Onte tivemos o inmenso pracer de coñecer en profundidade a un personaxe que permanece na mente de moita xente como foi Barriga Verde, da man da nosa veciña Comba Campoi.
Coñecemos como naceu BARRIGA Verde a partir dos monicreques da tradición popular galega e portuguesa( os Cristovos e os Robertos), e como chegou ao familia Silvent a terras galegas estendéndose a familia por todo o territorio galego. Moitas grazas.
Somos os herdeiros dos espigueiros. Os nosos antigos recollían espigas para vender e comprar para comer. Nós recollemos os retais da nosa historia para alimentar a nosa ansia por saber por qué chegamos a ser como somos, de onde vimos e chegar a entender a onde imos. A nosa historia merece a pena, a nosa, é unha historia que chega co salitre do mar, o olor dos fentos e a terra mollada, é unha historia que non se debe esquecer porque o que esquence a súa historia perde as súas raíces.
Praza do Souto
domingo, 26 de enero de 2020
jueves, 23 de enero de 2020
SINDICATO AGRÍCOLA SOCIEDAD DE AGRICULTORES SAN MIGUEL DE REINANTE (continuación)
En decembro de 1942, a acta da asemblea xeral para renovación de cargos reflicte una Sociedade que pasa por momentos de desgana, de indiferenza pola marcha da organización, nótase falta de interese e pouca implicación dos socios. Son tempos de posguerra, de dificultades en tódolos ordes, de adaptarse a novas normas e quizais tamén de distintas maneiras de ver a sociedade... a sociedade na que se vive!. Non aparenta ser un traballo agradecido, o da Xunta Directiva. O certo é que non se presenta ningún candidato aos cargos directivos, nin sequera para o de secretario que era cargo con gratificación económica como xa dixemos, polo tanto procédese á votación, cada socio unha papeleta e elíxense tódolos cargos incluído o de secretario, posto para o que resulta elixido o mesmo que está exercendo, Ramón Pérez Martínez. O regulamento permítelle renunciar a un segundo exercicio consecutivo si así o desexa, e renuncia, pasando o cargo ao seguinte mais votado que non está presente. Tampouco están presentes o tesoureiro elixido nin algún dos vocais
Despois da votación o presidente saínte, Manuel Teijeira, ofrece un discurso aos presentes que nos da idea da situación. Con tal motivo escribe o secretario no libro de actas:
[…] el Sr. presidente con acierto y elocuencia propios del caso, hace resaltar el abandono y poco estímulo que demuestran la mayoría de los socios. Es de lamentar -dice- que el primer día que debía tener lugar la junta que hoy se celebra (con bastante poca afluencia aun) no se presentasen mas que tres socios de la (junta) General, demostrando con esto el poco agradecimiento a esta Directiva, consagrada todo el año a la defensa y buena administración de los intereses sociales, defendidos con mas celo que si fuesen propios, por considerarlos aun más sagrados que estos, perdiendo muchas horas y días, con riesgo de adquirir enemistades personales, por el ambiente materialista y egoísta en que vivimos, quedándonos tan sólo la satisfacción del deber cumplido; aunque heridos moralmente por la frialdad de la General, que puede considerarse como desprecio por su poca comprensión y menos agradecimiento, haciendo votos porque la nueva Directiva proclamada hoy tenga mayor acierto y mejor suerte.
Á nova Directiva custoulle traballo principiar a andadura. Quince días despois convocase nova xuntanza. O tesoreiro elixido Ramón Penabad García presenta un escrito alegando motivos de saúde e necesidade de descanso que lle impiden desempeñar o cargo; a renuncia é aceptada. O novo secretario, Julio Novo Falcón tamén presenta escrito de renuncia irrevogábel por diferenzas na gratificación co anterior...
O Sindicato Agrícola Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante sigue a sua andadura nos difíciles anos corenta tratando de ser fiel aos seus fundamentos. Séguese coas eleccións de directivas e celadores, coa taxación trimestral do gando, co servizo de veterinario, coa compensación mutua dos sinistros, coas compras colectivas de sementes e fertilizantes, organizando o arranxo dos camiños e, por pouco tempo mais, co servizo de mallar coa máquina do propio sindicato. Todo isto desde a situación de alegalidade normativa en que se encontraban estas sociedades como queda dito
Dous parágrafos en dúas actas de Xuntas Xerais extraordinaria do mes de marzo de 1950 danos idea da situación en que se encontraba:
[…] Se propone y discute la manera de ir a Lugo a ver si se puede hablar con el Gobernador y ponerse dentro de la Ley. Siendo acordado y aprobado nombrar una comisión para entrevistarse con el señor Cura Párroco (naqueles días, Don Benjamín Prieto) del pueblo con objeto de que si no ponía impedimento fuera él a Lugo como miembro de la comisión a tal fin. Designando a los Sres. Socios D. Manuel Teijeira Pérez, D. José Mª García y el Sr. Presidente. (Domingo Dorado).
As xestións non deberon atopar moitas trabas xa que nove días mais tarde se convocaba outra xunta para informar da viaxe a Lugo:
El socio D. José Mª García Díaz miembro de la comisión que fue a Lugo, da a conocer que el resultado fue satisfactorio, que aun cuando no está legalmente constituida (a Sociedade) es tolerada y que podíamos seguir como hasta la fecha y que cuando alguna cosa pasase seríamos avisados.
Queremos traer aquí unhos fragmentos dun traballo achado na Rede sobre esta materia, de autoría de dous profesores da Universidade de Santiago de Compostela que nos ilustran o sucedido coas sociedades de agricultores, os sindicatos agricolas e as mutuas ganaderas despois do ano 1936.
...A pesar de la exhaustividad de la represión desencadenada en el caso gallego donde,como hemos señalado, las autoridades golpistas disolvieron y confiscaron los bienes de la mayoría de las sociedades agrarias que no fuesen de signo católico o mutuas ganaderas,...
...Las sociedades que continuaron su labor lo hicieron, como ha expuesto L. Fernández Prieto (1993), bajo un control administrativo inexorable y en un clima de suspicacias que explica su refugio en actividades de bajo perfil. Todo ello con directivas sometidas al más estricto de los escrutinios, a pesar de que los elementos más abiertamente izquierdistas ya habían sido depurados al inicio del conflicto.
...Al descabezamiento del movimiento, como habíamos señalado, le siguió la desarticulación de sus estructuras. Resulta difícil calcular qué proporción de sociedades agrarias existentes en 1936 fueron clausuradas o simplemente dejaron de funcionar...
...Los datos que, para la provincia de Lugo, contiene el AGA (Archivo General de la Administración) son igualmente incompletos pues unicamente confirman la clausura y confiscación de bienes de séis sociedades y de la Federación de Fonsagrada, cifra evidentemente inexacta porque no figuran, incluso organizaciones de izquierda que se significaron en la resistencia armada contra las fuerzas militares.
...Frente a la tercera vía de asociación, las mutuas ganaderas, la Administración no va a mostrar la misma intolerancia que frente a las sociedades agrarias, especialmente, por su menor carga política y por el carácter más concreto de sus funciones. En Lugo, sin mencionar las que existían de manera alegal, sin registrarse debidamente en el Gobierno Civil como acuerdos entre vecinos cuyo número evidentemente desconocemos, perviven 21 de las mutuas fundadas antes de 1936, la mayoría concentradas en la zona norte de la provincia.
(XI CONGRESO DE HISTORIA AGRARIA; Ana Cabana Iglesia, Manuel Cabo Villaverde Facultade de Xeografía e Historia, Universidade de Santiago de Compostela)
O AREAL
Como xa vimos, O Areal aparece na acta da Xunta Xeral Ordinaria do día 29 de xaneiro de 1928, concretamente trátase dunha proposta do señor José María García para xestionar co Concello a adquisición do terreo para edificar unha casa destinada a sede da Sociedade,
Xa a piques de rematar o ano, o 9 de decembro, a comisión encargada, dá conta a Xunta Xeral das dificultades que hai para adquirir ese solar para construír unha casa para a Sociedade, pero de todas formas o acordo da reunión foi, que se proseguira xestionando, si era adecuado para o Sindicato, e procurando por tódolos medios que si non conviña a Sociedade fose declarado de utilidade pública.
Aparentemente a Sociedade non volve a tratar do Areal ata o ano 1952. En agosto deste ano volve a tratarse da necesidade de solicitar dito terreo ao Concello, esta vez para facer feiras e outros usos. Ao longo do ano proseguiron as xestións encomendadas aos membros da Xunta Directiva e chegado o mes de decembro informan que están á espera de contestación do Sr. Alcalde, resposta que lles transmitirá por medio do Sr. Baamonde Novo.
O 4 de xaneiro do ano seguinte, convocados os socios en Xunta Xeral extraordinaria son informados polo presidente que o Concello acepta a solicitude presentada sobre O Areal, con permiso para explanar, poñer arbores e facer todo o que se considere necesario e axeitado para campo da feira. O seguinte punto desta xunta extraordinaria foi unha proposta de gratificación de 100 pesetas a José Baamonde Novo pola sua colaboración neste tema en beneficio da Sociedade, gratificación que a asemblea xeral aprobou por ser merecente dela,
(…) no solo por los trabajos realizados, sino también por la solicitud y atención con que nos atendió siempre que fuimos a molestarlo.
