Praza do Souto

Praza do Souto

domingo, 29 de diciembre de 2019

SINDICATO AGRÍCOLA SOCIEDAD DE AGRICULTORES DE SAN MIGUEL DE REINANTE


Chegou recentemente este recorte ás nosas mans o que nos fixo pensar que aínda non falaramos da Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante.




A historia da Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante non podía faltar nun relato da historia de San Miguel, e atreveríame a dicir que nun relato da historia da Mariña Oriental si se fala do asociacionismo agrario. Empezamos cando chegou as nosas mans un libriño de reducido tamaño, con unhas corenta páxinas que reza na sua cuberta “Reglamento del Sindicato de Agricultores de San Miguel de Reinante”. Está impreso en Ribadeo  no prelo de “Las Riberas del Eo” e na última páxina di que foi presentado en Lugo o 6 de xuño de 1911 para o efecto da Ley de Asociacións. Tamén na última páxina relaciona as persoas que compoñen a Xunta Directiva que exercerá durante o ano 1912.


Nacía desta forma ao abeiro da lei de Sindicatos Agrícolas promulgada o 28 de xaneiro de 1906  e da anterior ley de Asociación de 1887 a Sociedade Gandeira que operou no noso pobo ao longo do século pasado. O primeiro artigo deste regulamento así o proclama:

Bajo el lema de  unión  y trabajo y con la denominación de Sociedad de Agricultores de San Miguel de Reinante, se constituye un Sindicato Agrícola al amparo de las prescripciones de la  Ley de 28 de enero de 1906 y su reglamento.

No artigo segundo do noso regulamento di que se establece  o domicilio social da Sociedade na parroquia de San Miguel de Reinante, Concello de Barreiros. Artigos seguintes precisan que persoas poden formar parte da sociedade: labradores, xornaleiros, industriais e demais persoas de ocupación similar que sexan veciños do concello de Barreiros, sempre e cando, si formaron parte dunha sociedade análoga, xustifiquen a sua boa conduta nela.

Só podía haber un socio en cada casa e non era preciso ser  labrador ou gandeiro basicamente, tan só ser veciño do Concello, compartir os fins da organización e que a Xunta Directiva aprobase a alta; mais si que define a orde de prelación para darse de alta:

1º Los varones mayores de edad; 2º las mujeres cabezas de familia, en cuya casa no haya ningún varón mayor de edad; 3º Las mujeres casadas, cuyos maridos lleven más de seis meses ausentes en el Ayuntamiento.

  Podemos dicir que formaban parte dela a totalidade dos gandeiros e labradores de San Miguel, agás algunha excepción que podía ser temporal. Posuímos  listaxes nominativos, de mediados dos anos vinte, que acadan os 150 socios, incluído uns 25 ou 30 de San Pedro de Benquerencia, polo tanto compre tamén dicir que as necesidades e inquedanzas que afectaban aos seus membros coincidían, en gran medida, coas  necesidades e inquedanzas destes pobos   e sobre as cales os órganos de goberno da Sociedade Gandeira tomaban posición e actuaban si era o caso, sempre tratando de ter en conta o ben xeral.

O  que se nos ven a cabeza ao recordar a Sociedade Gandeira é, no primeiro termo, o seguro mutuo que autoxestionaba para resarcir aos socios que sufrían a perda dun animal por accidente ou por enfermidade do mesmo. Pero os fins da organización eran mais amplos, o artigo seis do Regulamento define mais obxectivos:

Se inspira en el deseo de fomentar la concordia y armonía entre los asociados buscando la solución amistosa de los problemas y proporcionar a los mismos las ventajas de la acción colectiva. Procurar la defensa y perfeccionamiento de la riqueza agrícola en el desarrollo de la cría de ganado, mejorando las razas, la venta colectiva de los productos y de los animales, el seguro del ganado, la adquisición de abonos químicos y toda clase de semillas, la rebaja de los tributos y en general conseguir los mayores beneficios morales y materiales para el agricultor. 

