Praza do Souto

Praza do Souto

miércoles, 24 de febrero de 2021

A Cova da Veneira

 


A busca do ouro galaico foi un dos moitos motivos que atraeron aos romanos ao territorio galego, feito que propiciou que a partires desta busca se detectaran importantes xacementos de ferro na zona noroeste da provincia de Lugo, xa que a presenza de arseniopirita que se atopa nos xacementos de ferro a veces vai moi parella á presenza de ouro.

As minas de ferro polo xeral eran explotacións a ceo aberto nas que se traballaba onde mellor resultado se obtivera.  A veces había tamén pequenas galerías pouco profundas que ían seguindo a vena mineral.

No século XVI a metalurxia galega viuse sometida a un certo proceso de modernización, motivado pola chegada de expertos ferreiros procedentes do País Vasco que vían no ferro galego grandes posibilidades.

É de sobra coñecido que hai unha cova que foi unha antiga mina de ferro explotada a principios do século XIX. E a medida que investigamos encontrámonos con outras tentativas de explotación mineira nos montes de San Miguel

 

Aínda que se poden atopar diversas pequenas minas de ferro (covas) , a máis coñecida por todos é a Cova da Veneira ou “Furado de Ron” como a coñecía moita xente do pobo, Lugar de numerosas historias de pequenos exploradores que se introducían nas cavidades abertas no 1796 na busca de aventuras e que acolleu a algún que outro escapado durante a guerra civil.

Desta cova situada no lugar da Barranca, extraeuse gran cantidade de material para a emerxente fábrica de armas que Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, posuía no lugar do mesmo nome.

 Unha fábrica emerxente que por aquel entón satisfacía a contrata de munición de guerra.  Sortíase  de diferentes lugares da Mariña, entre eles, tres situados en  Barreiros: San Miguel, San Pedro de Benquerencia e Celeiro de Mariñaos. Un ferro pardo de excelente calidade tal e como  queda reflexado no Boletín da Cámara Oficial Minera de Galicia en maio do 1927.

A Cova da Veneira na actualidade.


No ano 1796 varios veciños de San Miguel firman un contrato con Raimundo Ibañez, Marques de Sargadelos para abastecer a súa industria con mineral da Veneira. O contrato recólleo Francisco Lanza no seu “Ribadeo Antiguo”

O contrato para a explotación,  firmouse ante o notario de Ribadeo D. José Alvaro de Vila Vaamonde,  e firmouse entre Don Antonio Raimundo Ibáñez, fundador das fábricas de Sargadelos e varios veciños de San Miguel e que foi refrexada por don Francisco Lanza no seu libro “Ribadeo Antigo”

Firmábase este contrato na vila de Ribadeo o día 22 do mes de outubro do 1796 entre Antonio de Verganza, Francisco Larrea (naturais de  Somo Rostro pero actuais veciños do pobo de San Miguel), Ramón Larrea e Ramon Gil, naturais e residentes en San Miguel de Reinante e don Antonio Raimundo Ibáñez dono das fábricas de Munición de Sargadelos. Contrato no que se establecía  que durante o prazo de seis meses  se traballaría no terreo dos asinantes no arranque de vena de minerais  de ferro poñendo estes o correspondente número de peóns para extraer unha porción abundante deste mineral.

Fixábanse seis condicións para tal explotación:

Primeiro, que a mina ou vetas de ferro deben verificarse metodicamente, continuaranse segundo se atopan abertas no dia deixando as correspondentes columnas do mesmo mineral e non ensanchando máis do que conveña na cova a fin de que se manteñan e non caian as bóvedas.

Segundo, que se se contradicían estas condicións quedaba por conta dos contratantes os prexuízos causados e deberían deixar limpas as covas

Terceiro, que nas escavacións que están feitas non se debía arrancar ningunha vena das columnas que quedan para sostelas, e continuar as venas abertas segundo queda dito. Aqui tamén nos afirma que cando están firmando xa hai escavacións e columnas. Tamén pode ser que estiveran abertas de seis meses ou un ano por outros contratistas, pero non o sabemos. Sencillamente sabemos que están firmando un contrato para sacar mineral para Sargadelos

Imaxe do tipo de columnas ás que se refire, esta está na mina de Castrillón (A Insua) 


Cuarto, debe correr da súa conta extraer e levar fora da mina  non so o mineral que se arranque se non tamén a terra, pedra e escombro que con este motivo saia das escavacións.

