Praza do Souto

Praza do Souto

viernes, 4 de marzo de 2022

Os Alias

 

                                          

Segundo a Real Academia Galega  defínese na súa segunda acepción como substantivo masculinoNome distinto do propio polo que é coñecida unha persoa.”

Son os alias algo moi próximo a nós, como parte da esencia de cada pobo, referencia á hora de sinalar lugares, persoas e casas.

Vou a “cas Pepita da Barranca”, vou onde “Pancho do Heredeiro” ou quedei con “Tino de Marchante”...  O que é máis que probable é que  moitos (incluídos nós ata que comezamos neste periplo) descoñecemos que veñen de moi antigo.

Moitos destes alias proveñen de antigos oficios exercidos no pobo como é  o caso de

CASA DO CAMÍN No barrio dos Campos, existiu o chamado Parador do Camín, (previamente coñecido por Casa Andrade xa que o  seu primeiro dono Tomás Andrade. Esta fonda, daba de comer e dormir mais non tiña cabalerizas,

Podemos engadir a modo anecdótico un recordo que  nos transmitiu unha veciña, un vello conto que escoitou na casa en referencia a este : 

Un home que pasar a noite no Parador do Camín, díxolle ao dono Tomás antes de partir “Longaniza, morganiza, pié de porco y su cachiza, el cantor y su mujer, todos van a mi fardel, descalzan zapatos viejos y calzar zapatos nuevos, eso es deber algo señor amo?

Don Tomás que non entendera nada, por non facer o feo dixo – No hombre no…

Pero ao día seguinte botou en falta o xamón, a cabeza de porco, chourizos e deixou os zapatos vellos levando os novos de Tomás

Información aportada por Emilio Piñeiroa Lozano dos seus estudos sobre o Camiño Real en Barreiros.

 

CESTEIRO. Dicir como anécdota que o alias  vén dunha cesteira e non dun cesteiro. Esta muller provinte do Cádavo, andaba de feira en feira ata que contraeu matrimonio no pobo.   Aparece este alias xa nunha escritura do ano 1869 no que se fala de “José María Rodríguez, alias Cesteiro.”

CIRURXÁ todos coñecen ou máis ben coñeceron ás da “cirurxá”. O nome ven de Fernando Santar cirurxán de San Miguel de Reinante casado con Josefa Abraido pais entre outros de Venancio Santar, benfeitor e promotor da construción do noso cemiterio actual e dono do panteón que recibe o seu nome. Eran tres irmáns e tres irmás dos cales tan só tiveron descendencia e ficaron no pobo as irmás polo que este nome pasou ao feminino, “cirurxá”.

CLAVEIRO, o bisavó dos actuais “Claveiros” facía cravos e traballaba o latón na hoxe patrucial casa do Sancristán. Cando fixo fortuna comprou a casa patrucial do Claveiro. Non atopamos referencias en escrituras tan so os testemuños orais de familiares e veciños.

Detalle do listado feito con motivo do reparto dos montes comunais.


COMANDANTE Antonio Gómez López participou na afronta bélica pola independencia cubana chegando a ser comandante. Cando o enfrontamento finalizou volveu para a súa terra e remodelou a súa casa patrucial a cal se comezou a chamar a casa do Comandante. Máis tarde comezaría a coñecerse tamén como a casa de Lastra.

     Os Lastra eran chocolateiros na Veiga, alí foi casar precisamente unha filla do Comandante que unha vez quedou viúva instalouse en San Miguel e comezaron  a facer chocolate na mesma casa.

CORDEIRO neste caso non temos referencia en escrituras se non que é a memoria viva que fala dun antigo cordeiro nesta casa.

CORREO VELLO antigamente na pequena casa que hoxe desapareceu recibíase o correo. É máis que probable que exercera esta función dende moi antigo posto que esta casiña estaba situada en pleno camiño real dende hai séculos concretamente aparece referencia a ela nunha escritura do 1683 no que se aforaba unha finca situada en pleno Camiño Real e que lindaba coa Cruz de Fernandares.

