos e xenerosos /a nosa voz entenden /e con arroubo atenden /o noso ronco son, /mais sóo os iñorantes /e féridos e duros, /imbéciles e escuros /non nos entenden, non... 
Non!!!, isto antes non se podía cantar!!!!


A xuventude que formaban o Plantel era a xeración post-68, que quería librarse de antigas ataduras, cuestionaban a autoridade tal e como estaba establecida nos distintos niveis, querían poder decidir sobre a súa persoa e defendían a igualdade de dereitos entre home e muller e outras liberdades individuais, con contradicións quizais, con puntos de vista que hoxe non serían os mais progresistas, pero era o principio do camiño. Ese foi o ambiente que se encontraron os membros de Extensión Agraria en San Miguel... ou quizais o que se precipitou coa sua chegada, quen sabe!

Non quere dicir isto que houbera unha forma de pensar uniforme entre os membros daquela asociación, claro que non!. Xuntábaos o proxecto da asociación, e cada un/unha establecía os seus límites. O que fixo o Plantel foi crear un ambiente de certa liberdade, para que en “petit comité” se chegaran a intercambiaran libros como “El Capital” de Karl Marx ou “Cuadernos de Educación Popular” de Marta Harnecker completamente prohibidos ou as revistas satíricas La Codorniz e Hermano Lobo, legais, pero con un largo historial de censuras e prohibicións.

Con Eduardo Gutiérrez de asesor cultural, mais tarde alcalde nacionalista de Ribadeo, púxose a andar un grupo de teatro e un xornal, e organizouse algunha charla; todas as persoas do colectivo recordan unha en concreto, a que unha noite, posiblemente de inverno, veu dar desde Lugo o profesor e escritor Xesús Alonso Montero. Todos e todas a recordan, porque inda que non estaba prohibida tampouco estaba autorizada, e o ambiente era de semiclandestinidade, de noite, nun local apartado, xente moza e Alonso Montero falando de Rosalía de Castro, o profesor que varias veces fora multado e represaliado pola sua pertenza ao partido comunista de España e que posteriormente, no ano 1975, foi desterrado a un instituto dun pobo de Córdoba.

As reunións nas Escolas Vellas, case a diario por conta dos membros do colectivo que podían ir, e os venres con asistencia dos monitores de Ribadeo non pasaron desapercibidas para ninguén. Nin para os proxenitores, adictos ou temerosos do réxime franquista, nin para as autoridades do mesmo. Nas casas facían preguntas e avisaban a aquela xuventude inexperta politicamente, e no concello se preguntaban si aquel “pasatempo” rozaría os limites da legalidade, e non dubidaron en facelo directamente cando tiveron ocasión, como lle pasou a unha rapaza nunha reunión allea ao plantel que observou como o alcalde Casiano Moreno facía por sentarse ó seu lado para logo preguntarlle si no Plantel lles falaban de política ou falaban de política entre eles. Tampouco era casual que en algunha tarde/noite a parella da Garda Civil fixese unha visita polo exterior da vellas escolas coa xente reunida dentro. Aquela actividade deu que falar no pobo. Os rapaces non tiñan moi complicado o asistir as escolas, podían ser criticados por traballar de balde e sin proveito aparente, pero non pasaba o mesmo coas rapazas, que en moitos casos tiñan mais difícil o permiso, polo que significaba de escaparse ó control paterno, e, despois de concedido o Teleclub para o local, non faltou no pobo quen o bautizara como “o Puticlub”, non para demostrar o seu talento creativo precisamente, si non para, tratar de minar a reputación do grupo e do proxecto.


A solicitude do teleclub de que falamos foi xestionado tamén polo grupo. Dous dos membros, José María García Docobo e Antonio Díaz Novo, sabedores que Luis Cordeiro Rodríguez (naquel momento asesor da Rede de Teleclubs de Galicia e mais tarde primeiro presidente da democracia na Deputación de Lugo), tiña un acto en Ribadeo non dubidaron en ir falar con el, e despois de escoitalos, non puxo ningún atranco a concesión, que foi un feito no mes de agosto de 1971. Co teleclub, amais do televisor de 24 polgadas, chegáronlles tamén un magnetófono, un proxector de super8, outro de diapositivas e un cheque de 28.500 pesetas que entre outra cousas serviu para poñer os primeiros libros da biblioteca que tamén estaba nos proxectos da asociación. Non deixa de ser un paradoxo que un instrumento que fora creado polo franquismo como medio de propaganda, de feito era obra do Ministerio de Información e Turismo, resultara un agasallo para aquel grupo tan pouco achegado ó réxime.