La Sociedad rechaza terminantemente toda idea o partido político, quedando prohibido que en su seno se promueban cuestiones de esta índole y menos de carácter religioso. La Sociedad, si  sus fondos lo permiten podrá organizar recreos y entretenimientos lícitos, suscribirse a periódicos, revistas y obras científicas o literarias con destino a su biblioteca.

Como o ámbito territorial era o concello, nos seus inicios formaban parte da Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante veciños de San Pedro de Benquerencia, San Cosme de Barreiros, e Celeiro de Mariñaos. Todos eran socios de número, e dentro destes, formando outro subgrupo, estarían os que nomeaban socios gandeiros, estes eran os que se daban de alta no seguro mutuo para sinistros do gando vacún,  único asegurable, ben foran reses menores, (hasta un ano) ou maiores. O socio gandeiro tiña que ter tódalas cabezas de gando vacún dadas de alta e sinaladas cada unha con un número. Estaban obrigados a dar bo trato aos animais, e a denunciar ante a Xunta Directiva calquera abuso ou falta de atención que observen nos consocios; a prestarlles asistencia veterinaria, ou no seu defecto dunha “persona inteligente” da sua elección, inmediatamente que observen enfermidade, e comunicarlle a diagnose á Xunta Directiva no prazo de vinte catro horas;  igualmente informarían dos nacementos de crías, vendas, adquisicións ou cambio dalgunha res.

No capítulo das obrigas os socios debían gardar durante a permanencia no local da Sociedade, a maior orde e compostura, absténdose de discusións de asuntos relixiosos e políticos ou de proferir palabras malsoantes e impropias de persoas ben educadas; debían obedecer o Regulamento, a Xunta Directiva,  desempeñar os cargos para os que foran nomeados,  acudir as xuntas xerais salvo enfermidade, cooperar ao sostemento e progreso da Sociedade e a participar no arranxo dos camiños e outros traballos de interese común, con prestación persoal e dos seus utensilios e animais.

A sua organización se deben as obras de construción do Areal, ancheamento dos camiños da Barranca, de Pereira, das Escolas Vellas, o arranxo dos camiños que era habitual tódolos anos, a instalación dunha báscula para pesar o gando, “levar” a festa do patrón ou mesmo promover accións de axuda en caso de desgracias persoais.

O GOBERNO DA SOCIEDADE
A suprema autoridade era a Xunta Xeral de socios, que se convocaban tres ordinarias ao ano, unha o primeiro domingo de xaneiro, outra o terceiro do mesmo mes e outra  o primeiro domingo de decembro. Na primeira, a directiva presentaba a memoria e as contas do ano anterior, e nomeábase unha comisión de tres socios para examinalas e que fixese un informe sobre delas, que se estudaría e se aprobaría na segunda Xunta Xeral. Na xunta de decembro elixíase a directiva para o ano seguinte.  Logo convocábanse xuntas xerais extraordinarias, para tratar algún asunto de especial importancia,  tantas como crese necesario a Directiva ou o solicitasen quince socios por escrito.

LIBROS DE ACTAS
A maiores do Regulamento anterior, produto da recollida que fixemos no pobo,  tamén nos achegaron  varios libros das actas, onde se relata o discorrer de cada unha das reunións da  Directiva ou da Xunta Xeral de Socios que dan fe do cumprimento das normas que regulaban a organización. Tódolos anos se elixían novos cargos, tódolos anos se nomeaba unha “Comisión de glosa o censura” que examinaba as contas e emitía un informe. Os cargos podían reelexirse para outro mandato ben no mesmo posto ou en outro distinto, pero sempre ratificados pola Xunta Xeral de Socios. Formaban a Directiva un presidente, vicepresidente, tesoreiro, secretario, vicesecretario e oito vocais, cargos  todos eles obrigatorios e de prestación gratuíta. Só o secretario podía recibir unha gratificación polo seu traballo, si asi o aprobaba a Xunta Xeral, e realmente eso era o que acontecía, que tódolos anos se asignaba unha cantidade para gratificar o traballo do secretario.