 

PIELES posiblemente faga referencia ao estanques de curtir situados  xusto detrás de onde estaría a casa de Francisco  máis coñecido como “Pieles” aparece referencia a estos estancos nunha escritura do  ano 1822  “viven en una casa que linda con los corgos o estancos de curtir de las Casas de los Martices.”

 

PLATIEIRO eran catro irmáns que se encargaban a traballar a plata en Ribadeo.

 

SACRISTÁN, orixe relativamente recente de comezo do século XX cando Felipe Fernández exercía de Sancristán aínda que foi máis coñecida a súa dona Josefa Rodríguez Pérez de Moreda que exerceu de Sancristana en moitos rosarios.

 Este Felipe foi fillo do chamado Sabelo de Noceda, as súas irmás de feito eran coñecidas como as Sabelas aínda a pesar de unha chamarse Josefa e outra Antonia, este apodo foi herdado por un bisneto anos despois.

SALEIRO comezaron a prestar servizos funerarios nos que nos comezos se empregaba o sal para embalsamar aos falecidos. Descoñecemos dende que ano

VIGILANTE, O avó foi vixiante da vía do tren e herdou este nome toda a familia.

ZARRULLEIRO  disque  os seus antepasados desta casa viñeran da zona de Ourense e arranxaban paraugas. Investigando a existencia da palabra tanto na RAG como na RAE non se atopou mais sí atopamos a existencia de ZURRULLEIRO palabra empregada en León para definir aos hoxalateiros e caldereiros, polo que a orixe pode ser leonesa e non ourensá.

 

Outros alias proveñen de nomes ou apelidos dos seus antecesores e así nolo demostran diversas escrituras particulares que nos deixaron ler e o catastro do Marqués da Ensenada (principal informador que tivemos en conta)

ANDRÉS GÓMEZ figura como veciño de Salgendez no ano 1763 como labrador de 73 anos cun fillo varón chamado Alonso de 39 anos. Este nome aparece en múltiples ocasións e escrituras.

ANXELA este nome ven de antigo sendo a propietaria dunha casa  en Salxende e incluso deu nome a unha das fontes que hoxe en día todos/as recordan como é a Fonte de Marica de Ánxela, esta María foi filla precisamente desta muller.

BALSA  da. Poida que xa perdido este apelido no pobo, tan so queda  a casa chamada de Balsa. Figura no Catastro do Marqués Bernardo da Balsa  xa en Casaldeite como labrador de 56 anos con dous fillos

Detalle do Catastro do Marqués da Ensenada 1763, concretamente cita a Andrés Gómez e Baltasar Dorado como dono da Casa da Granda.


COUSO, sen dúbida este alias na actualidade provén do que foi o apelido Couso, moitos veciños/as apelidaban así no 1763 (hoxe ninguén o ten).

    Ramón Díaz Couso

    Francisco Díaz Couso

  É máis que probable que fora apelido composto como Pérez de Moreda e desaparecera o segundo apelido quedando relegado a alias neste caso.

DOPICO/PASCUA. Por todos coñecida a Casa de Dopico ou Pazo de Triana, tamén debemos dicir que coñecímos a Manolo Dopico tamén como Manolo da Pascua, quizais tivo algunha relación coa pequena bautizada no 1741 bautizada como Francisca Pascua Dominga filla de xente de renome no pobo por aquel enton.

 

DOURADO todos coñecemos a casa de Dourado  o que igual descoñecemos é que este apelido ten profundas raíces no pobo.  Figura como propietario da Casa Grande da Granda  don Baltasar Dorado no catastro do Marques da Ensenada no 1763.

GALLO figura como fillo Dalgo JOsé de Leira Gallo, labrador de 44 anos con tres fillos por aquel entón e Francisco Gallo

LEGAZPE, aparece como fillo dalgo Francisco Legaspi  no Marqués da Ensenada tendo por aquel entón corenta anos e sete fillos.

Catastro marqués da Ensenada


MARCOS, figura no 1763 Pedro Fernández de Marcos con 44 anos por aquel entonces con tres fillos, algun/ha seguramente proveña deste Pedro.