Quinto, que a vena que se arranque nos seis meses pesarase toda xunta ao final,  debendo entregala os contratantes limpa de pedra, terra e outros materiais estraños, que Don Antonio     Ibáñez considerará como inadmisibles; se faltaran ao cumprimento desta condición. A admitida e pesada pagaráselles  por cada quintal macho de cento cincuenta e cinco libras castelás que entreguen xunto  á mina un real de vellón sen máis. Correrá a cargo dos contratantes ferramentas, luz, peóns cestas e canto se poida precisar na escavación.

Sexto,  que para manter e pagar os peóns e outros gastos, faráselles conta cada mes de mil reais de  Vellón, a menos que polo traballo se recoñeza que non merecen esta cantidade.  Polo contrario daráselles maior partida se Don Antonio Ibañez recoñecese que a partida de mineral que arrancara o permitira. Entregaránselle  por reconto as ferramentas que actualmente ten na expresada vena, as cales deben pesarse para devolvelas ao cavo dos seis meses  e no mesmo estado que as reciben.

Na parte final do contrato afirman que se someten con poder bastante á xustiza real militar do real corpo de artillería a que están suxeitos, dado que o material é para a fabrica de municións de guerra.

.

 

A actividade mineira  da Veneira, deixou unha importante pegada canto menos na toponimia do pobo. Así  temos o lugar da Barranca un topónimo que significa “ corte profundo”. Nesta zona sospeitase que se tamizaba o material  para separar a maior parte da terra e con esta ían reenchendo os desniveis do terreo da Barranca.

Outro topónimo é A Ferrería que podía ser o lugar  onde se faría unha primeira cocedura deste ferro. Sacábase a ganga da veta e xa nun proceso posterior se sacaría a mena aproveitable.

 

O ferro transportábase nun primeiro momento en carros tirados por bois ata o mar, tal e como enuncia Francisco Lanza no seu libro, ata o lugar de Porto Vello onde se depositaba en pequenas lanchas que transportaban o mineral nun inicio aos pataches ancorados en lugar de maior calado e que se dirixirían a San Cibrao. 

Existe un lugar na praia de Arealonga abaixo do Feal da Paula denominado así, mais en ningún momento se pode confirmar a existencia de porto alí.

Sobre os minerais de San Miguel e a súa calidade, igual que das outras minas de parroquias veciñas (Benquerencia ou Celeiro de Mariñaos) encontramos un artigo no Boletín Oficial de la Camara de la Minería de Galicia de maio de 1927 en onde o seu autor R. Martínez, membro da dita Camara, e coñecedor desta zona polo que declara conta unha anécdota que lle sucedeu estando traballando por esta zona a principios do século pasado. Di que un capataz del (Mateo Echevarría) estando facendo unha exploración no barrio da Ínsua a comezo de século,foi alertado polos traballadores que tiña, sobre que na praia de San Miguel aparecían moitas pedra de mineral moi brillante e  que pensaban si habería unha veta escondida. Cando o autor do artigo viu o mineral e soubo onde se encontrara tivo que explicarlles que aquelas pedras caerían dos carros do país ao tempo de embarcalo nas lanchas para transportalas a Sargadelos.


Minerais  de ferro na Arealonga



Fala tamén da gran calidade dos minerais pardos desta zona que desde antigo se utilizaba para mixturar cos procedentes do Pais Vasco.

Chegado ao porto de San Cibrao o Marques de Sargadelos tiña construída unha estrada privada para o servizo da fábrica, pola cal daba entrada as materias primas e daba saída á produción. Estrada que cando os veciños que os veciños podían usar, pero previo pago dunha tasa.