A mediados de mes elíxese unha comisión que organice os traballos precisos e coménzase o acondicionamento do solar. Todo a conta de prestación persoal e material. Esta comisión está composta por Narciso Dorado López, Eduardo Cora Rocha, Amancio Teijeira Pérez e o mestro albanel Julio Rocha Iglesias.
Era necesario levantar un muro de contención ao largo do rio, e para eso necesítase pedra axeitada en cantidade, por tal razón acordase abrir unha canteira en Moledo (cerquiña de Aguas Santas, hoxe As Catedrais). Organízase o traballo por barrios, tal e como estaba organizada a estrutura da Sociedade, establécense quendas para ir traballar na canteira, carrexar o material nos carros dos propios socios e traballar no Areal. O primeiro día, por sorteo, tócalles arrancar a pedra aos grupos de Nogueiredo e Barranca, o segundo a Salxende e Pumarín, o terceiro aos Campos e Pumarrubín e o cuarto ao Souto e Casaldeite. O resto dos grupos traballarían no Areal, e os albaneis que o fixeran fabricando o muro, quedarían dispensados de realizar calquera outra faena.
Estamos a primeiros de febreiro de 1953 e seguen as quendas de traballo de tres ou catro días a semana. A primeiros de marzo chámase a tódolos grupos cos seus capataces para ir un día concluír os traballos que quedaran sin rematar, e acordase tamén que tódolos veciños que non colaboraran con “axuda material” por non ser labregos presten unha “axuda monetaria” voluntaria. A tal efecto noméase unha comisión entre os directivos formada por José Antonio Góas Vizoso, Narciso Dorado López, Antonio Penabad García e o secretario Jesús Pérez para visitar os domicilios dos afectados.
Polas datas detalladas sacamos en conclusión que os traballos de arranxo do Areal para facer as feiras “y otros usos”, incluíndo o muro ao longo do rio duraron aproximadamente mes e medio.
E por último despois de tódolos desvelos, conversas, xestións, peticións ao Concello, tódolos traballos detallados e a mobilización do pobo ao completo, acaeceu un pequeno percance
(…) una vez que el camión que recogió el ganado del Sr. Ventoso, en el campo de la feria hundió las tapas de la artajea de la misma fue acordado nombrar una comisión para requerirle y hacerle presente, hiciera el favor de repararla. Siendo compuesta ésta por los Srs. Presidente, Secretario y el vocal D. Amando Rodríguez Rico.
Supoñemos que o Sr. Ventoso, ou, no seu defecto o seguro do camión que levou o gando, cumpriu coa sua obriga e deixou de novo a “artajea” en perfecto estado.
O SAN ISIDRO
Foi tamén na primeira Xunta Xeral deste ano de 1953 cando o Presidente Manuel Teijeira fai unha proposta á asemblea: Que, dado que a Sociedade estaba formada por labradores, e que o seu patrón é San Isidro, encargarse no seu día, o 15 de maio, facerlle a festa. Proposta que foi apoiada por Manuel Flores Maseda e Daniel Blanco Rodríguez e aprobada por tódolos presentes, quedando comprometidos a pedir polas casas e facer as xestións necesarias a directiva actual, e nos anos vindeiros as directivas que estiveran exercendo. En outubro desde ano deciden comprar unha participación de lotería de Nadal de 2.000 pesetas “la cúal será repartida primeramente entre los asociados y, en caso de quedar sobrante, entre los demás vecinos, poniéndole una prima del 25% que quedará a beneficio de la fiesta de nuestro patrono San Isidro Labrador.” Costume que perdurou ata finais do século pasado.
AS MALLAS E OS MALLADORES
Si non segas no mes da sega ven o diaño e cha leva (popular)
A Sociedade contaba, dende xullo de 1924, con unha máquina e un motor de mallar comprada na Veiga a Victor Díaz por 4.500 pesetas, a metade das cales se pagaron no acto e a outra metade en decembro dese mesmo ano. A malla era un servizo mais que a Sociedade de Agricultores de San Miguel aos socios de forma autoxestionado.
O dia 3 de xullo de 1927 a xunta directiva trata da vindeira tempada das mallas. Acórdase pedir a Veiga dúas latas de aceite para o motor e dous quilos de graxa consistente. Tamén se pensa en pedir a gasolina a D. Eulogio Fernández da mesma vila, a 50 céntimos litro; pero antes de facer o pedido os alí reunidos falan de negociala con D. Gregorio Fuentes, comerciante de San Miguel, que tamén ten posibilidades de subministrala, e ese mesmo día despois de falar con el, comprométese a poñérllela en San Miguel a 55 céntimos litro. Dado que ésta considérana de mellor calidade, e a de Eulogio Fernández cumpría ir buscala a Veiga, apalabran o subministro con Gregorio Fuentes.
O seguinte punto é designar os malladores, e di a acta do día:
Entre varias de las solicitudes presentadas para mallar y administrar el motor, para este objeto solo se presentaba la de José López Gómez con el jornal diario de cuatro pesetas y cincuenta céntimos, y malladores Benigno Fernández a tres pesetas cada un día y Manuel Leiro a dos pesetas setenta y cinco céntimos igualmente cada día, advirtiéndoles que los domingos y festivos no se trabaja mas que en la limpieza de la máquina y motor, ni permitir que nadie malle más que los encargados.
Deste punto de advertencias, non deberon percatarse os interesados pois o 9 de agosto foron convocados a unha reunión porqué á directiva chegaron comentarios de que as incumpriran indo a mallar un domingo a San Pedro, asunto que lles valeu unha reprimenda oral e apercibimento para que non repetiran o feito.
O encargado do motor era quen levaba as contas dos gastos ocasionados e do abastecemento, ademais do tempo empregado en cada aira, para eso levaba unha relación co nome da casa, hora de chegada, hora de remate, e horas e minutos de tarefa. Logo rematada a tempada calculaban o gasto por hora e pasaban a conta a cada socio. Este ano a hora de malla saiu a catro pesetas.
Esto era en xeral a organización das mallas durante uns cantos anos, con elección dos malladores entre os socios que o desexasen por medio de presentación de plicas coas súas propostas.
(…) Se acordó poner un anuncio en la Iglesia para que llegue a conocimiento de todos, en el cual se invitara a todos aquellos que se consideraran aptos y con suficiente competencia para administrar el motor de la Sociedad y mallar, que lo soliciten por medio de instancia al Sr. Presidente.
E para escoller os mais aptos dicía ademais que a Directiva se reservaba o dereito de elixir o que consideraban mais acorde coa encomenda, pois deixaba ver que eran cargos para demostrar responsabilidade e seriedade. Os responsables das máquinas encargábanse de levar o orde das casas segundo estaba establecido, dicir en voz alta a hora de comenzo e remate dunha malla, empezar a mallar polo menos as seis da mañá (hai que aclarar que nestes anos non había cambios de hora), traballar ata a noite e evitar toda liorta entre eles ou coa xente da casa. Nun principio só se mallaba aos socios, logo mais adiante tamén se mallaba aos non socios con un costo por hora lixeiramente mais alto.
Exerceron de malladores ao longo dos anos, Benigno Fernández, Manuel Leiro, Bernardo Rey, Eduardo Cora, Benito Rodríguez, Antonio Dorado, José Ramón Rancaño, Eladio Novo...
En 1930 José López (Pincel) transmítelles o desexo de arrendarlles a maquinaria e explotala el. O Contrato faise por catro anos por un prezo de cero pesetas o primeiro ano e 125 pesetas cada un dos outros tres, con tódolos gastos a conta do Sr. López e a entrega ao remate do contrato en estado de funcionamento. En 1933 unha comisión formada polo presidente e dous socios volve a recibir o motor a máquina e todas as ferramentas incluídas. No 1934 volve a mallar a Sociedade poñendo de encargado a José Ramón Rancaño e malladores Bernardo Rey Puente e Benito Rodriguez, “llevando buena administración, que no se quejen los socios y no alterar el orden en ninguna era”. Fixéronse 70 horas de malla e cobrouse a 6 pesetas a hora “para cubrir gastos”.
E así se sigue durante os anos da guerra, cos mesmos malladores e subindo o costo da operación, no ano 1940 xa saía a 10 pesetas cada hora de malla. Pero eses non eran tódolos problemas, posteriormente á guerra, recibiron senllos oficios do Concello e de Facenda reclamándolles un imposto polo consumo do combustible e para a tempada seguinte precisaron ir a Lugo xestionar o abastecemento para usos agrícolas na “Junta de Carburantes Líquidos de Lugo” a onde se desprazou o presidente Ramón Pérez Martínez. Estamos nos anos do racionamento, e no que se refire a gasolina non só en España, o mundo está inmerso nunha guerra e tódolos países teñen que tomar medidas de aforro de combustible para subministrar os exércitos.
O presidente volve de Lugo cunha couta escasa de gasolina que deciden repartir a partes iguais entre os socios que mallen, trae tamén un Libro de Rexistro de Máquinas Desgranadoras, facilitado pola Junta de Carburantes Líquidos de Lugo no cal, o socio que faga o labor co motor da Sociedade (hai outras máquinas particulares mallando) terá que anotar, as horas, gasolina consumida, medas e ferrados de gran que posúe, e logo firmar no libro. Pero o problema non está resolto, a gasolina outorgada non abonda e deciden aceptar a proposición do socio
D. José López Gómez como dueño de varios motores y máquinas destinadas a la trilla, que dice que se compromete a hacer la labor a los socios que no puedan hacerlo con el motor de la Sociedad por no alcarzar la gasolina asignada a este Sindicato.
