Praza do Souto

Praza do Souto

miércoles, 9 de noviembre de 2016

A guerra do Rif

Foto cedida por Nelly de Moreda.


DESPIDIÉNDOSE

"Han tenido la atención de visitarnos despidiéndose de nosotros los soldados de esta provincia Ramón Penabad y Modesto Flores, de San Miguel de Reinante; Juan, José y Antonio Rodríguez y Belarmino Iglesias, de Santiago de Reinante; el cabo Antonio Otero y el Soldado Francisco Edrosa, de San Pedro de Benquerencia; Antonio Vega Villaamil, de San Justo de Cabarcos; Tomás Barreira, de San Cosme; y Leandro Villarino Canto de Cillero de Mariñaos.
Que la suerte les acompañe a todos."

            Isto saía publicado en El Norte de Galicia o día 16 de agosto de 1921, pronto sentimos a curiosidade de saber qué destino levarían tan atentos mariñáns, se quedarían na península ou irían destinados a África (que así era como se clasificaba, en primeiro termo, o destino para facer a "mili" no exército de terra, en tempos non moi remotos).

            Non nos fixo falta camiñar moito, apartando a vista do recadro da nosa noticia, simplemente dando unha ollada á páxina enteira, comprobamos que ese día o tema militar acapara a portada do periódico e  polo relato que fai, a cidade enteira vive una xornada de patriotismo, adhesión e empatía co Exercito.
             "Momentos de verdadera emoción en Lugo.
La despedida tributada a la fuerzas fué una imponente manifestación de patriotismo"

            Tres días antes a autoridade militar de Lugo, remitiu escrito ao alcalde comunicándolle a partida, e este escribiu un bando que fixo colocar nun  dos lugares mais céntricos da cidade, pedindo que " el acto de despedida sea una grandiosa manifestación de amor a España y de cariño a los valientes soldados."

            Foron despedidos no cuartel de San Fernando por varias comisións cidadás que os agasallaron  coa recadación de varias colectas (entregadas ao xefe do rexemento) e outra composta por distinguidas damas lucenses, las cuales les repartieron tabaco, medallas y escapularios. 
Despois de vibrantes discursos patrióticos saíron en formación polo centro da cidade dirixíndose á estación do tren..." y un público numeroso victoreaba sin cesar a las tropas."

            Na estación foron despedidos tamén por numeroso e emocionado público de todas as clases sociais, emoción que se desbordou á hora de arrancar o tren aos acordes de la Marcha Real executada pola Banda del Regimiento.

            Era o domingo 14 de agosto de 1921, o Rexemento de Infantería Zamora nº 8 partía para África por ferrocarril as 17:34 horas, e con el os nosos veciños e outros moitos lucenses... MARCHABAN PARA A GUERRA DE AFRICA!!!.

            Un mes antes o exército español en África sufriu, ao mellor a derrota máis amarga da súa historia con mais de 12.000 mortos segundo os historiadores, ... Pero iso é outra historia; outra historia, que coa perspectiva dos anos trocaría o patriotismo, o triunfalismo e a emoción en indignación, vergoña e dor.

            Hoxe a información está ao alcance de todos. “Guerra de África 1921”,  “Guerra del Rif”, “Desastre de annual”, Abd El-Krim, “Batalla de Alhucemas”.


 Traballo de Campo de Faustino González Recalde

jueves, 3 de noviembre de 2016

o panteón de Santar

Ao longo dos anos presidiu o centro do cemiterio de San Miguel, solitario e sempre cun pequeno aro de misterio.
Hoxe na lápida vemos gravado  un nome, Venancio Santar Abraido, pero… ¿quen foi este home?¿ Un bispo? ¿Un sacerdote?¿ Que ilustre personaxe repousa neste lugar?
Venancio Santar Abraido naceu no 1844 en San Salvador de Piñera (Oviedo).
Foi fillo  de Fernando Santar cirurxán e natural de San Miguel de Reinante e Josefa G. Abraído de Taramundi.
A penas se sabemos da súa vida, salvo que emigrou con menos de vinte anos  á Habana xunto cun irmán, Xesús, e que anos despois fixo fortuna en México.
Faleceu con 54 anos en Puente Viesgo (Cantabria) intuímos que aqueixado dunha enfermidade e alí foi enterrado nun primeiro momento.
Antes de falecer nomeou varios albaceas que velarían polo cumprimento do seu testamento, entre as súas disposicións ordeaba que se doarían cuarenta mil reais para a construcción dun novo cemiterio na parroquia de San Miguel de Reinante. 
Dous anos despois do seu falecemento,  o cemiterio estaba construído facéndose o 26 de outubro do 1900 o primeiro enterramento. 
Catro anos despois comezouse a construír o panteón que todos coñecemos, e os seus restos foron trasladados dende Cantabria a San Miguel.
Na cláusula do seu testamento  ordenaba ademais aos seus albaceas que despois de cumprir e pagar todo o ordenado, do sobrante instituía por herdeiras universais a cen mozas honradas entre quince e trinta anos, sesenta da parroquia de San Miguel e corenta da Parroquia de San Pedro de Benquerencia.
Parece que houbo certos problemas co pagamento desta disposición por parte dos albaceas e o caso foi tratado incluso no congreso dos deputados. O caso é que a  lista destas cen rapazas foi  feita non sen algunha que outra reclamación de rapazas que se crían prexudicadas por non figuraren na lista.