Despois de elixida a nova Xunta Directiva, esta nomeaban para os diferentes barrios os celadores de sección e de grupo, tamén obrigatorios, que eran o nexo entre os socios e a Directiva. Eran quen visitaban aos seus socios veciños,  ora para comunicarlles a data unha Xunta Xeral, ora para informalos dunha decisión tomada, para cobrarlles as cotas ordinarias ou o escote que lles tocaba pagar nun sinistro.

Nos libros de actas dos que falamos vemos que nos anos cincuenta nomeábanse tres celadores de sección e tres suplentes,  (a terceira sección eran os socios de San Pedro de Benquerencia que pertencían a esta asociación) e nove celadores de grupo e nove suplentes, correspondentes aos barrios de Casaldeite, Souto, Nogueiredo, Barranca, Campos, Pumarrubín, Pumarín, Salxende e como antes dixemos, San Pedro (en Nogueiredo entraban Valgas e Granda, en Souto a Áspera, en Campos As Pasadas...).  En estes anos xa non aparecen socios de San Cosme nin de Celeiro de Mariñaos; no caso destes últimos a través das actas de finais dos anos vinte asomaban algunhos desacordos, sospeitas se engano, sanción a algún socio... e a mediados dos 1930 houbo unha baixa, sinón unánime, si masiva, dos socios desa parroquia.

A Xunta Directiva tamén funcionaba como xurado para dirimir discordias cando o soliciten socios que teñan diferencias relacionadas con servidumes, aproveitamento de augas, contratos de gando etc. Constituíase en sesión publica, escoitábase ós interesados, ás testemuñas, indagaba e ditaba unha resolución que tiña eficacia de convenio legalmente establecido.


FONDOS
Os fondos da Sociedade constituíanse coas achegas dos socios, as multas por incumprimento do Regulamento e as subvencións ou doazóns. Cada socio pagaba unha cota de entrada e unha cota anual por trimestres adiantados.

Estes fondos non tiñan  que ver cos que se usaban para pagar os sinistros do gando que eran recadados expresamente cada vez que ocorría a desgraza entre os socios gandeiros en proporción ao seu capital asegurado. A venda dun xato tamén obrigaba ao socio a abonar o un por cento da venda para fondos da Sociedade, para sinistros de gando menor.

A Sociedade tiña asignado un veterinario encargado de asistir as reses aseguradas por cuxo servizo lle aboaba unha cantidade acordada. Expedía unha papeleta do tratamento ou diagnose, papeleta que había que facer chegar a Directiva para o seu coñecemento e toma de decisións. No canto do veterinario tamén era aceptada a opinión de “persona inteligente” , de confianza da Directiva,  termo co que se refería a aqueles socios que sin ser veterinarios, contaban con suficiente experiencia e eran especialmente coñecedoras do gando e do estado dun animal despois de observalo e ver os seus síntomas.

Un último capítulo do regulamento que comentamos recolle as sancións con correspondentes a gravidade da falta cometida, que podería chegar a expulsión,  ou no seu caso sanción monetaria, que non excederá de 100 pesetas segundo este regulamento impreso, como xa dixemos no ano 1911. Sería expulsado tamén o socio que cobrara unha cantidade indebida ou inxustificada amais de esixirlle responsabilidade civil e criminal denunciándoo nos tribunais. Tamén podía ser expulsada  a comisión taxadora dunha res, que mancomunadamente e solidariamente, ocasionase prexuízo a Sociedade con neglixencia ou malicia.

Mais dun exemplo encontramos da aplicación de medidas correctoras, cando os órganos de goberno consideraban necesario escoitaban testemuñas e facían acareos para clarexar unha situación que puidera causar perda para a Sociedade.    Expulsión por ter o gando mal alimentado e abandonado, facer un desconto no abono dun sinistro porque a vaca accidentada estaba soa, por enterrar unha vaca sinistrada sin autorización e non haber aproveitado a pel,  sanción por non deixar taxar o gando e expulsión por reincidencia, non aboar o sinistro dunha vaca por traballar con ela quebrada... (queremos recordar que falamos de casos aparecidos en actas dos anos 40 e  do pasado século)

Foron elixidos nesta primeira andaina para dirixir o rumbo do Sindicato Agrícola Sociedad de Agricultores de San Miguel de Reinante no ano 1912, os socios seguintes:


Presidente Pedro Penabad Fernández
Vicepresidente Francisco Teijeiro Gallo
Tesorero Lorenzo Remior Devén
Secretario Ramón Forján Larrea
Vicesecretario Ramón Pérez Otero
Vogais Faustino Rocha García, José Mosquera Rocha, Antonio Rico Gómez, José Pérez Bermúdez, Francisco Iglesias Fernández, Antonio Gómez Fernández, José Pérez Rocha e Bastasar Novo Novás.