Nomease unha comisión formada polo tesorero, Amancio Teijeira, Manuel Rico e Daniel Blanco para poñerse de acordo co Sr. López e que empece en Sarxende e a Sociedade na Barranca, obrigándose a cobrar aos socios a 17 pesetas a hora, para o que, o Sr. López esixe que tódolos socios que non mallen coa Sociedade teñen que facelo coa sua máquina ao prezo indicado. A Xunta Xeral toma a decisión de expulsar a todo socio que non faga a tarefa con unha destas dúas máquinas (nótase que había máis competencia). Con todo a Sociedade tivo que solicitar unha segunda cota de gasolina para rematar as mallas do ano 1941.
Ao ano seguinte os problemas non son menos. Na Sociedade os fondos escasean e necesitan 1.000 pesetas para pagar a Contribución Industrial que lles esixe Facenda pola actividade de mallar, e outros gastos. Contando conque a gasolina que lles asignarán este ano non sexa mais ca do ano anterior tómase a decisión de alugar a maquinaria a Elisardo Sánchez Vila coas seguintes condicións: 150 pesetas pola campaña, que o Sr. Sánchez Vila se faga cargo de tódalas avarías excepto rotura de cigüeñal, pistón ou bloque do motor, sempre que non sexa por mal uso ou incompetencia, que observe a quenda que corresponde levar, empezando en Sarxende e ata Barranca e que o cobro da faena sexa proporcional para evitar diferenzas de trato.
Este contrato foi para o ano 1943, e en xuño de 1944 volve a ser José López o pretendente do motor e a máquina de mallar, pero non se comprometía a mallar á totalidade dos socios e non se lle arrendou a maquinaria. Pensamos que estes puideron ser os últimos anos das mallas usando a organización e máquina de mallar da Sociedade, porqué non volve a tratarse este tema nas reunións de anos posteriores e por outra parte xa había particulares que efectuaban esa actividade.
Por conversas que tivemos, a maquina e motor mercounos José López Gómez, e entrementres foi almacenada na casa de Daniel Dorado, o home que exerceu de presidente durante moitos dos primeiros anos da Sociedade, dono da Casa do Merlo de Salxende.
A FEDERACIÓN DE SOCIEDADES AGRARIAS DO PARTIDO XUDICIAL DE RIBADEO.
Logo de naceren as Sociedades Gandeiras, progresivamente foron aparecendo as federacións agrarias no ámbito das comarcas e dos partidos xudiciais, co fin de canalizar a defensa dos intereses en común da xente do agro. A que nos corresponde neste traballo foi a creada en Ribadeo. En agosto de 1928 o sindicato agrario de San Miguel toma o acordo de asistir a discusión do Regulamento da nacente Federación con sede en Ribadeo. Asisten como comisionados José María García Díaz, Lorenzo Remior Devén e Ramón Forján Larrea. En febreiro do ano seguinte A Sociedade de San Miguel, despois de discutir o único punto da orde do día, que era a entrada ou non na antedita federación, efectuouse unha votación resultando 44 votos a favor de entrar e 2 en contra. O formar parte dela implicaba o pago doutra cota de 0,25 pesetas de entrada, e 0,50 pesetas cada socio por semestre, e ademais, a obriga de vender os animais para matadoiro, e para subministrar as prazas de maior consumo (Madrid e Barcelona) por medio da organización de Ribadeo. O socio que non obrase desta maneira sería expulsado da Sociedade Gandeira. En agosto era expulsado por este motivo José Lorenzo Lanza de San Cosme, e Manuel Flores e José Pena de San Miguel piden a baixa voluntaria. En xuño eran expulsados Francisco Edrosa e José Dorrego Vázquez por vender un xato cada un aos tratantes, faltando así ao cumprimento do seu deber segundo o Regulamento da Federación. Non foron os últimos expulsados.
Non parecía que a obriga de ter que despachar os animais para carne por medio da Federación Agraría de Ribadeo aledase aos asociados de San Miguel, a pesares dos persoeiros que defendían o asociacionismo e a unión como eran D. Juan Rof Codina que nunha conferencia pronunciada en La Granja en Villaframil en xuño do 1928 propoñía -entre outros temas- deixar atrás o individualismo vender organizados como facían xa outras federación.
... Encareció la unión de todos los agricultores del partido para llevar a cabo la obra de cooperación a que aspiran, aconsejando la mayor disciplina y la firma por un año del compromiso de vender todas las reses por medio de la Federación u organismo que se constituya con el citado fin. (Las Riberas del Eo 16 de xuño de 1928)
Propoñía tamén que os mercados mais adecuados serían os de Xixón, Santander, Bilbao e San Sebastián pra servir por mar, e que, si se enviaban a Barcelona se levaran até o ferrocarril en camión para evitar baixas.
En 1932 figuraba como Presidente Honorario da Federación D. Gregorio Sanz García
Outros motivos de descontento parece ser que estaban no 2 por cento de cota sobre as vendas que demandaba a Federación, e na perda de peso ou mala presenza dos animais en destino (Madrid ou Barcelona) do cal non se responsabilizaba ninguén.
Las Riberas de Eo en maio de 1933 publicaba o texto dun telegrama que a directiva desta federación remitiu aos deputados galegos e cataláns en Madrid co seguinte contido:
Repetidas bajas terneros arruinan labradores gallegos que vestimos telas catalanas. Por bien ámbas regiones ruégoles intercedan. - José Díaz Villaamil. Presidente.
As razóns expostas crearon un fondo debate dentro do seo da Sociedade de San Miguel sobre os beneficios de manter a unión e permanecer asociados, con entusiastas defensores desta alternativa, e socios que rexeitaban en xunta xeral algunhas das medidas que dictaban dende Ribadeo, e poñían condicións para permanecer asociados. Fora como fose, o certo é que a a comenzos do ano 1934 aboliuse o castigo de expulsión, e os socios do Sindicato Agrícola de San Miguel tiñan liberdade para vender os seus animais ao tratante ou na feira que quixeran.
OS CAMIÑOS
Camiños indispensables para o carreo dos froitos da terra e dos aparellos da labranza, Camiños de carro, de carros cantareiros moitas veces, como nos versos Manuel María:
As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa,
¡carrétame herba pro gando!
¡tráeme a colleita para casa!
Pero os camiños precisaban de mantemento para que os carros do país, puideran cantar e puideran levar a colleita pra casa, e sobre todo despois do inverno, despois de que a auga da chuvia caída durante o outono e o inverno correra por eles, moitas veces, como si de regatos se tratara, ou fixera fochancas que duraban ata entrados os meses de secura. Por outra parte tampouco se podía esperar polos recursos da administración que eran escasos ou inexistentes e os labores non esperaban, ou sexa que si había necesidade... tocaba organizarse e arranxar!. E aí estaba tamén a Sociedade Gandeira, os directivos recollían as propostas e dispoñía as quendas e as cuadrillas que se formaban por barrios para actuar alí onde era necesario.
Sabemos por escoitalo aos maiores, as persoas que o viviron, que a colaboración era obrigatoria, tanto co traballo persoal como coa prestación de utensilios e animais; a falta á este deber significaba sancións pecuniarias crecentes e incluso a expulsión da Sociedade. Inda que non sempre debeu ser así porqué no ano 1927 encontramos que a directiva pídelle ó Alcalde que lles dea medios para poder obrigar a participación, asunto que no concello tomaron en consideración.
No 1948 a multa era 25 pesetas a primeira falta, 50 pesetas a segunda, e a terceira vez a expulsión da Sociedade sin perdoar as multas impostas. Tamén se cumpría co deber si se faltaba unha vez, indo dúas persoas a seguinte, permitíase que fosen as mulleres e fillos maiores de 14 anos.
En 1929 a Deputación Provincial convoca concurso para abrir camiños de utilidade pública e en San Miguel están propostos:
Primero. uno que empieza en el kilómetro 13, de la carretera del estado de Rivadeo a Vivero y baja por los Campos, Pereira, Pedregal y termina en la playa de la Arealonga.
Segundo. Que tambien empieza en el mencionado kilómetro y carretera, y sube por los barrios de Martices, Ferrería y Barranca y termina en los limites de este distrito, cuyos caminos, entre otros de este pueblo, fueron declarados de utilidad pública.