Integrados na rede de Teleclubs da provincia, en 1972, organizouse un “Ciclo Cultural” con conferencias como a do médico Manuel Porteiro sobre “Primeros Auxilios”; a do Sr. Quiroga sobre “La Seguridad Social Agraria” ou a do Delegado Provincial de Agricultura de Lugo sobre “Los Problemas de la Ganadería Lucense”. Tamén desfrutou a veciñanza da representación da obra de teatro “Barriga Verde” posta en escena polo grupo de teatro do Teleclub de Villaronte e da actuación do Orfeón da Sociedade de Obreiros Católicos de Mondoñedo. (Datos recollidos do XUNTANZA de maio de 1972).

O TEATRO E XUNTANZA


Na primeira metade do ano 1971 puxéronse en marcha dúas iniciativas, o grupo de teatro e XUNTANZA.

O grupo de teatro no pobo era una novidade, dende os anos 40-50 non se recorda a facer veladas no pobo polos propios veciños, e co que respecta a obra escollida non podía ser mais emblemática: “Os Vellos non deben Namorarse”, escrita por Alfonso R. Castelao no exilio, representada por primeira vez en 1941 en Bós Aires, e 20 anos despois en Galicia, o día 25 de xullo de 1961, na praza da Quintana, en Santiago, con miles de espectadores que ateigaban dita praza.

O 27 de agosto de 1971 foi a estrea en San Miguel. Como director, por suposto, Eduardo Gutiérrez, e na elaboración do evento participou toda a xuventude que aglomeraba o Plantel, ou ben ensaiando para estar encima do escenario, ou ben na tremoia. Local adecuado para representacións teatrais non había (podemos dicir que inda non hai hoxe en todo o concello) pero contaban coa boa disposición da familia propietaria do Cine Rimar. Construíuse un gran escenario, todo de madeira de serra, no espazo entre a primeira fila de butacas e a pantalla de proxeccións, pintáronse os decorados de cada lance en grandes lenzos estendidos no chan da Sala de Fiestas Joango. Día tras día nesta labor chegou a estrea. O plan era facer dúas funcións unha as 5.30 para a xente miúda do pobo e planteles invitados que quixesen asistir, e outra as 10 da noite para público en xeral, pero as 300 butacas do Cine Rimar non chegaron para cubrir a demanda de entradas da xente que se amoreaba diante do local, polo cal tívose que manobrar sobre a marcha para facer unha terceira representación o día seguinte, sábado, día que o propietario do cine tiña no seu programa a proxección dunha película que non tivo reparos en suspender. A xente que non puido entrar marchou para a casa sabendo que o día seguinte tería outra función. Compre dicir que esta estrea tivo un presentador de luxo: o actor, autor e dramaturgo Manuel Lourenzo, naquel tempo director do Teatro Circo de A Coruña.

O grupo desprazouse en datas posteriores representar a obra a Ribadeo, Foz, Burela, Vilaronte e Mondoñedo.








Despois do éxito de “Os Vellos...” segue mais teatro galego, comenzouse a preparar “A Fiestra Valdeira de Rafael Dieste que se estreou en xaneiro de 1973. Con esta obra o grupo de teatro do Plantel participou no primeiro certame de teatro galego de Ribadavia organizado pola Asociación Cultural Abrente no que sería o xerme da gran Mostra Internacional de Teatro que cada ano acontece naquela Vila.




Detrás da “Fiestra...”, no mesmo ano 1973, pensouse en representar “O Tio Miseria” de Enrique Labarta Pose, pero esta proposta foi a chispa que acendeu as alarmas nos despachos das autoridades gobernantes, a representación desta obra non foi autorizada, e a partires de aquí o que era Plantel de Extensión Agraria en San Miguel de Reinante foi perdendo tal carácter e perdendo a asistencia do persoal da Oficina do S.E.A. de Ribadeo. Non coñecemos os motivos exactos deste cese; ¿Antonio Oca e os seus compañeiros consideraban os obxectivos cumpridos?, ¿algún apercibimento de sanción? ¿renunciaban a seguir si non podían facelo baixo o seu ideario?... Algo de todo quizais.

De todas formas a xuventude xa estaba instalada nas Escolas Vellas, estas seguían sendo o seu centro social e o teatro xa fixera asento naquela asociación. Dirixidos por Enrique Penabad púxose en escena a obra O Ferreiro de Santán de Daniel Varela Buxán.