  Esta xunta tiña como primeira misión xestionar a aprobación gobernativa do presente Regulamento.

A creación de sociedades ou mutuas gandeiras  era común  desde os últimos anos do século XIX, e, a partir de 1906 coa citada lei de sindicación agrícola, outras asociación desde tipo  se fundaron noutros pobos e vilas de Galicia. Cita Benigno Fernández Salgado nun traballo feito para conmemorar o centenario da revista El El Agricultor, de Riotorto, que  Miguel Cabo Villaverde cuantificaba en 187 sociedades Agrarias e 51 Mutuas es existentes en Galicia no ano 1907, e o mesmo autor apunta que no ano 1909 nacía en Meira a Federación Agropecuaria del Norte Galaico, creada en principio polas asociacións de  A Pastoriza e Meira, as que posteriormente se uniron O Corgo, Pol, Outeiro de Rei e mais tarde O Páramo, Láncara e Castroverde. Como veremos mais adiante a maioría tivo unha curta vida, non sobreviviron ó levantamento franquista.

LOCAL SOCIAL
Despois de darlle unha lectura aos libros de actas anteditos, e que gardan  o día a día da vida da Sociedade Gandeira, o lector pode facer unha imaxe fiel do seu funcionamento e da sua integración nos aconteceres do pobo. E nelas vemos a sua determinación de construír un edificio social para uso e desfrute dos asociados; obra que non chegou a materializarse como xa sabemos. Este propósito debateuse varias veces, déronse os primeiros pasos e por distintos motivos non chegaron a frutificar.

Na acta correspondente a  Xunta Xeral Ordinaria do día 29 de xaneiro de 1928  encontramos a primeira referencia a dito propósito. Podemos ler:

... el señor José María García propuso a la junta que era necesario gestionar del Ayuntamiento la adquisición del terreno denominado el Areal para fabricar en dicho terreno una casa para la Sociedad puesto que la que hoy ocupamos es eventual, puesto que si se aprueba la escuela de niños en proyecto tendremos que dejarla, y en su vista, la junta acuerda que la directiva nombre una comisión para que haga las gestiones pertinentes...

A comisión estaba composta polo propio presidente, Pedro Penabad Fernández, José María García e Ramón Forján Larrea. Ao longo do ano as negociacións non frutificaron, aínda que non se especifica os motivos, a finais dese ano, noutra xunta xeral, infórmase  das dificultades de conseguir ese terreo para  ese fin. Esta xunta tamén acordou que si o Areal non podía acoller a casa da Sociedade, se puxesen os medios necesarios para que fose declarado de utilidade pública, asunto que tivo que esperar 14 anos mais.

O parágrafo anterior tamén nos aclara que ata 1928 era unha soa escola de nenos e outra de nenas as que funcionaban en San Miguel, é que foi ese ano cando se proxectaba establecer as catro escolas que coñecemos ata o ano 1970 aproximadamente.

Acorda tamén a mesma reunión :

...ayudar a Sociedad de Instrucción Hijos de San Miguel y Reinante con los trabajos de acarreo de materiales y demás en la obra que hagan en la finca de los colegios...

  En 1931 aparece outra referencia a un local de reunións:

 “se traladan mesa y bancos de la casa de Baltasar Novo al local de José Dorado López” (Heredeiro).

Os baixos da casa do Heredeiro constituíronse en local social, como pouco ata 1944, xa que este ano e os anteriores encontramos anotacións dunha gratificación que se lle pagaba ao propietario pola sua utilización.