Do que se trataba era de darlles mais ancho, porqué os camiños xa existían, e era preciso falar cos veciños das fincas para que cedesen o terreo necesario, pero consideramos que nin unha nin a outra foron ancheadas ese ano, porqué no 1949 inda se falaba de rematar a estrada da Barranca e traspasala a Deputación. No 1952 este organismo contesta que non se pode facer cargo desa vía por culpa do hórreo de Manuel Leiro Salgado. Recordemos que o camiño pasaba polo oco entre os dous pes e por debaixo do hórreo; era a medida que un carro de molido tiña para baixar do Forcón ou de herba seca ou de trigo para subir para a Barranca. O tema non tivo solución ata os anos setenta que se botou a estrada por fora do hórreo tal como a coñecemos hoxe. Pola sua parte a de Pereira non se abriu nos Campos hasta o ano 1954-55 por non chegar a acordo coas familias Torviso, Ricardo Rocha e José R. Rocha Penabad para ceder o terreo necesario. Hai que dicir que o camiño pasaba pegado as portas destes últimos, e quen tiña que dar todo o terreo eran os Torviso, que non se sentían compensados satisfactoriamente. Deste xeito botou a carretera de Pereira mais de cinco anos co tapón dos Campos sin abrir e o resto do traxecto ancheado despois de grandes traballos de explanación no ano 1951 e de carreo inxente de pedra -aportada polos veciños, os seus carros e os seus gandos- que foi necesaria para facer o firme durante o ano 1952.
En 1951 Miguel Dorado propón abrir os camiños que van de Rechivadoiro ao Carballo e desde Salgueiros a este punto. A proposta foi aprobada e no momento foi designada unha comisión para solicitar a cesión dos terreos necesarios.
O “COSTERO”
Outros camiños, tan necesarios onte, como esquecidos hoxe a maior parte deles, son os camiños dos montes; quizais porque agora dispoñemos de potentes medios mecánicos para o aproveitamento forestal, deseñados para poder moverse e abrirse paso por eses terreos costentos e difíciles. Pero nada que ver co servizo que prestaban os montes e a achega que representaban para a economía doméstica ata o século pasado. Os montes tiñan vida propia dende pola mañá cedo á tardiña, e tiñan o seu propio son; era o son dos xílgaros dos melros ou das pegas, pero tamén era o son do cravuñar nun rozón, do afiar nunha gadaña ou o latexo dun fouciño segando nas brañas; era o petar dunha brosa ou o resgar dun tronzador, era un eixo sin graxa, o bruar dun boi, un canto.. un berro... un xuramento...
Estes camiños, as costas do monte, era preciso conservalas no mellor estado posible. O mulime ou mulido era tan imprescindible nunha aira como era unha morea de leña para queimar de inverno na lareira, ou na cociña bilbaína despois, e tampouco faltaban as pinas para acendela; as carocas que representaron o medio de vida dalgunhos dos nosos veciños: os espigueiros. Todo eso, amais da madeira, o producía o monte, todo se aproveitaba e todo era apreciado e valorado. Os camiños do monte, as costas, non eran fáciles de transitar cun carro de vacas, sobor todo baixando, onde o único freo que aguantaba o carro e a sua carga, eran os animais que ían diante e un rastro feito cunhas pólas de pino, cargadas con dous ou tres terróns grandes, enganchado a parte detrás do carro. Pendentes imposibles e esmendrelladas polo raer da ferraxe das rodas e polas augas de choiva que baixaban buscando o leito mais doado. Costas que precisaban mantemento para que o sacrificio dos animais e das persoas que os dirixían fora mais livián.
E aí estaba A Sociedade. En outubro de 1950, acordou ir o xoves e luns seguinte amañar as costas do monte, Ribón, Corredoira, Pozo Negro, Os pegos, O Lodeiro, Rastreiro, Pena do Gato... para entregarllas en bo estado a unha persoa que se encargara de conservalas, a un “costero”. Quen primeiro se propuxo para ese traballo foi Herminio González García que estableceu como pago “una cuarta de maíz por carro”
D. Herminio González comprometíase a ter as costas en bo estado e cobraría en millo. Unha cuarta por carro (por cada veciño quer tivese carro). Pero saíulle competencia, e na xunta celebrada o día 1 de xaneiro de 1951, (comenzaban o ano novo con decisións transcendentes) encontramos que
“se dio lectura a tres pliegos cerrados presentados por los socios D. Herminio González, D. Valentín Goas y D. Tomás Gutiérrez, deseando ser admitidos como costeros expresando las condiciones y el precio con que querían ser retribuidos. Aceptando el presentado por Tomás Gutiérrez por ser el que resultó mas económico”.
Unha mostra mais de democracia interna, só falta de saber a discrecionalidade que tiña a directiva para poder elixir a un ou a outro.
O FERROCARRIL DA COSTA
No ano 1928 se nomea un perito que valore as terras que colle o ferrocarril. En Agosto do 1929 formase unha comisión para entrevistarse co encargado do ferrocarril e interesarse polo mantemento dos camiños que cruza. En abril de 1934 lese unha carta da Sociedade Cantábrica da Devesa solicitando axuda para ver si se podía contactar cos deputados e pedir que se pagaran as terras que ocupaba o ferrocarril. No 1951 inda se forma outra comisión incluíndo o cura para ir a falar co alcalde sobre as pontes da vía férrea.
SERICICULTURA
En octubro do 1927 o sindicado recibe un manifesto e unha carta solicitando a sua lectura ós socios, procedía do Comisario Rexio de la Seda. A demanda foi tomada en consideración e na xunta xeral seguinte, no segundo punto do orde do día procedeuse a ler a carta
… en la cual aconseja que los labradores se dediquen a la industria siderúrgica (sic) por ser esta en otros tiempos, uno de los factores más importantes de la prosperidad de España.
Parece ser que entraba dentro dunha campaña para difundir a sericicultura en todo o pais e neste caso en Galicia; segundo unha noticia que encontramos na prensa da época en de agosto de 1927 o dito funcionario viaxou a Galicia entrevistarse cos Gobernadores Civiles para promover a campaña a nivel local. Tendo en conta as moreiras que hai en San Miguel non parece que os agricultores tomaran en consideración a petición do Comisario Rexio.
MONTES VECIÑAIS
En maio de 1928 a directiva convoca unha reunión de socios e veciños de San Miguel para falar da decisión a tomar sobre os montes veciñais de man común do pobo. Con un alto grao de concorrencia os reunidos acordaron facer unha medición dos mesmos e tomaron a decisión de encargar esa tarefa a persoa que se consideraba mais capacitada para ese fin: Don José Alvarez Prieto (O Maestrillo). Axudarialle unha comisión formada por Lorenzo Remior Devén, Don Luis Iravedra (Luis da Cachela, seu colega en outras andanzas) e Don Daniel Blanco Rodríguez, sobor de todo para indicarlle os lindes coas parroquias veciñas. Acordouse tamén un xornal diario para cada un de 6 pesetas.
Non sabemos porqué, quizabes o traballo necesitaba mais técnica e coñecementos do que aparentaba. Seis meses despois a xunta xeral tomou o acordo de deixar os montes veciñais como hasta o momento estaban e que cada un aproveitase deles segundo a súas necesidades.
A maioría da xente do pobo con certa idade sabe que os montes de REGO DE VIETEIRO, CERRADO GRANDE, VEIGA PEQUEÑA, GRANDA LONGA y ARQUEIRA, VENEIRAS, FONTARDÍN, PAINZÁS, PEDRAGÁS, RESPALDO DE COMADO e PENALONGA se partiron en 1952 despois de contar cos servizos dun perito (J. M. Coladas) e facendo 260 parcelas, unha para cada un dos veciños que vivían en San Miguel naquel momento, mais neste caso non vemos ningunha referencia a Sociedade como promotora deste reparto.
Foron Presidentes do Sindicato Agrario Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante dende o 1914 aos anos sesenta do século pasado:
Marcelino González, Ramón Cid, Daniel Dorado, Pedro Penabad Fernández, José María García, Gerardo Docobo, Ramón Pérez Martínez, Manuel Teijeira, José María García Díaz, Pedro Penabad Fernández, José Longarela, Domingo Dorado...
Escribimos esta historia do “Sindicato Agrícola, Sociedad de Agricultores de San Miguel de Reinante” tratando de ser fieis ao que encontramos nos libros de actas e contas que chegaron a nós, e facendo un pouquiño de memoria dos últimos anos que recordamos da súa existencia. Quizais haxa outras historias... a pesar das 35 páxinas que nos ocupa tivemos que obviar algunha cousas que nos parecían de menor importancia, pero que tamén falan de traballo, xestión, organización, cooperación, humanidade... pero tampouco aseguramos que esta sexa a última versión do noso relato.
domingo, 29 de diciembre de 2019
SINDICATO AGRÍCOLA SOCIEDAD DE AGRICULTORES DE SAN MIGUEL DE REINANTE
Chegou recentemente este recorte ás nosas mans o que nos fixo pensar que aínda non falaramos da Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante.
A historia da Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante non podía faltar nun relato da historia de San Miguel, e atreveríame a dicir que nun relato da historia da Mariña Oriental si se fala do asociacionismo agrario. Empezamos cando chegou as nosas mans un libriño de reducido tamaño, con unhas corenta páxinas que reza na sua cuberta “Reglamento del Sindicato de Agricultores de San Miguel de Reinante”. Está impreso en Ribadeo no prelo de “Las Riberas del Eo” e na última páxina di que foi presentado en Lugo o 6 de xuño de 1911 para o efecto da Ley de Asociacións. Tamén na última páxina relaciona as persoas que compoñen a Xunta Directiva que exercerá durante o ano 1912.
