Praza do Souto

Praza do Souto

lunes, 28 de diciembre de 2020

De cando en San Miguel se labraba tabaco.


 

Un artigo publicado no libro das festas do ano 1953 falaba dun cultivo totalmente abandonado hoxe en día (como tantos) como foi o cultivo do tabaco.



Un cultivo que no 1953 superaba amplamente ao cultivo rei dende sempre como era o cultivo da pataca.

A plantación de tabaco, fórase introducindo paulatinamente no territorio español trala Guerra Civil xa que nos anos posteriores á guerra era moi difícil  conseguilo do estranxeiro.


No ano de 1940 a promoción deste  pasa de Depender da Dirección Nacional de Timbre ao Servizo Nacional de cultivo e Fermentación do Tabaco  regularizándose este  a nivel estatal.

 Acadaríase un considerable aumento na súa produción a partires do 1950, ano no que se pasou de  cinco millóns de toneladas a trece, Precisamente neste ano, comézase a implantar definitivamente en Galicia

Así foi que o tabaco chegou á nosa parroquia. Aqueles agricultores que decidían plantar tabaco debían ter o carné de cultivador no cal se fixaba entre outras o número de plantas que podían plantar  e o tipo de plantas que autorizaban.




 Nesta zona ao igual que no resto do  litoral cantábrico o tipo de planta que se recomendaba era a Habana 142 un tipo de planta co que se farían despois os chamados tabacos “ caperos “ un tipo de cigarro puro

Era o propio estado era o que supervisaba a venta das sementes.

Os labregos facíanse coa semente que viña en sobres ( moi semellante á do nabo) a través de Urcesino Rocha, delegado na parroquia da Sociedade de Fomento do Cultivo do Tabaco.

 Sería o mesmo Urcesino o que recollería os fardos de casa en casa e os levaría vender  a León nun principio que era onde mellor os pagaban nos comezos (anos 50)

As sementes nun primeiro momento sementábanse nun pequeno semilleiro polo mes de febreiro. Posteriormente, preferiblemente entre os meses de maio (trala recollida das patacas de cedo) ou xuño, transplantaríanse as pequenas plantas ao terreo, aproveitando  a calor da terra para que estas medraran antes

O crecemento era rápido   pero esixía un regado diario contra a noite (un cazo de auga por planta), se os vermes e os “limacos” non  daban coas tenras plantas, logo medrarían.

  Houbo momentos nos que o cultivo era tan primordial que incluso de noite con focos se saía a matar nos bichos que ameazaban o cultivo.

Cando comezaban a saír os primeiros botóns florais,  , era o momento de suprimir a flor rosa evitando sacar follas polo que en caso de dúbida sacábanse dúas ou tres follas da coroa.

Conviña tamén sacar as follas baixas da planta, as que estaban en contacto co chan.

  Cando chegaba a unha altura mínima ( as plantas medirían cerca dos 2 metros e as follas o metro) cortábase polo toco a planta en verde, deixándose na terra para que fora curando.  Recolleríase da terra  pasado setembro era o momento de colgalo a secar.

Colgaríase nun lugar oscuro con luz difusa ( a luz producía un color non uniforme nas follas) que facilitara o secado, naquel momento o lugar ideal era nos faiados de casas e palleiras, cravaban puntas nas vigas e alí permanecería secando ata as frías noites de decembro.

 Este traballo de subilo non era nada doado posto que as plantas pesaban o seu.. En máis dun faiado ou palleira se poden ver hoxe en día estas puntas.

Durante as noites do inverno a partir de decembro  era cando se descolgaba. Conviña que o tabaco non estivera húmido nin demasiado seco poischegaba o momento de manipular as follas para facer as madas de tabaco.

Cada mada, levaba entre trece ou catorce follas colocadas ben estiradas unhas enriba doutras, atábanas con outra folla e gardábanas  nun limpeiro (tela de saco)este paredábase e posteriormente prensábase durante unha semana.

Pasada a semana ían cosendo este limpeiro  e ían facendo pequenos fardos cadrados.

 

 Estes mollos xuntábanse na  casa de Benigno de Maximino. Alí empaquetábanos e sería o momento de transportalos.  Xa máis cara os 60 chamaban ao camión. Transportaría en moitas ocasións Antonio Basanta, cando xa se facía o envío ao Centro de Fermentación de Avilés.

No ano de 1952 chegaron a enviarse unhas dez toneladas de tabaco o que aportou aos fogares do pobo unhas 200000 pesetas, que naqueles tempos era unha boa aportación á economía do pobo.

Ao ano seguinte prevíase que se recollerían máis de 20 toneladas o que aportaría cerca do medio millón de pesetas.

 

Plantación de tabaco preto da igrexa parroquial.

O pago deste facíase na Veiga (Vegadeo) ao longo do mes de marzo  e pagaban en función da calidade do produto e do tipo de tabaco, se era rubio pagábase máis que se era negro.

 

 Foi un cultivo que durante uns anos aportaba unha bola de osíxeno aos labremos do pobo ata que cambiou a sede para Pontevedra que foi cando comezou a funcionar bastante mal.

Comezaron a esixirlle aos labregos un determinado número de terreo a cultivar, construír secadoiros especializados e o peor de todo comezaron a pagar mal. Unha das mellores colleitas a do 1963 de feito non se pagou o que provocou que este traballo fora pouco recompensado para os esforzos que requiría..

 

 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario