Praza do Souto

Praza do Souto

lunes, 16 de diciembre de 2019

Os Colexios Novos de San Miguel


Agora, a piques de rematar o ano, pode ser un dos mellores momentos para falar da creación dun  centro escolar como son os colexios novos de San Miguel que o pasado curso celebraron o seu 50 aniversario.

Xa falamos das escolas da Obra Pia de Felipe de Soto, ou dos colexios Vellos promovidos polos Fillos de San Miguel y Reinante en Cuba e hoxe falaremos da construción do CEIP San Miguel , vista  esta tamén como una construción froito do traballo e da unión do pobo.

Para poder  situarnos, farei un pequeno resumo do momento histórico que estábamos a vivir a nivel estatal no referente ao terreo educativo.

Corren os anos cincuenta, aínda que estamos en plena ditadura comezan a existir certos movementos de apertura.  Comeza a verse a educación como unha inversión, (ata ese momento considerábana coma un gasto que atentaba contra o sistema) .

Promulgaranse nestes anos tres leis educativas: a lei de ordenación do Ensino Medio (1953), moi parella á Lei de Construcións escolares dese mesmo ano , e a Lei de  ensinanzas técnicas do 1957.

A primeira destas leis supuxo un primeiro paso de cara á universalización da educación ata os 14 anos .

A lei de construcións,  promovía un convenio entre Estado, concellos e deputacións  de cara a construción de escolas. Esta lei foi reformada posteriormente no ano 1964, xa que a medida era insuficiente. O número de escolas  construídas era escaso ante un gran crecemento demográfico, e a que  un novo plan pedagóxico ía enfocado a concentrar os centros escolares, o que  provocaba que o tamaño das  escolas unitarias do momento era moi reducido para albergar tanto alumnado, facíase preciso construír novos centros escolares.

Así pois esta lei no seu artigo primeiro di: “Las Escuelas públicas nacionales habrán de ser instaladas en edificios que se ajusten a las necesidades escolares, bien construídos de nueva planta o en los ya construidos en que se realicen las convenientes obras de adaptación. Tanto éstas como las nuevas construcciones serán realizadas, en lo posible, mediante la colaboración de las Corporaciones locales y el Estado.”

Corre o ano 1964, chega ao San Miguel o rumor de que a Xunta provincial de Construcións Escolares vai dar unha importante subvención para a construción dun edificio escolar aquí en Barreiros, dando resposta así ao novo plan pedagóxico prantexado no 1957. Esto  requería a construción dun edificio de maior tamaño que  os edificios existentes ata o momento, xa que albergaría alumnos de todo o concello

Os concello como tal debía aportar terreo cunhas determinadas dimensións para poder optar a esta subvención e facerse cargo dos custes a maiores que puidera haber sobre a subvención aportada pola Xunta Provincial de Construcións Escolares.

O concello neste momento non tiña na súa propiedade ningún terreo coas medidas precisas nin forma de facer fronte á compra dun terreo coas características requiridas.

Será Guillermo Vázquez Forjan (máis coñecido coma o “capataz”)  o que colla a batuta e en colaboración con  Francisco Pérez Deben, Pedro Penabad Lanza, Virgilio Díaz Gómez e Antonio Blanco Maseda os que axilizarán os trámites para adquirir un terreo destinado á construción deste novo edificio(algúns destes eran directivos da Sociedade Ganadera que funcionaba naqueles anos tan ben e que aportaba tanto traballo comunal á vida de San Miguel.

O concello mentres faría os trámites precisos para conseguir a subvención precisa para tal construción.

Barallaranse dúas posibilidades  á hora de comprar terreo : un terreo en Casaldeite propiedade de Antoña de Marcelino( aínda que semella que non ten os metros precisos) e outra finca situada na Áspera propiedade de Antonio Maseda Rodríguez, Antoño  de Narciso .

Finalmente será esta última finca a que convenza a esta comisión polas suas dimensións e porque  o prezo que pedía o propietario era moi asequible, unhas 100000 mil pesetas do momento,  un prezo xusto para un fin tan importante.

Así o 21 de outubro de 1964 reúnense Francisco Pérez Deben, Pedro Penabad, Virgilio Díaz e Antonio Blanco  e  firman ante Antonio Maseda Rodríguez  un préstamo de 10000 pesetas pola compra deste terreo.  É dicir, non so lles vende o terreo se non que tamén lles ofrece a financiación de 10000 pesetas para comezar coa construción.




Reuniranse o doce de xullo de 1965 na casa do concello con Casiano Moreno Sierra (alcalde do momento).

Maniféstanlle a este, que teñen coñecemento de que a Xunta Provincial de construcións escolares ten previsto construír un edificio destinado a escolas concentradas na parroquia de San Miguel . Construción provista  de seis aulas, seis vivendas de Mestre , zona de direción e comedor.  Estaría subvencionado este edificio con 1800000ptsas debendo completar o concello coa cantidade precisa ata o remate.