Nacía desta forma ao abeiro da lei de Sindicatos Agrícolas promulgada o 28 de xaneiro de 1906 e da anterior ley de Asociación de 1887 a Sociedade Gandeira que operou no noso pobo ao longo do século pasado. O primeiro artigo deste regulamento así o proclama:
Bajo el lema de unión y trabajo y con la denominación de Sociedad de Agricultores de San Miguel de Reinante, se constituye un Sindicato Agrícola al amparo de las prescripciones de la Ley de 28 de enero de 1906 y su reglamento.
No artigo segundo do noso regulamento di que se establece o domicilio social da Sociedade na parroquia de San Miguel de Reinante, Concello de Barreiros. Artigos seguintes precisan que persoas poden formar parte da sociedade: labradores, xornaleiros, industriais e demais persoas de ocupación similar que sexan veciños do concello de Barreiros, sempre e cando, si formaron parte dunha sociedade análoga, xustifiquen a sua boa conduta nela.
Só podía haber un socio en cada casa e non era preciso ser labrador ou gandeiro basicamente, tan só ser veciño do Concello, compartir os fins da organización e que a Xunta Directiva aprobase a alta; mais si que define a orde de prelación para darse de alta:
1º Los varones mayores de edad; 2º las mujeres cabezas de familia, en cuya casa no haya ningún varón mayor de edad; 3º Las mujeres casadas, cuyos maridos lleven más de seis meses ausentes en el Ayuntamiento.
Podemos dicir que formaban parte dela a totalidade dos gandeiros e labradores de San Miguel, agás algunha excepción que podía ser temporal. Posuímos listaxes nominativos, de mediados dos anos vinte, que acadan os 150 socios, incluído uns 25 ou 30 de San Pedro de Benquerencia, polo tanto compre tamén dicir que as necesidades e inquedanzas que afectaban aos seus membros coincidían, en gran medida, coas necesidades e inquedanzas destes pobos e sobre as cales os órganos de goberno da Sociedade Gandeira tomaban posición e actuaban si era o caso, sempre tratando de ter en conta o ben xeral.
O que se nos ven a cabeza ao recordar a Sociedade Gandeira é, no primeiro termo, o seguro mutuo que autoxestionaba para resarcir aos socios que sufrían a perda dun animal por accidente ou por enfermidade do mesmo. Pero os fins da organización eran mais amplos, o artigo seis do Regulamento define mais obxectivos:
Se inspira en el deseo de fomentar la concordia y armonía entre los asociados buscando la solución amistosa de los problemas y proporcionar a los mismos las ventajas de la acción colectiva. Procurar la defensa y perfeccionamiento de la riqueza agrícola en el desarrollo de la cría de ganado, mejorando las razas, la venta colectiva de los productos y de los animales, el seguro del ganado, la adquisición de abonos químicos y toda clase de semillas, la rebaja de los tributos y en general conseguir los mayores beneficios morales y materiales para el agricultor.
La Sociedad rechaza terminantemente toda idea o partido político, quedando prohibido que en su seno se promueban cuestiones de esta índole y menos de carácter religioso. La Sociedad, si sus fondos lo permiten podrá organizar recreos y entretenimientos lícitos, suscribirse a periódicos, revistas y obras científicas o literarias con destino a su biblioteca.
Como o ámbito territorial era o concello, nos seus inicios formaban parte da Sociedade de Agricultores de San Miguel de Reinante veciños de San Pedro de Benquerencia, San Cosme de Barreiros, e Celeiro de Mariñaos. Todos eran socios de número, e dentro destes, formando outro subgrupo, estarían os que nomeaban socios gandeiros, estes eran os que se daban de alta no seguro mutuo para sinistros do gando vacún, único asegurable, ben foran reses menores, (hasta un ano) ou maiores. O socio gandeiro tiña que ter tódalas cabezas de gando vacún dadas de alta e sinaladas cada unha con un número. Estaban obrigados a dar bo trato aos animais, e a denunciar ante a Xunta Directiva calquera abuso ou falta de atención que observen nos consocios; a prestarlles asistencia veterinaria, ou no seu defecto dunha “persona inteligente” da sua elección, inmediatamente que observen enfermidade, e comunicarlle a diagnose á Xunta Directiva no prazo de vinte catro horas; igualmente informarían dos nacementos de crías, vendas, adquisicións ou cambio dalgunha res.
No capítulo das obrigas os socios debían gardar durante a permanencia no local da Sociedade, a maior orde e compostura, absténdose de discusións de asuntos relixiosos e políticos ou de proferir palabras malsoantes e impropias de persoas ben educadas; debían obedecer o Regulamento, a Xunta Directiva, desempeñar os cargos para os que foran nomeados, acudir as xuntas xerais salvo enfermidade, cooperar ao sostemento e progreso da Sociedade e a participar no arranxo dos camiños e outros traballos de interese común, con prestación persoal e dos seus utensilios e animais.
A sua organización se deben as obras de construción do Areal, ancheamento dos camiños da Barranca, de Pereira, das Escolas Vellas, o arranxo dos camiños que era habitual tódolos anos, a instalación dunha báscula para pesar o gando, “levar” a festa do patrón ou mesmo promover accións de axuda en caso de desgracias persoais.
O GOBERNO DA SOCIEDADE
A suprema autoridade era a Xunta Xeral de socios, que se convocaban tres ordinarias ao ano, unha o primeiro domingo de xaneiro, outra o terceiro do mesmo mes e outra o primeiro domingo de decembro. Na primeira, a directiva presentaba a memoria e as contas do ano anterior, e nomeábase unha comisión de tres socios para examinalas e que fixese un informe sobre delas, que se estudaría e se aprobaría na segunda Xunta Xeral. Na xunta de decembro elixíase a directiva para o ano seguinte. Logo convocábanse xuntas xerais extraordinarias, para tratar algún asunto de especial importancia, tantas como crese necesario a Directiva ou o solicitasen quince socios por escrito.
LIBROS DE ACTAS
A maiores do Regulamento anterior, produto da recollida que fixemos no pobo, tamén nos achegaron varios libros das actas, onde se relata o discorrer de cada unha das reunións da Directiva ou da Xunta Xeral de Socios que dan fe do cumprimento das normas que regulaban a organización. Tódolos anos se elixían novos cargos, tódolos anos se nomeaba unha “Comisión de glosa o censura” que examinaba as contas e emitía un informe. Os cargos podían reelexirse para outro mandato ben no mesmo posto ou en outro distinto, pero sempre ratificados pola Xunta Xeral de Socios. Formaban a Directiva un presidente, vicepresidente, tesoreiro, secretario, vicesecretario e oito vocais, cargos todos eles obrigatorios e de prestación gratuíta. Só o secretario podía recibir unha gratificación polo seu traballo, si asi o aprobaba a Xunta Xeral, e realmente eso era o que acontecía, que tódolos anos se asignaba unha cantidade para gratificar o traballo do secretario.
Despois de elixida a nova Xunta Directiva, esta nomeaban para os diferentes barrios os celadores de sección e de grupo, tamén obrigatorios, que eran o nexo entre os socios e a Directiva. Eran quen visitaban aos seus socios veciños, ora para comunicarlles a data unha Xunta Xeral, ora para informalos dunha decisión tomada, para cobrarlles as cotas ordinarias ou o escote que lles tocaba pagar nun sinistro.
Nos libros de actas dos que falamos vemos que nos anos cincuenta nomeábanse tres celadores de sección e tres suplentes, (a terceira sección eran os socios de San Pedro de Benquerencia que pertencían a esta asociación) e nove celadores de grupo e nove suplentes, correspondentes aos barrios de Casaldeite, Souto, Nogueiredo, Barranca, Campos, Pumarrubín, Pumarín, Salxende e como antes dixemos, San Pedro (en Nogueiredo entraban Valgas e Granda, en Souto a Áspera, en Campos As Pasadas...). En estes anos xa non aparecen socios de San Cosme nin de Celeiro de Mariñaos; no caso destes últimos a través das actas de finais dos anos vinte asomaban algunhos desacordos, sospeitas se engano, sanción a algún socio... e a mediados dos 1930 houbo unha baixa, sinón unánime, si masiva, dos socios desa parroquia.
A Xunta Directiva tamén funcionaba como xurado para dirimir discordias cando o soliciten socios que teñan diferencias relacionadas con servidumes, aproveitamento de augas, contratos de gando etc. Constituíase en sesión publica, escoitábase ós interesados, ás testemuñas, indagaba e ditaba unha resolución que tiña eficacia de convenio legalmente establecido.
FONDOS
Os fondos da Sociedade constituíanse coas achegas dos socios, as multas por incumprimento do Regulamento e as subvencións ou doazóns. Cada socio pagaba unha cota de entrada e unha cota anual por trimestres adiantados.
Estes fondos non tiñan que ver cos que se usaban para pagar os sinistros do gando que eran recadados expresamente cada vez que ocorría a desgraza entre os socios gandeiros en proporción ao seu capital asegurado. A venda dun xato tamén obrigaba ao socio a abonar o un por cento da venda para fondos da Sociedade, para sinistros de gando menor.
A Sociedade tiña asignado un veterinario encargado de asistir as reses aseguradas por cuxo servizo lle aboaba unha cantidade acordada. Expedía unha papeleta do tratamento ou diagnose, papeleta que había que facer chegar a Directiva para o seu coñecemento e toma de decisións. No canto do veterinario tamén era aceptada a opinión de “persona inteligente” , de confianza da Directiva, termo co que se refería a aqueles socios que sin ser veterinarios, contaban con suficiente experiencia e eran especialmente coñecedoras do gando e do estado dun animal despois de observalo e ver os seus síntomas.