MARELO por casualidade revisando os veciños que aparecen reflectidos no Catastro do Marqués da Ensenada no ano 1763 salta a miña ateción Caietana Fernández do Marelo será esta Caietana a que lles deu este aleas aos “marelos”


MESO este nome comezaron a empregalo como diminutivo de Demetrio, acortándoo a Meso. Tal e como nos explicou  o noso benquerido amigo César de Meso.

MOREDA este apelido no seu momento foi un apelido composto eran os Pérez de Moreda, colonos da casa de Pumarín.

NEIRA  1763 Gregorio de Neira.

PACENCIA, moitos pensamos que este alias era derivado de que os seus antepasados tiñan moita paciencia pero non. Consultando o Marqués da Ensenada percatámonos de que este alias ven dun apelido composto López – Paciencia bastante abundante no 1763.

Francisco López Paciencia

José López Paciencia 1810

POUPARIN  aos nosos días tan só chegou a chamada Cortiña de Pouparin hoxe ocupada por unha grande urbanización e que noutrora estaba ocupada por un fermoso caserío de polo menos fins do XVIII. Neste caserío viviron os Fernández- Pouparin.

Pedro Fernández Pouparín era pai de Vicenta Fernandez Pouparin que casou con Ramón Pérez de Moreda (da casa de Moreda) en Nogueiredo sobre o 1780 da cl descenderon varias ramas familiares do pobo coñecidas ata hoxe en día e que se foron entremezclando: os Novo Falcón, Sancristán e Marchante

RAMONCITO,  tomase este alias para referirnos aos familiares  de Don Ramoncito, Don Ramón Iglesias médico do pobo.

 

RANCAÑO o apelido en si ven concretamente de Pico de Outeiro,  (Castro de Ribera de Lea) cando Marcelino Rancaño ven traballar  serrando pinos e como carpinteiro. Marcelino casa con María García Blanco  (coñecida como Marica de Concha, xa que eran por aquel entonces os de Concha) O alias “Os de Concha” foi desaparecendo,  pasando a coñecerse a un dos fillos como Rancaño. Hoxe a casa coñécese por outro alias máis relacionado con feitos futbolísticos como casa de Ayala.

RECALDE  un mozo procedente de Panes (Asturias) emigar a Cuba onde coñece a unha moza de San Miguel alí casan e tenen tres fillos volvendo á terra dela, o resto... creo que xa o sabemos todos...

ROCHA un dos apelidos máis correntes no noso pobo que ven dende moi antigo. Sempre foi o máis numeroso aparecendo normalmente como de la Rocha.

Francisco González de la Rocha, fillo dalgo no 1763 con 39 anos daquela e cinco fillos

José González de la Rocha

Gabriel Díaz de la Rocha

Juan González Díaz de la Rocha casado con cinco nenos e 41 anos no 1763

Gabriel Díaz de la Rocha vende a Ramón de Soto  unha finca na Rigueira de Salxendez no 1810

Imaxinamos que estes apelidos compostos, correron a mesma sorte que outros, nuns casos quedou so o primeiro, noutros o segundo.

 

ANTONIO DO SERODO, figura no ano 1763 como labrador de Salgendez con tres nenas por aquel entón

TEIXEIRA sen dúbida ven do apelido, apelido que ven de tan antigo como do 1763 que aparece Francisco Teixeira como veciño de San Miguel.

TOMÁS GALO sen dúbida algunha provén de Thomás Gallo, labrador ao que Juan Acevedo Pardo Taboada aforou no 1794 unha finca en Pozo del Asno.

.

 

Outros alias fan referencia ao lugar do que os seus antepasados proviron.

O CATALÁN, cabe dicir que parece ser que non foi un catalán se non unha catalá a que deu orixe a este alias.

Examinando os arquivos parroquiais concretamente o libro de bautismos. O cinco de xuño de 1868 nace Antonia Salgado Ferrer que foi coñecida máis en diante como a “catalana” filla natural de Josefa Salgado Ferrer. Esta JOsefa foi filla de Andrés Salgado e a súa muller Mariana Ferrer natural de Vich da provincia de Lérida, sendo padriño Jesús Salgado irmá da nai da criatura. Polo que podemos afirmar que este alias ten a súa orixe en Cataluña.