Fíxose outro experimento teatral: o gravar a obra de teatro de Blanco Amor “A Tia Lambida” aproveitando o feito de ter un magnetófono no local.

E por último, xa en 1975, dirixida por Benito Pérez Soto representaron a obra “Os apuros dun Zapateiro”; un sainete escrito polo cura, nado en Santiago de Reinante, Xosé Molejón Rañón que amais de representarse en San Miguel tamén saíu a Vilaronte, Celeiro de Mariñaos e Burela.

O xornal XUNTANZA foi o medio de comunicarse co resto do pobo, no nome que se elixiu ía implícito o sentir das persoas que o facían, unha declaración de principios, xuntanza, unidade, encontro... , e o obxectivo era o de

mejorar y solucionar los problemas que a nuestra sociedad actual afectan de modo directo, y por tanto en ellos todos interesados”. (Editorial do núm.1)

Recollía nas súas follas todo tipo de temas e, como xa dixemos, o idioma ocupou varias páxinas, porque aquela xuventude, estudando o bacharelato, encontráronse con que, inda que falaban o galego nas súas casas e na vida diaria, tiñan moitas dubidas e dificultades para escribilo,

Lamentamos non poder escribir todo en galego de forma mais académica

XUNTANZA. Núm. 3

Seguimos lamentándonos de que non poidamos redactar todo en galego e nun galego máis académico, pro os nosos pequexos conocementos fan nos sintamos avergonzaos

(XUNTANZA. Segunda quincena setembro de 1971)
 



En xeral podemos dicir, sin medo a equivocarnos, que era o primeiro intento daqueles mozos e mozas de expresarse en galego escrito, cando por unha parte a normativa unificadora tardaría moitos anos e, por outra a lectura en galego significaba unha tarefa difícil, pola escaseza de medios, pola escaseza de obras editadas a disposición daqueles rapaces e pola persecución e menosprezo do réxime franquista ao idioma e a quen o usaba; con escritores que sufrían a censura e a prohibición (Méndez Ferrín, Carlos Casares, María Xosé Queizán...)

A revista confeccionábase con unha multicopista. Primeiro mecanografábase o artigo ou debuxábase con un punzón nun cliché e logo colocábase este na máquina, o redor do rodillo entintado para que a tinta pasase ó folio pola marca que deixaba a máquina de escribir na cera do cliché. A base de dar manivela, a máquina arrastraba un folio emparellábao ao cliché e saia impreso polo outro lado. Toda unha marabilla, de pequeno tamaño e portátil, na época das impresións clandestinas de propaganda política!.

O primeiro número saíu a primeira semana de marzo de 1971, os tres primeiros foron semanais, logo pasou a ser quincenal e con algunha interrupción chegou a maio de 1972 con dezaseis números.

O contido da publicación era moi variado: artigos en clave local reivindicando a cancha deportiva, unha biblioteca, a limpeza do cemiterio cara o día de defuntos, a indecencia da Pista do Souto en vésperas da festa do Patrón ocasionada polas obras de acometida da augas que se realizaba naquel ano. 



Non faltaba a páxina de humor, de produción propia ou reproducido doutro medio, pero xeralmente con mensaxe e en contexto galego. A poesía e a literatura tamén tiña sitio, o primeiro número reproducía as poesías “Canción de cuna para Rosalía de Castro muerta” de Federico García Lorca e o “Monólogo do Vello Traballador” de Celso Emilio Ferreiro. Outros números levaban poemas propios e pequenas historias.

Tamén se ofreceu un espazo para calquera veciño que quixera aportar a sua colaboración xornalística, con boa resposta, pois desta maneira coñecimos varias coplas e cinzarradas de Luis da Cachela, e mais a aventura que este correu co seu compañeiro o Maestrillo cando foron facer uha velada en Castropol.

Para confeccionar este artigo tivemos varias conversas con membros daquela agrupación, e para rematalo, a modo de epílogo, recollemos as palabras que nos transmitiu un dos entrevistados tratando de resumir aquela experiencia:

O plantel cambiou a forma de relacionarse entre rapaces e rapazas de San Miguel, mentres que antes as pandillas, a hora de desfrutar do tempo de lecer, se organizaban por sexos, a partir desa convivencia empezaron a ser mixtas, a organizarse segundo gustos e afinidades sin distinción de sexos.

Tamén é verdade que eran anos de cambios na sociedade... ¡e os que virían detrás!.


No hay comentarios:

Publicar un comentario