Un último capítulo do regulamento que comentamos recolle as sancións con correspondentes a gravidade da falta cometida, que podería chegar a expulsión, ou no seu caso sanción monetaria, que non excederá de 100 pesetas segundo este regulamento impreso, como xa dixemos no ano 1911. Sería expulsado tamén o socio que cobrara unha cantidade indebida ou inxustificada amais de esixirlle responsabilidade civil e criminal denunciándoo nos tribunais. Tamén podía ser expulsada a comisión taxadora dunha res, que mancomunadamente e solidariamente, ocasionase prexuízo a Sociedade con neglixencia ou malicia.
Mais dun exemplo encontramos da aplicación de medidas correctoras, cando os órganos de goberno consideraban necesario escoitaban testemuñas e facían acareos para clarexar unha situación que puidera causar perda para a Sociedade. Expulsión por ter o gando mal alimentado e abandonado, facer un desconto no abono dun sinistro porque a vaca accidentada estaba soa, por enterrar unha vaca sinistrada sin autorización e non haber aproveitado a pel, sanción por non deixar taxar o gando e expulsión por reincidencia, non aboar o sinistro dunha vaca por traballar con ela quebrada... (queremos recordar que falamos de casos aparecidos en actas dos anos 40 e do pasado século)
Foron elixidos nesta primeira andaina para dirixir o rumbo do Sindicato Agrícola Sociedad de Agricultores de San Miguel de Reinante no ano 1912, os socios seguintes:
Presidente Pedro Penabad Fernández
Vicepresidente Francisco Teijeiro Gallo
Tesorero Lorenzo Remior Devén
Secretario Ramón Forján Larrea
Vicesecretario Ramón Pérez Otero
Vogais Faustino Rocha García, José Mosquera Rocha, Antonio Rico Gómez, José Pérez Bermúdez, Francisco Iglesias Fernández, Antonio Gómez Fernández, José Pérez Rocha e Bastasar Novo Novás.
Esta xunta tiña como primeira misión xestionar a aprobación gobernativa do presente Regulamento.
A creación de sociedades ou mutuas gandeiras era común desde os últimos anos do século XIX, e, a partir de 1906 coa citada lei de sindicación agrícola, outras asociación desde tipo se fundaron noutros pobos e vilas de Galicia. Cita Benigno Fernández Salgado nun traballo feito para conmemorar o centenario da revista El El Agricultor, de Riotorto, que Miguel Cabo Villaverde cuantificaba en 187 sociedades Agrarias e 51 Mutuas es existentes en Galicia no ano 1907, e o mesmo autor apunta que no ano 1909 nacía en Meira a Federación Agropecuaria del Norte Galaico, creada en principio polas asociacións de A Pastoriza e Meira, as que posteriormente se uniron O Corgo, Pol, Outeiro de Rei e mais tarde O Páramo, Láncara e Castroverde. Como veremos mais adiante a maioría tivo unha curta vida, non sobreviviron ó levantamento franquista.
LOCAL SOCIAL
Despois de darlle unha lectura aos libros de actas anteditos, e que gardan o día a día da vida da Sociedade Gandeira, o lector pode facer unha imaxe fiel do seu funcionamento e da sua integración nos aconteceres do pobo. E nelas vemos a sua determinación de construír un edificio social para uso e desfrute dos asociados; obra que non chegou a materializarse como xa sabemos. Este propósito debateuse varias veces, déronse os primeiros pasos e por distintos motivos non chegaron a frutificar.
Na acta correspondente a Xunta Xeral Ordinaria do día 29 de xaneiro de 1928 encontramos a primeira referencia a dito propósito. Podemos ler:
... el señor José María García propuso a la junta que era necesario gestionar del Ayuntamiento la adquisición del terreno denominado el Areal para fabricar en dicho terreno una casa para la Sociedad puesto que la que hoy ocupamos es eventual, puesto que si se aprueba la escuela de niños en proyecto tendremos que dejarla, y en su vista, la junta acuerda que la directiva nombre una comisión para que haga las gestiones pertinentes...
A comisión estaba composta polo propio presidente, Pedro Penabad Fernández, José María García e Ramón Forján Larrea. Ao longo do ano as negociacións non frutificaron, aínda que non se especifica os motivos, a finais dese ano, noutra xunta xeral, infórmase das dificultades de conseguir ese terreo para ese fin. Esta xunta tamén acordou que si o Areal non podía acoller a casa da Sociedade, se puxesen os medios necesarios para que fose declarado de utilidade pública, asunto que tivo que esperar 14 anos mais.
O parágrafo anterior tamén nos aclara que ata 1928 era unha soa escola de nenos e outra de nenas as que funcionaban en San Miguel, é que foi ese ano cando se proxectaba establecer as catro escolas que coñecemos ata o ano 1970 aproximadamente.
Acorda tamén a mesma reunión :
...ayudar a Sociedad de Instrucción Hijos de San Miguel y Reinante con los trabajos de acarreo de materiales y demás en la obra que hagan en la finca de los colegios...
En 1931 aparece outra referencia a un local de reunións:
“se traladan mesa y bancos de la casa de Baltasar Novo al local de José Dorado López” (Heredeiro).
Os baixos da casa do Heredeiro constituíronse en local social, como pouco ata 1944, xa que este ano e os anteriores encontramos anotacións dunha gratificación que se lle pagaba ao propietario pola sua utilización.
A mediados do ano 1947 A Sociedade volve a intentar a construción dunha sede propia; esta vez o terreo comprouse nos Campos, o propietario tamén era Concello e as xestións estaban avanzadas. No verán de 1948 o presidente anuncia en Xunta Xeral que xa ten un presuposto, pero que non facilita mais detalles porque está a espera doutros, asi mesmo fala tamén de algún problema que estaba tentando de solucionar o alcalde.
O problema non tivo boa solución, porque en novembro deste ano volve a informar que se rescinde o contrato de compra-venda co Concello, do terreo dos Campos para sede do local social, e, pasado mais dun ano a liorta nótase que chegou a enredarse tanto como para ter que solucionalo por medio de avogados e no xulgado.
Por testemuñas que recollemos parecer ser que o solar situábase na esquina que forman o Camiño Real dos Campos coa estrada de Pereira, e o problema xurdiu cando un veciño saíu ao retracto da operación. A compra fora feita por 500 pesetas, a Sociedade recuperou ese importe mais os impostos da operación, pero o avogado meses despois pasou unha factura polos seus servizos que ascendeu a 1.500 pesetas.
Foi despois deste segundo intento por construír unha sede social, cando, previa solicitude a Sociedade de Hijos de San Miguel y Reinante en la Habana, se acondicionou o pequeno local entre as escolas de nenos nos “Colexios Vellos”.
“Se acuerda ocupar el local que nos brinda la Sociedad de Hijos de San Miguel de Reinante en el colegio gratuitamente, para celebrar allí nuestras reuniones.” (Acta do 5 de decembro de 1948)
Este local fíxose a propósito para uso da Sociedade, cremos que restándolle superficie a escola que rexentaba o mestre Don José Ferrero Villanueva. Era un local pequeno tendo en conta que a Sociedade contaba neses momentos con 165 socios.
OS SINISTROS
Examinando de forma global as baixas do gando durante os anos vinte e trinta do século pasado, dedúcese que eran numerosas, entre 12 e 20 ao ano de gando maior e menor. As baixas non todas eran por morte do animal. As vacas na maioría das casas tiñan que valer para traballar, para xunguilas a un carro ou arado, sin prexuízo do bo trato que ordenaba o regulamento; si por enfermidade ou accidente isto non era posible o veterinario podía decretar o sinistro. Pero sempre se trataba de sacarlle o máximo proveito ao animal para que a achega que tiñan que facer os socios fose menor. Si non había reparos en aproveitalo para carne as alternativas eran varias: venda nunha feira, a un tratante ou mesmo o despeze e venda directa no pobo, e, si todo isto non era posible acostumaban a aproveitar a pel e venderlla a un curtidor en A Veiga; produto cuxo valor, no prazo de 10 anos multiplicóuse por 10. De mediados dos anos trinta que a vendían en 35/40 pesetas cada unha a mediados dos corenta que lle sacaban 360/400 pesetas dependendo do seu peso. Por medio os anos da guerra.
O tema da venda en feiras ou a tratante era un labor que tiña a picaresca propia deste tipo de operacións e mercadeos, como non podía ser doutro xeito. Si a vaca era sinistro na Sociedade podemos pensar que non era prato apetecible para ningún comprador, pero nos anos da posguerra e mediados de século pasado, eran cuestións que dependían de varios factores: do motivo da baixa, da información que manexes e basicamente do prezo!, a cabalo regalado... Un animal cunha perna rota non valía para traballar pero valía para carne, si o motivo da baixa era mais grave e menos evidente, pois habería que levar o tema con discreción, e así, nunha reunión da directiva do ano 1930 acórdase que cando o veterinario dea unha baixa, se autorice ao presidente e ao secretario para
que dispongan de la res de la forma mas útlil con el objeto de darle la menor publicidad para que no se enteren los tratantes de dicha baja.