 

ESTELO, está familia procedía da parroquia de Estelo en Mondoñedo.

 

GRANADO  carabineiro procedente de Granada é destinado a San Miguel casando cunha moza do pobo, dando nome a esta casa, a casa do Granado.

 

MARAGATO, don Gregorio Fuente nos anos trinta, procedente da zona do Bierzo (León) instalouse nun primeiro momento en San Cosme de Barreiros ofrecendo os seus produtos procedentes do Bierzo precisamente entre eles o viño. Tras un tempo en San Cosme trasladouse a San Miguel precisamente á casa que hoxe coñecemos como a casa do Maragato, onde puxo a súa cantina e ultramarinos que funcionou ata o ano 1979.

MONTERROSO Amadora Rocha Iglesias, emigrou a Cuba e alí coñeceu ao que sería o seu compañeiro, Modesto, que era de Monterroso.

Cando volveron do seu periplo por Cuba, instaláronse no pobo e alugaron unha casa en Entrerríos.

 Foi alí onde polos anos vinte montou a que sería a primeira panadería do pobo chamada “ La Estrella Cubana”  

Como non podía facer reformas na casa, fixeron un pequeno caseto  onde instalaron o forno da futura panadería.

Modesto a parte de axudar á súa muller era chófer. A procedencia de Modesto deu lugar ao alias de Ortensia de Monterroso ou da Panadería.

 

VALADOURO, no 1683 facendo referencia aos lindes dunha finca en venda como lindante figura xa don Pedro do Baladouro, imaxinamos que o Valadouro sería con V e que a procedencia do citado Pedro sexa precisamente O Valadouro.

VIDAL, estes  veciños/as nosos viñeron precisamente deste lugar de Trabada.  Tralo seu periplo por Cuba volveron á terra e como tiñan familia en San Miguel decidiron mercar unha casiña na que se instalaron e onde foron coñecidos coma os de Vidal.

 

 

Hai algúns máis como Nocellego ou Cabarqués mais non temos certificación algunha deles supoñemos que Nocellego provirá de Noceda e Cabarqués de Cabarcos mais non temos probas.

 

Outros moitos alias, descoñecemos realmente a orixe porque son realmente estraños pero sí certificamos a súa existencia  dende moi antigo.

 

BIRBINO  descoñecemos o significado mais diremos que atopamos este alias xa no ano 1841 fan referencia a Francisco Rodríguez aleas Bervino  que por aquel entonces era viúvo de María Vázquez e tiña for fillos a Ana Vázques e José García.

 

   Máis en diante, atopamos un foro que José Díaz Couso  lle fai a Rita Bervina por unha casa sita en Salxende.

 

 

CERDEIRA, este alias empregouse polo menos dende o ano 1732. Dentro do Arquivo Histórico Nacional, facendo referencia ás pertenzas do Convento de Vilanova en referencia aos bens de don Andrés Alonso fan referencia a un caserío e unha cortiña nas Zerdeiras que testaba con María García, viúva de Domingo Pérez Liziana.

Máis en diante no ano 1763 no inventario de muíños enunciados no Catastro do Marqués da Ensenada falan dos antigos muíños da Cerdeira.

 

MACOCA , realiza Francisco de Soto un foro no ano  1828 a  Francisco Alonso aleas Macoca do Coto de Villa César.

 

O MÓGARO.  No ano 1857  falan de José García alias o “mogaro”, GALLOPÍN de Reinante, leva empregándose dende o 1864.

 

 

PATELA  no ano 1883 aparece Josefa da Patela que tiña unha finca lindante coa casa de don Francisco López Pacencia.

 

Escritura particular na que se fala de Miguel Francisco Pie de Pao.

PE DE PAO,  descoñecemos a orixe e o porque deste alias pero xa se empregaba no ano 1806, Ramón de Soto fai un foro por unha finca na Veiga do Morgullón que linda con Miguel Francisco Pie de Pao.