A mediados do ano 1947 A Sociedade volve a intentar a construción dunha sede propia; esta vez o terreo comprouse  nos Campos,  o propietario tamén era  Concello e  as xestións estaban avanzadas. No verán de 1948 o presidente anuncia en Xunta Xeral que xa ten un presuposto, pero que non facilita mais detalles porque  está a espera doutros, asi mesmo fala tamén de algún problema que estaba tentando de solucionar o alcalde.
 O problema non tivo boa solución, porque en novembro deste ano volve a informar  que se rescinde o contrato de compra-venda co Concello, do terreo dos Campos para sede do local social, e, pasado mais dun ano a liorta nótase que chegou a enredarse tanto como para ter que solucionalo por medio de avogados e no xulgado.

Por testemuñas que recollemos parecer ser que o solar situábase na esquina que forman o Camiño Real dos Campos coa estrada de Pereira, e o problema xurdiu cando un veciño saíu ao retracto da operación. A compra fora feita por 500 pesetas, a Sociedade recuperou ese importe mais os impostos da operación, pero o avogado meses despois pasou unha factura polos seus servizos que ascendeu a  1.500 pesetas.

Foi despois deste segundo intento por construír unha sede social, cando, previa solicitude a Sociedade de Hijos de San Miguel y Reinante en la Habana, se acondicionou o pequeno local entre as escolas de nenos nos “Colexios Vellos”.

“Se acuerda ocupar  el local que nos brinda la Sociedad de Hijos de San Miguel de Reinante en el colegio gratuitamente, para celebrar allí nuestras reuniones.” (Acta do 5 de decembro de 1948)

Este local fíxose a propósito para uso da Sociedade, cremos que restándolle superficie a escola que rexentaba o mestre Don José Ferrero Villanueva. Era un local pequeno tendo en conta que  a Sociedade contaba neses momentos con 165 socios.


OS SINISTROS
Examinando de forma global as baixas do gando durante os anos vinte e trinta do século pasado, dedúcese que eran numerosas, entre 12 e 20 ao ano de gando maior e menor. As baixas non todas eran por morte do animal. As vacas na maioría das casas tiñan que valer para traballar, para xunguilas a un carro ou arado, sin prexuízo do bo trato que ordenaba o regulamento; si por enfermidade ou accidente isto non era posible o veterinario podía decretar o sinistro. Pero sempre se trataba de sacarlle o máximo proveito ao animal para que a achega que tiñan que facer os socios fose menor. Si non había reparos en aproveitalo para carne as alternativas eran varias:  venda  nunha feira, a un tratante ou mesmo o despeze e venda directa no pobo, e, si todo isto non era posible acostumaban a aproveitar a pel e  venderlla a un curtidor en A Veiga;  produto cuxo valor, no prazo de 10 anos multiplicóuse por 10. De mediados dos anos trinta que a vendían en 35/40 pesetas cada unha a mediados dos corenta que lle sacaban 360/400 pesetas dependendo do seu peso. Por medio os anos da guerra.

O tema da venda en feiras ou a tratante era un labor que tiña a picaresca propia deste tipo de operacións e mercadeos, como non podía ser doutro xeito. Si a vaca era sinistro na Sociedade podemos pensar que non era prato apetecible para ningún comprador, pero nos anos da posguerra e mediados de século pasado, eran cuestións que dependían de varios factores:  do motivo da baixa, da información que manexes e basicamente do prezo!, a cabalo regalado...  Un animal cunha perna rota non valía para traballar pero valía para carne, si o motivo da baixa era mais grave e menos evidente, pois habería que levar o tema con discreción, e así, nunha reunión da directiva do ano 1930 acórdase que cando o veterinario dea unha baixa, se autorice ao presidente e ao secretario para

que dispongan de la res de la forma mas útlil con el objeto de darle la menor publicidad para que no se enteren los tratantes de dicha baja.