Uns cantos anos mais tarde esta maña xa valía de pouco cando o “adversario” o tes dentro da casa. En 1941 era socio José Buide, tratante, e como tal, ofreceuse a comprar
todas las reses que sean siniestro dentro de los precios que no sean de perjuicio para la Sociedad. Se concede el privilegio a las pretenciones (sic.) de dicho socio en igualdad de condiciones.
Pero non era o único; por aqueles tempos tamén traballaba por San Miguel e a comarca da Mariña
el chalán Sr. Ventoso que trata en compras y ventas, especialmente de caballos y otras bestias, que tiene para ello maña y persuasión
en 1943 tamén aparece como comprador de dous animais dados por sinistro, el chalán Emilio Rodríguez Dorado.
Os sinistros tamén se aproveitaban para venda directa de carne aos veciños de San Miguel, como indican os exemplos que atopamos de despece de reses dadas de baixa polo veterinario da Sociedade sen reparo para consumo humano. Tres exemplos:
En 1927, nunha xuntanza da Directiva presidida por Pedro Penabad, estúdase que facer cunha res de Ramón Lende. O veterinario informa que a carne servía para o consumo e que
[…] se ofertase a los carniceiros si la pagaban un regular, sinó sacrificarla por cuenta de la Sociedad y venderla al detalle a los siguientes precios: pierna a peseta libra gallega, lomo, brazo y todo lo demás que se crea, á setenta y cinco céntimos, y caso de no poder vender a los precios indicados se faculte al que la detalle para poder vender al precio que se pueda procurando sacar el mejor partido, comisionando para esto a Perfecto Longarela.
Outro exemplo témolo en novembro de 1941 a consecuencia do parto dunha vaca de Josefa García. Neste caso, procedeuse a matar o animal e despachalo entre os socios con autorización e certificado do veterinario:
acordando gratificar al encargado de este trabajo con 30 pesetas, socio Carlos Posada, siendo el aprovechamiento total después de la gratificación de 649,50 pesetas.
E por último, en maio de 1942 reúnese a directiva presidida por Manuel Teijeira Pérez de forma extraordinaria para estudar un único punto no orde do día:
[…] en vista de la desgracia ocurrida a D. Lorenzo Penabad Fernández, vecino de San Miguel, apastando del ganado a orillas del mar y habiéndosele caido la res mayor nº 5 por un despeñadero próximo al sitio denominado Carreiro Novo de la mencionada parroquia, se proceda a su venta, estableciendo los precios siguientes: Carne sin hueso a 7 pts. Kilo, pierna con hueso a 6, brazo a 5, costillar, falda y lomo a 4. Nombrándose en comisión para ello a los señores D. Daniel Blanco Rodríguez, Domingo Rodríguez Dorado y el que suscribe, quedando autorizada esta comisión a variar los precios si así conviene a los intereses sociales.
A ACCIÓN EN COLETIVIDADE
Como vimos no artigo do Regulamento que enumeraba os fins do Sindicato Agrícola, Sociedad de Agricultores de San Miguel de Reinante, entre outros, estaba o de aproveitar as vantaxes da acción colectiva como podía ser a compra dunha máquina para mallar, a venda dos xatos ou a adquisición e subministro de sementes, fertilizantes e sulfatos. Tódolos anos se encargaban partidas de guano e se repartía para fertilizar as terras de labranza. Pedíanse e estudábanse ofertas de dous ou tres subministradores e sempre eran comúns dúas marcas: Medem e La Manjoya que acostumaban a comprar case sempre en Ribadeo, a Vda. de Casas e a Casa Gayol, inda que algún ano se estudou xestionar o transporte directamente dos portos de Coruña, Xixón ou Santarder e se tentou a compra directamente nestas cidades. Nunha das anotacións en febreiro de 1928 constan recibidos 1.000 sacos de guano descargados por Antonio Rodríguez Alonso, traballo polo que cobrou 25 pesetas a razón de dos y medio céntimos por saco.
Non vemos os mesmos exemplos de mancomunarse para a venda dos xatos que producían os socios, mais ben o contrario, creemos que foi un dos motivo de desacordo coa Federación Agraria de Ribadeo, da que A Sociedade entrou a formar parte en 1929. Pero isto verémolo mais adiante.
ANOS DA GUERRA CIVIL E POSTGUERRA
Non encontramos ningunha alusión directa nin indirecta referente ao levantamento militar nin a guerra civil na lectura das actas da Sociedade gandeira de San Miguel, pero non por eso pasa inadvertida ao lector por mor de moitos detalles e cambios que se observan no decorrer deses anos e seguintes. En setembro de 1936 ao parágrafo habitual con que principiaba o secretario a escritura da acta da reunión, engadíaslle unha nova frase, que non aparecia hasta o momento.
...reunidos, con lectura de auténtico permiso de la Autoridad Municipal...
Fanse evidentes tamén as restricións de produtos que antes eran ofertados por varias casas subministradoras, e tampouco os prezos eran semellantes. Si o quilo de guano en 1935 custaba a 0,15 céntimos/quilo, en 1939 os provedores non contaban con existencias nin seguridade de conseguilo e non daban prezo anticipado, e en 1941 custaba a 0,36 céntimos/quilo. Igual acontece co sulfato e o caldo bordelés, si en 1935 Casa Gayol ofrecía mellorar calquera prezo, en 1939 sirve só parte do pedido, e a partir de 1941 precisábase xestionar o abastecemento na Sección Agronómica da Delegación do Ministerio de Agricultura en Lugo, e repartir ós socios en razón dos ferrados de patacas labrados, chegándose ao caso que se nomea unha comisión de tres socios para visitar a Josefa Devén e comprobar si efectivamente ten labrados seis ferrados de patacas, cantidade para a que solicitaba o sulfato.
Con todo, o maior problema de abastecemento é o da gasolina para o motor de mallar, pero diso falaremos logo ao falar desta faena executada durante moitos años de forma comunitaria e autoxestionada con motor máquina e aparellos propios da Sociedade.
E xa para concluír este apartado, transcribimos un punto da acta do día 15 de agosto de 1939, xa rematada a Guerra Civil, que quizais nos fala tamén de escaseza, de necesidade, de fame como moitas veces temos escoitado aos nosos maiores, e visto en infinidade de imaxes. A redacción tamén nos fai recordar aos grupos de civís paramilitares que se formaron por algunhas zonas do pais neses anos, inda que neste caso non fala de ningunha arma. Dí así:
Habíendo obtenido este Sindicato la aprobación de las Fuerzas Armadas de Guardía Civil y Carabineros de esta zona se nombró una comisión permanente compuesta por miembros de esta Junta, (Directiva) cuya comisión tendrá como misión especial dirigir las patrullas que se formarán por vecinos de esta parroquia con el objeto y fin de practicar vigilancia en defensa de las cosechas e intereses de todos los vecinos de San Miguel.
Non volve a haber referencias a esta vixilancia.
Xa coa guerra rematada, a lei de 2 de setembro de 1941 derogaba as de 1887 de asociacións e a de 1906 baixo a cal se crearan os sindicatos agrarios e outras asociacións de cooperativismo agrario, polo tanto quedaban fora da legalidade; a maioría foron disoltas, saqueadas, requisadas e confiscadas as súas sedes, depurados ou perseguidos os seus directivos. Só algúns sindicatos agrarios de signo católico e algunhas mutuas agrarias seguiron funcionando despois de 1936 coa tolerancia do réxime franquista, como sucedeu en San Miguel, basicamente porqué o seu funcionamento considerouse polas autoridades gobernativas neutro politicamente falando e, inda así, controladas logo do ano 1944 polas Hermandades Sindicales Agrarias e Cámaras Agrarias creadas polo novo réxime. Con todo e con eso, imaxinamos que unha organización que funcionaba elixindo os seus cargos en xuntas xerais, onde tódolos socios que o desexasen tiñan dereito a asistir, a presentar propostas, a debater e a votar, estarían celosamente vixiadas de cerca polo ollo da “autoridade competente”, o mesmo que o resto da poboación, tan de cerca como que en San Miguel había un cuartel da Garda Civil e os seus membros convivían co resto dos veciños.
lunes, 16 de diciembre de 2019
Os Colexios Novos de San Miguel
Agora, a piques de rematar o ano, pode ser un dos mellores momentos para falar da creación dun centro escolar como son os colexios novos de San Miguel que o pasado curso celebraron o seu 50 aniversario.
Xa falamos das escolas da Obra Pia de Felipe de Soto, ou dos colexios Vellos promovidos polos Fillos de San Miguel y Reinante en Cuba e hoxe falaremos da construción do CEIP San Miguel , vista esta tamén como una construción froito do traballo e da unión do pobo.
Para poder situarnos, farei un pequeno resumo do momento histórico que estábamos a vivir a nivel estatal no referente ao terreo educativo.
Corren os anos cincuenta, aínda que estamos en plena ditadura comezan a existir certos movementos de apertura. Comeza a verse a educación como unha inversión, (ata ese momento considerábana coma un gasto que atentaba contra o sistema) .