Hoxe deixamos este pequeno recordo en agradecemento ao seu bo facer polo pobo.

Traballo de campo de Faustino González Recalde. 

Panteón de Santar, por Andrés Bourio 

martes, 27 de septiembre de 2016

Os Pazos



De todos é coñecido o pasado nobiliario do pobo grazas á conservación de pazos tan significativos e importantes para nós como é o Pazo de Triana, o Pazo e Outeiro e ante todo e sobre todo o Pazo de Pumarín,
 O Pazo de Pumarín, Casta Torre de Moreda aparece como a casa solariega máis antiga do concello de Barreiros posuindo unha apasionante historia, dende  Alvaro Pardo de Taboada e Violante Andrade de Aguiar (1550) a Domingo Pérez de Moreda (1802) pasando polos numerosos preitos que houbo pola súa posesión ao longo dos séculos.
   Sabemos que nun orixe a parte de ter un lugar de frutais cerrado, tamén posuía capela daí que posiblemente veña o nome de Casa Torre, co paso dos anos e dos litixios esta acabou desaparecendo.


Escudos da Casa Torre de Moreda  ou  Pazo de Pumarín.


Escudo  esquerdo cuartelado en cruz
Cuartel primeiro: 3 barras verticais nun escusón, rodeado de 8 caldeiros. Os dous superiores, máis grandes, rodean ¿unha cruz, unha T...? que remata o escusón. Fai referencia a armas dos Taboada, cuxo escudo na Casa da Torre de Arcos en Chantada ten catro barras verticais, rodeada de 6 caldeiros e na Casa Torre de Mera, en San Lorenzo de Vilamaior de Negral en Guntín, no escudo jaquelado e partido dos Ulloa e Taboada, ten oito caldeiros. Neste caso, os dous caldeiros darriba que rodean unha cruz quizais fan referencia o emparentamento desta casa co apelido dos Neira ou dos Rivadeneira.
Cuartel segundo, ou alto dereito, un águia coas ás estendidas, das armas de Aguiar
Cuartel terceiro, ou baixo esquerdo: barra engolada de dous dragantes das armas dos Andrade
Cuartel cuarto, duas serpes anudadas pola cola, facendo unha “S”.....????
escudo esquerdo

CASA MOREDA escudo dereito según se mira de frente a fachada

Escudo dividido en catro por unha cruz ortodoxa
Primeiro cuartel: ...???? (parecen M-M-M-M-M da Casa dos  Moreda
Segundo cuartel: ...???????
Terceiro cuartel: ajedrezado das armas dos Ulloa
Cuarto cuartel: un águia camiñando cun rollo de papel no pico???



Presenta difícil lectura polo mal estado de conservación. No terceiro cuartel adivíñanse 13 escaques (tablillas do taboleiro de xadrez )franqueadas por bichos que entrelazan os rabos, blasón que semella dos Bahamonde.




O PAZO DE TRIANA
O Pazo de Triana ou Casa do Curioso é do século XVII amosa o seu escudo as armas dos Moreda Rivadeneyra e Aguiares con data do 1669. Aínda que por investigacións recentes semella que  casa en sí procede do ano 1500.
Na parte cental do escudo aparece unha cruz con catro veneras nos extremos e que determina os seus catro cuarteles tano a cruz como as veneras son propios dos de Ribadeneira.
 No seu escudo podemos ver unha torre de dous pisos, unha árbore desraizada, unha aguia e tres veneras, no bordo aparece a inscripción Armas de los Ribadeneiras,
Moredas Aguiares ano 1669
Aparece un yelmo con lambrequines con plumaxe





PAZO DE OUTEIRO

O pazo de Outeiro cun escudo moi ben conservado Avante con la cruz avante.

O primeiro cuartel banda engolada dos Andrade no que aparece a figura dun guerreiro que suxeita unha lanza
Segundo cuartel, aguia dos Aguiares cona ás despregadas coroada con tres coroas.
Terceiro cuartel, outra aguia similar pero que mira ao lado contrario e cunha soa coroa
Cuarto cuartel fachada dunha igrexa almohadillada e unha esvelta torre sen ameas.

Foi casa consistorial No ano 1840 cando San Miguel chegou a ser a capital do concello de Reinante, este privilexio duroulle tan só tres anos despois pasamos a formar parte do Concello de Cavarcos.
Este concello de Reinante comprendía: Barreiros, Benquerencia, Celeiro, San Miguel de Reinante e Santiago de Reinante.
Este pazo do Outeiro foi tamén cuartel da garda Civil cando aquí estivo instalada.