 

Durante canto tempo durou a explotación da mina da Veneira non o sabemos con exactitude, pero non debeu ser moito, porque as referencias que atopamos non falan ben dos contratistas que as traballaron nesta época. Por un lado o autor deste mesmo artigo di que lle informaron de que os pozos e galerías abertas polo persoal de Sargadelos se anegaron e que naide se propuso ou se atreveu a desaloxalos.

 

Por outra parte atopamos unha tese doutoral realizada por Teresa Esteban Gómez na cal analiza a Evolución e o cambio das formas cerámicas en Sargadelos: orixes e características da empresa cerámica sargadeliana, na que recolle un escrito do 1859 no que don Ramón Cayetano Ramos director siderurxia sargadelense afirma saber que as minas de San Miguel e Mondigo  estaba arruinada e inundada en su mayor parte al caer en manos codiciosas e inhábiles destajistas”

 

 

Non sabemos de actividade mineira no pobo ata o ano 1847, ano no cal aparecen no BOP  unha relación das minas rexistradas e outras abandonadas  na provincia de Lugo en agosto daquel ano. Algunhas das posibles minas rexistradas sí se chegaron a abrir e ter actividade, outras parece ser que se rexistraron en vistas de poder abrilas de ser necesario.

No lugar se San Miguel aparece a relación de varios rexistros a mágoa é que non atopamos situación no mapa de moitas delas o cal nos axudaría enormemente para ubicalas e sobre todo saber se chegaron a ser explotacions ou so proxectos.

Carmen I situada na Fraga Vella en San Pedro de Benquerencia e Carmen II situada no Camiño Branco en San Miguel  e que foi rexistrada por José Ibáñez.

Rosita situada en Penalonga e que sí tivo actividade do 1846 ao 1847 rexistrada por Santiago de Vivero

Teresa rexistrada no ano 1847 situada na veneria do Monte do Lodeiro rexistrada por Don José Núñez CastañO (aparece que traballou tan so ese ano)

Demetria rexistrada por Ramón de la Riva.

Carrileña rexistrada por Francisco Piñeiro

Santiaguesa rexistrada por Don Andrés Fariña Martínez e que funcionou do 1887 ao 1888.

Gachona rexistrada por Santiago de la Riva

Compostelana rexistrada por Don Luís de La Riva

Ramoneta rexistrada por Don Salvador Buhigas

Luisa que si  traballou do 1901 ao 1903

Dos de Mayo situada no Camiño Branco e rexistrada por Santiagao de La Riva

Envidiada rexistrada por Don Salvador Buhigas

Ramonita que funcionou do 1847 so 1848 rexistrada por Don José María Muñíz

E aparece tamén denunciada a mina enunciada como Pepico rexistrada por Don José Ibáñez pero que tivo actividade posterior a esta data do 1847 ao 1851.

A principios de século, quizais ao calor do negocio do ferro que espertaba a recente explotación da Pontenova e o tren mineiro a Ribadeo,  volvemos ver rexistros de superficies nos montes de San Miguel

O trece de febreiro de 1901  no Boletín Oficial da Provincia Bernardino Alonso Rodríguez renuncia aos dereitos que tiña no rexistro mineiro do ferro que tiña solicitado co nome de Los cuatro amigos así como outro rexistro Carlos.

Curiosamente despois destas dúas renuncias, o 23 de febreiro do mesmo ano volve aparecer o nome deste home rexistrando no Boletín Oficial da provincia de Lugo a 30 pertenzas mineral Elisa e o mineral Carlos.

O mineral  Elisa está situado no terreo de Don Carlos de Casas e de Don José en San Miguel no lugar denominado Ribón, que testa ao norte e Este cos montes de Don Fancisco Dorado, Oeste con Manuel Fernández e ao sur coas penas do Ribón. Figura que esta mina sí funcionou do 1901 ao 1903

Adquire a José Lamas (posible familiar dos Lamas do Pazo do Outerio ) a propiedade situada no lugar da Roda para  compra o dereito a extraer sobre unha superficie de 32 pertenencias)  os metais denominados Carlos.  Parte a  deste mineral no camiño que baixa das Pallaregas e dos montes de Comado no lugar que fai cruce o camiño que vai ao lugar de Piñeiro e o que vai dende a Barrosa. Funcionou do 1900 ao 1901 , polos topónimos que enuncia posiblemente estivera en Reinante e non en San Miguel.