Promulgaranse nestes anos tres leis educativas: a lei de ordenación do Ensino Medio (1953), moi parella á Lei de Construcións escolares dese mesmo ano , e a Lei de ensinanzas técnicas do 1957.
A primeira destas leis supuxo un primeiro paso de cara á universalización da educación ata os 14 anos .
A lei de construcións, promovía un convenio entre Estado, concellos e deputacións de cara a construción de escolas. Esta lei foi reformada posteriormente no ano 1964, xa que a medida era insuficiente. O número de escolas construídas era escaso ante un gran crecemento demográfico, e a que un novo plan pedagóxico ía enfocado a concentrar os centros escolares, o que provocaba que o tamaño das escolas unitarias do momento era moi reducido para albergar tanto alumnado, facíase preciso construír novos centros escolares.
Así pois esta lei no seu artigo primeiro di: “Las Escuelas públicas nacionales habrán de
ser instaladas en edificios que se ajusten a las necesidades escolares, bien
construídos de nueva planta o en los ya construidos en que se realicen las
convenientes obras de adaptación. Tanto éstas como las nuevas construcciones
serán realizadas, en lo posible, mediante la colaboración de las Corporaciones
locales y el Estado.”
Corre o ano 1964, chega ao San Miguel o rumor de que a
Xunta provincial de Construcións Escolares vai dar unha importante subvención
para a construción dun edificio escolar aquí en Barreiros, dando resposta así
ao novo plan pedagóxico prantexado no 1957. Esto requería a construción dun edificio de maior
tamaño que os edificios existentes ata o
momento, xa que albergaría alumnos de todo o concello
Os concello como tal debía aportar terreo cunhas
determinadas dimensións para poder optar a esta subvención e facerse cargo dos
custes a maiores que puidera haber sobre a subvención aportada pola Xunta
Provincial de Construcións Escolares.
O concello neste momento non tiña na súa propiedade ningún terreo coas
medidas precisas nin forma de facer fronte á compra dun terreo coas
características requiridas.
Será Guillermo Vázquez Forjan (máis coñecido coma o “capataz”) o que colla a batuta e en colaboración con Francisco Pérez Deben, Pedro Penabad Lanza, Virgilio Díaz Gómez e Antonio Blanco Maseda os que axilizarán os trámites para adquirir un terreo destinado á construción deste novo edificio(algúns destes eran directivos da Sociedade Ganadera que funcionaba naqueles anos tan ben e que aportaba tanto traballo comunal á vida de San Miguel.
O concello mentres faría os trámites precisos para conseguir a subvención precisa para tal construción.
Barallaranse dúas posibilidades á hora de comprar terreo : un terreo en Casaldeite propiedade de Antoña de Marcelino( aínda que semella que non ten os metros precisos) e outra finca situada na Áspera propiedade de Antonio Maseda Rodríguez, Antoño de Narciso .
Finalmente será esta última finca a que convenza a esta comisión polas suas dimensións e porque o prezo que pedía o propietario era moi asequible, unhas 100000 mil pesetas do momento, un prezo xusto para un fin tan importante.
Así o 21 de outubro de 1964 reúnense Francisco Pérez Deben, Pedro Penabad, Virgilio Díaz e Antonio Blanco e firman ante Antonio Maseda Rodríguez un préstamo de 10000 pesetas pola compra deste terreo. É dicir, non so lles vende o terreo se non que tamén lles ofrece a financiación de 10000 pesetas para comezar coa construción.
Reuniranse o doce de xullo de 1965 na casa do concello con Casiano Moreno Sierra (alcalde do momento).
Maniféstanlle a este, que teñen coñecemento de que a Xunta Provincial de construcións escolares ten previsto construír un edificio destinado a escolas concentradas na parroquia de San Miguel . Construción provista de seis aulas, seis vivendas de Mestre , zona de direción e comedor. Estaría subvencionado este edificio con 1800000ptsas debendo completar o concello coa cantidade precisa ata o remate.
Cónstalles a imposibilidade do concello de aportar ningunha cantidade para o fin e ante o risco de que se perda tal subvención e non se faga obra de tal calibre comprométense en nome propio e no dos seus conveciños a facer as obras de referencia na cantidade dun millón oitocentas mil pesetas con arregro ao proxecto técnico que servía de base para as mesmas correndo a cargo de dita cantidade os descontos legais propios desta clase de obras e para elo van facer uso da prestación persoal e de transporte, aceptando materiais e calquera tipo de donativos que poidan recollerse de particulares ou de entidades tanto públicas como privadas incluída a subvención de 30000 ptas que ten solicitada o concello por construción de vivenda da Delegación Provincial do Ministerio de Vivenda, e calquera outra que puidera conseguirse con destino a esta obra.
Tres días despois reúnense Francisco Pérez Deben,Narciso Blanco Maseda, Virgilio Díaz Gómez, Antonio Blanco Maseda e Guillermo Vázquez Forjan con Ernesto García Fernández contratista e veciño de Vegadeo para firmaren un contrato privado no que Ernesto García comprometíase á construción do edificio escolar así coma pozo de auga potable en acordo aos proxectos oficiais aprobados para o efecto na cantidade de 1.800.000 máis 180.000 destinadas á construcción de seis vivendas que vai subvencionar o Ministerio de Vivenda ascendendo o presuposto total a 1980000 pesetas.
A cantidade irán abonándoa segundo as certificacións que lle vaian expedindo os servizos técnicos.
Pola súa parte a comisión administrativa comprometíase a aportar materiais e persoal aparte de:
1-
Abrir
o pozo de auga
2-
Abrir
zanxas para os cimentos e fosa séptica
3-
Colocar
a pe de obrar a pedra precisa para cimentar e hormigonar
4-
Facilitarlle
obreiros con prestación persoal que precise para os traballos de hormigonado
5-
Os
suministros que se especifican serán feitos a tempo para que non se interrompa
a marcha normal
6-
Por
cada día de traballo que o contratista perdera por falta de mateiral ou persoal
indemnizaráselle con 3000 ptas
7-
a
obra tiña que estar rematada nun prazo
máximo de dous anos e medio.
Feito este contrato póñense mans á obra, cómo conseguirán facer fronte a todos os gastos e a afrontar tal cantidade de traballo?Apelando á unidade!.
Tras unha reunión cos conveciños, acordan que cada casa do pobo debía aportar unha cantidade mínima de 275 pesetas para abonar o terreo comprado a Don Antonio Maseda Rodríguez así coma reunir a cantidade precisa para que o centro esté rematado.
Para conseguir esta aportación económica dividirán o pobo en 8 zonas e a cada zona irán casa a casa recollendo a aportación económica estipulada
·
Barrio
da Barranca ( Barranca, Ferrería, Martices
·
Barrio
dos Campos (Campos e Pasadas)
·
Barrio
de Casaldeite ( casaldeite, Outeiro e Curro)
·
Barrio
de Nogueiredo (Valgas, Granda, Entrerríos e Nogueiredo)
·
Barrio
de Pumarín
·
Barrio
de Salxende
·
Barrio
do Souto (áspera e Obra Pía)
·
Barrio
de Pumarrubín
Tras unha primeira aportación recadáronse 61665 pesetas, cantidade que se facía insuficiente para afrontar o custo do terreo , acordaron facer unha nova aportación de 100 pesetas por casa recaudando nesta segunda recadación 14300.
Nesta prestación económica, cobraron vital importancia as aportacións dos emigrados a Suiza, Francia, Brasil… que novamente xiraron grandes cantidades de diñeiro para facer realidade esta construción tan primordial. Curiosamente, algúns destes emigrados xa aportaran cartos para a construción do edificio promovido pola Asociación Cívico Recreativa Hijos de San Miguel y Reinante.
Un ano despois, o 14 de outubro do 1965 Antonio Maseda Rodríguez asina un documento no que corrobora o pago da débeda contraída con el pola compra do terreo 100.000 ptas.
Como nota meramente anecdótica sinalar que a aqueles que aportaron unha maior cota económica do que lles correspondía foron agasallados cunha participación de lotaría naquel ano 65.
Como ben lestes, no contrato firmado co contratista, facían referencia á prestación persoal dos veciños para a construción do pozo de auga, da cimentación, da zanxa para a fosa séptica…
Coordinou esta actividade o alcalde pedáneo do pobo Francisco Pérez Debén (membro da comisión).
Cada zona estipulada, tiña un alcalde de barrio que dirixiría as tarefas. Cada zona ou barrio tiña un día á semana estipulado para o traballo no edificio. Aqueles que non acudían o día que lles correspondía tiñan unha sanción de xeito que así todo o pobo aportaría o traballo tan preciso para tal fin.
Así foi que no curso 1968-1969 se inaugurou o edificio escolar do que este curso pasado se celebraron os seus actos conmemorativos. Aquí a pequena aportación Espigueira a tan importante logro do pobo, lugar polo que tantos pasamos e do que tan orgullosos nos sentimos. Esperamos as aportacións que puideran achegarnos aqueles primeiros alumnos.
Grazas a María Isabel Vázquez, Antonio Díaz e a Dolores Blanco pola súa axuda. Con isto damos respota a unha petición de hai meses, para que os nosos colaboradores, socios e ante todo amigos vexan que non esquecemos nada do que nos dicides.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
