Uns cantos anos mais tarde esta maña xa valía de pouco cando o “adversario” o tes dentro da casa. En 1941 era socio José Buide, tratante, e como tal, ofreceuse a comprar

 todas las reses que sean siniestro dentro de los precios que no sean de perjuicio para la Sociedad. Se concede el privilegio a las pretenciones (sic.) de dicho socio en igualdad de condiciones.

Pero non era o único;  por aqueles tempos tamén traballaba por San Miguel e a comarca da Mariña

el chalán Sr. Ventoso que trata en compras y ventas, especialmente de caballos y otras bestias, que tiene para ello maña y persuasión

en 1943 tamén aparece como comprador de dous animais dados por sinistro, el chalán  Emilio Rodríguez Dorado.

Os sinistros tamén se aproveitaban para venda directa de carne aos veciños de San Miguel, como indican os exemplos que atopamos de despece de reses dadas de baixa polo veterinario da Sociedade sen reparo para consumo humano. Tres exemplos:

En 1927, nunha xuntanza da Directiva presidida por Pedro Penabad, estúdase que facer cunha res de Ramón Lende. O veterinario informa que a carne servía para o consumo e que

[…] se ofertase a los carniceiros si la pagaban un regular, sinó sacrificarla por cuenta de la Sociedad y venderla al detalle a los siguientes precios: pierna a peseta libra gallega, lomo, brazo y todo lo demás que se crea, á setenta y cinco céntimos, y caso de no poder vender a los precios indicados se faculte al que la detalle para poder vender al precio que se pueda procurando sacar el mejor partido, comisionando para esto a Perfecto Longarela.






Outro exemplo témolo en novembro de 1941 a consecuencia do parto dunha vaca de Josefa García. Neste caso, procedeuse a matar o animal e despachalo entre os socios con autorización e certificado do veterinario:

acordando gratificar al encargado de este trabajo con 30 pesetas, socio Carlos Posada, siendo el aprovechamiento total después de la gratificación de 649,50 pesetas.

E por último, en maio de 1942 reúnese a directiva presidida por Manuel Teijeira Pérez de forma extraordinaria para estudar un único punto no orde do día:

[…] en vista de la desgracia ocurrida a D. Lorenzo Penabad Fernández, vecino de San Miguel, apastando del ganado a orillas del mar y habiéndosele caido la res mayor nº 5 por un despeñadero próximo al sitio denominado Carreiro Novo de la mencionada parroquia, se proceda a su venta, estableciendo los precios siguientes: Carne sin hueso a 7 pts. Kilo, pierna con hueso a 6, brazo a 5, costillar, falda y lomo a 4. Nombrándose en comisión para ello a los señores D. Daniel Blanco Rodríguez, Domingo Rodríguez Dorado y el que suscribe, quedando autorizada esta comisión a variar los precios si así conviene a los intereses sociales.

A  ACCIÓN EN COLETIVIDADE
Como vimos no artigo do Regulamento que enumeraba os fins do Sindicato Agrícola, Sociedad de Agricultores de San Miguel de Reinante, entre outros, estaba o de aproveitar as vantaxes da acción colectiva  como podía ser a compra dunha máquina para mallar, a venda dos xatos ou a adquisición e subministro de sementes, fertilizantes e sulfatos. Tódolos anos se encargaban partidas de guano e se repartía para fertilizar as terras de labranza. Pedíanse e estudábanse ofertas de dous ou tres subministradores e sempre eran comúns dúas marcas: Medem e La Manjoya que acostumaban a comprar case sempre en Ribadeo, a Vda. de Casas e a Casa Gayol, inda que algún ano se estudou xestionar o transporte directamente dos portos de Coruña, Xixón ou Santarder e se tentou a compra directamente nestas cidades. Nunha das anotacións en febreiro de 1928 constan recibidos  1.000 sacos de guano descargados por Antonio Rodríguez Alonso, traballo polo que cobrou 25 pesetas a razón de dos y medio céntimos por saco.


Non vemos os mesmos exemplos de mancomunarse para a venda dos xatos que producían os socios, mais ben o contrario, creemos que foi un dos motivo de desacordo coa Federación Agraria de Ribadeo, da que A Sociedade entrou a formar parte en 1929. Pero isto verémolo mais adiante.