O Correo de Lugo pola súa parte faise eco  da admisión  de varios rexistros mineiros por parte do Goberno Civil na parroquia de San Miguel de Reinante.

Don Joaquín Bao Bermúdez de Barreiros  aspira a posuír doce pertenzas de mineral de ferro co nome de Tauro situado en San miguel de Reinante  que aparece nun expediente de explotacións mineiras da provincia de Lugo con actividade dende o 1900 ao 1903

 

Sabemos que nos anos corenta atopouse mineral xa elaborado na zona da Barranca Vella  que levaba tempo no monte abandonado de anos pasados(poidera ser de cando iniciaron algún deses rexistros, non compensaría e abandoouse mais non hai constancia de ningunha actividade mineira.

Como podedes observar parte do  subsolo dos nosos montes está en parte  minado, a gran maioría destas son pequenas covas de non moita profundidade, algunhas delas tapiadas con sedimentos  (descoñecemos se por derrubes ou por acción humana) das cales na actualidade temos localizadas catro máis á dereita da Veneira mirando cara ó monte, baixando cara ó rio. A estas na Barranca coñécenas como as minas de Severiano, poidera  ser esta persoa Severiano Lizarraga xestor da mina da Pontenova e socio da Julio Lazurtegui, este membro da directiva da Sociedade Mineira de Vilaodriz? . 

                     Covas de Don Severiano


Respecto  á Cova da Veneira, a explotación  do Marqués de Sargadelos, foi tapiada pola Xunta de Galicia ante o perigo de que algún curioso quedara atrapado nela.

 

 

 



Sellado da Cova da Veneira



lunes, 28 de diciembre de 2020

De cando en San Miguel se labraba tabaco.


 

Un artigo publicado no libro das festas do ano 1953 falaba dun cultivo totalmente abandonado hoxe en día (como tantos) como foi o cultivo do tabaco.



Un cultivo que no 1953 superaba amplamente ao cultivo rei dende sempre como era o cultivo da pataca.

A plantación de tabaco, fórase introducindo paulatinamente no territorio español trala Guerra Civil xa que nos anos posteriores á guerra era moi difícil  conseguilo do estranxeiro.


No ano de 1940 a promoción deste  pasa de Depender da Dirección Nacional de Timbre ao Servizo Nacional de cultivo e Fermentación do Tabaco  regularizándose este  a nivel estatal.

 Acadaríase un considerable aumento na súa produción a partires do 1950, ano no que se pasou de  cinco millóns de toneladas a trece, Precisamente neste ano, comézase a implantar definitivamente en Galicia

Así foi que o tabaco chegou á nosa parroquia. Aqueles agricultores que decidían plantar tabaco debían ter o carné de cultivador no cal se fixaba entre outras o número de plantas que podían plantar  e o tipo de plantas que autorizaban.




 Nesta zona ao igual que no resto do  litoral cantábrico o tipo de planta que se recomendaba era a Habana 142 un tipo de planta co que se farían despois os chamados tabacos “ caperos “ un tipo de cigarro puro

Era o propio estado era o que supervisaba a venta das sementes.

Os labregos facíanse coa semente que viña en sobres ( moi semellante á do nabo) a través de Urcesino Rocha, delegado na parroquia da Sociedade de Fomento do Cultivo do Tabaco.