 

No ano 1848 véndese unha finca lindante con Pedro do Rego alias “CASTAÑOLAS” e no 1853 atopamos na partixa de fincabilidade de don Domingo Gómez no ano de 1854 referencias a unha finca colindande con O GRILO cercana á zona de San Acisclo.

 

A modo anecdótico aparece como veciño da Parroquia de San Miguel Josehp Carruza no ano 1763 no Catastro do Marqués da Ensenada.

 

Outros alias veñen sen dúbida de características ben definidas dun dos seus ancestros, gustos, aficións e mesmo coletillas empregadas no seu falar.

 

O ROXO, parece ser que ven de que os antepasados desta casa era de cabelos alaranxados.

 

BAILARÍN,  falando da nosa Guillermina de Casa Gallego, comentábanos que o antepasado que lles dera nome que gostaba moito da danza. Verdade ou non, este alias lévase empregando dende o ano 1854  para facer referencia a “Antonio de La Rocha aleas Bailarín”

 

 CURIOSO,  non temos certificación exacta da súa procedencia nin dende que ano exacto se comezou a empregar pero  parece ser por voz dos seus familiares que ven de que un antepasado desta casa gustaba de ir sempre moi ben vestido, é dicir gustaba de ir curioso.

 

CASETO eran catro irmáns orfos que viñeron da zona da Insua e nos primeiros anos de vida aquí viviron nun pequeno caseto cerca do que coñecemos como Tropezón.

 

MARIQUITO  falando cunha familiar soubemos da orixe deste alias.

José Dorrego Vázquez era de Vilanova, emigrou moi novo a Cuba onde casou con Elvira que era do pobo. Á súa volta da aventura americana polo ano 1918 construíu unha casiña na que instalou a típica tenda de ultramarinos na que vendía produtos de primeira necesidade e un produto que lle deu o apodo que aínda hoxe perdura, as “ mariquitas” (pequenos arenques salgados). Don José sempre chufaba no seu produto

- Tengo unas mariquitas buenísimas.

Tanto as chufou que todo o mundo o empezou a chamar “ o mariquito”.

José faleceu moi xove no ano 1926.

 

 

HEREDEIRO, recibiu nome esta casa tras José Dorado herdar a herencia de seu tio en Cuba.

 

Existen outros moitos alias dos que descoñecemos tanto a súa orixe como a data na que  comezaron a empregarse.

Consultando o reparto dos montes Comunais realizado no 1952, hai un extenso listado de todos os veciños co nome e o sobrenome e dos cales algúns xa non teñen familia nin relación co pobo: 

Felipon, Moreno, Avelino, Miranda, Chaparro, Condadés, Balega, Bealdo, Pereiro, Marchante,  Estelo, Dasviudas, Arvasio, Patarela, Merlo, Gorila, Pelayo, Ferreiro, Pequeno, Carballeiro, Ramonillo, Mayo, Vigilante, Cariñoso, Tendeiro, Puño,Chancleiro, Fuco, Majo, Plácido, Asturiano, Antón, Penelas, Sabina, Salustiano, Anuca, Cachela, Alvarin, Mateo, Piedra, Rosalía,  Cándida, Marcela, Clemente, Mingolero, Gorrión , Mañoes, Marola, Coxo, Camilo, Carillo, Martín, Capataz, Calderón, Chepa, Paxaro, Cabicha, Bernaldo, Xastrón, Donís, Culán, Perico de Miguel, Farangulla, Chicho, Tirabeque, Julio, Caraño, Prim, Marcelo, Pericón, Gallita, Cartiñas, Pelayo, Mingon, Gallito...

Intuímos que algúns veñen do nome dun dos seus antepasados, algúns bastante recentes: Julio, Camilo, Antón...

Esperamos que este artigo sexa do agrado de todo o mundo, non foi feito con ánimo de ofender se non que nos dedicamos a ler documentación antiga na que fomos atopando todos estes alias que en moitos casos nos sorprendeu a antigüidade coa que se levan usando. Agradeceríamos a vosa axuda para poder completalo xa que todos temos algunha que outra anécdota familiar seguramente relacionada co tema

No hay comentarios:

Publicar un comentario