ANOS DA GUERRA CIVIL E POSTGUERRA
Non encontramos ningunha alusión directa nin indirecta referente ao levantamento militar nin a guerra civil na lectura das actas da Sociedade gandeira de San Miguel, pero non por eso pasa inadvertida ao lector por mor de  moitos detalles e cambios que se observan no decorrer deses anos e seguintes. En setembro de 1936 ao parágrafo habitual con que principiaba o secretario a escritura da acta da reunión, engadíaslle unha nova frase, que non aparecia hasta o momento.
...reunidos, con lectura de auténtico permiso de la Autoridad Municipal...

Fanse evidentes tamén as restricións de produtos que antes eran ofertados por varias casas subministradoras, e tampouco os prezos eran semellantes. Si o quilo de guano  en 1935 custaba a 0,15 céntimos/quilo, en 1939 os provedores  non contaban con existencias nin seguridade de conseguilo e non daban prezo anticipado, e en 1941 custaba a 0,36 céntimos/quilo. Igual acontece co sulfato e o caldo bordelés, si en 1935 Casa Gayol ofrecía mellorar calquera prezo, en 1939 sirve só parte do pedido, e a partir de 1941 precisábase xestionar o abastecemento na Sección Agronómica da Delegación do Ministerio de Agricultura en Lugo, e repartir ós socios en razón dos ferrados de patacas labrados, chegándose ao caso que se nomea unha comisión de tres socios para visitar a Josefa Devén e comprobar si efectivamente ten labrados seis ferrados de patacas, cantidade para a que solicitaba o sulfato.

Con todo, o maior problema de abastecemento é o da gasolina para o motor de mallar, pero diso falaremos logo ao falar desta faena executada durante moitos años de forma comunitaria e autoxestionada con motor máquina e aparellos propios da Sociedade.


E xa para concluír este apartado, transcribimos un punto da acta do día 15 de agosto de 1939, xa rematada a Guerra Civil, que quizais nos fala tamén de escaseza, de necesidade, de fame como moitas veces temos escoitado aos nosos maiores, e visto en infinidade de imaxes. A redacción tamén nos fai recordar aos grupos de civís paramilitares que se formaron por algunhas zonas do pais neses anos, inda que neste caso non fala de ningunha arma.  Dí así:

Habíendo obtenido este Sindicato la aprobación de las Fuerzas Armadas de Guardía Civil y Carabineros de esta zona se nombró una comisión permanente compuesta por miembros de esta Junta, (Directiva) cuya comisión tendrá como misión especial dirigir las patrullas que se formarán por vecinos de esta parroquia con el objeto y fin de practicar vigilancia en defensa de las cosechas e intereses de todos los vecinos de San Miguel.

Non volve a haber referencias a esta vixilancia.

Xa coa guerra rematada, a lei de 2 de setembro de 1941 derogaba as de 1887 de asociacións e a  de 1906 baixo a cal se crearan os sindicatos agrarios e outras asociacións de cooperativismo agrario, polo tanto quedaban fora da legalidade; a maioría  foron disoltas, saqueadas, requisadas e confiscadas as súas sedes,  depurados ou perseguidos os seus directivos. Só algúns sindicatos agrarios de signo católico e algunhas  mutuas agrarias seguiron funcionando despois de 1936 coa tolerancia do réxime franquista, como sucedeu en San Miguel, basicamente porqué o seu funcionamento considerouse polas autoridades gobernativas neutro politicamente falando e, inda así, controladas logo do ano  1944 polas Hermandades Sindicales Agrarias e Cámaras Agrarias creadas polo novo réxime. Con todo e con eso, imaxinamos que unha organización que funcionaba elixindo os seus cargos en xuntas xerais, onde tódolos socios que o desexasen tiñan dereito a asistir, a presentar propostas, a debater e a votar, estarían celosamente vixiadas de cerca polo ollo da “autoridade competente”, o mesmo que o resto da poboación, tan de cerca como que en San Miguel había un cuartel da Garda Civil e os seus membros convivían co resto dos veciños.





No hay comentarios:

Publicar un comentario