 Sería o mesmo Urcesino o que recollería os fardos de casa en casa e os levaría vender  a León nun principio que era onde mellor os pagaban nos comezos (anos 50)

As sementes nun primeiro momento sementábanse nun pequeno semilleiro polo mes de febreiro. Posteriormente, preferiblemente entre os meses de maio (trala recollida das patacas de cedo) ou xuño, transplantaríanse as pequenas plantas ao terreo, aproveitando  a calor da terra para que estas medraran antes

O crecemento era rápido   pero esixía un regado diario contra a noite (un cazo de auga por planta), se os vermes e os “limacos” non  daban coas tenras plantas, logo medrarían.

  Houbo momentos nos que o cultivo era tan primordial que incluso de noite con focos se saía a matar nos bichos que ameazaban o cultivo.

Cando comezaban a saír os primeiros botóns florais,  , era o momento de suprimir a flor rosa evitando sacar follas polo que en caso de dúbida sacábanse dúas ou tres follas da coroa.

Conviña tamén sacar as follas baixas da planta, as que estaban en contacto co chan.

  Cando chegaba a unha altura mínima ( as plantas medirían cerca dos 2 metros e as follas o metro) cortábase polo toco a planta en verde, deixándose na terra para que fora curando.  Recolleríase da terra  pasado setembro era o momento de colgalo a secar.

Colgaríase nun lugar oscuro con luz difusa ( a luz producía un color non uniforme nas follas) que facilitara o secado, naquel momento o lugar ideal era nos faiados de casas e palleiras, cravaban puntas nas vigas e alí permanecería secando ata as frías noites de decembro.

 Este traballo de subilo non era nada doado posto que as plantas pesaban o seu.. En máis dun faiado ou palleira se poden ver hoxe en día estas puntas.

Durante as noites do inverno a partir de decembro  era cando se descolgaba. Conviña que o tabaco non estivera húmido nin demasiado seco poischegaba o momento de manipular as follas para facer as madas de tabaco.

Cada mada, levaba entre trece ou catorce follas colocadas ben estiradas unhas enriba doutras, atábanas con outra folla e gardábanas  nun limpeiro (tela de saco)este paredábase e posteriormente prensábase durante unha semana.

Pasada a semana ían cosendo este limpeiro  e ían facendo pequenos fardos cadrados.

 

 Estes mollos xuntábanse na  casa de Benigno de Maximino. Alí empaquetábanos e sería o momento de transportalos.  Xa máis cara os 60 chamaban ao camión. Transportaría en moitas ocasións Antonio Basanta, cando xa se facía o envío ao Centro de Fermentación de Avilés.

No ano de 1952 chegaron a enviarse unhas dez toneladas de tabaco o que aportou aos fogares do pobo unhas 200000 pesetas, que naqueles tempos era unha boa aportación á economía do pobo.

Ao ano seguinte prevíase que se recollerían máis de 20 toneladas o que aportaría cerca do medio millón de pesetas.

 

Plantación de tabaco preto da igrexa parroquial.

O pago deste facíase na Veiga (Vegadeo) ao longo do mes de marzo  e pagaban en función da calidade do produto e do tipo de tabaco, se era rubio pagábase máis que se era negro.

 

 Foi un cultivo que durante uns anos aportaba unha bola de osíxeno aos labremos do pobo ata que cambiou a sede para Pontevedra que foi cando comezou a funcionar bastante mal.

Comezaron a esixirlle aos labregos un determinado número de terreo a cultivar, construír secadoiros especializados e o peor de todo comezaron a pagar mal. Unha das mellores colleitas a do 1963 de feito non se pagou o que provocou que este traballo fora pouco recompensado para os esforzos que requiría..

 

 

 

 

viernes, 13 de noviembre de 2020

AS ESFOLLAS

 

É tempo de esfolla, de recoller o froito sementado na terra  tralo San Isidro, que daría mellor froito, empregando aquel  arado de pao ,nos anos trinta, xunguido por unha vaca ( o burriño reservábase para outros menesteres naqueles tempos) Anos máis tarde( cincuenta sesenta) xa se empregaría o arado de ferro e a sementadora

Sementaban  o mellor gran da colleita anterior previamente refregado quitando a punta da espiga e o final ( onde o gran era máis pequeno).