Imaxes de Francisco Javier teijeira López 
Información de Francisco José Campos Dorado e Emilio Piñeiroa Lozano

II ROTEIRO OS ESPIGUEIROS

                Os pasados días 14 e 15 de Agosto voltamos pasear polo noso pobo. Este é o vídeo promocional. Engado ademáis fotos realizadas polo cronista oficial dos nosos roteiros, Andrés Bourio, grazas.

sábado, 4 de junio de 2016

As pegadas de Roma no pobo


PEGADAS DE ROMA

 Os romanos ansiaban o control da nosa terra pola súa situación ademáis polo anceio de facerse donos do ouro galaico.    

“están escasos de viño e o que conseguen gástano rapidamente en festíns coas familias. No lugar de aceite empregan manteiga”. Estrabón.


                          San Miguel na época romana.
os castros non foron abandoados coa chegada dos romanos se non que semella que estes individuos forona adaptándose á nova situación. 
 As vilas costeiras foron medrando ao longo do litoral entre elas o castro de San Miguel. 
  Son numerosos os restos que confirman o paso de Roma polo pobo como é o caso dos restos dun cuncheiro na zona da Cabana así coma resto de cerámicas de orixe romano como as dolias  (semellantes ás barricas de viño) destinadas ao transporte marítimo. 
 Estes restos fan pensar que na época romana o noso pobo tiña unha actividade comercial bastante activa.

Datos aportados por Patrimonio Lugo e Mariña Patrimonio

Fotografía Francisco Javier Teijeira  e Óscar Chao.

Cuncheiro zona da Cabana




                                             
Restos de cerámica romana






A cultura castrexa no pobo.

RESTOS CASTREXOS NA PUNTA DO CASTRO
    A cultura castrexa deixou pegadas ao longo de todo o litoral galego incluso no noso aparece o xacemento de Punta do Castro.


   A vida no castro era una vida sinxela adicada á agricultura e á gandeiría dependendo a súa vida do cultivo de cereais coma o trigo ou a cebada e leguminosas como as fabas ou os chícharos.
    Nos castros costeiros como o noso tamén aproveitaban os recursos mariños.



O Xacemento Arqueolóxico de Punta do Castro
Na actualidade conservamos un parapeto de cinco metros de altura pero crese que tivo outro maior a uns 50 metros terra dentro que se destruíu por  mor dunha explotación de feldespato e as obras da estrada.
Posuía dous fosos  que aínda hoxe en día podemos observar con facilidade e nos cales se atoparon restos diversos de cerámica e ósos de cervo e balea. Aínda que non está confirmado, posiblemente chegou a ter tres fosos.


O que máis se atopou neste castro, foron restos de cerámica que foron depositados no Museo da Prehistoria de Vilalva.

PUNTA CORBEIRA
Tras un estudio de campo realizado polos técnicos de patrimonio en abril do 2013 semella que posiblemente se conservan vestixios castrexos nesta punta atendendo á morfoloxía do terreo e os cortes que aparecen, a ausencia de restos materiais visibles leva a valoralo como referencia de momento e non como xacemento.
Joaquín Ferrer Cruz e o seu axudante  Javier Chao Álvarez afirman que vendo o patrón dos asentamentos castrexos na liña costeira e a súa intensa ocupación e densidade que presentan tanto en Barreiros como Foz e Ribadeo con moita posibilidade esta punta fora habitada.
Imaxe facilitada polo Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura -terriotrial da Consellería de Cultura en Lugo.


 
parapeto no Castro


restos de muros


vista dende Comado

A TURBEIRA DE AREALONGA

UN BOSQUE MILENARIO BAIXO A AUGA

Toda a vida se ten escoitado no pobo a lenda de Vilacha, o pequeno pobo precedente do noso que deixou de existir tras un asolagamento. 
Este rumor era alimentado ano tras ano tras  temporais no mar que destapaban restos de árbores, atribuindo esta aparición ao antigo pobo de Vilacha.
Os temporais   dos ultimos invernos destaparon tesouros moi importantes para o pobo dende pezas da época romana ata cousas tan significativas como a turbeira na Arealonga, vestixio do que foi un  bosque no seu día.


Non existen estudios específicos dos restos atopados nesta praia,  unhas mostras de sedimento e fragmentos de madeiras que se tomaran hai quince anos, revelaron unha datación de 8000anos BP (Before Present). Os analises feitos a esta turbeira desvelaron que teñen restos de carballos  e piñeiros, así como partes inferiores de uces.

O trinta de xaneiro do ano 2016 a Voz de Galicia recolle unha noticia na que anuncia que a Doutora Aurora Grandal secretaria do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña  desprazouse ata San Miguel para en colaboración co CEMMA e Mariña Patrimonio recoller para analizar osos de animais insertados na turbeira de Arealonga. 
Unha moi boa nova para a nosa turbeira.

Información aportada por Oscar Chao Penabad.

Imaxes Francisco Javier Teijeira e Faustino González Recalde