Cónstalles a imposibilidade do concello  de aportar ningunha cantidade para o fin e ante o risco de que se perda tal subvención e non se faga obra de tal calibre comprométense en nome propio e no dos seus conveciños a facer as obras de referencia na cantidade dun millón oitocentas mil pesetas con arregro ao proxecto técnico que servía de base para as mesmas correndo a cargo de dita cantidade os descontos legais propios desta clase de obras e para elo van facer uso da  prestación persoal e de transporte, aceptando materiais e calquera tipo de donativos que poidan recollerse de particulares ou de entidades tanto públicas como privadas incluída a subvención de 30000 ptas que ten solicitada o concello por construción de vivenda da Delegación Provincial do Ministerio de Vivenda, e calquera outra que puidera conseguirse con destino a esta obra.

Tres  días despois reúnense Francisco Pérez  Deben,Narciso Blanco Maseda, Virgilio Díaz Gómez, Antonio Blanco Maseda e Guillermo Vázquez Forjan con Ernesto García Fernández contratista e veciño de Vegadeo para firmaren un contrato privado no que Ernesto García comprometíase á construción do edificio escolar así coma pozo de auga potable en acordo aos proxectos oficiais aprobados para o efecto na cantidade de 1.800.000 máis 180.000 destinadas á construcción de seis vivendas  que vai subvencionar o Ministerio de Vivenda ascendendo o presuposto total a 1980000 pesetas.

A cantidade irán abonándoa  segundo  as certificacións que lle vaian expedindo os servizos técnicos.

Pola súa parte a comisión administrativa comprometíase a aportar materiais e persoal aparte de:

1-      Abrir o pozo de auga

2-      Abrir zanxas para os cimentos e fosa séptica

3-      Colocar a pe de obrar a pedra precisa para cimentar e hormigonar

4-      Facilitarlle obreiros con prestación persoal que precise para os traballos de hormigonado

5-      Os suministros que se especifican serán feitos a tempo para que non se interrompa a marcha normal

6-      Por cada día de traballo que o contratista perdera por falta de mateiral ou persoal indemnizaráselle con 3000 ptas

7-      a obra tiña que estar rematada  nun prazo máximo de dous anos e medio.


Feito este contrato póñense mans á obra, cómo conseguirán facer fronte a todos os gastos e a afrontar tal cantidade de traballo?Apelando á unidade!.

Tras unha reunión cos conveciños, acordan que cada casa do pobo debía aportar unha cantidade mínima de 275 pesetas para abonar o terreo comprado a Don Antonio Maseda Rodríguez así coma reunir a cantidade precisa para que o centro esté rematado.

Para conseguir esta aportación económica dividirán o pobo en 8 zonas e a cada zona irán casa a  casa recollendo a aportación económica estipulada

·         Barrio da Barranca ( Barranca, Ferrería, Martices

·         Barrio dos Campos (Campos e Pasadas)

·         Barrio de Casaldeite ( casaldeite, Outeiro e Curro)

·         Barrio de Nogueiredo (Valgas, Granda, Entrerríos e Nogueiredo)

·         Barrio de Pumarín

·         Barrio de Salxende

·         Barrio do Souto (áspera e Obra Pía)

·         Barrio de Pumarrubín




Tras unha primeira aportación recadáronse 61665 pesetas, cantidade que se facía insuficiente para afrontar  o custo do terreo , acordaron facer unha nova aportación de 100 pesetas por casa recaudando nesta segunda recadación 14300. 

Nesta prestación económica, cobraron vital importancia as aportacións dos emigrados a Suiza, Francia, Brasil… que novamente xiraron grandes cantidades de diñeiro para facer realidade esta construción tan primordial. Curiosamente, algúns destes emigrados xa aportaran cartos para a construción  do edificio promovido pola Asociación Cívico Recreativa Hijos de San Miguel y Reinante.

Un ano despois, o 14 de outubro do 1965 Antonio Maseda Rodríguez asina un documento no que corrobora o pago da débeda contraída con el pola compra do terreo 100.000 ptas.

Como nota meramente anecdótica sinalar que a aqueles que aportaron unha maior cota económica do  que lles correspondía foron agasallados cunha participación de lotaría naquel ano 65.



Como ben lestes, no contrato firmado co contratista, facían referencia á prestación persoal dos veciños para a construción do pozo de auga, da cimentación, da zanxa para a fosa séptica…

Coordinou esta actividade o alcalde pedáneo do pobo Francisco Pérez Debén (membro da comisión).

 Cada zona estipulada,  tiña un alcalde de barrio que dirixiría as tarefas. Cada zona ou barrio   tiña un día á semana estipulado para o traballo no edificio. Aqueles que non acudían o día que lles correspondía tiñan unha sanción de xeito que así todo o pobo aportaría o traballo tan preciso para tal fin.



Así foi que no curso 1968-1969 se inaugurou o edificio escolar do que este curso pasado se celebraron os seus actos conmemorativos. Aquí a pequena aportación  Espigueira a tan importante logro do pobo, lugar  polo que tantos pasamos e do que tan orgullosos nos sentimos. Esperamos as aportacións que puideran achegarnos aqueles primeiros alumnos.



Grazas a María Isabel Vázquez, Antonio Díaz e a Dolores Blanco pola súa axuda. Con isto damos respota a unha petición de hai meses, para que os nosos colaboradores, socios e ante todo amigos vexan que non esquecemos nada do que nos dicides.

1 comentario:

  1. Grazas por esta historia, lembranza do pasado , e casi xa esquencida por min, o recordo de meo pai e de tantos que loitaron con el , pra que esta obra se fixese no pobo , foi unha gran satisfacción pra min

    ResponderEliminar