Desa colleita dependería o sustento durante o inverno. Parte do maíz sería destinado a  comida para o gando nos días mais duros, outra parte do gran, levaríase a moer aos pequenos muíños do pobo e coa súa fariña farían o pan de maíz que hoxe en día tanto detestan os maiores.

“ Maruxiña do Forneiro

De coceres faime un bolo

Se mo fas faimo de trigo

Que eu de millo non cho como”

Naquel tempo (anos do 30 aos 60) a maioría dos labregos do pobo comían o pan de maíz pese a sementaren trigo tamén, pero este destinábase en gran parte a pagar as rendas das terras que levaban.

“ éranche tempos no que a renta das terras que se levaban se cobraban en trigo “

En épocas de seca os gallos (planta)  cortábanse  dende a espiga cara riba (esporretar) antes do tempo  para darlle de comer ao gado. Nesta parte da planta o maíz é máis verde e a espiga seguiría medrando ata o momento de recollela.

 Chegado o mes de outubro novembro comezaba a recollida do maíz . Normalmente cortábase todo polo pe dispoñéndoo en mollos  e escanábase xa na casa (quitar a espiga do maíz) Algunhas veces xa se facía na  terra o escanado e íase cargando o carro para levar ao cabanón ou palleira no que se esfollaría posteriormente nas noites frías de novembro cando o montón de espigas fora notable. Cando se cortaba xa polo pe facíanse mollos  co maíz e empregábanse para cubrir cabanas e alpendres.

 

Nalgunhas destas esfollas xuntábanse moitos veciños,  famosas eran as esfollas na casa de Pouparín xa que so os da casa sumaban 16 ou as da casa do Sancristán, Dourado...

Naqueles tempos a recollida era colectiva, non só colaboraba a familia se non que moitos veciños aportaban o seu traballo. Sinalar que non había moitas saídas e ata os anos sesenta non chegaron ao pobo os primeiros televisores polo que ir a unha esfolla era como ir a unha festa.

Naquelas noites de esfolla despois de cear... xurdían cantigas con algo de retranca e miles de contos que quedan na memoria de moitos/as.

 

Para entreter aos pequenos, xa que o millo do país era moi difícil de esfollar pola súa dureza, animábanos a esfollar a ver a quen lle tocaba o rei ( espiga de maíz granate). Armando gran algarabía cando saía a primeira espiga granate.

Na última esfolla acostumábase asar unhas castañas ou facíanse uns rosarios de zamelos (colares de castañas cocidas ) que se regaban cunha copiña de raspa ou anís para tornar o frío . O que podería interpretarse coma un pequeno magosto veciñal.

 A mellor pubela (folla da espiga seca) sería coidadosamente recollida e con ela farían xergóns sobre os que repousarían os corpos cansados dos múltiples traballos do inverno. Xergóns que se aproveitaban de ano en ano enchéndose nesta época e que as costureiras coserían con primor e coidado. Xergóns con catro buratiños que permitían meter as mans e remover a pubela para que este máis blandiño.

A pubela desbotada servía para que os máis cativos da esfolla se tiraran e xogaran facendo con ela múltiples bonequiños de cabelos loiros e peliroxo co peliño das espigas( que mais que probable serían os xoguetes do ano)

As espigas meteríanse en cestas que se subirían a secar ao hórreo. Que naqueles días cumprían unha función primordial xa que protexían o sustento para o ano!.  Cos seus pináculos, os seus trisqueis e rosas dos ventos protexían a colleita de meigas e mala sorte, a parte dos ratos...

Qué mágoa que hoxe os nosos hórreos, esas construcións tan primordiais que de tanta fame sacaron aos veciños permanezan case que esquecidas, non debéramos esquecer que

“ cando un hórreo cae unha casa pecha” Manuel Rivero 2019  .

 

DENDE OS ESPIGUEIROS CONVIDÁMOSVOS A COMPARTIR CON NÓS ALGUNHA EXPERIENCIA NUNHA ESFOLLA ASÍ COMA AS VOSAS FOTOS DOS HÓRREOS